Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Mércores, 21 de marzo de 2012 Páx. 9831

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 9 de marzo de 2012 pola que se convoca un curso de autocad para elaboración de atestados e dispositivos de tráfico, que se desenvolverá a través da internet.

Dentro das actividades programadas para o ano 2012 e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria dun curso de autocad para elaboración de atestados e dispositivos de tráfico, que se desenvolverá a través da internet, conforme as seguintes bases:

1. Datos da actividade.

– Denominación: autocad para elaboración de atestados e dispositivos de tráfico.

– Tipo: curso.

– Horas lectivas: 50.

– Modalidade: en liña.

– Obxectivos:

1. Perfeccionarse nos coñecementos de expresión gráfica.

2. Especializarse no manexo de paquetes de deseño para a confección de atestados ou informes.

3. Adoptar técnicas automatizadas para a representación gráfica nos informes.

– Contido:

Parte teórica: funcionalidades do programa autocad.

Parte práctica: formalización de casos prácticos.

2. Desenvolvemento da convocatoria.

– Destinatarios/as:

Persoal das forzas e corpos de seguridade en xeral, tendo preferencia o dos corpos de policía local de Galicia e da Unidade do CNP adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia, e no caso de quedaren prazas vacantes cubriríanse con persoal dos restantes corpos de seguridade que teñan destino na Comunidade Autónoma de Galicia; neste caso por rigorosa orde de entrada de solicitudes.

– Prazas ofertadas:

50 prazas.

Reservarase o 50% das prazas para solicitantes mulleres que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria, segundo o disposto no artigo 37.bis da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes.

3. Solicitudes de participación.

a) O persoal que desexe participar no curso convocado nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.es

Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

b) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

c) É conveniente consignar no formulario de solicitude un número de teléfono móbil co fin de poder realizar as notificacións necesarias.

d) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo do alumnado, que non se axusten ao formulario de solicitude ou que sexan presentadas fóra de prazo.

e) Prazo para a presentación de solicitudes: o prazo de inscrición e presentación de solicitudes de participación rematará o día 3 de abril de 2012.

4. Formulario normalizado de solicitude.

a) Os formularios de solicitude a que se refire a base anterior serán obtidos e cubertos pola persoa solicitante necesariamente a través da páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública, que poden encontrar no enderezo da internet http://agasp.xunta.es

b) Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo da internet disporase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes.

c) Os formularios poderán ser obtidos e cubertos ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

d) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Agasp a través do número de teléfono 886 20 61 10, do fax 886 20 61 22 ou do enderezo de correo electrónico formacion.agasp@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

– Criterios de selección:

a) Menor número de cursos realizados polo/a alumno/a solicitante nos últimos cinco anos, segundo consten nas bases de datos da academia, e non ter feito con anterioridade o curso que se convoca.

b) A igual número de cursos terá preferencia o alumnado que leve máis tempo sen participar nas actividades da academia.

c) Antigüidade.

– Listaxe de solicitudes seleccionadas:

O día 9 de abril de 2012 a Academia Galega de Seguridade Pública publicará no taboleiro de anuncios e no sitio web http://agasp.xunta.es as solicitudes de participación que resultaren seleccionadas segundo os criterios de selección mencionados anteriormente.

As persoas comprendidas na listaxe disporán do prazo de dous días, a partir da data de publicación, para acceder á plataforma e inscribirse no curso. O prazo rematará o 11 de abril ás 24.00 horas.

Rematado este prazo, as persoas seleccionadas non inscritas perderán o dereito a participar no curso, e a Academia procederá a cubrir as vacantes coa listaxe das reservas, segundo a orde correspondente. Esta inscrición faraa a Academia e comunicarase por correo electrónico á persoa interesada.

O curso estará operativo o día 16 de abril ás 9.00 horas.

– Incompatibilidade:

A participación neste curso resultará incompatible coa admisión do/a alumno/a noutra actividade da Agasp que se desenvolva paralelamente ou en edicións anteriores desta mesma temática.

– Obrigas das persoas seleccionadas:

As persoas que resulten seleccionadas e confirmen a súa inscrición no prazo previsto no punto anterior teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con cando menos 48 horas de antelación ao comezo desta. A dita renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formacion.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 22.

Noutro caso serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen, para as que reúna os requisitos exixidos de participación (artigos 18 e 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp, en relación co artigo 46 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro).

5. Desenvolvemento da actividade.

– Lugar: a través da plataforma de formación en liña.

– Horario: segundo disposición e necesidade do alumnado.

– Data de comezo: 16 de abril de 2012.

– Data de remate: 18 de xuño de 2012.

– Requirimentos técnicos mínimos para os equipamentos do alumnado:

As persoas con interese en desenvolver esta actividade formativa deberán dispor do programa autocad, versión 2010 ou superior, para poder traballar desde os seus propios equipamentos.

Os requirimentos técnicos para usar a web dos cursos da Agasp (baseada nunha ferramenta de aprendizaxe electrónica ou e-learning) son de nivel básico:

Aspectos recomendables para o PC:

A configuración mínima dun PC doméstico (en xeral, calquera con menos de cinco anos) é suficiente.

• Preferentemente conexión á internet de banda larga e un antivirus actualizado.

• Navegador: Internet Explorer 9.0 ou superior (recomendado) ou Mozilla Firefox 10.0.1.

• Ter Javascript e cookies activadas no navegador.

• Para ver os documentos en PDF necesitase ter instalado Acrobat Reader.

• Para que funcionen algúns elementos correctamente necesítase ter instalado o Adobe Flash Player.

• Ter desactivado o bloqueador de elementos emerxentes no navegador.

Cuestionarios e tarefas:

Durante o desenvolvemento do curso o alumnado participante deberá formalizar unha serie de cuestionarios e tarefas de acordo cun calendario de presentación; a non realización dalgún no prazo establecido será sancionada coa baixa no curso. No suposto de que os exercicios non acaden un nivel de exixencia mínimo segundo o criterio do profesor, farase unha primeira advertencia ao alumnado e, de non atender a indicación, poderá ser dado de baixa no curso.

Os cuestionarios, agás a proba presencial final, e a realización das tarefas faranse a través da plataforma de formación en liña.

– Certificados de aproveitamento:

Exixencias:

• Superación dos cuestionarios.

• Realización das tarefas segundo as exixencias que se indiquen.

• Proba presencial final do conxunto do curso.

– Proba final e certificado de aproveitamento:

O día 28 de xuño ás 10.00 horas, o alumnado que opte ao certificado de aproveitamento deberá superar a proba presencial final indicada que se desenvolverá na sede da Agasp.

6. Baremación da actividade.

Para os efectos do previsto nos anexos II e III da Orde do 28 de xaneiro de 2009 da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, publicada no DOG do 2 de febreiro, esta actividade terá unha baremación de 1,000 puntos.

7. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado pola Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro).

8. Modificacións e incidencias.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 9 de marzo de 2012.

José Carlos García Bouzas
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública