Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Venres, 17 de febreiro de 2012 Páx. 6172

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

RESOLUCIÓN do 10 de febreiro de 2012, da Dirección Xeral de Formación e Colocación, pola que se convocan probas de avaliación en competencias clave para acceder ás accións formativas dos novos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación dentro da formación profesional para o emprego na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, regula os certificados de profesionalidade e establece, como un dos elementos esenciais para incrementar a calidade da formación para o emprego, que en todos e cada un dos módulos formativos que conforman cada certificado de profesionalidade se determinen os criterios de acceso do alumnado que asegurarían que estes contan coas competencias clave suficientes para cursar con aproveitamento a formación.

Estas competencias clave pódense demostrar ou acreditar, basicamente, estando en posesión de determinadas titulacións ou acreditacións oficiais de formación básica ou superando as probas específicas que demostrasen o seu dominio.

O Real decreto 1675/2010, do 10 de decembro, polo que se modifica o Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, polo que se regulan os certificados de profesionalidade e os reais decretos polos que se establecen certificados de profesionalidade ditados na súa aplicación, no punto un do artigo primeiro e segundo, modifica os requisitos de acceso á formación dos certificados de profesionalidade substituíndo o concepto de «competencias clave» por «requisitos formativos e profesionais» e atribuíndolle á Administración laboral competente a determinación de cales serán eses coñecementos formativos ou profesionais suficientes que permitan cursar con aproveitamento a formación ao alumnado que queira acceder á formación dos certificados de profesionalidade dos niveis de cualificación profesional 2 e 3.

Para establecer e desenvolver na Comunidade Autónoma de Galicia estes requisitos formativos e profesionais aprobouse a Orde do 12 de xullo de 2011 (DOG núm. 149, do 4 de agosto) pola que se establecen os requisitos formativos e se regulan as probas de avaliación en competencias clave.

A través desta orde, de cara a seguir fomentando a calidade e a integración da formación profesional, mantéñense como requisito de acceso as «competencias clave» como combinación de coñecementos, capacidades e aptitudes idóneas ao contexto, que lles permitirán ás persoas progresar no mundo do emprego e na formación, e para a súa realización e desenvolvemento profesional e persoal.

Nesta orde establécese tamén que a Dirección Xeral de Formación e Colocación, a través do Instituto Galego das Cualificacións, convocará, polo menos unha vez ao ano, probas de avaliación en competencias clave.

De conformidade co exposto, a través desta disposición, procede agora convocar un novo proceso de probas de avaliación, para facilitar que as persoas poidan acreditar as competencias clave que se requiren para acceder ás accións formativas dos novos certificados de profesionalidade.

Artigo 1. Obxecto.

O obxecto desta resolución é convocar probas de avaliación en competencias clave para o acceso ás accións formativas dos novos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación profesional da formación profesional para o emprego no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Competencias clave que se convocan.

1. Convócanse probas nos dous niveis, 2 e 3, nas seguintes competencias clave:

Comunicación en lingua galega.

Comunicación en lingua castelá.

Comunicación en lingua estranxeira (inglés).

Competencia matemática.

Competencias en ciencia.

Competencia en tecnoloxía.

Competencia dixital.

Artigo 3. Solicitude para participar nas probas de avaliación en competencias clave.

1. A participación nestas probas deberá formalizarse presentando a solicitude dirixida ao Instituto Galego das Cualificacións debidamente cuberta.

2. A devandita solicitude presentarase xuntando o modelo que figura no anexo I desta resolución. Este modelo de solicitude tamén poderse obter na páxina web da Consellería de Traballo e Benestar, onde, ademais, se contará cun sistema de axuda para poder cubrila. Esta solicitude deberá ser impresa e presentada en rexistro segundo o especificado no seguinte parágrafo.

3. A solicitude poderá presentarse a partir do día seguinte á publicación desta resolución no DOG ata o 2 de marzo de 2012, no Rexistro da Consellería de Traballo e Benestar, no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia (ambos en Santiago de Compostela), así como por calquera das formas establecidas polo artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Así mesmo, tamén poderán presentarse electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.es

Artigo 4. Documentación.

As persoas aspirantes deberán acompañar á súa solicitude de inscrición:

a) Fotocopia do documento nacional de identidade, ou número de identificación de estranxeiro ou do pasaporte. A presentación da fotocopia do DNI ou NIE non será precisa se a persoa solicitante dá o seu consentimento para que se consulten os datos relativos aos citados documentos, de conformidade co previsto na Orde do 7 de xullo de 2009, pola que se desenvolve o Decreto 255/2008, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, no que respecta á verificación de datos de identidade e residencia.

b) Se é o caso, certificado acreditativo de minusvalidez en vigor, para as persoas aspirantes con algunha minusvalidez que soliciten algún tipo de adaptación posible de tempo e medios para a realización da proba. Non será necesario achegalo no suposto de minusvalidez recoñecida polo órgano competente desta Comunidade Autónoma.

Artigo 5. Relación provisional e definitiva de persoas inscritas admitidas e excluídas.

1. A relación provisional das persoas inscritas nas probas que fosen admitidas e, se é o caso, as excluídas, con indicación das causas de exclusión, será publicada polo Instituto Galego das Cualificacións na páxina web http://traballoebenestar.xunta.es/, e nos taboleiros de anuncios dos servizos centrais e das xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, segundo o establecido no calendario previsto que figura no anexo II desta resolución.

2. As persoas inscritas poderán formular contra esta relación provisional de admitidos e excluídos as oportunas reclamacións, que se dirixirán ao Instituto Galego das Cualificacións no prazo de catro días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación da lista provisional de admitidos.

3. A relación definitiva de persoas solicitantes admitidas e excluídas será publicada na páxina web http://traballoebenestar.xunta.es/ e nos taboleiros de anuncios dos servizos centrais e das xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, segundo o establecido no calendario previsto que figura no anexo II desta resolución.

4. A publicación tanto das listaxes provisionais coma das definitivas de admitidos e excluídos ao proceso terá para os efectos de comunicación ás persoas reclamantes, de conformidade co disposto no artigo 14 da Orde do 12 de xullo de 2011, pola que se establecen os requisitos para o acceso á formación dos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación profesional.

5. Contra a relación definitiva de persoas solicitantes admitidas e excluídas poderase interpor recurso de alzada, de conformidade co disposto no artigo 14 da Orde do 12 de xullo de 2011.

Artigo 6. Realización das probas de avaliación en competencias clave.

1. As probas terán lugar no recinto feiral de Silleda, en Silleda (Pontevedra).

2. As probas de avaliación en competencias clave terán lugar nas datas indicadas no calendario da convocatoria que se inclúe no anexo II, que será exposto na páxina web http://traballoebenestar.xunta.es/ e nos taboleiros de anuncios dos servizos centrais e das xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar.

3. O candidato realizará unha proba por cada unha das competencias clave convocadas en que se inscribise. A duración da proba en cada competencia clave é dunha hora. A realización de cada unha das probas de avaliación seguirá a orde e o horario que se indica no anexo II desta resolución.

4. Para a realización das probas de avaliación nas distintas competencias claves poderanse ditar instrucións específicas na orde de chamada das persoas inscritas, ditas instrucións serán publicadas na páxina web http://traballoebenestar.xunta.es/ e nos taboleiros de anuncios dos servizos centrais e das xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar como mínimo tres días antes da data da realización das probas. Todos os candidatos deberán presentarse unha hora antes do inicio das probas para seren chamados por orde alfabética.

5. Para a realización das probas as persoas aspirantes deberán ir provistas do documento nacional de identidade, do número de identificación de estranxeiros ou do pasaporte. Tamén deberán levar bolígrafo de tinta de cor azul ou negro.

Nas probas de competencia matemática, de competencia en ciencia e de competencia en tecnoloxía poderase acudir con calculadora.

6. As persoas participantes nas probas terán cuberto o risco de accidente derivado da asistencia a estas.

Artigo 7. Comisións de avaliación.

1. A directora xeral de Formación e Colocación, por proposta da directora do Instituto Galego das Cualificacións, nomeará unha comisión de avaliación para as probas de competencia clave de nivel 2 e unha comisión de avaliación para as probas de competencia clave de nivel 3, que terán como sede o Instituto Galego das Cualificacións (rúa San Lázaro s/n, 15781 Santiago de Compostela).

2. Á vista do número de persoas aspirantes poderanse ampliar o número de comisións de avaliación. Así mesmo, poderanse incorporar ás comisións de avaliación o número de vixilantes e correctores que se considere necesarios.

3. No caso de nomear correctores/as, estes formarán parte das comisións de avaliación para a realización das probas.

Artigo 8. Resultados da avaliación das probas.

1. Os resultados da avaliación das probas estarán accesibles para as persoas que as realizaron, na páxina web da Consellería de Traballo e Benestar segundo o calendario previsto que figura no anexo II desta resolución.

2. O resultado de apto suporá a superación da proba na correspondente competencia clave e o dereito do interesado a que lle sexa expedido un documento acreditativo que certificará o resultado obtido segundo establece o artigo 13 da Orde do 12 de xullo de 2011, pola que se establecen os requisitos para o acceso á formación dos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación profesional.

Artigo 9. Reclamación contra as cualificacións.

1. Contra a cualificación obtida poderá presentarse reclamación dirixida ao presidente ou presidenta da comisión, no prazo de tres días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación das cualificacións, no Rexistro da Consellería de Traballo e Benestar, no Rexistro Xeral da Xunta de San Caetano (ambos en Santiago de Compostela), así como por calquera das formas establecidas polo artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A publicación tanto das listas provisionais coma das definitivas de cualificacións terá os efectos de comunicación ás persoas reclamantes, de conformidade co disposto no artigo 14 da Orde do 12 de xullo de 2011, pola que se establecen os requisitos para o acceso á formación dos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación profesional.

3. Contra a cualificación definitiva poderase interpor recurso de alzada, de conformidade co disposto no artigo 14 da Orde do 12 de xullo de 2011.

Disposición derradeira primeira.

Autorízase a directora do Instituto Galego das Cualificacións para ditar as instrucións necesarias para o desenvolvemento e execución desta resolución.

Disposición derradeira segunda.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2012.

Ana M.ª Díaz López
Directora xeral de Formación e Colocación

ANEXO II
Calendario do procedemento

Datas

Prazo de presentación de solicitudes

Desde o día seguinte da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 2 de marzo

Publicación da lista provisional de admitidos

26 de marzo

Presentación de alegacións

Do 27 ao 30 de marzo (ambos inclusive)

Publicación da lista definitiva de admitidos

10 de abril

Realización das probas:

Competencias clave de nivel 2

Competencias clave de nivel 3

14 de abril

15 de abril

Publicación dos resultados provisionais das probas

24 de abril

Presentación de reclamacións

Do 25 ao 27 de abril (ambos inclusive)

Publicación dos resultados definitivos das probas

4 de maio

Horarios das probas

Todos os candidatos deberán presentarse unha hora antes do inicio das probas para seren chamados por orde alfabética.

Competencia clave

Día

Horarios

Nivel 2

Día 14 de abril

Nivel 3

Día 15 de abril

Matemáticas

Sesión de mañá

Inicio das probas: ás 10.00 h

Lingua castelá

Lingua galega

Lingua estranxeira (inglés)

Ciencia

Sesión de tarde

Inicio das probas: ás 16.30 h

Tecnoloxía

Dixital

missing image file