Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Venres, 4 de maio de 2012 Páx. 16304

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 17 de abril de 2012, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, pola que se aproba o Plan de aproveitamento específico da anguía na desembocadura do río Lérez para o ano 2012.

Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data do 25 de novembro de 2011 a confraría de pescadores San Gregorio de Raxó (Poio-Pontevedra) presentou un plan de aproveitamento específico para a pesca da anguía na bacía do río Lérez para o ano 2012, de acordo co previsto no artigo 6.1 do Decreto 130/2011, do 9 de xuño, polo que se regula a pesca profesional da anguía nas augas continentais competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. O expediente someteuse ao trámite de información pública durante un prazo de 15 días segundo o disposto no Decreto 130/2011, do 9 de xuño, polo que se regula a pesca profesional da anguía nas augas continentais competencia da Comunidade Autónoma de Galicia. O prazo de información pública estableceuse mediante Resolución do 10 de febreiro de 2012 (DOG n.º 47, do 7 de marzo). No antedito prazo non se presentou ninguna alegación.

Terceiro. O artigo 7.3 do Decreto 130/2011 establece a necesidade de que o plan que se aproba sexa sometido a informe do Comité Provincial de Pesca Fluvial ou do Comité Permanente, da Consellería do Mar, no caso de afectar desembocaduras, e do departamento da Xunta de Galicia con competencias en materia de espazos naturais protexidos. Na reunión do Comité Permanente do 16 de febreiro de 2012 emitiuse informe favorable por unanimidade. A Consellería do Medio Rural e do Mar emitiu informe favorable con data do 12 de marzo de 2012.

Cuarto. Segundo establece o artigo 7.5 do Decreto 130/2011, cómpre ter en conta, para a aprobación de calquera plan de aproveitamento específico da anguía, os criterios establecidos pola Decisión da Comisión Europea do 1 de outubro de 2010, criterios que se cumpren segundo a proposta de aprobación do Servizo Provincial de Conservación da Natureza de Pontevedra.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O disposto no Decreto 130/2011, do 9 de xuño, polo que se regula a pesca profesional da anguía nas augas continentais competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. O disposto no Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas en relación co Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e o Decreto 1/2012, do 3 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia.

Resolución:

Visto o exposto nos antecedentes, acórdase a aprobación do Plan de Aproveitamento Específico da Anguía na Desembocadura do Río Lérez para o ano 2012, que figura como anexo a esta resolución.

Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE n.º 285, do 27 de novembro).

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2012.

Ricardo García-Borregón Millán
Director xeral de Conservación da Natureza

ANEXO
Plan de Aproveitamento Específico da Anguía na Desembocadura
do Río Lérez para o ano 2012

a) Artes de pesca.

Arte tradicional denominada «mollos de vide», consistente nun brazado de vides, atado cunha corda, que se pousa no leito do río ata o momento de ser izado a unha embarcación, onde se fan saír as anguías que poida haber no seu interior.

O diámetro de cada mollo non será superior a 50 cm.

A distancia entre dous «mollos de vide» non será inferior a 25 m.

Cada «mollo de vide» deberá estar identificado co número de matrícula e folio da embarcación.

b) Proposta de zonas dentro da bacía fluvial e períodos de pesca.

Delimitación: tramo do río Lérez comprendido entre A Ponte da Barca e as liñas rectas imaxinarias que unen Punta Campelo co extemo distal do crebaondas da canle do río, e este último con Punta Praceres.

Período de pesca: desde o día seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 31 de outubro de 2012.

c) Número previsto de días de actividade.

As artes levantaranse transcorridos 15 días desde que foron colocadas, empregando nesta tarefa 2 días.

O número previsto de días de actividade da embarcación ao longo da temporada é de 28.

d) Proposta de horas de pesca diarias.

Xornadas de 4 horas.

e) Proposta de número de aparellos ou artes de pesca por persoa.

O número de artes de pesca que se empregarán non poderá ser superior a 10 «mollos de vide» por tripulante. Ningún tripulante poderá facerse cargo das artes asignadas a outro tripulante.

f) Proposta de cotas de captura diarias ou por tempada de pesca.

Máximo 10 quilos por día de actividade e tripulante.

A dimensión mínima das anguías capturadas será de 20 cm.

Devolverase ao río calquera outra especie que entre nas artes.

Só se autoriza a captura da anguía na fase do seu ciclo vital denominada «anguía amarela», e deberanse devolver á auga, inmediatamente despois da súa captura, todos os exemplares con signos externos propios da fase denominada «anguía prateada».

g) Relación de membros da asociación participantes no plan.

Juan Carlos Dacosta Vázquez.

Francisca Area Pazos.

h) Relación de embarcacións e número de tripulantes por embarcación.

Embarcación de nome «Mejías», con matrícula VI-2-1851 e tripulada polas persoas relacionadas na alínea g).

i) Proposta de sistema de rexistro das capturas e de remisión de datos ao Servizo Provincial de Conservación da Natureza de Pontevedra.

Cada mes, a confraría remitirá ao Servizo Provincial de Conservación da Natureza unha declaración das capturas totais, especificando o total mensual da embarcación, así como os días traballados.

j) Proposta de sistema de comercialización das capturas e o seu control.

A comercialización levarase a cabo na lonxa de Campelo, tendo a obriga de entregar a totalidade das capturas.

Cada mes, xunto cos partes de capturas, remitiranse ao Servizo Provincial de Conservación da Natureza os xustificantes de venda en lonxa.

missing image file