Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Martes, 22 de maio de 2012 Páx. 19174

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 21 de maio de 2012 pola que se ordena a publicación do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 18 de maio de 2012 polo que se aproba a modificación parcial do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de abril de 2012 polo que se aproba a modificación da relación do postos de traballo da Consellería de Traballo e Benestar.

Mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de abril de 2012 aprobouse a modificación da relación de postos de traballo da Consellería de Traballo e Benestar (DOG núm. 72, do 16 de abril), e establecéronse os efectos da súa entrada en vigor a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, agás as amortizacións, creacións e modificacións dos postos de traballo afectados pola desaparición dos centros de menores Virxe do Carme e de Soutomaior, así como pola fusión do novo centro Complexo de Menores de Ferrol, que quedaban demoradas ata o día 18 de xuño de 2012.

Tendo en conta as novas circunstancias estimadas pola consellería, e considerando que a RPT é o instrumento técnico a través do cal se procede á ordenación do persoal de acordo coas necesidades do servizo, procede a modificación parcial do referido acordo do Consello da Xunta de Galicia, co fin de establecer unha nova data na cal terán efecto as amortizacións, creacións e modificacións dos postos de traballo afectados pola desaparición dos centros de menores de Virxe do Carme e de Soutomaior, así como pola fusión do novo centro Complexo de Menores de Ferrol, que será o 24 de maio de 2012.

En consecuencia, por proposta da Consellería de Traballo e Benestar, consultadas as organizacións sindicais presentes na mesa xeral de negociación da Comunidade Autónoma e a comisión de persoal, o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 18 de maio de 2012, adoptou o seguinte

acordo:

Primeiro. Modificar parcialmente o punto segundo do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de abril de 2012, polo que se aproba a modificación da relación de postos de traballo da Consellería de Traballo e Benestar, no que se refire á demora expresamente establecida, que se sitúa na nova data do 24 de maio de 2012.

Segundo. Ordénase a publicación deste acordo no Diario Oficial de Galicia para os efectos da súa entrada en vigor.

Visto o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 18 de maio de 2012, relativo á aprobación da modificación parcial do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de abril de 2012 polo que se aproba a modificación da relación do postos de traballo da Consellería de Traballo e Benestar, coa finalidade de cumprir dito acordo, dispoño que se publique no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2012.

Elena Muñoz Fonteriz
Conselleira de Facenda