Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Luns, 26 de marzo de 2012 Páx. 10458

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 14 de marzo de 2012, da Dirección de Recursos Humanos, pola que se abre o prazo para a inscrición de aspirantes de diversas categorías sanitarias de Enfermaría para vinculacións temporais no ámbito das institución sanitarias do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade.

No pacto subscrito pola Administración sanitaria de Galicia e as centrais sindicais CC.OO., CEMSATSE, CIG, CSI.F, UGT e USAE, publicado no DOG número 89, do 9 de maio de 2011, mediante Resolución conxunta do 26 de abril de 2011, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade e da Xerencia do Servizo Galego de Saúde, sobre selección de persoal estatutario temporal no ámbito do Servizo Galego de Saúde e entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade, regúlase o procedemento de selección das persoas aspirantes a nomeamentos estatutarios temporais no ámbito do Servizo Galego de Saúde e entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade.

Este pacto aplicarase a todos os nomeamentos temporais que resulte necesario formalizar nas diversas categorías estatutarias no ámbito do Servizo Galego de Saúde e nas entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade, baixo as modalidades establecidas no artigo 9 da Lei 55/2003, do 16 de decembro.

De acordo co punto 1.4.5 do pacto citado, como consecuencia dos importantes cambios organizativos e de carácter técnico que supón a aplicación do expediente electrónico a procesos de selección, logo de acordo na Comisión Central de Seguimento do Pacto na súa sesión do 27 de xaneiro, formalízase o inicio do proceso de inscrición para as listaxes seguintes:

1. Enfermeiro/a.

2. Enfermeiro/a da Fundación Pública Urxencias Sanitarias-061.

3. Enfermeiro/a especialista en obstetricia-xinecoloxía (matrón/matroa).

As persoas interesadas en formar parte das listas deberán inscribirse nos modelos formalizados de instancia e a través do currículo profesional habilitado electronicamente na páxina web do organismo www.sergas.es, no punto FIDES/expedient-e, imprimir o formulario en papel e formalizar o rexistro administrativo.

Na inscrición farase constar expresamente a/s categoría/s á/ás que opta e ámbito territorial de dispoñibilidade e demais declaracións que constan no modelo de inscrición.

As primeiras listas xeraranse coas persoas inscritas ata o 26 de abril de 2012. Os méritos que serán tidos en conta nesta primeira xeración de listas serán os causados ata o día 11 de abril de 2012 coa puntuación e número de orde que resulte da aplicación dos baremos OPE 2008/2009 e daqueles que se determinan para as categorías estatutarias non incluídos na referenciada oferta pública e que figuran na paxina web do organismo: www.sergas.es

A partir desta primeira xeración, a inscrición será aberta e permanente no sistema informático expedient-e coas previsións contidas nos puntos II.4.3.1 e II.4.4 do pacto.

Nos diversos centros de xestión do organismo, nas unidades de validación constituídas neles, facilitaráselles ás persoas interesadas a información e apoio para a presentación da solicitude de inscrición e demais actuacións de xestión do expedient-e e dos procesos habilitados. Así mesmo, estarán á disposición das persoas interesadas equipos informáticos nos distintos centros, para facilitar o acceso ás persoas que non dispoñan dos ditos medios.

Esta resolución dítase tendo en conta o principio de igualdade de trato entre mulleres e homes, no que se refire ao acceso ao emprego, de acordo co artigo 14 da Constitución española, coa Directiva comunitaria do 9 de febreiro de 1976 e no previsto na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, así como na Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para igualdade de mulleres e homes, na redacción modificada pola Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia.

Logo do acordo do contido desta resolución no seo da Comisión Central de Seguimento do Pacto que tivo lugar o día 27 de xaneiro, esta Dirección de Recursos Humanos

RESOLVE:

Primeiro. Obxecto.

Por medio desta resolución procédese a abrir o prazo para a inscrición das persoas aspirantes interesadas en presentar a súa solicitude nas listas que se confeccionen en aplicación do Pacto de Selección Temporal de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde (Diario Oficial de Galicia número 89, do 9 de maio de 2011), para o acceso ás vinculacións temporais neste organismo, nas seguintes categorías:

1. Enfermeiro/a.

2. Enfermeiro/a da Fundación Pública Urxencias Sanitarias-061.

3. Enfermeiro/a especialista en obstetricia-xinecoloxía (matrón/matroa).

Segundo. Solicitudes e prazo.

1. Solicitudes de inscrición.

1.1. A inscrición resulta obrigatoria para todas as persoas interesadas en figurar nas listas que se elaboren por cada categoría das previstas no punto anterior, debendo presentar unha solicitude por cada categoría na que desexe inscribirse. Unha vez confirmada a inscrición electronicamente no formulario de solicitude, non poderá modificarse. O formulario confirmado debe imprimirse e presentarse nos rexistros administrativos.

1.2. A solicitude formalizarase nos modelos normalizados de instancia e a través do currículo profesional habilitado electronicamente na páxina web do organismo www.sergas.es, no punto correspondente do FIDES/expedient-e, no punto procesos.

1.3. Na inscrición farase constar expresamente a/s categoría/s á/ás que opta e ámbito territorial de dispoñibilidade e demais declaracións que constan no modelo relacionadas cos requisitos de admisión.

1.4. As persoas de acceso libre terán que inscribirse dentro do punto de selección temporal. O persoal fixo do Servizo Galego de Saúde para participar na promoción interna temporal terá que inscribirse dentro do punto de promoción profesional.

1.5. Os ámbitos de inscrición das listas, en ambas as quendas de acceso, segundo sexan de comunidade autónoma ou de área ou zona, recóllense no anexo I.

1.6. As persoas aspirantes poderán solicitar a súa inclusión nunha ou máis das categorías convocadas de acordo co anexo I.b) bloque I, do Pacto de selección de persoal estatutario temporal vixente, por ser estas compatibles. Non obstante, a inscrición na categoría de enfermeiro/a especialista en obstetricia-xinecoloxía (matrón/matroa) é incompatible coa inscrición en calquera outra categoría estatutaria, segundo o disposto no anexo I do Pacto citado.

1.7. En caso de indispoñibilidade nalgunha área ou zona acudirase ás limítrofes (anexo IV). Os centros que comprenden as áreas son os determinados nos respectivos mapas sanitarios. Para aquelas listaxes cuxo ámbito sexa o da Comunidade Autónoma, non caberá opción, tendo en conta o carácter unitario da lista.

1.8. As solicitudes en papel, que resultan da impresión da inscrición automatizada, poderán presentarse nas oficinas de rexistro da Xunta de Galicia, nos rexistros das direccións provinciais do Servizo Galego de Saúde e nos rexistros dos centros hospitalarios e das xerencias de Atención Primaria do Servizo Galego de Saúde, e nas Xerencias de Área de Xestión Integrada, de ser o caso, así como nos órganos e nas condicións ás que se refire o artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e dirixiranse a unha unidade de validación das relacionadas no propio formulario electrónico de solicitude de inscrición. Recoméndase remitir a inscrición á mesma unidade onde xa consta o resto de documentación de méritos, de ser o caso.

1.9. A inscrición electrónica unha vez xerada non será modificable. De haber diferenzas entre os datos rexistrados electronicamente e os rexistrados administrativamente en papel, terán validez estes últimos sobre os primeiros.

2. Prazo.

2.1. Para a primeira xeración de listas, poderanse formalizar as solicitudes desde o 27 de marzo ata o 26 de abril de 2012. Os méritos computables serán os causados ata o 11 de abril de 2012 e acreditados dentro das datas anteriormente citadas.

2.2. Para adquirir a condición de aspirante nas novas listas, figúrese ou non nas listas con anterioridade, será requisito imprescindible presentar a solicitude por dúas vías: electrónica e documental.

2.3. Unha vez xeradas as primeiras listas, a inscrición será aberta e permanente. De rexistrar a inscrición con posterioridade ao 26 de abril de 2012, o/a aspirante figurará na seguinte xeración de listas.

Terceiro. Requisitos.

1. Normas xerais.

Poderán inscribirse nas listas as persoas interesadas que, antes do remate do prazo previsto no punto 2.1, reúnan os seguintes requisitos:

1.1. Requisitos comúns.

a) Nacionalidade.

a.1) Ter a nacionalidade española.

a.2) Ser nacional dalgún dos demais Estados membros da Unión Europea ou nacional dalgún Estado no que, en virtude dos tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as.

a.3) Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, o cónxuxe dos/as españois e dos/as nacionais dalgún dos demais estados membros da Unión Europea e dos/as nacionais dalgún Estado ao/s que, en virtude dos tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as, sempre que non estean separados/as de dereito. Así mesmo, coas mesmas condicións poderán participar os/as seus/súas descendentes e os/as do seu cónxuxe sempre que non estean separados/as de dereito, sexan menores de 21 anos ou maiores da devandita idade dependentes.

b) Idade: ter cumpridos os 16 anos de idade e non exceder da idade de xubilación forzosa.

c) Capacidade funcional: posuír a capacidade funcional necesaria para o desempeño das funcións que deriven do/s correspondente/s nomeamento/s, que se acreditará conforme o procedemento que para o efecto se estableza.

Para a protección da seguridade e saúde dos profesionais e da calidade asistencial, a administración sanitaria poderá requirir, en calquera momento, da UPRL ou órgano competente, no transcurso dalgunha vinculación e a través do procedemento que para o efecto se estableza, a verificación do mantemento da capacidade funcional das persoas aspirantes cando, por razón das ausencias destas no transcurso de vinculacións precedentes ou de calquera outra circunstancia, resulte necesario determinar a súa aptitude para futuros nomeamentos.

Se como resultado da valoración se concluíse que a persoa aspirante non reúne a capacidade funcional necesaria, esta manterase en situación de suspensión de chamamentos na lista da categoría correspondente ata a recuperación do dito requisito. Non entanto, a persoa aspirante suspendida poderá solicitar a revisión da súa capacidade funcional, de considerar que se produciu unha mudanza desta, ante o citado órgano.

d) Habilitación: non ter sido separado/a do servizo, mediante expediente disciplinario, de calquera servizo de saúde ou Administración pública nos seis anos anteriores, nin estar inhabilitado con carácter firme para o exercicio de funcións públicas nin, se é o caso, para a correspondente profesión.

No caso dos/as nacionais doutro Estado, non atoparse inhabilitado/a, por sanción ou pena, para o exercicio profesional ou para o acceso a funcións ou servizos públicos nun Estado membro, nin ser separado/a, por sanción disciplinaria, dalgunha das administracións ou servizos públicos nos seis anos anteriores.

e) Titulación: posuír a titulación prevista na Resolución da Secretaría Xeral do Servizo Galego de Saúde do 18 de febreiro de 2009 publicada no DOG número 40, do 26 de febreiro pola que se convoca concurso oposición para diversas categorías de persoal estatutario, que habilita para o exercicio da profesión correspondente ou estar en condicións de obtela antes da data prevista no punto 2.1. As titulacións requiridas están recollidas no anexo V.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberán posuír o documento que acredite fidedignamente a súa homologación.

f) Aboamento das taxas por dereito de 1.ª inscrición que, se é o caso, correspondan, segundo o disposto na base décimo segunda.

Os requisitos deben reunirse durante todo o período de permanencia na lista correspondente.

1.2. Promoción profesional:

O persoal fixo interesado en promocionar internamente deberá reunir, ademais dos requisitos indicados no punto anterior, os seguintes requisitos:

a) Ter a condición de persoal estatutario fixo no Servizo Galego de Saúde nunha categoría/especialidade de nivel académico igual ou inferior á que se opta.

b) Estar en servizo activo e con nomeamento como persoal estatutario fixo durante, polo menos, un ano na categoría de procedencia. Ao persoal integrado no réxime estatutario seralle computado, para os efectos do prazo previsto no parágrafo anterior, o tempo de servizos prestado como funcionario de carreira ou laboral fixo.

c) Posuír a titulación requirida na Resolución da Secretaría Xeral do Servizo Galego de Saúde do 18 de febreiro de 2009 publicada no DOG número 40, do 26 de febreiro pola que se convoca concurso-oposición para diversas categorías de persoal estatutario, para o acceso á categoría á que se opta e recollidas no anexo V.

2. Aspirantes excluídos.

Non serán admitidas as solicitudes das persoas que fosen excluídas das listas confeccionadas en aplicación dos pactos do 1 de abril de 1993 (DOG do 13 de abril), do 27 de abril de 1994 (DOG do 12 de maio), do 21 de decembro de 1995 (DOG do 19 de xaneiro), do 28 de febreiro de 1997 (DOG do 10 de marzo), do 4 de febreiro de 2000 (DOG do 25 de febreiro) e do 24 de maio de 2004 (DOG do 1 de xuño) polas causas de penalización previstas nos citados pactos, agás que dispoñan de autorización expresa para reincorporarse ás listas, nos termos dispostos no punto V do Pacto de Selección Temporal.

Cuarto. Rexistro electrónico de datos e avaliación.

4.1. Os datos persoais e demais requisitos e méritos deberán ser rexistrados no expedient-e, logo de acceso a este, sendo o expediente electrónico profesional iniciado por Resolución do 15 de xullo de 2011 (DOG número 139, do 20 de xullo).

4.2. A acreditación do cumprimento dos requisitos e méritos consignados no expediente e no formulario de inscrición debe ser efectuada pola persoa interesada antes de que remate o prazo do punto 2.1. Para iso, deben achegar os documentos orixinais ou copias compulsadas con anterioridade á data prevista no punto 2.1, no caso de non telo feito con anterioridade, desde a apertura do expedient-e; de ser así, non terán que volver a entregar a documentación xa achegada. Non obstante, a Administración en calquera momento poderá requirir a persoa aspirante a acreditación documental complementaria de calquera requisito ou mérito.

4.3. Non será necesario acreditar documentalmente porque o órgano convocante xa dispón destes datos, a seguinte información:

– A superación do exercicio ou exercicios da fase de oposición da última convocatoria de OPE das categorías convocadas.

– A experiencia profesional como persoal estatutario nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade, agás o previsto no punto seguinte en relación coas áreas especiais de enfermaría.

– A permanencia e efectiva dispoñibilidade nas listas especiais para os nomeamentos de curta duración.

– Datos validados no sistema informático expedient-e.

4.4. A falta de acreditación pola persoa interesada do cumprimento dos requisitos de admisibilidade consignados na solicitude de inscrición así como a consignación de datos falsos na mesma, levará consigo a perda do dereito a figurar inscrita na lista correspondente, sen prexuízo das demais responsabilidades a que houber lugar.

Quinto. Áreas especiais de enfermaría.

5.1. A cobertura das necesidades de vinculación de enfermeiro/a nas áreas de UCI-Reanimación-Queimados, UCI Pediátrica, Quirófano, Hemodiálise, Transplantes, Hospital de Día Onco-Hematolóxico, Hospital de Día Onco-Pediátrico, Prematuros-Neonatos, Servizos de Transfusión e Urxencias Hospitalarias efectuarase, con carácter preferente, por aquelas persoas aspirantes que, ademais dos requisitos previstos no punto 4.3 anterior, fagan constar na solicitude de inscrición e acrediten, nos termos exixidos no pacto de selección temporal, unha experiencia profesional mínima de dous meses, na/s respectiva/s áreas e categoría, dentro do Sistema Nacional de Saúde e/ou formación práctica específica na categoría e área/s solicitada/s, impartida polo Servizo Galego de Saúde. As áreas especiais dotadas para cada ámbito figuran no anexo II.

5.2. Con carácter particular para o primeiro proceso de inscrición, a acreditación da experiencia profesional requirida, efectuarase coa achega de certificación expedida pola respectiva xerencia de institucións sanitarias do Sistema Nacional de Saúde, incluídos centros do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade, e na que se faga constar a concorrencia deste requisito por parte da persoa aspirante.

5.3. Así mesmo, a formación práctica específica prevista neste mesmo punto, será a impartida polo Servizo Galego de Saúde. Ditarase un procedemento de acceso á formación e instrucións que, en desenvolvemento do pacto, se elaboren, logo de acordo na Comisión Central de Seguimento do Pacto. Para estes efectos, as persoas aspirantes poderán manifestar no propio modelo de solicitude a súa dispoñibilidade para participar nos programas formativos daquelas áreas especiais ás que queiran optar e que sexan convocadas e impartidas no ámbito territorial da súa área de inscrición.

5.4. Non será preciso achegar documentación xustificativa da concorrencia do/s requisitos/s exixido/s no caso daquelas persoas aspirantes que xa figurasen admitidas nas mesmas áreas especiais con ocasión do anterior proceso de selección temporal, por tratarse dunha información xa dispoñible pola administración sanitaria. Para os servizos de transfusión teranse en conta as persoas admitidas no Banco de Sangue nas listas anteriores.

5.5. Nas listas que se elaboren farase constar de forma diferenciada a relación de persoas aspirantes admitidas en listas especiais por acreditar méritos.

Sexto. Nomeamentos de curta duración.

Na categoría de enfermeiro/a elaboraranse listas específicas nos ámbitos que se determinan para nomeamentos de curta duración co obxecto de dar cobertura ás necesidades de persoal estatutario producidas como consecuencia de ausencias de carácter urxente e non programado, de duración non superior a 4 días.

No ámbito de cada área ou zona, confeccionaranse dúas listas, para a prestación de servizos, respectivamente, nos centros de atención primaria e de especializada comprendidos no citado ámbito territorial.

As persoas interesadas na formalización de tales nomeamentos deberán facelo constar na respectiva solicitude de inscrición, indicando o ámbito de prestación de servizos polo que optan, dentro da mesma área da lista xeral. Cada persoa aspirante só poderá inscribirse nunha lista de curta duración. Os ámbitos onde se crearán estas listas de curta duración veñen determinados no anexo III desta resolución.

Os centros ou complexos interesados nas ditas listas, previo o seu tratamento na Xunta de Persoal da área respectiva, farán a oportuna proposta á comisión central de seguimento do pacto, que resolverá sobre a súa pertinencia e o número de aspirantes que proceda incluír, en atención ás circunstancias concorrentes e ás necesidades reais de vinculación manifestadas por aqueles.

O chamamento das persoas aspirantes incluídas nas listas especiais para nomeamentos de curta duración levarase a cabo polo órgano da estrutura de Xestión Integrada, con competencias en materia de recursos humanos, que determine a respectiva Xerencia, seguindo rigorosamente a orde de puntuación acadada por aquelas.

A incorporación da persoa aspirante a unha lista especial para nomeamentos de curta duración non impedirá o seu chamamento para as vinculacións de duración igual ou superior a tres meses que lle correspondan pola orde de prelación que ocupen na lista ordinaria.

Sétimo. Nomeamentos de curta duración no ámbito da Fundación Pública Urxencias Sanitarias-061.

A cobertura das necesidades de vinculación de persoal de enfermaría na Fundación Pública Urxencias Sanitarias-061, de duración previsible non superior a 60 días, será efectuada, con carácter preferente, por aquelas persoas aspirantes que, inscritas na lista do dito ámbito, fagan constar na solicitude de inscrición e acrediten, nos termos exixidos no pacto, unha experiencia profesional mínima de dous meses no Sistema Nacional de Saúde, como enfermeiro/a nas áreas de urxencias e emerxencias extrahospitalarias tipo SEM, urxencias extrahospitalarias, urxencias hospitalarias, UCI ou reanimación e/ou formación práctica específica nas referidas áreas, impartida polo Servizo Galego de Saúde e debidamente acreditada.

A acreditación documental do/dos requisito/s exixido/s, así como o réxime de exención de tal acreditación acomodaranse ao disposto nos puntos 5.2, 5.3 e 5.4 anteriores.

Para tal efecto, a lista que se elabore, que será única para o ámbito da comunidade autónoma, fará constar de forma diferenciada a relación de persoas aspirantes que acreditaron o/s indicado/s mérito/s.

Oitavo. Nomeamentos a tempo parcial.

As persoas interesadas que soliciten a inclusión nas listas deberán facer constar no espazo habilitado no formulario de inscrición a súa voluntaria aceptación ou non ás ofertas de nomeamentos a tempo parcial que poidan xurdir na categoría e ámbito respectivo.

En defecto de consignación expresa, entenderase que a persoa aspirante non acepta voluntariamente a formalización do dito tipo de nomeamentos.

O chamamento para a formalización de nomeamentos a tempo parcial nos centros e institucións do Servizo Galego de Saúde efectuarase a favor das persoas aspirantes que tivesen manifestado expresamente a súa opción de dispoñibilidade á formalización do dito tipo de vínculos. Nos chamamentos que se efectúen respectarase a orde de puntuación das persoas aspirantes.

Nos supostos de indispoñibilidade de profesionais con opción voluntaria á formalización de nomeamentos a tempo parcial, os chamamentos efectuaranse entre as persoas aspirantes que figuren inscritas na lista da respectiva categoría, con independencia da opción formulada e seguindo rigorosamente a orde de puntuación. A renuncia ao nomeamento proposto penalizarase nos termos do punto IV do Pacto, de modo que a penalización acordada estenderase a todas as listas nas que figure admitida a persoa aspirante na respectiva categoría.

Noveno. Puntuación.

9.1. Para proceder a resolver sobre a avaliación de méritos das persoas aspirantes, constituirase unha comisión de avaliación que estará composta por persoal designado pola administración sanitaria nos servizos centrais do organismo.

9.2. A puntuación obterase automaticamente por aplicación dos resultados e puntuación obtida nos exercicios do concurso oposición destas categorías, e o baremo de méritos previsto na Resolución do 18 de febreiro de 2009 publicada no DOG do 26 de febreiro.

9.3. Serán de aplicación, así mesmo, as demais disposicións previstas no punto II. 3 de baremo do Pacto (Diario Oficial de Galicia número 89, do 9 de maio).

Décimo. Procedemento de elaboración das listas.

10.1. As listas de selección de persoal estatutario temporal das categorías convocadas elaboraranse de conformidade con previsto no punto II.4 do Pacto citado.

10.2. A elaboración das listas efectuarase a través do sistema informático (FIDES/expediente profesional), ao que se accederá a través da páxina web do Servizo Galego de Saúde.

10.3. Integrarán cada área sanitaria/zona, para os efectos desta convocatoria, os centros, unidades e dispositivos asistenciais dependentes do Servizo Galego de Saúde e entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade con localización no referido ámbito territorial, nos termos da normativa autonómica sobre estrutura de áreas e ordenación territorial no ámbito sanitario.

10.4. Publicaranse, de forma sucesiva, catro listas. A primeira lista, que terá carácter provisional, determinará a relación de persoas aspirantes admitidas e excluídas nas listas de cada categoría, podendo os/as interesados/as presentar reclamación perante as direccións das áreas de xestión integrada, as direccións provinciais do organismo, e as direccións con competencias na xestión de persoal nas entidades adscritas á Consellería de Sanidade nun prazo máximo de dez días a partir do día seguinte á súa publicación. As reclamacións entenderanse estimadas ou desestimadas coa publicación das segundas listaxes previstas no parágrafo seguinte.

10.5. A segunda lista determinará a publicación da lista definitiva de aspirantes excluídos por cada categoría, contra a cal os/as aspirantes poderán interpoñer recurso de alzada perante a Dirección de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación.

10.6. A terceira lista será a lista provisional aspirantes admitidos por cada categoría e ámbito, coa súa puntuación, segundo o baremo aplicable, e co número de orde provisional na prelación de chamamentos na referenciada listaxe. Contra estas listas, poderán as persoas interesadas presentar reclamación perante os mesmos órganos e co mesmo prazo que se transcribe no punto 10.4 anterior. Estas reclamacións entenderanse estimadas ou desestimadas coa publicación das listaxes definitivas de aspirantes admitidos con número de orde e puntuación.

10.7. A cuarta lista determinará a publicación das listaxes definitivas de aspirantes admitidos con número de orde e puntuación, contra as cales os/as aspirantes poderán interpoñer recurso de alzada perante a Dirección de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación.

Undécimo. Entrada en vigor das listas.

As listas que se elaboren en execución desta convocatoria entrarán en vigor na data indicada na resolución pola que se publiquen as listaxes definitivas de persoas aspirantes admitidas con número de orde e puntuación.

A publicación das listas formalizarase na páxina web do organismo (www.sergas.es).

O chamamento e demais características da xestión das listas serán as previstas no pacto citado.

Duodécimo. Aboamento de taxas.

De conformidade co disposto na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG número 240, do 11 de decembro) como requisito necesario para participar neste proceso, as persoas aspirantes que accedan por primeira vez e aquelas que, figurando nas listas anteriores, soliciten o cambio de categoría ou, de ser o caso, a inscrición nunha ou máis dunha categoría adicional das convocadas na presente resolución, deberán aboar previamente en concepto de dereitos de inscrición nas listaxes o importe de 16,98 € e, se é o caso, os gastos de transferencia correspondentes, mediante ingreso ou transferencia bancaria nalgunha das sucursais das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación.

O impreso de autoliquidación, así como os códigos para a súa formalización, seranlles facilitados ás persoas interesadas nas direccións provinciais do Servizo Galego de Saúde, nos centros e complexos hospitalarios, nas xerencias de área e nas xerencias de Atención Primaria e estarán publicados, así mesmo, na páxina web do Servizo Galego de Saúde. A non presentación deste impreso de autoliquidación, no que deberá figurar o selo da entidade bancaria, xunto co formulario de solicitude de inscrición, determinará a exclusión da persoa aspirante.

Así mesmo, poderase facer efectivo o aboamento da taxa por internet nas entidades financeiras actualmente autorizadas. En tal caso, accederase á páxina web da Consellería de Economía e Facenda (www.economiaefacenda.org) e, dentro desta, á lenda «Oficinas virtuais e tributaria». Premerase entón a lenda «Servizos de acceso libre», e logo, situándose no menú da marxe esquerda, premerase «Taxas, prezos, multas e sancións». Realizado o pagamento da taxa correspondente, imprimirase o xustificante de tela aboado e achegarase coa solicitude.

En ningún dos casos o dito xustificante substituirá o trámite de presentación da solicitude no tempo e na forma establecidos.

Estarán exentas do aboamento desta taxa as persoas que acrediten unha discapacidade igual ou superior ao 33%, así como as que sexan integrantes de familias numerosas clasificadas na categoría especial; no caso de seren membros de familia numerosa de categoría xeral, terán unha bonificación do 50%. Así mesmo, gozarán dunha bonificación do 50% as persoas que figurasen como demandantes de emprego, desde, polo menos, seis meses antes da data de publicación da presente resolución, e non estivesen percibindo prestación ou subsidio por desemprego.

Tales circunstancias deberán ser acreditadas, respectivamente, mediante fotocopia compulsada da cualificación de discapacidade, a través do título oficial de familia numerosa, ou con certificación negativa da percepción actual de prestación/subsidio por desemprego e da antigüidade como demandante de emprego expedida polo Servizo Público de Emprego.

Así mesmo, non terán que aboar esta taxa as persoas aspirantes xa inscritas en procesos precedentes na mesma categoría que tan só cambien de área/zona de inscrición e/ou o acceso a algunha ou algunhas das áreas especiais, así como as que, a través do expedient-e, modificasen os seus datos persoais ou actualizasen os seu currículo de méritos.

As persoas excluídas disporán do prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da data da resolución pola que se publiquen as listas definitivas de persoas aspirantes excluídas, para solicitar a devolución das taxas aboadas en concepto de inscrición.

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2012.

Esperanza Fernández Lago
Directora de Recursos Humanos

ANEXO I
Comunidade Autónoma/Áreas e zonas

Ámbitos listas:

A) Para as listas de enfermeiro/a e de enfermeiro/a especialista en obstetricia-xinecoloxía (matrón/matrona).

Áreas/zonas:

1. Ferrol (segundo a ordenación disposta no Decreto 126/1984, do 27 de xullo, do Mapa Sanitario de Galicia, modificado polo Decreto 55/1989, do 5 de abril).

2. A Coruña (segundo a ordenación disposta no Decreto 126/1984, do 27 de xullo, do Mapa Sanitario de Galicia, modificado polo Decreto 55/1989, do 5 de abril; de acordo coa revisión prevista no anexo I do Decreto 168/2010, do 7 de outubro, polo que se regula a estrutura de xestión integrada do Servizo Galego de Saúde; e con exclusión dos dispositivos asistenciais dispostos no parágrafo 3 seguinte).

3. A Coruña/zona de Cee.

3.1. Atención Primaria.

3.1.1. Concello de Camariñas-Centro de Saúde de Camariñas, Consultorio de Camelle e Consultorio de Ponte do Porto.

3.1.2. Concello de Vimianzo-Centro de Saúde de Vimianzo e PAC de Vimianzo.

3.1.3. Concello de Zas-Centro de Saúde de Zas e Consultorio de Baio.

3.1.4. Concello de Cee-Centro de Saúde de Cee e PAC de Cee.

3.1.5. Concello de Corcubión-Centro de Saúde de Corcubión.

3.1.6. Concello de Dumbría-Centro de Saúde de Dumbría e Consultorio de Ézaro.

3.1.7. Concello de Fisterra-Centro de Saúde de Fisterra.

3.1.8. Concello de Muxía-Centro de Saúde de Muxía.

3.2. Atención especializada.

3.2.1. Hospital Virxe da Xunqueira (Cee).

4. Santiago de Compostela (segundo a ordenación disposta no Decreto 126/1984, do 27 de xullo, do Mapa Sanitario de Galicia, modificado polo Decreto 55/1989, do 5 de abril; de acordo coa revisión prevista no anexo II do Decreto 168/2010, do 7 de outubro, polo que se regula a estrutura de xestión integrada do Servizo Galego de Saúde; e con exclusión dos dispositivos asistenciais dispostos no parágrafo 5 seguinte).

5. Santiago de Compostela/zona da Barbanza.

5.1. Atención Primaria.

5.1.1. Concello de Boiro-Centro de Saúde de Boiro, Casa do Mar Cabo de Cruz e PAC de Boiro.

5.1.2. Concello de Lousame-Centro de Saúde de Lousame.

5.1.3. Concello de Porto do Son-Centro de Saúde de Porto do Son, Centro de Saúde de Xuño e Consultorio de Portosín.

5.1.4. Concello da Pobra do Caramiñal-Centro de Saúde da Pobra do Caramiñal.

5.1.5. Concello de Ribeira-Centro de Saúde de Ribeira, Casa do Mar de Aguiño, Casa do Mar de Corrubedo e Casa do Mar de Palmeira.

5.2. Atención especializada.

5.2.1. Hospital da Barbanza (Ribeira).

6. Ourense (segundo a ordenación disposta no Decreto 126/1984, do 27 de xullo, do Mapa Sanitario de Galicia, modificado polo Decreto 55/1989, do 5 de abril, con exclusión dos dispositivos asistenciais dispostos no parágrafo 7 deste anexo I).

7. Ourense/zona de Verín.

7.1. Atención Primaria.

7.1.1. Concello de Castrelo do Val-Centro de Saúde de Castrelo do Val.

7.1.2. Concello de Cualedro-Centro de Saúde de Cualedro.

7.1.3. Concello da Gudiña-Centro de Saúde da Gudiña.

7.1.4. Concello de Laza-Centro de Saúde de Laza.

7.1.5. Concello da Mezquita-Centro de Saúde da Mezquita.

7.1.6. Concello de Monterrei-Centro de Saúde de Villaza-Monterrei e Consultorio de Albarellos.

7.1.7. Concello de Oímbra-Centro de Saúde de Oímbra.

7.1.8. Concello de Riós-Centro de Saúde de Riós.

7.1.9. Concello de Verín-Centro de Saúde de Verín e PAC de Verín.

7.1.10. Concello de Vilardevós-Centro de Saúde de Vilardevós.

7.1.11. Concello de Vilariño de Conso-Centro de Saúde de Vilariño de Conso.

7.2. Atención especializada.

7.2.1. Hospital de Verín (Verín).

8. O Barco de Valdeorras (segundo a ordenación disposta no Decreto 50/1992, do 19 de febreiro, polo que se crea a área de saúde do Barco de Valdeorras).

9. Lugo (segundo a ordenación disposta no Decreto 126/1984, do 27 de xullo, do Mapa Sanitario de Galicia, modificado polo Decreto 55/1989, do 5 de abril).

10. Burela (segundo a ordenación disposta no Decreto 126/1984, do 27 de xullo, do Mapa Sanitario de Galicia, modificado polo Decreto 55/1989, do 5 de abril).

11. Monforte de Lemos (segundo a ordenación disposta no Decreto 126/1984, do 27 de xullo, do Mapa Sanitario de Galicia, modificado polo Decreto 55/1989, do 5 de abril).

12. Pontevedra (segundo a ordenación disposta no Decreto 126/1984, do 27 de xullo, do Mapa Sanitario de Galicia, modificado polo Decreto 55/1989, do 5 de abril).

13. O Salnés (segundo a ordenación disposta no Decreto 342/1992, do 19 de novembro, polo que se crea a área de saúde do Salnés).

14. Vigo (segundo a ordenación disposta no Decreto 126/1984, do 27 de xullo, do Mapa Sanitario de Galicia, modificado polo Decreto 55/1989, do 5 de abril).

B) Para a lista de enfermeiro/a da Fundación Pública Urxencias Sanitarias-061.

Lista de ámbito único para todos os dispositivos sanitarios comprendidos no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

ANEXO II
Áreas especiais de enfermaría

1. A Coruña. Complexo Hospitalario Universitario da Coruña: UCI/Reanimación/Queimados, UCI Pediátrica, Quirófano, Hemodiálise, Transplantes, Hospital de Día Onco-Hematolóxico, Hospital de Día Onco-Pediátrico, Prematuros/Neonatos, Servizos de Transfusión e Urxencias Hospitalarias.

2. A Coruña/Cee. Hospital Virxe da Xunqueira (Cee): UCI/Reanimación/Queimados, Quirófano e Hemodiálise.

3. Área Sanitaria de Ferrol (Complexo Hospitalario Arquitecto Marcide/Novoa Santos): UCI/Reanimación/Queimados, UCI Pediátrica, Quirófano, Hemodiálise, Hospital de Día Onco-Hematolóxico, Prematuros/Neonatos, Servizos de Transfusión e Urxencias Hospitalarias.

4. Santiago de Compostela. Complexo Hospitalario Universitario de Santiago: UCI/Reanimación/Queimados, UCI Pediátrica, Quirófano, Hemodiálise, Transplantes, Hospital de Día Onco-Hematolóxico, Hospital de Día Onco-Pediátrico, Prematuros/Neonatos, Servizos de Transfusión e Urxencias Hospitalarias.

5. Santiago de Compostela/Barbanza. Hospital Comarcal da Barbanza (Ribeira): Quirófano, Hemodiálise e Urxencias Hospitalarias.

6. Burela. Hospital Comarcal da Costa (Burela): UCI/Reanimación/Queimados, Quirófano, Hemodiálise, Prematuros/Neonatos, Servizos de Transfusión e Urxencias Hospitalarias.

7. Lugo. Complexo Hospitalario Lucus Augusti (Lugo): UCI/Reanimación/Queimados, UCI Pediátrica, Quirófano, Hemodiálise, Hospital de Día Onco-Hematolóxico, Hospital de Día Onco-Pediátrico, Prematuros/Neonatos e Urxencias Hospitalarias.

8. Monforte. Hospital Comarcal de Monforte de Lemos: UCI/Reanimación/Queimados, Quirófano, Hospital de Día Onco-Hematolóxico, Hospital de Día Onco-Pediátrico, Prematuros/Neonatos, Servizos de Transfusión e Urxencias Hospitalarias.

9. Ourense. Complexo Hospitalario Universitario de Ourense: UCI/Reanimación/Queimados, UCI Pediátrica, Quirófano, Hemodiálise, Hospital de Día Onco-Hematolóxico, Hospital de Día Onco-Pediátrico, Prematuros/Neonatos, Servizos de Transfusión e Urxencias Hospitalarias.

10. Ourense/Verín. Hospital de Verín: UCI/Reanimación/Queimados, Quirófano e Urxencias Hospitalarias.

11. O Barco de Valdeorras. Hospital Comarcal do Barco de Valdeorras: UCI/Reanimación/Queimados, Quirófano, Hemodiálise, Prematuros/Neonatos, Servizos de Transfusión e Urxencias Hospitalarias.

12. O Salnés. Hospital Comarcal do Salnés (Vilagarcía de Arousa): UCI/Reanimación/Queimados, Quirófano, Hemodiálise, Prematuros/Neonatos, Servizos de Transfusión e Urxencias Hospitalarias.

13. Pontevedra. Complexo Hospitalario de Pontevedra: UCI/Reanimación/Queimados, Quirófano, Hemodiálise, Hospital de Día Onco-Hematolóxico, Hospital de Día Onco-Pediátrico, Prematuros/Neonatos, Servizos de Transfusión e Urxencias Hospitalarias.

14. Vigo. Complexo Hospitalario Universitario de Vigo e Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A.: UCI/Reanimación/Queimados e Quirófano. Complexo Hospitalario Universitario de Vigo: UCI Pediátrica, Hemodiálise, Transplantes, Hospital de Día Onco-Hematolóxico, Prematuros/Neonatos, Servizos de Transfusión e Urxencias Hospitalarias.

ANEXO III
Listas especiais para nomeamentos de curta duración de Enfermaría

1. A Coruña:

• Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.

• Dispositivos sanitarios de atención primaria da área sanitaria da Coruña.

2. A Coruña/Cee:

• Hospital Virxe da Xunqueira (Cee).

• Dispositivos sanitarios de atención primaria da zona sanitaria da Coruña/Cee.

3. Ferrol:

• Complexo Hospitalario Arquitecto Marcide/Novoa Santos (Ferrol).

• Dispositivos sanitarios de atención primaria da área sanitaria de Ferrol.

4. Santiago de Compostela:

• Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.

• Dispositivos sanitarios de atención primaria da área sanitaria de Santiago de Compostela.

5. Santiago de Compostela/Barbanza:

• Hospital Comarcal da Barbanza (Ribeira).

• Dispositivos sanitarios de atención primaria da zona sanitaria de Santiago de Compostela/Barbanza.

6. Burela:

• Hospital Comarcal da Costa (Burela).

• Dispositivos sanitarios de atención primaria da área sanitaria de Burela.

7. Lugo:

• Complexo Hospitalario Lucus Augusti (Lugo).

• Dispositivos sanitarios de atención primaria da área sanitaria de Lugo.

8. Monforte de Lemos:

• Hospital Comarcal de Monforte de Lemos.

• Dispositivos sanitarios de atención primaria da área sanitaria de Monforte de Lemos.

9. Ourense:

• Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.

• Dispositivos sanitarios de atención primaria da área sanitaria de Ourense.

10. Ourense/Verín:

• Hospital de Verín.

• Dispositivos sanitarios de atención primaria da zona sanitaria de Verín.

11. O Barco de Valdeorras:

• Hospital Comarcal do Barco de Valdeorras.

• Dispositivos sanitarios de atención primaria da área sanitaria do Barco de Valdeorras.

12. O Salnés:

• Hospital Comarcal do Salnés (Vilagarcía de Arousa).

• Dispositivos sanitarios de atención primaria da área sanitaria do Salnés.

13. Pontevedra:

• Complexo Hospitalario de Pontevedra.

• Dispositivos sanitarios de atención primaria da área sanitaria de Pontevedra.

14. Vigo:

• Complexo Hospitalario Universitario de Vigo.

• Dispositivos sanitarios de atención primaria da área sanitaria de Vigo.

ANEXO IV
Áreas/Zonas limítrofes

1. Para Ferrol. A Coruña, Santiago de Compostela, Lugo, Santiago de Compostela/zona da Barbanza e Burela, nesta orde.

2. Para A Coruña. A Coruña/zona de Cee, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo e O Salnés, nesta orde.

3. Para A Coruña/zona de Cee. A Coruña, Santiago de Compostela, Santiago de Compostela/zona da Barbanza, O Salnés e Pontevedra, nesta orde.

4. Para Santiago de Compostela. Santiago de Compostela/zona da Barbanza, A Coruña, O Salnés, Pontevedra e Vigo, nesta orde.

5. Para Santiago de Compostela/zona da Barbanza. Santiago de Compostela, O Salnés, Pontevedra, Vigo e A Coruña, nesta orde.

6. Para Burela. Lugo, Monforte de Lemos, Ferrol, A Coruña e Santiago de Compostela, nesta orde.

7. Para Lugo. Monforte de Lemos, Burela, A Coruña, Ferrol e Santiago de Compostela, nesta orde.

8. Para Monforte de Lemos. Lugo, Burela, Ourense, O Barco de Valdeorras e Ourense/zona de Verín, nesta orde.

9. Para Ourense. Ourense/zona de Verín, O Barco de Valdeorras, Monforte de Lemos, Santiago de Compostela e Lugo, nesta orde.

10. Para Ourense/zona de Verín. Ourense, O Barco de Valdeorras, Monforte de Lemos, Santiago de Compostela e Vigo, nesta orde.

11. Para O Barco de Valdeorras. Ourense, Ourense/zona de Verín, Monforte de Lemos, Lugo e Santiago de Compostela, nesta orde.

12. Para O Salnés. Pontevedra, Vigo, Santiago de Compostela, Santiago de Compostela/zona da Barbanza e A Coruña, nesta orde.

13. Para Pontevedra. O Salnés, Vigo, Santiago de Compostela, Santiago de Compostela/zona da Barbanza e Ourense, nesta orde.

14. Para Vigo. Pontevedra, O Salnés, Santiago de Compostela, Ourense e Santiago de Compostela/zona da Barbanza, nesta orde.

ANEXO V
Requisitos de titulación/formación

1. Para a lista de enfermeiro/a, así como para a lista de enfermeiro/a da Fundación Pública Urxencias Sanitarias-061 (deberá posuír, cando menos, unha das indicadas):

• Grao en enfermaría.

• Título de diplomado universitario en Enfermaría.

• Axudante Técnico Sanitario.

2. Para a lista de enfermeiro/a especialista en obstetricia-xinecoloxía (matrón/matroa):

a) Deberá posuír, cando menos, unha das titulacións indicadas:

• Grao en Enfermaría.

• Título de diplomado universitario en Enfermaría.

• Axudante Técnico Sanitario.

b) E adicionalmente deberá posuír, a titulación de especialista que se indica a seguir:

• Título de especialista en Enfermaría Obstétrico-Xinecolóxica (matrón/matroa).