Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Luns, 2 de abril de 2012 Páx. 11597

I. Disposicións xerais

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DECRETO 103/2012, do 22 de marzo, polo que se regula o procedemento para a designación dos representantes de organizacións sindicais nos consellos sociais das universidades do Sistema Universitario de Galicia.

A Lei 1/2003, do 9 de maio, dos consellos sociais do Sistema Universitario de Galicia, regula no seu artigo 7 a composición destes órganos de goberno das universidades públicas da nosa Comunidade Autónoma.

O mencionado artigo, no seu punto 3, determina a distribución da representación dos intereses sociais que corresponderá a personalidades da vida cultural, profesional, económica, laboral ou social, concretando na letra d) a presenza nestes órganos de dous membros designados polos sindicatos máis representativos no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Pola súa banda, a Lei 11/1985, do 2 de agosto, orgánica de liberdade sindical, define o concepto de maior representatividade sindical de xeito que confire a estas organizacións unha singular posición xurídica, tanto de participación institucional como de acción sindical a todos os niveis territoriais e funcionais.

Tendo en conta que a mencionada Lei 1/2003 non concreta o procedemento que se vai seguir para a designación dos representantes sindicais nos consellos sociais das universidades do Sistema Universitario de Galicia, faise necesario proceder á súa regulación toda vez que, determinando a norma o número máximo de representantes por este sector, este pode non ser coincidente co número de organizacións sindicais que teñan recoñecida a cualificación de máis representativas a nivel autonómico, polo que se debe ter en conta tal circunstancia de xeito que se conxuguen os dereitos recoñecidos a elas con base na Lei orgánica de liberdade sindical.

Na súa virtude, en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, logo de informe do Consello Galego de Universidades, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e dous de marzo de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

Este decreto ten por obxecto a determinación do procedemento para a designación dos representantes das organizacións sindicais máis representativas, nos consellos sociais das universidades do Sistema Universitario de Galicia.

Artigo 2. Certificación da condición de maior representatividade.

Para proceder á determinación da composición dos consellos sociais das universidades do Sistema Universitario de Galicia, a consellería competente en materia de universidades solicitará ao órgano competente en materia de relacións laborais a expedición da certificación sobre as organizacións sindicais que teñen a condición de máis representativas no nivel da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3. Consulta e designación.

Unha vez constatada a condición de maior representatividade no ámbito da Comunidade Autónoma, a consellería competente en materia de universidades consultará ás organizacións sindicais que reúnan tal condición co fin de que, no prazo de dez días, procedan á designación das persoas que, cumprindo as condicións requiridas legalmente, representarán estas nos consellos sociais.

Artigo 4. Requisitos dos designados.

Para proceder á designación dos seus representantes, os sindicatos deberán ter en conta o cumprimento dos seguintes requisitos en cada un dos designados:

– Non poderán ser membros da propia comunidade universitaria, segundo o establecido na Lei orgánica 6/2007, do 21 de decembro, de universidades.

– Procurarase atender ao principio de presenza equilibrada en aplicación da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

– A duración do mandato de cada un dos membros dos consellos sociais non pode superar os catro anos, renovable por unha soa vez, segundo establece a Lei 1/2003, do 9 de maio, dos consellos sociais do Sistema Universitario de Galicia.

Artigo 5. Comunicación dos designados.

As organizacións sindicais comunicarán á persoa titular da consellería competente en materia de universidades os acordos de designación de membros cos nomes dos/das representantes elixidos/as, acompañados da seguinte documentación referida a cada un/unha deles/delas:

– Currículum vitae.

– Declaración de incompatibilidade.

Artigo 6. Determinación de quendas.

Co fin de garantir a representatividade en cada un dos consellos sociais das universidades do Sistema Universitario de Galicia, a fórmula para determinar a designación dos/as representantes sindicais nestes órganos será a seguinte:

a) Repartirase o tempo do mandato legalmente establecido, catro anos, en períodos mensuais de idéntica duración entre o número de sindicatos que teñan, no momento da constitución do órgano, o carácter de máis representativos na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Establecerase un sistema rotatorio das quendas, articulado de tal xeito que garanta a presenza, durante cada mandato, da totalidade dos sindicatos máis representativos en cada un dos consellos sociais por idéntico período temporal, alternando a súa presenza en cada un deles.

Artigo 7. Condición de membro.

A condición de membro do Consello Social por parte das persoas designadas adquirirase tras a publicación do seu nomeamento mediante a correspondente orde do titular da consellería competente en materia universitaria, segundo o disposto no artigo 7.5 da Lei 1/2003.

Para estes efectos, as organizacións sindicais remitirán á consellería competente en materia de universidades, cun mes de antelación respecto da data de remate de cada unha das quendas, a documentación referida no artigo 5 do presente decreto.

Disposición transitoria única.

No caso de que no período de tempo entre o acordo de designación polas organizacións sindicais e o efectivo nomeamento dos/as designados/as como membros do respectivo consello social concorran circunstancias que fagan modificar a condición de maior representatividade no conxunto da Comunidade Autónoma de Galicia, procederase a unha nova designación que recolla as novas circunstancias, seguindo o procedemento regulado na presente disposición.

Disposición derradeira primeira.

Facúltase o titular do departamento competente en materia de universidades para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e dous de marzo de dous mil doce.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria