Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Luns, 20 de febreiro de 2012 Páx. 6270

I. Disposicións xerais

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 10 de febreiro de 2012 pola que se modifica a do 19 de febreiro de 2009 pola que se regulan as probas libres para a obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria para persoas maiores de dezaoito anos.

Por Orde do 19 de febreiro de 2009 (DOG do 4 de marzo) a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria regulou as probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria para persoas maiores de dezaoito anos, en cumprimento do disposto pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, no seu artigo 68, punto 2.º, que establece que lles corresponde ás administracións educativas organizar periodicamente probas para que as persoas maiores de dezaoito anos poidan obter directamente o título de graduado en educación secundaria obrigatoria.

A experiencia da realización destas probas nos anos de vixencia da mencionada orde aconsella modificar as datas da súa realización, ante a imposibilidade de realizar nos centros educativos as tarefas de xestión das probas durante o mes de xuño, que coincide cos períodos de avaliación final neses centros.

En virtude do exposto, e para facer compatible a realización das mencionadas probas cos recursos organizativos dispoñibles nos centros educativos,

DISPOÑO:

Artigo 1.

Modifícase o artigo 5 da Orde do 19 de febreiro de 2009 pola que se regulan as probas libres para a obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria para persoas maiores de dezaoito anos, que queda redactado como segue:

«Artigo 5. Convocatoria.

1. As probas serán convocadas por resolución da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa nunha ou máis convocatorias de carácter ordinario todos os anos. Cando exista unha cantidade suficiente de alumnado que, pola súa situación profesional ou de dispoñibilidade de tempo, acredite xustificadamente que non pode realizar as probas na convocatoria ordinaria, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa poderá convocalas noutras datas de xeito extraordinario.

2. Na resolución da correspondente convocatoria estableceranse as datas concretas de matriculación e de realización das probas, así como os centros en que se vaian realizar».

Disposición derradeira primeira.

Autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para ditar as instrucións precisas para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2012.

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria