Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Venres, 17 de febreiro de 2012 Páx. 6159

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

DECRETO 76/2012, do 9 de febreiro, polo que se modifica o Decreto 310/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica desta consellería.

A actuación das administracións públicas debe ser efectiva en todo momento en cumprimento dos obxectivos do servizo público que ten encomendados. Por esta razón, as actividades que desenvolven os distintos órganos e unidades administrativas debe responder aos criterios de eficacia, eficiencia e transparencia.

Tendo en conta estes principios xerais, estímase necesario modificar o Decreto 310/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, coa finalidade de adecuar a competencia de determinados órganos da Consellería de Sanidade, nas distintas fases dos procedementos administrativos, ás necesidades existentes e ao cumprimento da súa finalidade.

Trátase, concretamente, de modificar as competencias que teñen tanto a Subdirección Xeral de Inspección, Auditoría e Acreditación como os servizos territoriais da Inspección de Servizos Sanitarios, dependentes da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, delimitando como propias as funcións de inspección, auditoría, avaliación e control, e quedando as funcións de xestión administrativa para as estruturas periféricas do Servizo Galego de Saúde. Así mesmo, establécese unha nova estrutura da Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública como consecuencia de que asume competencias de inspección que antes correspondían a outros órganos da Consellería.

Polo que, en virtude do disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, por proposta da titular da Consellería de Sanidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día nove de febreiro de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 310/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade.

O Decreto 310/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, modifícase nos seguintes termos:

Un. O artigo 4.2 alínea b) queda redactado da seguinte forma:

«b) A inspección que se exercerá sobre todos os centros, servizos, establecementos e prestacións sanitarias e farmacéuticas de titularidade pública ou privada da Comunidade Autónoma de Galicia. Os efectivos que desenvolvan esta función, que teñen o carácter de autoridade, dependerán organicamente da xefatura territorial que corresponde e funcionalmente da Secretaría Xeral Técnica».

Dous. A alínea c) do número 2.1 e a alínea c) do número 2.2 do artigo 7 quedan redactadas da seguinte forma:

«2.1. Servizo Técnico Xurídico.

c) A elaboración e tramitación das propostas de resolucións de recursos e reclamacións contra actos dos órganos da Consellería e do Servizo Galego de Saúde, agás os referentes á contratación e recursos humanos; tramitación de procedementos de reclamación de responsabilidade patrimonial e en materia de oficinas de farmacia e anexos e os derivados de infraccións en materia de autorización de centros, establecementos e servizos sanitarios ou de produtos sanitarios; a tramitación de convenios de colaboración, así como as actuacións de coordinación co seguro de responsabilidade patrimonial derivada da asistencia sanitaria, sen prexuízo das funcións encomendadas a outras unidades».

«2.2. Servizo de Réxime Interior.

c) A iniciación e tramitación dos expedientes disciplinarios do persoal funcionario e laboral da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, sen prexuízo das funcións atribuídas á Subdirección Xeral de Inspección, Auditoría e Acreditación de Servizos Sanitarios, así como a xestión de subministracións de material de oficina, imprenta e consumibles informáticos para as distintas unidades e a xestión do parque móbil tanto da Consellería como do Servizo Galego de Saúde, e, en xeral, aquelas que dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas».

Tres. O número 1, o encabezamento así como as alíneas a), d) e i) do número 2 e o número 3.1.b) do artigo 9 quedan redactados da seguinte forma:

«Artigo 9. A Subdirección Xeral de Inspección, Auditoría e Acreditación de Servizos Sanitarios.

1. É a unidade da que depende a actividade de inspección, de auditoría e de acreditación dos servizos sanitarios incluída no ámbito competencial da Consellería de Sanidade, que se exercerá sobre todos os centros, establecementos, servizos e prestacións sanitarias de titularidade pública ou privada da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Sen prexuízo das funcións que, en materia de inspección de saúde pública, lle corresponden á Dirección Xeral de Innovación e Xestión de Saúde Pública, é competencia desta subdirección o desenvolvemento de actuacións, avaliación e coordinación en materia de:

«a) Inspección, autorización, acreditación e auditoría de centros, servizos e establecementos sanitarios e sociosanitarios dentro dos plans e programas da Consellería de Sanidade, incluíndo auditorías docentes de acreditación MIR, determinar novas liñas de auditoría para acreditación de centros así como coordinar as funcións de apoio que desenvolva a Inspección Central na Comunidade Autónoma de Galicia».

«d) Inspección, auditoría, avaliación e control da xestión das prestacións sanitarias, incluídas as farmacéuticas».

«i) Elaboración das propostas de iniciación e de resolución dos expedientes disciplinarios do persoal estatutario dependente da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde e calquera outro persoal facultativo funcionario dependente dos centros do Servizo Galego de Saúde».

«3.1. Servizo de Xestión Xurídico-Administrativa.

b) A elaboración das propostas de iniciación e da resolución dos expedientes disciplinarios do persoal estatutario dependente da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, e calquera outro persoal facultativo funcionario dependente dos centros do Servizo Galego de Saúde, así como as propostas de resolución dos recursos contra as resolucións dos devanditos procedementos, a elaboración das propostas de iniciación e resolución dos procedementos sancionadores a establecementos farmacéuticos e, en xeral, todas aquelas funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas».

Catro. Engádese o número 7 ao artigo 10 coa seguinte redacción:

«7. Dependerá da Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, a Unidade de Innovación en Saúde, con categoría de servizo, á cal lle corresponden as seguintes funcións:

a) Proporcionar soporte administrativo e técnico á actividade innovadora da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde.

b) A aplicación do modelo de xestión da innovación aberta sanitaria da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde.

c) Prestar servizo administrativo aos diversos órganos colexiados da Plataforma de Innovación e aqueles outros relacionados coas actividades de innovación, dentro da Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde.

d) A difusión e a participación en iniciativas europeas de innovación e do clúster de saúde de Galicia, e, en xeral, todas aquelas funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas».

Cinco. Engádese o número 2.4 ao artigo 11, coa seguinte redacción:

«2.4. Servizo da Axencia de Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A proposta de criterios de planificación e das directrices de carácter xeral e o seguimento con respecto á Axencia de Avaliación de Tecnoloxías Sanitaria da Administración do Estado; a identificación e o estudo das tecnoloxías sanitarias emerxentes e a coordinación e realización de informes técnicos e estudos de avaliación sobre tecnoloxías sanitarias; así como dos sistemas organizativos nos cales se desenvolve a atención sanitaria, de acordo cos criterios de seguridade, eficacia, efectividade e eficiencia e tendo en conta a súa valoración ética, clínica, económica e social.

b) O deseño de novas organizacións para a aplicación de alta tecnoloxía. Así como as propostas de criterios de seguimento e avaliación das súas actividades; a coordinación, deseño, elaboración e difusión de guías de práctica clínica e de recomendacións na aplicación das tecnoloxías sanitarias; propor sistemas de información dirixidos a obter os datos necesarios para a avaliación de tecnoloxías, así como a promoción da investigación científica dirixida a mellorar a metodoloxía necesaria no ámbito da avaliación de tecnoloxías sanitarias e a emisión de informes dos plans e as propostas de novos recursos tecnolóxicos e de novos procedementos, técnicas e outros medios sanitarios, cando así se lle solicite, e en xeral, todas aquelas funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas».

Seis. Os números 1, 2.1 c), 2.2 e 2.3 do artigo 13 terán a seguinte redacción:

«1. Corresponde á devandita subdirección xeral a coordinación e dirección dos procesos estratéxicos e de soporte común e a avaliación e o control de calidade, a planificación e control dos laboratorios de saúde pública e o apoio técnico ás xefaturas territoriais, así como a política de calidade do control oficial en seguridade alimentaria e ambiental, o deseño e promoción dos programas de formación para o persoal dos servizos de inspección de saúde pública, e aqueloutras funcións que dentro do seu ámbito competencial, lle sexan asignadas ou delegadas».

«2.1. Servizo de Coordinación da Xestión.

c) Coordinación do procedemento sancionador en materia de saúde pública.

«2.2. Servizo de Control e Auditorías.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A xestión, coordinación e control da rede de laboratorios de saúde pública; a xestión do sistema de información implantado na rede de laboratorios autorizados para ensaios de produtos alimenticios relacionados co consumo humano na comunidade autónoma.

b) A elaboración do plan anual de necesidades e do programa anual de auditorías, así como o deseño e a promoción dos programas de formación para o persoal dos laboratorios de saúde pública e a elaboración da carteira de servizos.

c) Proporcionar os medios necesarios para a execución de actividades de inspección de saúde pública.

d) Coordinación da supervisión e auditorías dos sistemas de aseguramento da calidade na actividade inspectora de saúde pública, así como a auditoría dos sistemas de control oficial en materia de saúde pública.

e) Deseño e promoción dos proxectos de formación para o persoal dos servizos de inspección dedicados á seguridade alimentaria e seguridade ambiental e, en xeral, todas aquelas funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas».

«2.3. Servizo de Xestión dos Procesos de Saúde Pública.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A análise integral da información de saúde pública e a avaliación do estado de saúde da comunidade autónoma.

b) A difusión da información xerada nos sistemas de información de saúde pública e a coordinación dos sistemas de información de saúde pública con outras administracións ou entidades con funcións na materia.

c) Implantación de procesos internos únicos, tanto na dirección xeral como nas xefaturas territoriais; así como a coordinación da política de xestión de proxectos da dirección xeral orientados á mellora de calidade dos servizos e, en xeral, todas aquelas funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas».

Sete. Os números 1, 2, 2.1 e 2.2 do artigo 14 terán a seguinte redacción:

1. Correspóndelle a aplicación das directrices da dirección xeral en materia de planificación, a coordinación dos programas que actúen sobre os factores ambientais determinantes da saúde da cidadanía galega, e todas aquelas funcións que dentro do seu ámbito competencial lle sexan asignadas ou delegadas.

2. Para o cumprimento das súas funcións contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Seguridade Alimentaria.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A planificación, programación, xestión e difusión da información das actividades de protección da saúde fronte aos riscos asociados ao consumo de alimentos.

b) A coordinación da actividade inspectora en materia de seguridade alimentaria.

c) A coordinación e o seguimento das actuacións no marco da Rede de Alerta Alimentaria, e, en xeral, todas aquelas funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2.2. Servizo de Sanidade Ambiental.

a) A planificación, programación, xestión e difusión da información das actividades de protección da saúde da comunidade autónoma, fronte aos riscos asociados aos ambientes específicos.

b) A proposta de informe vinculante para os efectos do establecido na normativa vixente en materia de augas minerais, termais, de manancial e dos establecementos sanitarios.

c) A coordinación da actividade inspectora en materia de sanidade ambiental.

Oito. O número 2.3., no encabezamento e na alínea b), do artigo 15 terá a seguinte redacción:

«2.3. Servizo de Trastornos Adictivos».

2.3.b) Elaboración, planificación e coordinación das actividades de prevención e control de trastornos adictivos, así como a planificación e coordinación da actividade de inspección para o control da normativa referente ao consumo de tabaco, así como de todas aquelas actividades que así o requiran, e, en xeral, todas aquelas funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas».

Nove. O número 2.4 a) dos artigos 21 e 22 queda redactado da seguinte forma:

2.4. Servizo de Control de Riscos Ambientais.

a) A tramitación e supervisión do cumprimento das directrices en materia de control de riscos ambientais para a saúde; a vixilancia e control do cumprimento das disposicións ditadas en materia de seguridade alimentaria e sanidade ambiental e a execución das inspeccións en ambas as materias; implantar a política de calidade nos servizos de inspección; a proposta e incoación de expedientes sancionadores en materia de seguridade alimentaria e/ou de sanidade ambiental; a tramitación dos expedientes administrativos de centros, establecementos e servizos non sanitarios ou substancias distintas dos medicamentos; a coordinación e emisión de informes e avaliación dos programas encomendados e, en xeral, aqueloutras que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

Dez. O número 2.6, punto 2) do artigo 21 e o número 2, punto 2) do artigo 23 quedan redactados da seguinte forma:

«2.6/2. Servizo de Inspección de Servizos Sanitarios.

O Servizo de Inspección de Servizos Sanitarios, con dependencia orgánica da xefatura territorial e funcional da Secretaría Xeral Técnica da Consellería, de conformidade co respectivo ámbito de competencia, exercerá as seguintes funcións:

«2) A inspección, avaliación e control da xestión e asistencia sanitaria prestada en todo tipo de centros e servizos, dos concertos e autorizacións de uso sanitario e asistencia sanitaria prestada por mutuas de accidentes de traballo e enfermidades profesionais, e empresas colaboradoras; dos dispositivos de coordinación de urxencias e emerxencias e prestacións sanitarias complementarias, dos dispositivos de transporte sanitario, así como a realización de propostas de autorizacións de centros e servizos sanitarios, da dispensación nas oficinas de farmacia en receitas oficiais, así como o control da prestación farmacéutica para o seguimento do concerto cos colexios oficiais de farmacéuticos a nivel provincial, o control dos medicamentos e produtos sanitarios e do sistema de farmacovixilancia.

Disposición transitoria única. Xestión administrativa.

Mentres non sexan aprobadas as guías e os procedementos para a xestión das prestacións sanitarias polas xerencias de Xestión Integrada do Servizo Galego de Saúde, a tramitación seguirana realizando as unidades administrativas correspondentes da Inspección de Servizos Sanitarios.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa.

Derróganse os números 3.4 do artigo 9 e 2.3 do artigo 12, así como todas cantas disposicións de igual o inferior rango contradigan ou se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo.

Facúltase a conselleira ou conselleiro de Sanidade para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, nove de febreiro de dous mil doce.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade