Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Venres, 2 de marzo de 2012 Páx. 7653

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 17 de febreiro de 2012 pola que se convoca un curso práctico na loita contra incendios.

O artigo 43 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece que o persoal do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia estará formado tanto por persoal de carácter profesional de servizos que realicen algunha actividade relacionada coa xestión de riscos e de emerxencias como por persoal voluntario de entidades ou organizacións públicas ou privadas sen ánimo de lucro que teñan como fin a protección das persoas, dos bens e do ambiente en situacións de xestión de riscos e de emerxencias. Segundo o artigo 44 da citada lei este persoal organizarase en grupos operativos.

Mediante a Resolución do 2 de agosto de 2010 publicouse o Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga) onde se establece a estrutura de dirección e coordinación e as unidades organizativas para facer fronte dun xeito coordinado ás emerxencias que poidan producirse en Galicia, derivadas de riscos naturais, tecnolóxicos ou antrópicos.

Dentro das actividades programadas para o ano 2012, e conforme o establecido no artigo 46 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia e na Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria dun curso práctico na loita contra incendios con oito edicións, conforme as seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Denominación: práctico na loita contra incendios.

Tipo: curso.

Horas lectivas: 20.

Modalidade: presencial.

Edicións: 8.

Obxectivos: dotar o persoal do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia, a que se refire o artigo 43 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, da formación básica necesaria para o exercicio da súa función.

Contido: no curso trataranse os seguintes temas:

1. Equipamentos de protección térmica.

2. Extinción de incendios clase A-B.

3. Manexo de equipamentos ERA.

4. Rede contra incendios:

a. Conexión/desconexión; tendido/pregado.

b. Construción de liñas de extinción con mangueiras de diferentes tipos e diámetros, liñas de distribución, protección e ventilación. Montaxe de diferentes sistemas de xeración de escuma. Manexo de diferentes clases de escumóxeno, con indicación das súas vantaxes e inconvenientes.

c. Prácticas estáticas con presión de auga, e adestramento na composición de equipamentos de extinción.

2. Desenvolvemento da convocatoria.

Destinatarios/as: o curso vai dirixido ao persoal voluntario de agrupacións de voluntarios de protección civil e ás/aos profesionais dos servizos municipais de protección civil (grupos municipais de intervención rápida (Grumir) e outros servizos municipais de intervención en emerxencias).

Este persoal forma parte do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia (artigos 43 e 44 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia).

As/os solicitantes seleccionadas/os deberán acreditar a súa categoría profesional o primeiro día do curso mediante un certificado da persoa responsable da agrupación ou da/do xefa/e de persoal do concello.

Exixencias: todos os solicitantes deberán ter realizado o curso básico de protección civil e o curso sobre prevención e loita contra incendios urbanos e forestais antes do inicio do curso.

Prazas ofertadas: 20 prazas por cada edición.

3. Solicitudes de participación.

a) O persoal que desexe participar no curso convocado nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.es

Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

b) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

c) É conveniente consignar no formulario de solicitude un número de teléfono móbil co fin de poder realizar as notificacións necesarias.

d) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo do alumnado, que non se axusten ao formulario de solicitude ou que sexan presentadas fóra de prazo.

e) O prazo para a presentación de solicitudes será de 15 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

4. Formulario normalizado de solicitude.

a) Os formularios de solicitude a que se refire a base anterior serán obtidos e cubertos pola persoa solicitante necesariamente a través da páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública, que poden encontrar no enderezo da internet http://agasp.xunta.es

b) Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo da internet disporase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes.

c) Os formularios poderán ser obtidos e cubertos ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

d) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Agasp a través dos números de teléfono 886 20 61 12, 886 20 61 38 e 886 20 61 37, do fax: 886 206 123 ou enderezo de correo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

5. Criterios de selección do alumnado participante.

A orde de preferencia na selección será a seguinte:

a) As/os voluntarias/os das agrupacións de voluntarios de protección civil.

b) As/os profesionais dos servizos municipais de protección civil (Grumir e outros servizos municipais de intervención en emerxencias).

Na selección dentro de cada un dos grupos anteriores reservarase o 50% das prazas para solicitantes mulleres que reúnan os requisitos establecidos na convocatoria, segundo o disposto no artigo 37.bis da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes. De non existir suficientes solicitudes de participación de mulleres, as prazas sobrantes acrecentarán as da quenda xeral.

No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que reúnan os requisitos nalgún curso, poderá completarse o alumnado asignado a este mediante a apertura dun novo prazo público de presentación de solicitudes na páxina web da Agasp, con suficiente antelación para que teña lugar unha adecuada selección das novas persoas candidatas.

6. Publicación das relacións do persoal seleccionado.

A Academia Galega de Seguridade Pública publicará no sitio web http://agasp.xunta.es, as solicitudes de participación que resulten seleccionadas segundo os criterios de selección mencionados anteriormente.

As persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con polo menos 48 horas de antelación ao comezo desta. A dita renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo: formacion.emerxencias.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 23.

Noutro caso serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen, para as que reúnan os requisitos exixidos de participación (artigos 18 e 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp).

7. Desenvolvemento da actividade.

Lugar: vanse realizar 4 edicións nas instalacións da Agasp (avda. da Cultura s/n, A Estrada, Pontevedra) e outras 4 edicións descentralizadas en diversas localidades de Galicia.

A localización concreta das edicións descentralizadas confirmarase coa suficiente antelación ao seu inicio.

Datas:

– Edicións na Agasp:

1.ª edición

23 e 24 de abril

2.ª edición

25 e 26 de abril

3.ª edición

2 e 3 de maio

4.ª edición

7 e 8 de maio

– Edicións descentralizadas:

5.ª edición

21 e 22 de maio

6.ª edición

23 e 24 de maio

7.ª edición

28 e 29 de maio

8.ª edición

30 e 31 de maio

Horario: mañá e tarde.

Uniformidade: o alumnado deberá asistir ao curso co uniforme de traballo

Certificado de aproveitamento: ao remate da actividade entregaráselles un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada e superen a proba final.

8. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado pola Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro).

9. Faltas de asistencia.

O Regulamento de réxime interior da Agasp, mencionado na base núm. 8 desta convocatoria, regula no seu artigo 16 as faltas de asistencia nos cursos:

«1. A asistencia ás clases e actividades comprendidas no programa do curso é obrigatoria. As faltas que as/os alumnas/os acumulen deberán xustificarse debidamente, penalizándose disciplinariamente, en caso contrario.

2. A/o alumna/o que, por enfermidade ou algunha outra causa xustificada, perda máis do 10% das clases do curso de formación será declarado non apto, e poderá incorporarse ao curso seguinte ou cando a causa determinante llo permita.

De ser necesario, e só nos casos en que a inasistencia ás clases estiver motivada por accidente ou lesión sufridos con ocasión da actividade académica, o/a director/a xeral poderá considerar a conveniencia ou a oportunidade de permitirlle ao/á alumno/a poder recuperar ata un determinado número de horas e participar posteriormente nun exame extraordinario para poder superar o curso sen ter que repetilo.

3. No entanto, aínda que as ausencias acumuladas non cheguen á porcentaxe sinalada, a/o alumna/o poderá verse obrigado a recuperar todas ou parte das horas perdidas ao longo do curso. Neste caso, a xefatura de ensino proporá ao/á director/a xeral o número de horas que se recuperarán, tendo en conta, en cada caso concreto, o tipo de xustificación presentada para cada ausencia, así como o número total destas e o comportamento e actitude da/o alumna/o ao longo do curso».

10. Financiamento da actividade.

Esta actividade está cofinanciada nun 80% polo Fondo Social Europeo dentro do Programa Operativo Fondo Social Europeo de Galicia 2007-2013, no eixe 3, tema prioritario 72.

11. Modificacións e incidencias.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 17 de febreiro de 2012.

José Carlos García Bouzas
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública