Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Luns, 30 de abril de 2012 Páx. 15772

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 7 de febreiro de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se somete a información pública o proxecto de autorización administrativa para a distribución de gas natural no termo municipal da Guarda (Pontevedra), promovido pola empresa Gas Galicia SDG, S.A.

A respecto da autorización para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal da Guarda (Pontevedra), e ante as solicitudes presentadas en concorrencia por dúas empresas (Gas Galicia SDG, S.A. e Endesa Gas Distribución, S.A.U.), a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas resolveu o 15 de novembro de 2010 o trámite de competencia a favor de Gas Galicia SDG, S.A., o que implica continuar coa tramitación do procedemento de autorización administrativa unicamente con esta empresa.

Aínda que o proxecto de autorización administrativa de Gas Galicia SDG, S.A. xa foi sometido ao trámite de información pública, mediante Resolución da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas do 26 de xuño de 2007 (publicada no Diario Oficial de Galicia do 1 de agosto, no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra do 20 de xullo e nos xornais La Voz de Galicia e diario de Pontevedra do 20 de xullo de 2007, e exposta no taboleiro de anuncios do Concello da Guarda do 13 de xullo ao 13 de agosto de 2007), cómpre realizar novamente este trámite de información pública porque o novo proxecto recolle modificacións substancias respecto do que foi sometido á devandita información pública.

Por tanto, e para os efectos previstos no artigo 73 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, no artigo 78 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural, e no artigo 1 do Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP), sométese a información pública o seguinte proxecto de autorización administrativa:

Peticionario: Gas Galicia SDG, S.A., con CIF A15383284 e con enderezo, para os efectos de notificacións, na rúa Lisboa, s/n, edificio Área Central, local 31-HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña).

Obxecto da petición: autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal da Guarda (Pontevedra), de conformidade co proxecto presentado para o efecto.

Descrición das instalacións:

A subministración de gas natural proxéctase a través dunha instalación de GNL (gas natural licuado) que se situará nunha parcela catalogada, segundo o planeamento urbanístico actual, como solo urbano do núcleo da Gándara da Ordenanza n.º 6 de edificación industrial. A rede de distribución proxectada, que aparece reflectida nos planos de planta de trazado incluídos no proxecto, está formada por:

– Unha rede básica de distribución en rango de presión 2 < MOP (presión máxima de operación) ≤ 5 bar, que parte do punto de subministración e chega ás inmediacións do núcleo urbano da Guarda e do polígono empresarial A Guarda-O Rosal.

– E unha rede secundaria de distribución (en diámetro inferior a 160 mm), no mesmo rango de presión, que parte da rede básica cara aos distintos puntos de consumo.

Esta rede deséñase en polietileno de alta densidade PE 100 SDR 17,6 de diámetro variable de DN200 a DN63, segundo necesidades, e a súa lonxitude será de 19.612 m (7.276 m da rede básica e 12.336 m da rede secundaria).

Termo municipal: a solicitude de autorización administrativa afecta o termo municipal da Guarda, na provincia de Pontevedra.

Orzamento: un millón trinta e oito mil cento vinte e sete euros con cincuenta e dous céntimos (1.038.127,52 €).

O que se fai público para coñecemento xeral e para que todas aquelas persoas, naturais ou xurídicas, que se consideren prexudicadas nos seus dereitos poidan presentar as súas alegacións no prazo de 20 días, a partir da data de publicación deste anuncio, e poden examinar o proxecto de autorización administrativa na Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, edificio administrativo San Caetano, bloque 5, 4.º andar - 15781 Santiago de Compostela, así como na Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía e Industria, rúa Fernández Ladreda, 43-5.º - 36003 Pontevedra.

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2012.

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas