Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Mércores, 18 de abril de 2012 Páx. 14053

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 19 de decembro de 2011, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se declara a utilidade pública, en concreto, do parque eólico modificado de Punta Maeda, promovido pola Sociedad Eólica Punta Maeda, S.L. situado nos concellos de Mañón e Ortigueira.

Examinado o expediente instruído por pedimento de Sociedad Eólica Punta Maeda, S.L., relativo á declaración, en concreto, da utilidade pública do parque eólico modificado de Punta Maeda, resultan os seguintes

Antecedentes de feito:

1. O parque eólico Punta Maeda admitiuse a trámite pola Resolución do 26 de maio de 2004, da Consellería de Innovación, Industria e Comercio (Diario Oficial de Galicia n.º 100, do 26 de maio), ao abeiro da Orde da mesma consellería do 22 de xaneiro de 2004, cunha potencia de 13,2 MW.

2. Pola Resolución do 20 de maio de 2010 (Diario Oficial de Galicia n.º 123, do 30 de xuño), a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas autorizou as instalacións electromecánicas, aprobou o proxecto de execución e recoñeceu a condición de instalación acollida ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica das instalacións do proxecto do parque eólico Punta Maeda promovido por Sociedad Eólica Punta Maeda, S.L.

3. Por Resolución do 12 de agosto de 2010, o Departamento Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña someteu a información pública a solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións que comprende o parque eólico modificado de Punta Maeda; a devandita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 18 de marzo de 2011 e permaneceu exposta no taboleiro de anuncios do concello de Ortigueira.

Así mesmo, o dito departamento territorial notificou individualmente ás persoas que figuran como titulares na relación de bens e dereitos afectados (RBDA) recollida no antedito Acordo do 12 de agosto de 2010, e deu traslado das correspondentes separatas a outras administracións, organismos e empresas de servizo público afectadas, para os efectos de que emitisen os correspondentes condicionados técnicos.

Durante o período de información pública presentáronse as seguintes alegacións:

– Esteban Abella Cacharón, con data do 27 de agosto de 2010, fai constar que a empresa promotora non mantivo comunicación ningunha con el e que é o titular, en parte, de 5 predios máis.

– María Visita Estrada Docanto, con data do 30 de agosto de 2010, mediante dous escritos individuais, sinala defectos na orientación do plano que se lle remitiu xunto coa notificación individual, e solicita que a empresa promotora se poña en contacto con ela para tratar de acadar un acordo de venda ou aluguer das súas parcelas.

– María del Carmen Armada Legazpi, con data do 31 de agosto de 2010, manifesta que a empresa promotora non se puxo en contacto con ela, considera que o establecido no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa non se cumpriu en tempo e forma e que, antes da ocupación do predio afectado, cabe un prezo xusto. Así mesmo, considera que a ocupación da vía pode valorarse mediante outro tipo de acordo non pecuniario e solicita finalmente que a empresa promotora propicie unha entrevista con ela para aclarar os intereses de ambas as partes.

– María Benigna Pena Martínez, con data do 31 de agosto de 2010, manifesta que a empresa promotora non se puxo en contacto con ela e considera que antes da expropiación cabe unha negociación do xusto prezo, e solicita que a empresa promotora propicie unha entrevista para aclarar os intereses de ambas as partes.

– Francisco Juncal Bares, con data do 2 de setembro de 2010, solicita que a empresa promotora se poña en contacto con el para tratar de acadar un acordo de venda ou aluguer da súa parcela.

– José Manuel Gómez Pérez, con data do 8 de setembro de 2010, solicita que se lle facilite o número de parcela e polígono dos predios da súa propiedade afectados, co obxecto de poder identificalos.

– Carmen Galdo Martínez, con data do 10 de setembro de 2010, manifesta a súa oposición á expropiación xa que a beneficiaria é unha empresa privada e sinala que considera máis xusto obter dereitos sobre o solo mediante acordos coas persoas propietarias e solicita, ademais, que non se conceda a declaración de utilidade pública solicitada pola empresa promotora.

– Crescencia Rivas Brión e José Villasuso Armada, con data do 10 de setembro de 2010, aclaran o número de parcela e polígono de dúas parcelas da súa propiedade e afirman que estas están dedicadas a plantacións de eucalipto desde os anos 1996 e 1997.

– José Francisco Martínez Estrada, como herdeiro de América Estrada Docanto e de Alejandro Martínez Rego, con data do 10 de setembro de 2010 e mediante catro escritos individuais, solicita que a empresa promotora se poña en contacto con el para aclarar as condicións e o prezo dos predios afectados, por non o ter feito ata o momento.

– María Josefa Galdo López, con data do 14 de setembro de 2010, manifesta que non identifica os predios afectados que se lle indicaron na notificación individual, e solicita a súa referencia catastral para os efectos da súa identificación; así mesmo, sinala que está interesada en coñecer o prezo de venda/aluguer destas.

– Carmen Juncal Galdo e María Socorro López Juncal, con data do 14 de setembro de 2010, mediante dous escritos cada unha, manifestan que non poden identificar nin situar os predios afectados que se lles indicaron nas notificacións individuais e que non están de acordo coa expropiación forzosa, xa que nas conversas mantidas entre as persoas afectadas e a empresa promotora se acordou a venda ou aluguer dos predios. Sinalan, ademais, que non se opoñen á construción do parque eólico, sempre e cando se reciba un prezo xusto polos predios afectados, sen ter que recorrer á expropiación.

Así mesmo, solicitan:

• Plano en que se indique con claridade a situación do predio.

• Que non se declaren os predios afectados de utilidade pública nin se realice unha expropiación forzosa.

• Que a empresa promotora proceda a comprar ou alugar os predios tal e como se acordou no seu momento.

– José Teodoro Mariña Eiroa, con data do 16 de setembro de 2010, sinala diversos erros contidos na notificación individual, relativos ao tipo de cultivo dun dos seus predios e a atribución da titularidade dun predio que non é seu e a omisión doutro que si o é. Ademais, manifesta o seguinte:

• A súa oposición á declaración de utilidade pública e a conseguinte expropiación parcial dos predios posto que, como consecuencia destas, resultaría antieconómica a conservación da parte non expropiada.

• Non consta no expediente a necesaria xustificación da conveniencia da ocupación dos bens descritos e non doutros.

• A expropiación débese considerar como a última vía posto que é o sistema máis prexudicial para os particulares, sobre todo cando se trata de expropiacións parciais.

• Sinala que a finalidade da expropiación dos seus predios sería ben a servidume de paso ben a protección eólica, entendendo que para ambas sería suficiente un arrendamento anual que permitise a conservación da propiedade e evitase a perda de valor dos predios pola súa expropiación parcial.

Solicita finalmente que se desestime a solicitude de declaración de utilidade pública dos predios da súa propiedade.

– Rosa López Rego, con data do 16 de setembro de 2010, sinala un erro no tipo de cultivo indicado para un dos seus predios, indicando que este é monte alto e non monte baixo, como figura na notificación individual. Así mesmo, manifesta que recolleu a notificación dirixida á súa defunta nai, Encarnación Rego, en relación co predio n.º 203, e que a herdanza da súa nai atópase en trámites particionais, polo que lle resulta imposible, polo momento, a xustificación documental da adxudicación dese predio. Ademais, manifesta o seguinte:

• A súa oposición á declaración de utilidade pública e á conseguinte expropiación parcial dos predios posto que, como consecuencia destas, resultaría antieconómica a conservación da parte non expropiada.

• Non consta no expediente a necesaria xustificación da conveniencia da ocupación dos bens descritos e non doutros.

• A expropiación débese considerar como a última vía posto que é o sistema máis prexudicial para os particulares, sobre todo cando se trata de expropiacións parciais.

• Sinala que a finalidade da expropiación dos seus predios sería ben a servidume de paso ben a protección eólica, entendendo que para ambas sería suficiente un arrendamento anual que permitise a conservación da propiedade e evitase a perda de valor dos predios pola súa expropiación parcial.

Solicita finalmente que se desestime a solicitude de declaración de utilidade pública dos predios da súa propiedade.

– José Emilio Cribeiro Salgueiro, no seu propio nome e en representación dos herdeiros de Xesús Cribeiro Salgueiro e de María Dolores Barcón Villasuso, con data do 17 de setembro de 2010, alega o seguinte:

• Na notificación individual recibida non se concretan nin a situación do predio nin a afección a este.

• A empresa promotora deberá marcar sobre o terreo a parte do predio afectado.

• O predio afectado está actualmente dedicado a plantación de eucaliptos e piñeiros, co obxecto de explotalos comercialmente para a produción de madeira.

• Na notificación individual non se especifica a servidume por gabias, aínda que no plano que se xunta si aparece representada a dita servidume.

• Considera que a totalidade da superficie afectada sería en pleno dominio, xa que esta non podería estar ocupada por árbores e, polo tanto, dedicada ao obxecto principal do predio.

• Designa a Miguel Ángel Callón Fernández para que, no nome e representación del e dos demais copropietarios a que representa, poida consultar o expediente, realizar alegacións e cantos escritos sexan necesarios.

Finalmente, solicita que se comunique á empresa promotora o contido do escrito, para os efectos de que esta proceda á identificación completa do predio, á definición sobre o terreo da superficie afectada e á consideración da ocupación da totalidade deste en pleno dominio, e que se considere a explotación a que está destinado o predio.

– Isabel Novo García, con data do 19 de setembro de 2010, mediante dous escritos individuais, manifesta que considera innecesaria a declaración de utilidade pública posto que non se opón a acadar un acordo coa empresa solicitante, a cal non se puxo en contacto con ela para intentar a negociación, e solicita finalmente que se denegue a declaración de utilidade pública sobre os predios da súa propiedade.

– José Galdo Altesor, con data do 20 de setembro de 2010, aclara o número de parcela e polígono do seu predio, así como o tipo de cultivo, plantación de eucaliptos desde 1996.

– Dolores Martínez Mariña, con data do 20 de setembro de 2010, manifesta:

• A súa oposición á declaración de utilidade pública e a conseguinte expropiación parcial dos predios posto que, como consecuencia destas, resultaría antieconómica a conservación da parte non expropiada.

• Non consta no expediente a necesaria xustificación da conveniencia da ocupación dos bens descritos e non doutros.

• A expropiación débese considerar como a última vía posto que é o sistema máis prexudicial para os particulares, sobre todo cando se trata de expropiacións parciais.

• Sinala que a finalidade da expropiación dos seus predios sería a servidume de paso, entendendo que para esta sería suficiente un arrendamento anual que permitise a conservación da propiedade e evitase a perda de valor dos predios pola súa expropiación parcial.

Solicita finalmente que se desestime a solicitude de declaración de utilidade pública dos predios da súa propiedade.

– Guadalupe Novo Novo, con data do 24 de setembro de 2010, manifesta que, na falta de confirmación do número de parcela e polígono, supón que a parcela afectada é a que posúe dedicada a plantación de eucalipto, e solicita:

• Confirmación dos datos catastrais da dita parcela.

• Que a afección da vía que pasa polo seu predio sexa considerada de pleno dominio e non de servidume.

• Información sobre se o trazado das gabias e liñas eléctricas afecta o seu predio.

4. Con data do 21 de outubro de 2010, a empresa promotora presenta a relación de bens e dereitos afectados corrixida e solicita a declaración de utilidade pública, en concreto, para o parque eólico modificado de Punta Maeda.

5. Polo Acordo do 23 de decembro de 2010, do Departamento Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña, someteuse a información pública a declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións que comprende o parque eólico modificado de Punta Maeda; o devandito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 26 de abril de 2011, no Boletín Oficial da provincia do 21 de xaneiro de 2011, no xornal La Voz de Galicia do 25 de febreiro de 2011, e permaneceu exposto nos taboleiros de edictos dos concellos de Ortigueira e Mañón.

Así mesmo, remitíronse notificacións individuais ás persoas titulares das parcelas incluídas na relación de bens e dereitos afectados recollida no antedito acordo.

Durante este segundo período de información pública presentáronse as seguintes alegacións:

– José Manuel Gómez Pérez, con data do 21 de xaneiro de 2011, reitera o manifestado na súa alegación do 8 de setembro de 2010, e solicita que se lle notifique o número de parcela e polígono dos predios da súa propiedade afectados co fin de poder identificalos.

– José Ramón Rego, con data do 26 de xaneiro de 2011, manifesta que o número do predio que figura na notificación individual non se corresponde co predio reflectido no plano, e solicita que se lle comunique a data de ocupación do predio e a valoración da superficie afectada.

– María del Carmen Armada Legazpi, con data do 26 de xaneiro de 2011, reitera o exposto na súa alegación do 31 de agosto de 2010, e manifesta que continua sen recibir ningunha comunicación por parte da empresa promotora. Asemade, sinala erro no enderezo de notificación que figura na comunicación recibida.

– María Visita Estrada Docanto, o 26 de xaneiro de 2011, ratifícase nas súas alegacións do 30 de agosto de 2010, xuntando copia destas.

– Francisco Juncal Bares, con data do 28 de xaneiro de 2011, manifesta que a notificación recibida é a mesma que a do 25 de agosto de 2010 e que, polo tanto, non responde á súa petición de solucións ou propostas con respecto ao predio afectado. Así mesmo, manifesta que lle gustaría que a afección se estendese á totalidade do predio, posto que coa afección parcial que propón o promotor quedaría pouco ou nada aproveitable.

Manifesta finalmente a súa disposición a acadar un acordo para a ocupación do predio, facilitando os seus datos de contacto para que a empresa promotora poida poñerse en contacto con el.

– Carmen Martínez Cao, con data do 28 de xaneiro de 2011, solicita que todas as comunicacións relativas ao seu predio se dirixan á súa filla, Josefa Teijeiro Martínez, en calidade de representante. Ademais, solicita que se efectúe, con anterioridade á convocatoria para o levantamento de actas previas, un trazado sobre o terreo dos límites da servidume para poder coñecer con exactitude as afeccións á súa parcela.

– Antonio Galdo Martínez, con data do 31 de xaneiro de 2011, manifesta que o predio sinalado na notificación remitida a Carmen Galdo Martínez é propiedade indivisa de ambos. Así mesmo, fai constar a súa firme oposición ao proxecto por atoparse este no espazo natural protexido de Estaca de Bares.

– Carmen Galdo Martínez, con data do 4 de febreiro de 2011, manifesta que o predio a que se refire a notificación individual que recibiu é propiedade indivisa dela e do seu irmán Antonio Galdo Martínez. Así mesmo, fai constar a súa firme oposición ao proxecto por atoparse este no espazo natural protexido de Estaca de Bares.

– Guadalupe Novo Novo, con data do 4 de febreiro de 2011, solicita confirmación do número de polígono e predio catastral, e sinala que o predio a que se refire a notificación individual está dedicado a plantación de eucaliptos e non a monte alto como figura naquela. Ademais, sinala que a gabia e a vía de acceso aos aeroxeradores debe ter consideración de pleno dominio e solicita que a informen de se o trazado daqueles afecta o seu predio, sinalando que todas estas circunstancias repercutirían nunha nova valoración económica da expropiación.

– Isabel Novo García, con datas 2 e 5 de febreiro de 2011, reitera as súas alegacións do 19 de setembro de 2010.

Posteriormente, con data do 5 de abril de 2011, presenta escrito, xuntando cédula individual da Xerencia Territorial do Catastro, en que recolle unha serie de parcelas que non están incluídas na RBDA pero que, pola súa situación, poden estar afectadas polo proxecto, solicitando que a empresa promotora delimite sobre o terreo a superficie que ocuparán as instalacións do parque eólico e, de resultaren afectadas as parcelas relacionadas no seu escrito, se inclúan na RBDA.

Coa mesma data, mediante outro escrito, Isabel Novo García achega informe técnico sobre un predio da súa propiedade que, en vista das coordenadas perimetrais que definen a poligonal do parque eólico, podería estar afectada en pleno dominio ou servidume, e solicita que se inclúa na RBDA.

– María Isabel Ares Infante, con data do 9 de febreiro de 2011, manifesta que herdou o predio que figura a nome do seu defunto pai, Celestino Ares González, e que está a realizar os trámites oportunos ante o catastro para que se faga constar o novo titular, aportando diversa documentación para acreditar esta circunstancia.

Solicita finalmente que se dirixan ao seu enderezo todas as comunicacións relativas ao predio en cuestión.

– Rosa López Rego, con data do 10 de febreiro de 2011, presenta escrito con idéntico contido ao da súa alegación do 16 de setembro de 2010.

– Teodoro Mariña Eiroa, con data do 10 de febreiro de 2011, presenta escrito con idéntico contido ao da súa alegación do 16 de setembro de 2010.

– Dolores Martínez Mariña, con data do 15 de febreiro de 2011, manifesta o seguinte:

• A súa oposición á declaración de utilidade pública e á conseguinte expropiación parcial dos predios posto que, como consecuencia destas, resultaría antieconómica a conservación da parte non expropiada.

• Non consta no expediente a necesaria xustificación da conveniencia da ocupación dos bens descritos e non doutros.

• A expropiación débese considerar como a última vía posto que é o sistema máis prexudicial para os particulares, sobre todo cando de trata de expropiacións parciais.

• Sinala que a finalidade da expropiación dos seus predios sería a servidume de paso de vías e liñas eléctricas soterradas, entendendo que para isto sería suficiente un arrendamento anual que permitise a conservación da propiedade e evitase a perda de valor dos predios pola súa expropiación parcial.

Solicita finalmente que se desestime a solicitude de declaración de utilidade pública dos predios da súa propiedade.

– Matilde Rodríguez Rodríguez, con data do 15 de febreiro de 2011, manifesta que é a propietaria do predio n.º 224 do proxecto, que figura a nome dos herdeiros de Francisco Rodríguez Lago.

Posteriormente, con data do 25 de abril de 2011, Matilde Rodríguez Rodríguez presenta novo escrito xuntando documento de aceptación e adxudicación de herdanza, no cal figuran os predios de Francisco Rodríguez Lago que lle corresponden a cada herdeiro.

– Marta Rodríguez Rodríguez, con data do 15 de febreiro de 2011, manifesta que é propietaria, por herdanza do seu pai Francisco Rodríguez Rodríguez, de tres predios incluídos na RBDA e solicita que figuren nesta ao seu nome.

– Manuel Francisco Rodríguez Rodríguez, con data do 15 de febreiro de 2011, manifesta que é propietario, por herdanza do seu pai Francisco Rodríguez Rodríguez, dun predio incluído na RBDA e solicita que figure nesta ao seu nome.

– José Emilio Cribeiro Salgueiro, no seu propio nome e en representación dos herdeiros de Xesús Cribeiro Salgueiro e de María Dolores Barcón Villasuso, con data do 18 de febreiro de 2011, reitera a súa alegación do 17 de setembro de 2010, solicitando ademais que se lle facilite plano do predio afectado, en que se identifiquen claramente as superficies ocupadas tanto polas vías como polas gabias, así como a distancia aos aeroxeradores máis próximos.

– Domingo Rodríguez Seoane, con data do 25 de febreiro de 2011, manifesta que o predio notificado a nome de Carmen Seoane Rivera pertence, por herdanza, aos seus tres fillos, Domingo, María del Carmen e María Nicolasa, polo que solicita notificacións individuais para os tres. Ademais, sinala que o número do predio non se corresponde cos datos catastrais. Así mesmo, solicita que se teña en consideración o disposto no Regulamento de expropiación forzosa sobre a indemnización que puidese corresponderlles, con anterioridade á ocupación do predio.

Posteriormente, con data do 3 de maio de 2011, completa a súa alegación presentando documentación xustificativa da titularidade, compartida polos tres irmáns, do predio referido.

– José María Estrada López, con data do 28 de febreiro de 2011, manifesta, mediante dous escritos independentes, que os predios afectados da súa propiedade están dedicados a plantación de eucaliptos e, polo tanto, non é correcta a clasificación de monte alto recollida nas notificacións que se lle remitiron.

– Verónica Estrada Alonso, con data do 28 de febreiro de 2011, manifesta, mediante dous escritos independentes, que os predios afectados da súa propiedade están dedicados a plantación de eucaliptos e, polo tanto, non é correcta a clasificación de monte alto recollida nas notificacións que se lle remitiron.

– Josefa Galdo López, con data do 4 de maio de 2011, manifesta que é titular dun predio no lugar de Coto de Anido, do cal non se lle notificou afección, pero que considera que podería estar afectado xa que na RBDA aparece un predio nese lugar que figura como de titular descoñecido. Achega documentación descritiva do predio e xustificativa da súa titularidade.

– Francisco Juncal Bares, con data do 3 de xuño de 2011, solicita que se lle teña por debidamente notificado da afección ao predio da súa propiedade.

Fundamentos de dereito:

1. A Consellería de Economía e Industria é a competente para resolver este procedemento, con fundamento no Decreto 79/2009, do 19 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e no Decreto 8/2011, do 28 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, en relación co artigo 28 do Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria e co artigo 27 do Decreto 302/2001, do 25 de outubro, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. No expediente instruído para o efecto cumpriuse o establecido na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, no antedito Decreto 302/2001, do 25 de outubro, en relación coa disposición transitoria cuarta da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normas vixentes de aplicación.

3. En canto ás alegacións presentadas durante o procedemento, analizado o seu contido e vistas as respostas da empresa promotora, exponse o seguinte:

En primeiro lugar, as alegacións relativas a erros e/ou omisións detectados na relación de bens e dereitos afectados, no que se refire á titularidade das parcelas, á magnitude das afeccións ou ao tipo de cultivos existentes nelas, ou a rectificacións que proceda efectuar con base en novas circunstancias que non se podían ter coñecido no momento da elaboración da devandita relación, así como a documentación xustificativa presentada xunto a elas, tomaranse en consideración, se procede, durante o procedemento expropiatorio.

Nalgúns casos, os alegantes manifestan que, á vista da documentación recibida xunto coa notificación individual, non poden identificar con exactitude as afeccións do proxecto ás súas parcelas. Con respecto a isto, cabe responder que durante o trámite de información pública, e tal como se indicaba nas notificacións individuais practicadas, toda a documentación incorporada ao expediente permaneceu exposta no Departamento Territorial da Consellería e Economía e Industria, para os efectos de que calquera persoa interesada a puidese consultar. En calquera caso, a empresa promotora, nas súas contestacións, manifestou a súa dispoñibilidade para aclarar calquera dúbida ao respecto facilitando un teléfono de contacto para o efecto.

Por outro lado, nalgunhas alegacións solicítase que as servidumes correspondentes á protección eólica e ao paso de gabias e/ou vías se consideren afeccións en pleno dominio, posto que impiden continuar co uso actual das parcelas. Esta é unha cuestión sobre a cal deberá decidirse durante a instrución do procedemento expropiatorio.

Pola súa parte, algunhas persoas alegantes mostran o seu desacordo coa declaración de utilidade pública do proxecto e manifestan que a empresa promotora non intentou a negociación con elas, imposibilitando a consecución de acordos. Respecto a isto, cabe responder que a empresa promotora, en resposta ás alegacións recibidas, manifestou que xa tiña tentado, e continuaba pretendendo acadar acordos coa persoas afectadas, así como a súa vontade de continuar negociando coa totalidade delas unha vez finalizado o trámite de información pública e durante un eventual proceso expropiatorio.

De acordo con todo o anterior,

RESOLVO:

Declarar a utilidade pública, en concreto, das instalacións do proxecto do parque eólico modificado de Punta Maeda, segundo o previsto nos artigos 52 e 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, conforme o establecido nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que estimen pertinente.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2011.

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas