Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Martes, 29 de maio de 2012 Páx. 20503

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 10 de maio de 2012 pola que se convocan para o ano 2012, en réxime de concorrencia competitiva, axudas á paralización definitiva das actividades pesqueiras dos buques pesqueiros incluídos en censos de caladoiros internacionais e de terceiros países, cofinanciadas co Fondo Europeo da Pesca (FEP).

Mediante a Orde do 30 de xuño de 2010 (DOG n.º 130, do 9 de xullo), modificada pola Orde do 12 de decembro de 2011 (DOG n.º 245, do 26 de decembro) establecéronse as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas á paralización definitiva dos buques pesqueiros, cofinanciadas co Fondo Europeo de Pesca, en virtude do Regulamento (CE) n.º 1198/2006 do Consello, do 27 de xullo, relativo ao Fondo Europeo da Pesca (FEP). As convocatorias de paralización definitiva do ano 2012 foron realizadas a través da Orde do 12 de decembro de 2011 (DOG n.º 245, do 26 de decembro) e Orde do 13 de decembro de 2011 (DOG n.º 247, do 28 de decembro), segundo o buque fose ou non pertencente á frota de baixura.

Por outra banda, o Real decreto 1362/2011, do 7 de outubro , polo que se establece un Plan Nacional de Desmantelamento (BOE n.º 243, do 8 de outubro), establece que o devandito real decreto ten a consideración de plan nacional de axuste do esforzo pesqueiro, para os efectos do artigo 21 do Regulamento (CE) n.º 1198/2006, do Consello, de 27 de xullo de 2006, relativo ao Fondo Europeo de Pesca; e do plan nacional de desmantelamento do artigo 23.2 do mesmo texto legal. Por tanto, o devandito real decreto faculta a existencia de axudas á paralización definitiva dos buques incluídos no novo plan de axuste do esforzo pesqueiro, isto é, no plan nacional de desmantelamento de buques españois incluídos en censos de caladoiros internacionais e de terceiros países. Así mesmo, o artigo 4 do Real decreto 1362/2011 dispón que as paralizacións definitivas poden ser obxecto de axuda con cargo a fondos públicos da UE e nacionais, tal como establece o Regulamento n.º 1198/06 para este fin. O Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente transferirá nos anos 2011, 2012, 2013 ás comunidades autónomas implicadas as cantidades necesarias para financiar o plan. O artigo 5 do devandito real decreto establece que as paralizacións se levarán a cabo no período 1.1.2012 a 30.10.2013 mediante programación de paradas definitivas de carácter anual e a correspondente convocatoria de axudas en réxime de concorrencia competitiva, por parte da comunidade autónoma competente.

A orde reguladora das axudas (Orde do 30 de xuño de 2010) establece no artigo 3 que o crédito anual existente se fixará en cada orde de convocatoria e, no seu artigo 11, que os criterios de selección poderán ser modificados en cada convocatoria. Por todo o anterior, procede realizar unha convocatoria específica de axudas á paralización definitiva destinada exclusivamente a aqueles buques incluídos nos censos antes mencionados, como así o establece o real decreto, fixando o crédito orzamentario, así como os criterios de selección aplicables.

Artigo 1. Obxecto.

Convócanse para o exercicio 2012 axudas á paralización definitiva das actividades pesqueiras dos buques pesqueiros con porto base en Galicia incluídos en censos de caladoiros internacionais e de terceiros países que se rexerán polas bases e condicións e de acordo co procedemento establecido na Orde do 30 de xuño de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras destas axudas (DOG n.º 130, do 9 de xullo), modificada pola Orde do 12 de decembro de 2011 (DOG n.º 245, do 26 de decembro).

Artigo 2. Crédito orzamentario.

1. Para o ano 2012 as axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 14.02.723A.770.1 da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para ese ano, cun importe de 1.616.697,53 €. A concesión da subvención queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente.

2. O importe fixado no punto anterior deste artigo poderase ampliar con fondos xerados ou incorporados procedentes das transferencias do Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente para esta finalidade, sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

3. A certificación destas axudas, así como o reembolso da parte correspondente ao cofinanciamento do FEP, corresponde ao Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente, xa que se financian con cargo ao seu plan financeiro.

4. As axudas estarán limitadas, en todo caso, ás dispoñibilidades orzamentarias.

5. As axudas mencionadas contan con financiamento do FEP nun 61% e do Estado membro nun 39%.

Artigo 3. Prazo de presentación de solicitudes.

1. Para esta convocatoria de 2012 o prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

2. A solicitude e a documentación indicada no artigo 8 punto 3 da orde reguladora destas axudas (Orde do 30 de xuño de 2010) modificada pola Orde do 12 de decembro de 2011, presentarase no Rexistro Único e de Información do complexo administrativo de San Caetano en Santiago de Compostela ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Así mesmo, tamén se poderá presentar na sede electrónica https://sede.xunta.es.

Artigo 4. Criterios de selección.

1. Para a convocatoria de 2012 os criterios de selección serán os seguintes:

a) Buques que pertenzan a censos de caladoiros internacionais: 10 puntos.

b) Buques que pertenzan a censos de caladoiros en países terceiros: 8 puntos.

c) Idade do buque: desde os 20 ata os 30 anos ou máis: 1 punto por ano. Ademais, aos maiores de 30 anos ata 50 anos engadiránselle 0,25 puntos por ano.

2. En caso de empate entre buques maiores de 20 anos, terá prioridade o máis antigo e, de manterse o empate, terá prioridade o buque de máis arqueo; de persistir o empate, terá prioridade o que teña máis quilovatios. Se o empate é entre buques de 20 anos ou menos, terá prioridade o de máis arqueo e, de manterse o empate, o de máis quilovatios.

Disposición adicional.

Non se poderán presentar a esta convocatoria os buques que se poidan acoller a plans de recuperación, plans de xestión, medidas de urxencia ou como consecuencia da non renovación dun acordo de pesca ou outras medidas adoptadas polos estados membros, todas elas recollidas nos artigos 5 a 10 do Regulamento (CE) n.º 2371/2002, do Consello, do 20 de decembro, sobre a conservación e a explotación sustentable dos recursos pesqueiros en virtude da política pesqueira común.

Disposición transitoria.

Nesta convocatoria non será exixible a presentación da documentación indicada no artigo 8, punto 3, letra e) da orde reguladora, isto é a certificación bancaria, substituíndose esta pola declaración responsable do solicitante incluída no anexo I, de que é titular do número de conta para os efectos do pagamento da axuda, consonte o establecido na Orde do 12 de xaneiro de 2012 que regula a habilitación de procedementos e servizos.

Disposición derradeira.

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2012.

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file