Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Luns, 14 de maio de 2012 Páx. 17889

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 9 de maio de 2012 pola que se convocan axudas económicas para o alumnado que realiza formación práctica en centros de traballo.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece a competencia plena para o regulamento e a administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que o desenvolven.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio (BOE do 4 de maio), de educación, establece nos seus artigos 39 a 44 os principios xerais, obxectivos, contidos, títulos e validacións da formación profesional integrada no sistema educativo español. E, concretamente, no artigo 42 determina que o currículo das ensinanzas de formación profesional incluirá unha fase de formación práctica nos centros de traballo.

A Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional, establece no seu artigo 9 que a formación profesional comprende o conxunto de accións formativas que capacitan para o desempeño cualificado das diversas profesións, o acceso ao emprego e a participación activa na vida social, cultural e económica. Inclúe as ensinanzas propias da formación profesional inicial, as accións de inserción e reinserción laboral dos traballadores, así como as orientadas á formación continua nas empresas, que permitan a adquisición e a actualización permanente das competencias profesionais.

O Decreto 114/2010, do 1 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo de Galicia, dispón no seu artigo 15 que o currículo dos ciclos formativos incluirá un módulo de formación en centros de traballo que non terá carácter laboral.

Polo exposto, e considerando que a formación práctica en centros de traballo ten un gran valor didáctico e pedagóxico por achegar o alumnado ao mundo sociolaboral en que se vai desenvolver a súa futura vida profesional, cómpre incluír este programa como unha das accións que hai que promover cara ao cumprimento dos acordos sobre medidas para o crecemento do emprego en Galicia.

A movilidade transnacional das persoas que desexan formarse ou contribuír a actividades de formación noutros países permite a mellora das competencias sociais dos individuos mediante a aprendizaxe da comunicación e a vida en sociedade, aumenta o respecto á diversidade e fomenta o aumento das competencias lingüísticas e profesionais. A realización, total ou parcial, da formación en centros de traballo noutros países contribúe á adquisición destas competencias.

No ámbito profesional, a mobilidade é un medio privilexiado de lograr un espazo de emprego e traballo europeo, xa que lle dá a cada individuo a posibilidade de adquirir coñecementos teóricos, prácticos e de comportamento e, dun xeito máis amplo, competencias e cualificacións adaptadas ao espazo sen fronteiras da Unión Europea.

Tendo en conta a importancia desta formación e coa finalidade de compensar parcialmente os gastos extraordinarios que se producen no desenvolvemento das prácticas formativas en centros de traballo para o alumnado, considérase necesario convocar axudas económicas.

De acordo coas competencias que ten conferidas, esta Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto da convocatoria.

Convocar axudas económicas para a realización da formación práctica en centros de traballo (FCT), en réxime de concorrencia non competitiva, nas seguintes modalidades:

1. Modalidade A. Alumnado matriculado en ciclos formativos de grao medio e superior de formación profesional, módulos profesionais experimentais, artes plásticas e deseño, ensinanzas deportivas e programas de cualificación profesional inicial e que realice a FCT dentro do territorio español.

2. Modalidade B. Alumnado matriculado en ciclos formativos de grao medio ou superior de formación profesional inicial ou nun ciclo formativo de artes plásticas e deseño e que realice a FCT en países da Unión Europea.

Artigo 2. Requisitos.

1. Poderá concorrer a esta convocatoria o alumnado matriculado en centros públicos desta comunidade autónoma e, no caso dos centros privados, o alumnado matriculado en ensinanzas concertadas coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que estea cursando o derradeiro curso dun: ciclo formativo de grao medio ou superior de formación profesional, ciclo formativo de grao medio ou superior de artes plásticas e deseño, módulo profesional experimental de nivel II, nivel de ensinanzas deportivas ou un programa de cualificación profesional inicial.

2. O alumnado que concorra a esta convocatoria de axudas deberá rematar o período de formación práctica en centros de traballo antes do 31 de decembro de 2012.

3. Non poderá ter a condición de beneficiario das axudas previstas nesta orde o alumnado que incorra nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10.2.º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Solicitudes.

1. O alumnado que reúna os requisitos para participar nesta convocatoria presentará a seguinte documentación:

– Solicitude normalizada segundo o anexo I desta orde.

– Certificado do domicilio de residencia durante o período de realización da FCT, segundo o anexo II desta orde.

– No caso de non dar o consentimento para a comprobación telemática do DNI ante o Ministerio da Presidencia, segundo establece o Decreto 255/2008, do 23 de outubro, fotocopia do DNI.

– Declaración responsable da titularidade da conta bancaria segundo o anexo III.

2. De conformidade co artigo 13.4.º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicará na súa páxina web oficial a relación de beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Artigo 4. Prazo e lugar de presentación de solicitudes.

Convócanse dous períodos de presentación de solicitudes:

1. Primeiro prazo, 31 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, para o alumnado que realizase a FCT nos períodos de outubro 2011-marzo 2012 e nos períodos xaneiro-xuño, xaneiro-marzo e abril-xuño de 2012. Todo o alumnado deste prazo deberá rematar o período da FCT antes do 31 de agosto de 2012. Tamén se acollerá a este prazo o alumnado matriculado no primeiro curso dun programa de cualificación profesional inicial no curso 2011-2012.

O alumnado que lle corresponda realizar a FCT no período de setembro-decembro de 2012 e que anticipase o período de FCT non se acollerá a este primeiro prazo.

2. O segundo prazo será o comprendido entre o 14 de outubro e o 14 de novembro de 2012 para o alumnado de ciclos formativos que lle corresponda realizar a FCT no período de setembro-decembro de 2012 e o alumnado matriculado nun programa de cualificación profesional inicial que realice a FCT no período extraordinario de setembro de 2012. Este alumnado deberá rematar obrigatoriamente o período de formación en centros de traballo antes do 31 de decembro de 2012. O alumnado que teña horario flexible con autorización da dirección xeral e remate despois do 31 de decembro de 2012, acollerase á seguinte convocatoria de axudas.

As solicitudes, xunto co resto da documentación requirida, poderanse presentar no centro onde o alumnado estea matriculado no momento de realizar a formación en centros de traballo, sen prexuízo de poder presentala en calquera dos demais rexistros administrativos legalmente establecidos (artigo 38.4.º da Lei 30/1992).

Artigo 5. Orzamento.

1. O importe total das axudas económicas efectuarase con cargo ao concepto orzamentario 15.05.422M.480.0 dentro do exercicio orzamentario do ano 2012, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, ata un importe máximo de 1.100.000 euros (un millón cen mil euros). Esta contía poderá incrementarse na medida en que exista crédito adecuado e suficiente nos orzamentos do exercicio económico do ano 2012, de acordo co establecido no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Se a contía total da suma das solicitudes superase o crédito de que se dispón, queda autorizada a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para axustar proporcionalmente os importes solicitados por cada solicitante, de xeito que a suma total dos importes de todos os solicitantes de Galicia non supere a contía do crédito dispoñible.

Reservarase un 65% do orzamento para o primeiro prazo, un 35% para o segundo e será acumulable o orzamento excedente de cada período para o seguinte.

Artigo 6. Contía da axuda e número de xornadas.

1. Contía da axuda.

a) O alumnado que realice a FCT na modalidade A percibirá:

1) Ata un máximo de 145 € cando se dea algún dos seguintes casos:

– O concello do centro de traballo é o mesmo que o concello do centro educativo.

– O concello do centro de traballo é o mesmo que o concello do domicilio do alumno.

2) Ata un máximo de 370 € para o resto dos casos.

A contía de cada alumno será en función do número de xornadas realizadas no módulo de FCT do ciclo correspondente.

Todo o alumnado deberá entregar cuberto o anexo II indicando o domicilio de residencia durante o período de realización da FCT.

b) O alumnado que realice a FCT na modalidade B percibirá a axuda tendo en conta os criterios seguintes:

País

Contía base

Contía por semana

Portugal

150 €

70 €

Francia, Reino Unido, Italia, Alemaña, Bélxica, Luxemburgo, Holanda, Romanía, Malta, Bulgaria, Irlanda

200 €

125 €

Dinamarca, Hungría, Austria, R. Checa, Eslovaquia, Eslovenia, Suecia, Finlandia, Estonia, Letonia, Lituania, Polonia, Grecia, Chipre

300 €

150 €

A contía base é para todo o alumnado con independencia das semanas de estadía no estranxeiro.

2. Número de xornadas.

O número mínimo de xornadas que se deben realizar para percibir esta axuda será do 80% das correspondentes a cada ensinanza.

O límite máximo de xornadas obterase dividindo entre oito o número de horas do módulo de FCT que lle corresponda realizar.

Para o alumnado que realice a FCT en xornada de horario flexible, segundo o artigo décimo cuarto, letra f) da Orde do 28 de febreiro de 2007, o máximo de xornadas será o correspondente ás da ensinanza que se curse e só será posible acollerse á orde de axudas que regule o período final das súas prácticas, se estas se prolongan ao longo de máis dunha convocatoria de axudas.

O alumnado que realice a FCT fóra do territorio español e non complete o número total de horas do módulo de FCT do ciclo formativo correspondente, deberá completar as restantes horas dentro do territorio español con anterioridade ou posterioridade.

Ao alumnado que realice a FCT fóra do territorio español e teña concedida ou solicitada calquera outra axuda para a mesma finalidade concederáselle o 50% da axuda correspondente ás xornadas realizadas fóra do Estado español, e a parte proporcional da axuda das xornadas realizadas dentro do territorio español, sempre dentro do límite establecido no artigo 12.

Artigo 7. Documentación que tramitarán os centros.

1. Os centros educativos utilizarán para a xestión destas axudas as aplicacións informáticas que determine e subministre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e, ademais, proporcionaranlle á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa todos aqueles documentos ou datos previstos nesta orde, nas distintas normas reguladoras do desenvolvemento da FCT ou nas instrucións remitidas aos centros.

2. A Dirección do centro cargará os datos e tramitará todos os documentos a través da páxina web http://www.edu.xunta.es/fct, da cal se obterá unha listaxe provisional de todo o alumnado que solicitase axuda no seu centro. Esta listaxe provisional de solicitantes, coa indicación da contía que lle corresponde a cada alumno, asinada polo director e o secretario, deberá ser publicada no taboleiro de anuncios do centro o día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes.

3. O centro abrirá un prazo de dez días naturais, contados a partir da publicación da listaxe provisional, para a presentación de reclamacións por parte dos solicitantes.

4. Rematado o prazo de reclamacións, a Dirección do centro resolveraas e elaborará unha listaxe definitiva de solicitantes, asinada polo director e o secretario, que fará pública no taboleiro de anuncios do centro.

5. O centro, a través do coordinador de FCT, unha vez finalizada a formación en centros de traballo, indicará na aplicación informática o alumnado que ten dereito á axuda.

6. Posteriormente, o director e o secretario certificarán a relación do alumnado que realizou as prácticas, cos importes que lle corresponda a cada un e o total. A dita certificación será enviada á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa no prazo indicado nas instrucións que enviará aos centros a dirección xeral segundo se indica no artigo 8, número 2).

Artigo 8. Envío de documentación.

1. A Dirección do centro enviará á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa a seguinte documentación en papel:

a) Solicitudes orixinais (anexo I).

b) Certificado de residencia (anexo II).

c) Fotocopias do DNI, de ser o caso.

d) Declaración responsable da titularidade da conta bancaria (anexo III).

e) No caso de centros privados con ensinanzas concertadas, aceptación de participación como entidade colaboradora na xestión das axudas (anexo IV).

f) Se é o caso, declaracións xuradas complementarias segundo dispón o artigo 11 desta orde.

g) Certificación de realización das prácticas.

2. O prazo de envío da documentación será o indicado nas instrucións correspondentes a cada período de presentación de solicitudes. Para tal efecto, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa enviaralles aos centros educativos e publicará na páxina web www.edu.xunta.es/fct as ditas instrucións.

Artigo 9. Adxudicación das axudas.

Á vista das certificacións dos centros e do crédito dispoñible, a dirección xeral elaborará a correspondente proposta de adxudicación das axudas e enviaralla á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que resolverá o que proceda, e nos termos previstos no artigo 34 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 10. Comunicación e publicación das axudas.

1. Mediante orde da persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicarase o anuncio da exposición das listaxes definitivas das persoas beneficiarias, coa indicación da contía que lle corresponde a cada alumno, no Diario Oficial de Galicia. Contra esta resolución, as persoas interesadas poderán interpor un recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente un recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. As persoas interesadas poderán entender rexeitadas as solicitudes de non se ditar resolución expresa no prazo de seis meses contados desde o día seguinte ao do remate do prazo de solicitudes.

Artigo 11. Pagamento das axudas.

1. As axudas faranse efectivas nun só pagamento directamente á persoa beneficiaria, a través da conta bancaria indicada para tal efecto.

2. O beneficiario presentará no centro, no momento da finalización da FCT, unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a mesma finalidade, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

3. O beneficiario está obrigado a comunicarlle á entidade concedente ou, se é o caso, á entidade colaboradora a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

Artigo 12. Compatibilidade das axudas.

Estas axudas son compatibles con outras de carácter xeral, aínda que o importe total recibido nunca poderá superar illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da actividade subvencionada.

Artigo 13. Perda das axudas.

1. A falsidade dos datos ou falsificación dos documentos que se presenten, calquera que sexa o momento en que se demostre a inexactitude, terá como consecuencia a perda de todos os dereitos dos solicitantes que incorran en tal situación e a devolución total da contía percibida, ademais das responsabilidades que procedesen, seguindo o procedemento establecido no artigo 77 e seguintes do citado regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. Calquera alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 14. Obrigas dos beneficiarios.

1. O beneficiario está obrigado ao reintegro, total ou parcial, da subvención ou da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, logo do procedemento establecido no artigo 77 e seguintes do citado regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. O beneficiario está obrigado a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control que lles correspondan.

Artigo 15. Adaptación.

Esta orde adáptase ás normas que lle son aplicables da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ás que figuran no regulamento desta lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Disposición adicional.

Para os efectos do disposto na disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, as persoas solicitantes deberán autorizarlle expresamente á Administración outorgante a inclusión e publicidade nos rexistros regulados no citado decreto dos datos básicos relevantes referidos ás axudas recibidas.

A reserva que o peticionario poida facer no sentido de non autorizar a obtención de datos ou a publicidade dos datos nos rexistros, que en todo caso terá que se expresar por escrito, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou, noutro caso, á revogación do acto de outorgamento e, se procede, ao reintegro do importe concedido, segundo dispón o número 2 da citada disposición adicional.

De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa.

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar os actos e as medidas necesarias para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Réxime de recursos.

Contra esta orde, as persoas interesadas poderán interpor un recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente un recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2012.

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file