Dentro das actividades programadas para o ano 2012, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, de creación da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria da primeira práctica do Plan Anual de Adestramento Regulamentario para a seguridade no manexo das armas, que se desenvolverá conforme as seguintes bases:
Obxectivos.
– Facilitar o cumprimento do disposto no artigo 11.4 da Lei 4/2007, de coordinación de policías locais.
– Dispoñer de persoal actualizado nas prácticas de armamento e tiro policial de defensa.
– Controlar a práctica anual e regulamentaria do cadro de persoal, mediante un control e unha cartilla de tiro individual.
– Establecer distintos niveis para categorías de tirador, segundo a seguridade e habilidade que demostren no manexo das armas.
Destinatarios/as.
A actividade vai dirixida aos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que teñan interese en cumprir co disposto no artigo 11.4 da Lei 4/2007, relativo a garantir unha adecuada preparación no uso da arma regulamentaria para o persoal dos corpos de policía local.
Para tal fin, a Dirección Xeral da Academia Galega de Seguridade Pública establece un Plan Anual de Adestramento, no que se inclúen dúas prácticas anuais para o persoal dos concellos interesados.
Solicitudes.
Os concellos interesados deberán remitir o formulario que se atopa na páxina web http://agasp.xunta.es/es á Academia Galega de Seguridade Pública, avenida da Cultura, s/n, A Estrada (Pontevedra), antes do día 13 de abril de 2012.
As solicitudes poderán presentarse a través do fax da Agasp núm. 886 20 61 22, ou de acordo co previsto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
As solicitudes deberán estar autorizadas pola Alcaldía, concellería ou xefe de persoal, segundo proceda.
Todos aqueles concellos que adquirisen recentemente armas regulamentarias para a policía local terán preferencia para efectuar as prácticas regulamentarias, indispensables para un mellor coñecemento da nova arma e a adquisición da destreza suficiente para o seu manexo coa seguridade e habilidade necesarias.
Medios.
Para o desenvolvemento da actividade, o alumnado deberá traer cadansúa arma regulamentaria da dotación e a munición correspondente para as prácticas. A Academia Galega de Seguridade Pública nomeará os profesores e instrutores necesarios.
Determinación da data das prácticas.
A primeira práctica do plan terá lugar do 7 ao 23 de maio de 2012 cun horario de 9.30 a 21.00 no que se inclúen seis sesións.
Configurado o calendario segundo as solicitudes recibidas comunicarase aos concellos coa finalidade de que pola súa vez informen con antelación suficiente da relación nominal do persoal participante na práctica.
Control e cartilla de tiro.
O control das prácticas do persoal xestionarano conxuntamente a Academia Galega de Seguridade Pública e a persoa designada polo concello.
Estableceranse niveis segundo a categoría e habilidade que cada tirador/a amose nos aspectos tanto de seguridade como de manexo coas armas, niveis aos que irá accedendo paulatinamente cada policía, se é o caso. Estes niveis constarán na cartilla ou documento de control que se dispoña para as prácticas de tiro, tal e como se indicaba no punto anterior.
Lugar.
As prácticas desenvolveranse na galería de tiro da Academia Galega de Seguridade Pública, sita na avenida da Cultura, s/n, no concello da Estrada.
Modificacións.
A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento do Plan Anual de Actualización para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.
A Estrada, 8 de marzo de 2012.
José Carlos García Bouzas
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública