Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Venres, 13 de abril de 2012 Páx. 13298

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

ORDE do 12 de abril de 2012 pola que se establecen as condicións da emisión de obrigas da Comunidade Autónoma de Galicia polo importe de 13 millóns de euros.

Con base no artigo 35 da Lei 11/2011, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012, autorízase a realización das operacións financeiras recollidas na indicada lei, mediante a emisión de débeda pública ou a concertación de créditos.

Así mesmo, no artigo 33 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia establécese que as emisións de débeda pública ou operacións de crédito que realice a comunidade terán que ser autorizadas, en todo caso, polo conselleiro de Economía e Facenda dentro dos límites sinalados pola lei, ao cal corresponderá, tamén, autorizar as súas características técnicas e o seu tipo de xuro, se estes non fosen determinados pola súa lei de creación. Esta facultade corresponde na actualidade á conselleira de Facenda en virtude da nova estruturación dos departamentos da Xunta, regulada polos decretos 1/2012, do 3 de xaneiro, e 13/2012, do 4 de xaneiro.

Mediante acordos do Consello de Ministros do 27 de xaneiro de 2012 e do 17 de febreiro de 2012, obtívose a autorización establecida no artigo 14.3 da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo único.

A presente orde ten por obxecto realizar un novo tramo (tramo 4), por un importe nominal de 13 millóns de euros, da emisión de débeda pública da Comunidade Autónoma de Galicia que, baixo a forma de obrigas da Xunta de Galicia, foi emitida o 26 de marzo de 2010, ao tipo de xuro do 4,805% e amortización dunha soa vez a par, aos dez (10) anos da data de emisión. (Código ISIN ES0001352303).

As datas de amortización e vencemento de cupóns, así como o tipo de xuro nominal anual e demais condicións deste novo tramo da emisión de débeda pública que autoriza a presente orde, serán estas que se estableceron na Orde do 24 de marzo de 2010, pola que se establecen as condicións da emisión de obrigas da Comunidade Autónoma de Galicia por importe de 500 millóns de euros (Diario Oficial de Galicia núm. 57, do 25 de marzo de 2010), coas seguintes excepcións:

Importe nominal da emisión: trece (13) millóns de euros.

Data de emisión e desembolsamento do novo tramo: 16 de abril de 2012. Os valores que se emitan agregaranse á emisión anteriormente sinalada, tendo a consideración de ampliación daquela, coa que se xestionarán como unha única emisión a partir da súa posta en circulación.

Cupón corrido: 0,27645% sobre o importe nominal da emisión.

Prezo de emisión excluíndo o cupón corrido: 87,00985% sobre o importe nominal da emisión.

Prezo de emisión incluíndo o cupón corrido: 87,28630% sobre o importe nominal da emisión, libre de gastos para o subscritor.

Entidade colocadora: Banco Etcheverría.

Subscrición: a emisión das obrigas está destinada a investidores cualificados e o seu desembolsamento será realizado a través da entidade colocadora da emisión na data de emisión e desembolsamento, coa intervención do Banco de España de acordo cos procedementos que este ten establecidos para os membros do Mercado de Débeda Pública en Anotacións.

Disposición derradeira.

Esta orde terá efectos desde o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2012.

Elena Muñoz Fonteriz
Conselleira de Facenda