Antecedentes.
1. O Diario Oficial de Galicia número 13, do 19 de xaneiro de 2012, publica a Orde do 9 de xaneiro de 2012 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan axudas en réxime de concorrencia competitiva para as entidades privadas sen ánimo de lucro para a realización de programas de incorporación social en vivendas para pacientes estabilizados nas unidades asistenciais con especialización en drogodependencias da Comunidade Autónoma galega.
2. O 15 de febreiro de 2012, a asociación Érguete, con CIF: G-36642726 solicita axuda para a realización de programas de incorporación social en vivendas para pacientes estabilizados nas unidades asistenciais con especialización en drogodependencias da Comunidade Autónoma galega.
Consideracións legais.
1. O 23 e o 25 de abril de 2012 reúnese a comisión de valoración que establece o artigo 7 da dita orde, que fai a avaliación e emite o correspondente informe coa valoración acadada polos proxectos presentados.
2. A conselleira de Sanidade e presidenta do Servizo Galego de Saúde é a competente para resolver o procedemento, segundo os decretos 310/2009 e 311/2009, do 28 de maio, polos que se establecen as estruturas orgánicas da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde respectivamente. Esta competencia está recollida no artigo 8.2 da orde anteriormente referida.
De acordo co indicado,
RESOLVO:
Conceder á asociación Érguete, con CIF: G-36642726 unha axuda para o desenvolvemento dos programas Vivendas de apoio ao tratamento I, II e III por importe de 127.500,00 € con cargo á aplicación orzamentaria 5001.413A.481.21, co código de proxecto 201200034, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012.
Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderá recorrerse potestativamente en reposición ante a conselleira e presidenta do Servizo Galego de Saúde no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da notificación, de acordo co previsto no artigo 116 da Lei 30/1992, ou ser impugnada directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte á data de notificación, de conformidade co previsto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que o interesado poida executar calquera outro que xulgue oportuno.
Santiago de Compostela, 26 de abril de 2012.
Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade