A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, no seu artigo 113 fai unha mención específica ás bibliotecas escolares sinalando que os centros de ensinanza disporán dunha biblioteca escolar, que estes recursos educativos contribuirán a fomentar a lectura e a que o alumnado acceda á información e outros recursos para a aprendizaxe das demais áreas e materias, e poida formarse no uso crítico destes, debendo contribuír estas bibliotecas escolares a facer efectivos os principios pedagóxicos referidos á lectura, e dispoñendo que a organización das bibliotecas escolares deberá permitir o seu funcionamento como espazo aberto á comunidade educativa dos respectivos centros, así como que a súa dotación se fará de forma progresiva.
Pola súa parte, os respectivos decretos 130/2007, do 28 de xuño e 133/2007, do 5 de xullo, que regulan as ensinanzas de educación primaria e de educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia, inclúen unha serie de competencias básicas que o alumnado debe adquirir de forma progresiva. A utilización dos recursos da biblioteca escolar supón un importante factor para o logro da competencia en comunicación lingüística, para aprender a aprender, o tratamento da información e competencia dixital, e a competencia cultural e artística, sendo, así mesmo, un recurso moi útil na adquisición das restantes competencias básicas. Estes mesmos decretos contemplan a obrigatoriedade de que todos os centros de ensino non universitario elaboren os seus proxectos lectores de centro, co fin de articular as actuacións de todo o profesorado destinadas á consecución dos obxectivos pedagóxicos referidos á adquisición da competencia lingüística e das habilidades no uso da información, así como á adquisición e consolidación do hábito da lectura.
Para a posta en práctica dos proxectos lectores, as bibliotecas escolares son instrumentos imprescindibles, que as comunidades escolares deben organizar e dinamizar como un centro de recursos para a lectura, a información e a aprendizaxe, de carácter dinámico e en constante actualización. Así entendida, a biblioteca escolar pode ser un elemento estratéxico para a innovación pedagóxica que axude a revitalizar as prácticas educativas e a vida cultural dos centros, proporcionando ao profesorado e ao alumnado oportunidade para o emprego de múltiples recursos que permitan unha progresiva autonomía na aprendizaxe.
A biblioteca escolar serve, ademais, de canle para a integración nos centros educativos das tecnoloxías da comunicación que a sociedade vai desenvolvendo, e ofrece a posibilidade de acceso igualitario aos bens culturais, independentemente do estrato económico e cultural de procedencia, actuando como axente de compensación social. Así mesmo, devén nun recurso fundamental para a formación do alumnado nunha sociedade da información que demanda cidadáns dotados de destrezas para a consulta eficaz das distintas fontes informativas, a selección crítica das informacións e a construción autónoma do coñecemento.
Resulta, tamén, un espazo privilexiado para o achegamento á lectura de textos literarios e informativos, sexa en formato impreso ou dixital, de forma presencial ou telemática, e para a adquisición paulatina do hábito lector. Por outra parte, a biblioteca escolar é un dos elementos a ter en conta á hora de desenvolver o Plan de Integración das Tecnoloxías da Información e a comunicación dos centros, así como unha fonte de recursos para o desenvolvemento da materia de primeiro curso de ensino secundario obrigatorio, Proxecto interdisciplinar.
A incorporación de novos recursos tecnolóxicos ás prácticas educativas cotiás e os cambios que se están a producir na forma de acceder á información, de comunicarse e de realizar as aprendizaxes, exixen competencias avanzadas en múltiples rexistros. Os resultados das avaliacións diagnósticas ou doutros estudos sobre as competencias do alumnado evidencian a necesidade de mudar metodoloxías e procurar maiores índices de excelencia, ao tempo que se diminúen os índices de fracaso escolar. Un uso continuado de fontes informativas diversificadas, a extensión de prácticas innovadoras no tratamento dos contidos curriculares, así como a educación para a lectura crítica e o uso eficaz e responsable da información, poden contribuír a mellores logros.
Unha biblioteca escolar, activa e renovada segundo o novo modelo que se está a difundir, ofrece oportunidades excelentes para que alumnado e profesorado poidan avanzar nos seus obxectivos e ampliar a calidade dos procesos de aprendizaxe ou de ensinanza nos que están inmersos. Proporciona un apoio imprescindible no desenvolvemento doutros programas do centro que poidan contribuír ao incremento do éxito escolar, como os contratos-programa nas súas diversas variantes.
Segundo prevé a LOE no seu artigo 112, correspóndelle ás administracións educativas dotar os centros públicos dos medios materiais e humanos necesarios para ofrecer unha educación de calidade e garantir a igualdade de oportunidades na educación. Con esta finalidade, o Ministerio de Educación, Cultura y Deporte e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria veñen asinando acordos e convenios de colaboración desde o ano 2005, polos que se destinan cantidades significativas para a mellora das bibliotecas escolares, en réxime de cofinancimento.
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no contexto do seu Plan LÍA 2010-2015 de bibliotecas escolares (Lectura, Información e Aprendizaxe), recolle, entre outras actuacións, a continuidade das convocatorias anuais do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, que ten acadado resultados significativos, pero que cómpre reforzar e ampliar. Iníciase así, por oitavo ano consecutivo, o proceso de selección de novos proxectos educativos para a organización e dinamización da biblioteca escolar, ao tempo que se continúa coa liña de incentivos a aqueles centros xa integrados no programa que, segundo se pode apreciar no seguimento que se leva a cabo e nas memorias preceptivas, están a realizar un traballo coherente e axustado aos compromisos adquiridos, camiñando cara á consolidación destes recursos educativos ao servizo das súas respectivas comunidades escolares.
Por todo o anterior exposto, esta consellería
DISPÓN:
Artigo 1. Obxecto e destinatarios.
1. A través desta orde preténdese apoiar a continuidade do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares mediante a concesión de novas contías aos centros educativos incluídos neste programa en anteriores convocatorias (sempre que a memoria correspondente ao actual curso 2011/2012 sexa valorada positivamente), e seleccionar novos proxectos para a súa incorporación.
2. O Plan de Mellora procura incentivar e impulsar o desenvolvemento de proxectos de biblioteca escolar que recollan:
a) A organización, actualización e dinamización da biblioteca de centro, entendida como un centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe.
b) A súa contribución á mellora dos procesos de ensinanza e de aprendizaxe e á adquisición das competencias básicas do alumnado.
c) A imprescindible integración da cultura impresa e a cultura dixital.
d) A realización de actividades de formación de usuarios das bibliotecas e os seus recursos.
e) O deseño e desenvolvemento de programas para a adquisición da competencia informacional, ou de uso, tratamento e produción de información nos diferentes soportes e formatos.
f) O papel da biblioteca escolar no desenvolvemento do Proxecto Lector de Centro.
g) O fomento da lectura.
h) A contribución deste recurso á compensación das desigualdades sociais e á calidade do ensino que se imparte no centro.
i) As posibilidades que ofrece para a incorporación de metodoloxías innovadoras e consecuentes coas necesidades educativas actuais.
j) A implicación da biblioteca en actividades de extensión cultural destinadas a toda a comunidade escolar.
3. Poden participar nesta convocatoria os centros públicos non universitarios de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria:
a) Os centros do Plambe_1 (convocatoria 2005/2006), Plambe_2 (convocatoria 2006/2007), Plambe_3 (convocatoria 2007/2008), Plambe_4 (convocatoria 2008/2009), Plambe_5 (convocatoria 2009/2010), Plambe_6 (convocatoria 2010/2011) e Plambe_7 (convocatoria 2011/2012), que recibirán asignacións para a renovación dos fondos. Estes últimos poderán recibir tamén contías destinadas á renovación de equipos e mobiliario ou para outros gastos de funcionamento específicos da biblioteca escolar.
b) Seleccionaranse 55 novos proxectos que se desenvolverán durante o curso escolar 2012/2013 (número que poderá incrementarse no caso de producírense baixas ou renuncias de centros xa integrados anteriormente no programa).
4. Os centros incluídos neste programa poderán recibir formación específica, no contexto do Plan Anual de Formación do Profesorado ou do propio programa, así como asesoramento a través da Asesoría de Bibliotecas Escolares da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, dependente da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos (Subdirección Xeral de Centros), desde onde se coordinará o Plan de Mellora e se levará a cabo o seguimento oportuno.
5. Os novos centros seleccionados recibirán unha achega económica, destinada á actualización dos fondos documentais da biblioteca escolar, á renovación do mobiliario e á adquisición de equipamento audiovisual ou informático, e outros gastos de funcionamento. Esta asignación farase logo da análise das necesidades descritas no proxecto, en función da maior adaptación aos criterios recollidos nesta orde, e das características de cada centro (número de unidades e de alumnos e alumnas matriculados).
Artigo 2. Dotación orzamentaria.
1. As dotacións económicas correspondentes a este Plan de Mellora realizaranse con cargo ás seguintes aplicacións dos orzamentos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para o ano 2012, en cofinanciamento co Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, en virtude do convenio de colaboración Leer para aprender-Mejora de las bibliotecas escolares, asinado en 2011 entrambas as dúas administracións:
a) Un máximo de 1.075.000€, con cargo á aplicación 15.06.423A.628.1, destinada á adquisición de fondos documentais, en distinto soporte.
b) Un máximo de 475.000 €, con cargo á aplicación 15.06.423A.626.1, con destino á adquisición de equipamento audiovisual e informático.
c) Un máximo de 475.000 € para a renovación de mobiliario, con cargo á aplicación 15.06.423A.625.1.
d) Un máximo de 50.000 € con cargo á aplicación 15.06.423A.229.15, con destino a gastos de funcionamento da biblioteca escolar.
2. Nos centros de nova incorporación, á hora de establecer as contías consideraranse dous supostos:
a) Os centros seleccionados de menos 6 unidades poderán recibir ata un máximo de 5.000 €.
b) Os centros de 6 ou máis unidades percibirán 5.000 € como asignación mínima. Esta contía poderá incrementarse segundo o recollido no artigo 1, punto 5 desta mesma orde.
3. Xunto coa asignación total concedida a cada proxecto detallaranse as contías que deberán ser destinadas a sufragar gastos comprendidos nos seguintes conceptos:
a) Adquisicións de fondos documentais impresos, electrónicos, audiovisuais ou multimedia; subscricións a publicacións periódicas con destino á biblioteca escolar, tamén en soporte papel ou electrónico; edición de materiais impresos para o alumnado ou as familias (guías da biblioteca, guías de lectura, guías para o grupo de alumnado colaborador, diarios de lectura, materiais para a formación de usuarios ou programas de educación documental) sempre para actividades propostas pola biblioteca escolar.
Deberán incluírse materiais destinados á atención da diversidade (libros e outros materiais destinados ao alumnado con dificultades específicas de aprendizaxe, necesidades educativas especiais, altas capacidades, alumnado inmigrante, etc.). A multiculturalidade e as diversas linguas con presenza no centro deberán ser convenientemente consideradas. Así mesmo, e coa finalidade de equilibrar a colección e atender ás necesidades de todas as áreas de aprendizaxe, no curso 2012/2013, a asignación desta partida destinarase nun 50% a materiais informativos e de referencia. As adquisicións realizaranse, preferentemente, a través das librerías da zona de referencia do centro.
b) Adquisición de mobiliario específico: expositores, andeis, mobiliario para os espazos de lectura informal, etc.
c) Adquisición de equipos audiovisuais ou informáticos.
d) Outros gastos de funcionamento da biblioteca escolar (material funxible, pequenas obras, material non inventariable).
Artigo 3. Solicitudes e prazo de presentación.
1. Os centros do Plambe_1 a Plambe_6 (convocatorias dos anos 2005-2010) deberán cubrir a solicitude no anexo I, indicando se desexan continuar ou non no programa, e definir as liñas prioritarias de actuación na biblioteca escolar, para o curso 2012/2013, segundo o anexo VIII. A súa continuidade no Plan de Mellora dependerá, en calquera caso, da valoración positiva da memoria correspondente ao presente curso 2011/2012.
2. Os centros do Plambe_7, que foron integrados neste programa na convocatoria do ano 2011, presentarán a solicitude de confirmación (anexo I), e deberán definir, así mesmo, as liñas prioritarias de actuación na biblioteca escolar, para o curso 2012/2013, segundo o anexo VIII. Incluirán tamén a documentación contemplada nos anexos V e VI.
3. Os centros que opten por primeira vez á súa inclusión no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares para o curso 2012/2013 presentarán as solicitudes, segundo o modelo de instancia que figura como anexo I á presente orde, que deberán vir acompañadas da seguinte documentación:
a) Análise da situación da biblioteca do centro, segundo anexo II.
b) Breve memoria de actividades levadas a cabo no período 2010/2012, dirixidas á posta en marcha ou reorganización e dinamización da biblioteca escolar como recurso de apoio aos proxectos e programas do centro, así como programas de fomento da lectura, de educación en información ou de extensión cultural, segundo o anexo III. Indicarase o número total de horas semanais destinadas á biblioteca escolar, reservadas no último curso no horario do profesorado do equipo de biblioteca, así como da persoa responsable desta (máximo 4 páxinas, tamaño de fonte 12, a dobre espazo; pódense incluír imaxes da situación actual do centro, e outras, en páxinas aparte).
c) Proxecto de biblioteca escolar para o curso 2012/2013, segundo o anexo IV. Deberá facer mención aos seguintes aspectos: optimización dos espazos, organización e automatización dos fondos, fomento da lectura e cooperación á posta en marcha do proxecto lector de centro; formación de usuarios, educación en información, medidas de compensación das desigualdades sociais e dinamización cultural do centro. Detallaranse as actuacións por trimestres e incluirase unha relación das necesidades máis urxentes en materia de fondos, equipos, mobiliario ou outros. (Máximo 15 páxinas, tamaño de fonte 12, a dobre espazo).
d) Certificacións da dirección do centro en relación coas previsións do profesorado responsable da biblioteca escolar e integrante do equipo de apoio, e documentación acreditativa da formación deste profesorado mediante copia dos certificados correspondentes, así como o compromiso escrito de participar na formación específica que se oferte durante o curso 2012/2013 (anexo V).
e) Certificacións da dirección do centro en que se faga constar a aprobación, polo Claustro e polo Consello Escolar, dos compromisos necesarios para a participación nesta convocatoria, segundo os anexos VI e VII.
4. As solicitudes e demais documentación dirixiranse ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e presentaranse na oficina de Rexistro Único e Información (edificio administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela) ou nos lugares e na forma previstos no artigo 38.4.º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro). Poderá, así mesmo, presentarse a través da sede electrónica no enderezo https://sede.xunta.es
Cando se presente directamente nun rexistro ou a través do servizo postal, paralelamente, deberá enviarse un correo electrónico co arquivo informático como anexo ao enderezo asesoria.bibliotecas@edu.xunta.es, indicando no asunto o nome do centro e o termo PLAMBE, e no texto: nome completo do centro, concello, provincia, código, data de entrega e rexistro administrativo ou oficina de correos no que se ingresou a documentación.
Se a solicitude fose remitida a través do servizo de Correos será necesaria a súa presentación en sobre aberto para que o funcionario ou funcionaria desta entidade poida facer constar o selo e a data antes de proceder á súa certificación postal.
5. O prazo límite de presentación de instancias será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Enténdese por último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
6. Presentada a solicitude, examinarase para ver se reúne os requisitos exixidos e se vén acompañada da preceptiva documentación, requiríndose en caso contrario ao solicitante para que, no prazo de dez días, emende e/ou complete os documentos e/ou datos que deben achegarse, advertíndolle que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa petición e se procederá ao seu arquivo logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
7. A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos poderá requirir do solicitante cantos documentos e aclaracións considere necesarios para complementar o expediente, e tamén poderá dispor que se leven a cabo as comprobacións oportunas dos datos achegados polos peticionarios. Calquera alteración que se produza nos datos contidos na solicitude ou na documentación que a acompaña será comunicada polo solicitante a esta dirección xeral.
Artigo 4. Requisitos.
Os centros solicitantes deberán reunir os requisitos seguintes:
a) Contar cun espazo destinado exclusivamente á biblioteca escolar de centro.
b) Presentar un proxecto de centro para o funcionamento e utilización da biblioteca escolar, acorde coas pautas recollidas nesta convocatoria, cunha xestión centralizada dos fondos documentais e unha organización que permita o seu aproveitamento por toda a comunidade escolar, con prioridade do alumnado e o profesorado.
c) Designar un profesor ou profesora responsable da biblioteca escolar, preferentemente entre o profesorado definitivo no centro, por un período mínimo de dous anos e asignación de horas, dentro do seu horario lectivo e/ou complementario, en número suficiente para as funcións propias, aproveitando as marxes que ofrece a actual configuración do réxime horario do profesorado. Este responsable integrarase na Comisión de Coordinación Pedagóxica do centro.
d) Crear un equipo de biblioteca ou grupo de apoio, de carácter interdisciplinar, formado por profesorado dos diferentes ciclos ou departamentos presentes no centro, con dispoñibilidade e dedicación específica para a realización das distintas tarefas derivadas do proxecto, que se considerará na elaboración dos horarios do profesorado a comezo do curso escolar. Preferentemente, será este profesorado o que realice as gardas de biblioteca, co fin de garantir a unificación de criterios na xestión e organización dos fondos, e un maior aproveitamento dese tempo lectivo para formación, orientación, asesoramento do alumnado en tanto que usuarios de fontes informativas, e como lectores; tamén para a propia organización de todas as actuacións nas que intervén a biblioteca.
e) Integrar a biblioteca no desenvolvemento do Proxecto Lector de centro. Incluír o proxecto de biblioteca na Programación xeral anual de centro.
f) Detallar unha serie de compromisos para o vindeiro curso:
▪ Asignar un orzamento anual específico para o funcionamento e actualización da biblioteca escolar, independente das asignacións ás que puidese dar lugar a participación nesta convocatoria.
▪ Destinar a totalidade do financiamento conseguido ao abeiro desta convocatoria para a actualización e funcionamento da biblioteca escolar do centro.
▪ Crear unha Comisión de biblioteca no seo do Consello escolar.
▪ Participar nas actividades de formación sobre biblioteca escolar que se oferten de forma específica para os centros integrantes do programa.
g) Contar coa aprobación do Claustro e do Consello escolar, así como o compromiso de ambos os dous órganos para facilitar a posta en práctica do proxecto.
Artigo 5. Criterios de selección.
Para a selección dos centros participantes teranse en conta os seguintes aspectos:
a) Calidade, coherencia e viabilidade do proxecto presentado (ata 21 puntos).
b) Grao de adecuación do proxecto ás orientacións recollidas nesta convocatoria, segundo o anexo X, no que se desenvolven os obxectivos e funcións da biblioteca como centro de recursos que favoreza a lectura e a escritura, a autonomía na aprendizaxe, o estudo, o traballo colaborativo, a adquisición de habilidades no uso e tratamento da información, o acceso ás tecnoloxías da comunicación e da información, a adquisición das competencias básicas no seu conxunto e o achegamento dos bens culturais a toda a comunidade escolar (ata 45 puntos).
c) Integración do proxecto nas actuacións destinadas á adquisición das competencias básicas do alumnado e o cumprimento dos obxectivos recollidos no proxecto educativo, así como o grao de participación da biblioteca, dos seus recursos materiais e humanos, no desenvolvemento do proxecto lector de centro (ata 15 puntos).
d) Formación e dedicación horaria da persoa designada como responsable e do profesorado integrante do equipo de apoio (a formación acreditarase mediante copia dos certificados correspondentes; ata 18 puntos).
e) Grao de implicación do equipo directivo e do profesorado do centro no seu conxunto (ata 12 puntos).
f) Atención á biblioteca escolar por parte do centro nos dous cursos anteriores en canto a orzamento, melloras, organización e actividades realizadas, especialmente as destinadas á formación do alumnado como usuario de distintas fontes informativas, así como o apoio a programas e actividades do centro (ata 27 puntos).
g) Servizos ofertados pola biblioteca e uso que deles fan os diversos sectores da comunidade escolar, e propostas de mellora na atención aos usuarios da biblioteca, con especial atención á diversidade (ata 24 puntos).
h) Horario de apertura da biblioteca, adaptación ás necesidades da comunidade educativa, colaboración e integración no contorno sociocultural (ata 9 puntos).
i) Criterios e procedementos para a avaliación do proxecto e indicadores de calidade do funcionamento do servizo (ata 12 puntos).
Artigo 6. Comisión de valoración.
1. Baixo a presidencia do titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos ou persoa en quen delegue, constituirase unha comisión de valoración dos proxectos presentados, integrada polos seguintes membros:
– O titular da Subdirección Xeral de Centros, ou a persoa en quen delegue.
– O titular da Subdirección Xeral de Inspección, Avaliación e Calidade do Sistema Educativo, ou persoa en quen delegue.
– O xefe do Servizo de Xestión de Programas Educativos.
– As persoas responsables da Asesoría de bibliotecas escolares na Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.
- O/a asesor/a responsable da Área de Bibliotecas Escolares no CAFI.
– Un/unha funcionario/a da Subdirección Xeral de Centros, que actuará como secretario/a, con voz e sen voto.
2. A comisión poderá dispoñer a constitución dunha subcomisión técnica especializada para os efectos de colaboración na valoración das solicitudes, entre os que se incluirán asesores/as dos Centros de Formación e Recursos e profesorado con experiencia na xestión e dinamización das bibliotecas dos centros.
Artigo 7. Resolución.
1. A Comisión de Selección, unha vez estudadas as solicitudes presentadas, emitirá unha proposta provisional de resolución, que incluirá aqueles proxectos que mellor se adecúen ás bases da convocatoria, indicando as cantidades asignadas a cada centro, segundo se recolle no punto segundo desta orde.
Esta proposta provisional poderá consultarse no Portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no seguinte enderezo electrónico:
http://www.edu.xunta.es
2. A partir do día seguinte ao da publicación desta proposta, que lle será comunicada aos centros solicitantes a través do correo electrónico, abrirase un prazo de cinco días naturais co fin de que se poidan presentar cantas alegacións se estimen oportunas. No mesmo prazo poderá renunciarse á participación no Plan de Mellora. Unha vez revisadas as reclamacións a comisión elevará a proposta definitiva á persoa titular da consellería para a resolución que proceda.
3. A resolución incluirá os novos centros seleccionados, así como as cantidades asignadas para o curso 2012/2013 aos centros procedentes de anteriores convocatorias que continúan no programa segundo o previsto no punto primeiro da presente orde. Se houbese baixas ou renuncias dalgún destes últimos, podería incrementarse o número de centros de nova incorporación. Será ditada polo titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e publicarase no Diario Oficial de Galicia no prazo máximo de 8 meses contados desde a publicación desta convocatoria.
4. No suposto de que non recaese resolución expresa dentro do prazo máximo previsto, os solicitantes deberán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.
5. Os centros non seleccionados poderán recoller na Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, concretamente na Asesoría de Bibliotecas Escolares, a documentación presentada en formato papel, nos dous meses posteriores á publicación da resolución da convocatoria no DOG; transcorrido o devandito prazo, conservaranse unicamente as versións informatizadas dos proxectos presentados que fosen remitidas no momento da solicitude.
Artigo 8. Pagamento, xustificación, memoria e avaliación.
1. As cantidades asignadas por este plan serán transferidas aos centros nun único pagamento, no período correspondente ao exercicio económico de 2012 e poderá efectuarse a partir da resolución da convocatoria. O gasto non realizado antes de remate do ano, incorporarase ao orzamento do centro do ano 2013, de acordo co establecido no artigo 5.º, letra h) do Decreto 201/2003, do 20 de marzo, polo que se desenvolve a autonomía na xestión económica dos centros docentes públicos non universitarios (DOG do 4 de abril). Tomarase como data final para efectuar o gasto o 7 de xuño de 2013.
2. Co 7 de xuño do 2013 como data límite, os centros seleccionados deberán remitir á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos a xustificación económica correspondente mediante certificación da aprobación polo Consello Escolar, segundo anexo IX.
3. Así mesmo, a persoa responsable da biblioteca escolar, co visto e prace da dirección do centro, elaborará unha memoria das realizacións levadas a cabo para o desenvolvemento do proxecto, que se enviará no prazo arriba indicado e se incluirá, ademais, na memoria final do curso que se remite á Inspección.
Esta memoria pedagóxica detallará, obrigatoriamente, o grao de cumprimento dos obxectivos propostos, o horario real asignado á persoa responsable e ao equipo da biblioteca, as actividades desenvolvidas (en relación coa xestión técnica, o fomento da lectura, a educación para a competencia en información, e outras), o grao de implicación do centro e da comunidade educativa, o grao de integración dos recursos da biblioteca nos procesos de ensinanza e aprendizaxe das diversas áreas do currículo, as actividades de formación do ámbito de biblioteca escolar nas que participou o profesorado, a produción de materiais, se os houber, a avaliación realizada e as previsións de futuro. Incluirase, así mesmo, copia do Proxecto Lector de centro. Remitirase en soporte papel á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos desta consellería, debendo entrar en tempo no rexistro central da Xunta e, paralelamente, en soporte electrónico a través do correo asesoria.bibliotecas@edu.xunta.es.
4. A non entrega da memoria e/ou da xustificación do gasto no prazo sinalado poderá ser causa de revogación das cantidades asignadas, debendo proceder o centro ao reintegro da cantidade percibida, sen prexuízo das responsabilidades que se lle poidan exixir. Da mesma forma, o incumprimento total ou parcial dos proxectos ou das condicións que se tiveron en conta para a súa concesión, poderá dar lugar á anulación ou modificación da contía do importe concedido.
5. Tanto a inspección educativa como as persoas responsables en materia de Bibliotecas Escolares da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos poderán supervisar e avaliar o desenvolvemento do plan.
Artigo 9. Certificación.
A participación do profesorado implicado en calidade de responsable ou dinamizador da biblioteca escolar terá carácter de actividade de innovación educativa, e cunha equivalencia de 20 horas de formación do profesorado segundo a Orde do 1 de marzo de 2007, DOG do 11 de abril de 2007, pola que se regula a convocatoria, recoñecemento, certificación e rexistro de actividades de formación permanente do profesorado e se establecen as equivalencias das actividades de investigación e innovación e das titulacións.
Disposición derradeira primeira.
Facúltase a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.
Disposición derradeira segunda.
Esta orde poderá ser recorrida mediante recurso potestativo de reposición perante a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto na Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ser impugnada directamente, mediante recurso contencioso-administrativo ante a sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, conforme se establece na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Disposición derradeira terceira.
Esta orde será efectiva o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 26 de abril de 2012.
Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria