Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Martes, 8 de maio de 2012 Páx. 17195

III. Outras disposicións

Universidade da Coruña

RESOLUCIÓN do 16 de abril de 2012 pola que se crea o ficheiro Videovixilancia.

A Lei orgánica 15/1999, de protección de datos de carácter persoal, establece que se considerará dato persoal calquera información concernente a persoas físicas identificadas ou identificables e o seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, precisa que xa se trate de informacións numéricas, alfabéticas, gráficas, fotográficas, acústicas, xa de calquera outro tipo.

Pola súa banda, a Instrución 1/2006 da Axencia Española de Protección de Datos, do 8 de novembro, relativa ao tratamento dos datos persoais con fins de vixilancia a través da utilización de cámaras e videocámaras, establece que estes ficheiros, cando foren de titularidade pública, deben someterse ao mesmo procedemento de creación xeral de ficheiros.

Na actualidade, a extensión dos centros e campus que a Universidade da Coruña posúe, así como o gran número de edificios que hai que protexer e o seu tamaño, fan imposible que os medios humanos e técnicos destinados para este efecto poidan realizar con eficacia a tarefa encomendada. Cómpre, por tanto, dotar as instalacións da Universidade da Coruña de cámaras de videovixilancia para a seguridade interior e exterior das persoas e bens, e isto adecuando esa videovixilancia ás exixencias do dereito fundamental á protección de datos, de xeito que o tratamento das imaxes sexa adecuado aos principios da Lei orgánica 15/1999 e se garantan así os dereitos das persoas cuxas imaxes son tratadas por medio de tales procedementos e se respecte o principio de proporcionalidade, tanto na súa vertente de idoneidade (instalación só naqueles lugares que resulten axeitados), como de intervención mínima (instalación logo da ponderación entre os fins pretendidos e os dereitos fundamentais da cidadanía).

É responsabilidade da Universidade da Coruña o relativo á creación, modificación ou supresión de ficheiros de datos de carácter persoal.

Por todo o exposto, en uso das facultades que me confire o artigo 20 da Lei orgánica 6/2001, de universidades; o artigo 36.1 e) dos Estatutos da Universidade da Coruña, aprobados polo Decreto 101/2004, do 13 de maio (DOG do 26 de maio), e modificados polo Decreto 194/2007, do 11 de outubro (DOG do 17 de outubro),

RESOLVO:

Primeiro. Crear o ficheiro denominado «Videovixilancia» da Universidade da Coruña cuxas características se recollen no anexo a esta resolución.

Segundo. Declarar que os ficheiros automatizados, que pola presente resolución se crean, cumpren as medidas de seguridade e exixencias establecidas no Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de desenvolvemento da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Tercero. A presente resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 16 de abril de 2012.

Xosé Luís Armesto Barbeito
Reitor da Universidade da Coruña

ANEXO
Ficheiro de videoxilancia da Universidade da Coruña

1. Finalidade e uso do ficheiro: gravación e tratamento automatizado de imaxes para a seguridade interior e exterior de bens e persoas que acceden e transitan por edificios e centros da Universidade da Coruña. O uso previsto é a realización de labores de seguridade e vixilancia:

a) Control dos accesos peonís a centros, edificios e campus da Universidade da Coruña.

b) Vixilancia perimetral de acceso e saídas de emerxencia que supoñen risco de intrusión en edificios da Universidade da Coruña.

c) Vixilancia interior de edificios en zonas comúns.

2. Responsable do ficheiro: Universidade da Coruña.

3. Servizo ou unidade de acceso: os dereitos de acceso, rectificación, oposición e cancelación son personalísimos e serán exercidos ante a Secretaría Xeral, na Reitoría, no enderezo r/ Maestranza n.º 9, 15001 A Coruña.

4. Persoas das cales se recollen datos: persoas físicas que acceden ou transitan por centros e campus da Universidade da Coruña: usuarios, alumnado, persoal, persoas convidadas ou intrusas.

5. Procedemento de recollida de datos: a propia persoa interesada. Os datos rexistrados son recollidos por cámaras de videovixilancia mediante a captura de imaxes. Nas zonas videovixiladas existen distintivos de información.

6. Estrutura básica do ficheiro e tipos de datos de carácter persoal incluídos nel: ficheiro de imaxes obtidas a través de cámaras de videovixilancia. Os datos cancelaranse no prazo máximo dun mes desde a súa captación. Trátase dun ficheiro de carácter informatizado xa que a captación de imaxes se apoia nun videogravador dixital que admite conexión TCP/IP.

7. Cesións e transferencias de datos: non se prevé a cesión destes datos a ningún outro organismo nin a países terceiros salvo as que a lei establece ás forzas e corpos de seguridade do Estado e Administración de xustiza en relación coa comisión de delitos.

8. Nivel de seguridade: as medidas de seguridade que se aplican son as definidas para o nivel básico.