Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Mércores, 29 de febreiro de 2012 Páx. 7446

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

RESOLUCIÓN do 10 de febreiro de 2012, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural e do Mar, pola que se fai pública a convocatoria, mediante procedemento aberto con criterio único (prezo), para o alleamento das madeiras que se citan da provincia de Ourense.

Convócase, mediante esta resolución, o alleamento de madeiras dos lotes que se poderán consultar no Servizo de Montes da Xefatura Territorial desta consellería en Ourense (edificio administrativo da Xunta de Galicia en Ourense, avda. da Habana, n.º 79-1.º, Ourense) e no enderezo http://mediorural.xunta.es/forestal/poxas, de acordo co disposto no Decreto 244/1998, do 24 de xullo, que regula os alleamentos dos aproveitamentos forestais nos montes xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia, e na Orde do 8 de setembro de 1998 (DOG do 16 de setembro), pola que se desenvolve o Decreto 244/1998, do 24 de xullo, que regula os alleamentos dos aproveitamentos forestais nos montes xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia. A apertura dos sobres coas ofertas económicas terá lugar na Xefatura Territorial da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (avenida da Habana n.º 79, baixo, Ourense).

Para este procedemento rexerá a normativa antes citada e mais os pregos de condicións técnico-administrativas xerais e particulares que figuran no expediente correspondente no Servizo de Montes de Ourense, onde poderán ser examinados polas persoas interesadas a partir do día da publicación no DOG da presente resolución.

As ofertas poderanse presentar durante os vinte e seis días naturais seguintes ao da publicación no DOG desta resolución, no Rexistro da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar en Ourense ou en calquera das formas legalmente establecidas.

Cando a oferta se envíe por correo ou se presente noutro rexistro diferente ao da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar en Ourense, o licitador deberá anunciarlle á mesa de contratación a remisión da mencionada oferta mediante telegrama ou fax ao n.º 988 38 66 97.

A apertura das proposicións será realizada pola mesa de contratación, que se reunirá ás once horas do noveno día hábil, que non cadre en sábado, contado a partir do termo do prazo de presentación das ofertas.

Cada licitador presentará dous sobres pechados para cada oferta. O sobre A coa documentación administrativa e o sobre B coa oferta económica.

O sobre A, que contén a documentación administrativa, poderá ser único para todos os lotes que teñan lugar ante a mesa e na mesma sesión. Deberá conter, en todo caso, a seguinte documentación:

1. Acreditación da personalidade xurídica do empresario e, de ser o caso, da súa representación.

2. Os xustificantes acreditativos de que están constituídas as fianzas provisionais, 2% do prezo de taxación, de acordo co disposto no artigo 103 do Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público (en diante TRLCSP).

3. Declaración responsable outorgada ante a autoridade administrativa, notario público ou organismo profesional cualificado, de non estar incurso o licitador nalgún dos supostos de prohibición de contratar previstos no artigo 60 do TRLCSP, así como na nova redacción establecida pola Lei 5/2006, do 10 de abril, de regulación de conflitos de intereses dos membros do Goberno e dos altos cargos da Administración xeral do Estado, e pola Lei 9/1996, do 18 de outubro, de incompatibilidades dos membros da Xunta de Galicia e da Administración.

Esta declaración comprenderá expresamente a circunstancia de se atopar ao día no cumprimento das obrigas tributarias coa Facenda estatal e da comunidade autómoma e coa Seguridade Social, e estar dados de alta no imposto de actividades económicas (IAE).

Esta declaración presentarase sen prexuízo de que a xustificación acreditativa das anteditas situacións a deba presentar, antes da adxudicación, o empresario a prol do que se efectuará esta.

Malia o anterior, poderán presentarse os certificados administrativos do cumprimento das citadas obrigas, agás no caso do IAE, cuxa xustificación se efectuará mediante a presentación da alta, referida ao exercicio corrente, ou do último recibo deste, completado cunha declaración responsable de non se ter dado de baixa na matrícula do citado imposto, segundo o artigo 15.1 do Regulamento de contratos das administracións públicas.

4. Acreditarase a solvencia financeira, económica e técnica exixida polos medios precisados no cadro de características.

No caso de que o licitador estea dado de alta no Rexistro Xeral de Contratistas da comunidade autónoma, deberá indicar na parte exterior do sobre o seu número e incluír a copia da inscrición da empresa no dito rexistro, os xustificantes acreditativos das fianzas provisionais e a solvencia técnica e económica, así como unha declaración responsable en que manifeste que as circunstancias reflectidas no correspondente certificado non experimentaron variación.

Ademais desta documentación, deberase xuntar a que proceda en cada caso segundo o especificado no prego de cláusulas administrativas particulares.

O sobre B recollerá a proposición económica e presentarase no modelo normalizado que se encontra á disposición das persoas interesadas no Servizo de Montes de Ourense. Cada un dos lotes deberá figurar nun sobre B individual.

O adxudicatario constituirá a fianza definitiva do 5% do prezo de licitación, agás nos expedientes en que o aproveitamento se realice a resultas. Nestes últimos casos engadirase o 5% de fianza complementaria, acadando unha garantía definitiva dun 10%.

O adxudicatario constituirá a fianza definitiva dentro dos dez días hábiles seguintes ao da data en que regulamentariamente se lle comunique a proposta de adxudicación.

Dentro dese mesmo prazo deberá aboar:

1. O importe total do remate, ou o importe do primeiro prazo, segundo se indique no prego de condicións particulares de cada lote.

2. O importe das taxas.

3. Os gastos proporcionais deste anuncio.

4. Os demais que se establezan nos pregos particulares de aproveitamento.

O adxudicatario deberá aboar, ademais das cantidades expresadas no anuncio, a porcentaxe que corresponda, segundo o réxime especial ou xeral que aplique á propiedade do monte, en concepto de IVE.

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2012.

Francisco José Vidal-Pardo Pardo
Secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural e do Mar