Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Luns, 13 de febreiro de 2012 Páx. 5708

III. Outras disposicións

Universidade da Coruña

RESOLUCIÓN do 16 de xaneiro de 2012 pola que se establecen a estrutura orgánica dos servizos centrais da Universidade da Coruña e as competencias dos seus órganos directivos.

O artigo 11 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, establece que corresponde a cada Administración pública, no seu propio ámbito competencial, delimitar as unidades administrativas que configuran os órganos administrativos propios das especialidades derivadas da súa organización.

Os órganos unipersoais centrais da nosa universidade aparecen descritos nos artigos 13, 20, 21, 22 e 23 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, modificada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, e nos artigos 22 e 35 a 40 dos vixentes Estatutos da Universidade da Coruña, aprobados polo Decreto 101/2004, do 13 de maio (DOG do 26 de maio), e modificados polo Decreto 194/2007, do 11 de outubro (DOG do 17 de outubro).

Esta normativa asígnalles aos reitores das universidades unha parte importante das competencias que a autonomía universitaria lles confire aos órganos universitarios, deixando á súa vontade a determinación discrecional do número e ámbito competencial das vicerreitorías. A nova composición do equipo de Goberno, resultante das eleccións do día 13 de decembro, obriga a adaptar a estrutura orgánica dos servizos centrais da Universidade da Coruña, aclarando as súas competencias para unha maior claridade e seguridade xurídicas.

Ao mesmo tempo, a actividade administrativa da Universidade da Coruña leva consigo unha concentración de funcións na persoa titular da Reitoría que aconsella, dado o seu volume, recorrer á técnica da delegación de competencias. Esta técnica permite a axilización administrativa necesaria, e redunda en beneficio tanto da Administración como dos administrados, dentro do máis rigoroso respecto das garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 11, 13, 16 e 17 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, os estatutos desta universidade e demais disposicións de xeral aplicación,

RESOLVO:

Aprobar a estrutura orgánica dos seus servizos centrais e as competencias contidas no anexo.

Esta disposición entrará en vigor o mesmo día da súa publicación na web da Universidade da Coruña, e remitirase para a súa publicación ao Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 16 de xaneiro de 2012.

Xosé Luís Armesto Barbeito
Reitor da Universidade da Coruña

ANEXO

Artigo 1. Composición do equipo de goberno.

1. Para o exercicio das competencias e o cumprimento dos fins propios da Universidade da Coruña, o seu equipo de goberno estará formada polas persoas titulares da Reitoría, da Secretaría Xeral, da Xerencia e das seguintes vicerreitorías:

a) Vicerreitoría de Investigación e Transferencia.

b) Vicerreitoría de Títulos, Calidade e Novas Tecnoloxías.

c) Vicerreitoría de Planificación Económica e Infraestruturas.

d) Vicerreitoría de Profesorado e Planificación Docente.

e) Vicerreitoría de Estudantes, Deportes e Cultura.

f) Vicerreitoría de Relacións Internacionais e Cooperación.

g) Vicerreitoría do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social.

2. Os órganos unipersoais enumerados no punto anterior terán a consideración de órganos administrativos de dirección, agás o reitor, que terá a consideración de órgano superior.

3. Os órganos de dirección intégranse no Consello de Dirección, que se reunirá periodicamente para asesorar o reitor na dirección política estratéxica do goberno e o desenvolvemento e seguimento das políticas universitarias. A convocatoria do Consello será realizada pola Secretaría Xeral, por orde do reitor, que presidirá o Consello de Dirección. As deliberacións do Consello de Dirección serán secretas.

Artigo 2. Da Secretaría Xeral.

1. Sen prexuízo das competencias que lle outorguen outras disposicións legais, a Secretaría Xeral terá as seguintes competencias propias:

a) A fe pública dos acordos dos órganos colexiados de goberno dos cales forme parte e das actuacións en que estea presente como tal.

b) A formación e custodia dos libros de actas do Claustro e Consello de Goberno da Universidade, así como a potestade de certificar o que tales libros conteñen e daqueloutras cuestións que consten na documentación oficial da Universidade.

c) A custodia do arquivo universitario, sen prexuízo do establecido nestes estatutos, e do selo oficial da Universidade.

d) A publicidade dos actos e acordos da Universidade.

e) A organización dos actos solemnes da Universidade e a xefatura do protocolo.

2. Así mesmo, exercerá por delegación do reitor as seguintes competencias:

a) A superior dirección e supervisión da política de normalización lingüística, a través do Servizo de Normalización Lingüística.

b) A superior dirección e supervisión da legalidade da actuación administrativa da Universidade, a través da Asesoría Xurídica.

c) A tramitación das propostas de convenios de colaboración, e a aprobación dos modelos de convenio.

d) A resolución dos recursos de alzada, reposición e extraordinario de revisión, así como as reclamacións previas á vía civil ou laboral, cando a facultade de resolución corresponda ao reitor, así como a suspensión dos actos impugnados en vía administrativa.

e) A admisión a trámite e resolución das solicitudes de revisión de oficio, a declaración de lesividade dos actos anulables e a revogación de actos de gravame ou desfavorables, segundo o previsto no capítulo I do título VII da Lei 30/1992.

f) A resolución dos procedementos de responsabilidade patrimonial atribuídos ao reitor.

g) A coordinación das políticas de revisión e actualización normativas.

3. Baixo a dependencia orgánica e funcional da Secretaría Xeral sitúanse as seguintes unidades:

– Oficina de Apoio á Secretaría Xeral.

– Asesoría Xurídica.

– Servizo de Normalización Lingüística.

– Servizo de Rexistro, Documentación e Arquivo.

– Oficina de Protocolo.

– Parque Móbil.

Artigo 3. Da Xerencia.

1. A Xerencia asumirá como propias, baixo a autoridade do reitor, as competencias relativas á xestión dos servizos económicos e administrativos non atribuídos a outros órganos directivos.

2. A Xerencia exercerá por delegación do reitor as competencias relativas ao persoal de administración e servizos, agás a imposición de sancións disciplinarias e as restantes competencias que legalmente estean reservadas ao reitor.

3. A Xerencia exercerá por delegación todas as competencias e funcións que a lexislación de contratos do sector público lle atribúe ao órgano de contratación administrativa.

4. A Xerencia exercerá por delegación as competencias relativas ao patrimonio da Universidade, sen prexuízo das competencias da Vicerreitoría de Planificación Económica e Infraestruturas.

5. Baixo a dependencia directa da Xerencia situaranse as seguintes unidades:

– Vicexerencia do Campus da Coruña.

– Vicexerencia do Campus de Ferrol.

– Servizo de Xestión Financeira.

– Servizo de Intervención.

– Servizo de Retribucións, Seguridade Social e Acción Social.

– Servizo de Persoal de Administración e Servizos.

– Servizo de Patrimonio, Inventario e Xestión Económica.

– Servizo de Prevención de Riscos Laborais.

Artigo 4. Competencias da Vicerreitoría de Investigación e Transferencia.

1. A Vicerreitoría de Investigación asumirá as funcións relativas á promoción e avaliación da investigación, política científica e difusión da actividade investigadora, supervisión das estruturas propias de investigación e centros propios de investigación.

2. Para o exercicio das anteriores funcións, terá as seguintes competencias delegadas:

– As de xestión e coordinación dos recursos de investigación e as de realización de propostas de equipamento de centros de investigación.

– As correspondentes ás relacións con axentes de investigación nacionais e internacionais, e con outros centros de I+D.

– A promoción, avaliación e recoñecemento da transferencia de coñecemento en todos os ámbitos.

– As relacionadas cos parques científicos e tecnolóxicos, centros tecnolóxicos, empresas de base tecnolóxica e viveiros de empresas.

– A proposta, formalización e contratación de proxectos de investigación, tanto no ámbito nacional como internacional.

– A contratación de persoal con cargo a programas, convenios e proxectos de investigación.

– As relativas aos recursos de investigación e á actividade investigadora vinculadas á elaboración de teses de doutoramento.

– Resolución dos procedementos de concesión de axudas e subvencións de investigación e, se é o caso, acordar o seu reintegro, así como a incoación de procedementos sancionadores e imposicións de sancións tipificadas como leves e graves nos artigos 54 e 55 da Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia, agás a que se delegue noutros órganos.

3. Baixo a dependencia directa da Vicerreitoría de Investigación e Transferencia sitúanse as seguintes unidades:

– Servizo de Investigación.

– Servizos de Apoio á Investigación (SAI).

– Parque Tecnolóxico.

– Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación (OTRI).

– Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC).

– Servizo de Biblioteca Universitaria.

Artigo 5. Competencias da Vicerreitoría de Títulos, Calidade e Novas Tecnoloxías.

1. A vicerreitoría de Títulos, Calidade e Novas Tecnoloxías exercerá por delegación do reitor as competencias seguintes:

– Xestión e estruturas académicas, así como a planificación das titulacións de grao, posgrao, títulos propios, e programas de doutoramento; a reforma dos plans de estudo oficiais e a coordinación e control dos centros adscritos.

– Coordinación sobre planificación, estratexia, deseño, adquisición, implantación, normalización, mantemento e calidade dos sistemas e das tecnoloxías de información.

– As referidas á organización, avaliación e seguimento dos procesos de calidade.

2. Baixo a dependencia directa desta vicerreitoría estarán as seguintes unidades:

– Servizo de Organización Académica.

– Servizo de Informática e Comunicacións.

– Centro Universitario de Formación e Innovación Educativa.

– Universidade Sénior.

Artigo 6. Competencias da Vicerreitoría de Planificación Económica e Infraestruturas.

1. A Vicerreitoría de Planificación Económica e Infraestruturas asumirá por delegación do reitor, as funcións relativas á planificación económica e estratéxica da Universidade, e elaborará, en colaboración coa Xerencia, as liñas e directrices do orzamento anual da Universidade, así como os seus criterios de execución e liquidación.

2. Asumirá tamén por delegación as competencias relativas á programación e execución das infraestruturas novas, así como as relativas á planificación urbanística e calidade ambiental que afecte aos distintos campus da Universidade.

3. Baixo a dependencia directa da Vicerreitoría de Planificación Económica e Infraestruturas situaranse as seguintes unidades:

– Servizo de Arquitectura, Urbanismo e Equipamentos.

Artigo 7. Competencias da Vicerreitoría de Profesorado e Planificación Docente.

1. A Vicerreitoría de Profesorado e Planificación Docente asume as competencias sobre planificación, seguimento, control e actualización do persoal docente e investigador (PDI).

2. Por delegación do reitor, exercerá as competencias administrativas sobre recoñecemento de situacións administrativas do PDI, recoñecemento de trienios e quinquenios, xestión dos procedementos de acceso á función pública docente, e xestión dos procesos disciplinarios do PDI, agás a resolución destes.

3. Dependerán desta vicerreitoría as seguintes unidades:

– Servizo de Persoal Docente e Investigador.

Artigo 8. Competencias da Vicerreitoría de Estudantes, Deportes e Cultura.

1. A Vicerreitoría de Estudantes, Deportes e Cultura asume por delegación as competencias de xestión das distintas bolsas de estudo e os seus procedementos derivados, incluíndo, de ser caso, a presidencia e/ou representación da Universidade nos distintos órganos que se constitúan para a súa xestión.

2. Así mesmo, asume a difusión da oferta académica e a captación e acceso do seu alumnado, así como a formación integral do estudante mediante o acceso á actividade deportiva e cultural, voluntariado, e a difusión cultural entre a poboación.

3. Baixo a dependencia directa desta vicerreitoría estarán as seguintes unidades:

– Servizo de Estudantes.

– Servizo de Publicacións.

– Sección de Extensión Universitaria.

– Servizo de Asesoramento e Promoción do Estudante (SAPE).

– Observatorio Ocupacional.

Artigo 9. Competencias da Vicerreitoría de Relacións Internacionais e Cooperación.

1. A Vicerreitoría de Relacións Internacionais e Cooperación asumirá por delegación do reitor as seguintes competencias:

– O fomento da internacionalización e o deseño das estratexias e políticas para as relacións internacionais e a cooperación internacional.

– A representación institucional en foros e eventos internacionais.

– O deseño, planificación e xestión dos programas internacionais de mobilidade e intercambio.

2. Baixo a dependencia da Vicerreitoría de Relacións Internacionais e Cooperación sitúanse as seguintes unidades:

– Oficina de Relacións Internacionais.

– Centro de Linguas.

– Oficina de Cooperación e Voluntariado.

Artigo 10. Competencias da Vicerreitoría do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social.

1. A Vicerreitoría do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social asumirá por delegación do reitor as competencias sobre a proxección e coordinación da Universidade no campus de Ferrol, así como as derivadas da desconcentración administrativa neste campus.

2. Baixo a dependencia da Vicerreitoría do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social sitúanse os servizos centrais e comúns do campus de Ferrol, así como a Oficina para a Igualdade de Xénero.

Artigo 11. Suplencia.

En caso de vacante, ausencia ou enfermidade das persoas titulares dos órganos superiores e directivos centrais da Universidade, as competencias contidas nesta resolución serán exercidas, temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias, polo titular da vicerreitoría que corresponda segundo a orde de prelación establecida no artigo 1 desta Resolución reitoral.

Artigo 12. Réxime da delegación de competencias.

1. As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta resolución farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas pola autoridade que a conferiu.

2. O reitor poderá reclamar motivadamente o exercicio das competencias que son delegadas por esta orde cando haxa circunstancias de índole técnica, económica, social, xurídica ou territorial que o fagan conveniente.

3. Non poderán delegarse as competencias que se exerzan por delegación.

4. Enténdese comprendido nas delegacións anteriores o exercicio da competencia para resolver os recursos de reposición que se interpoñan contra as resolucións que dite en virtude das facultades delegadas, sen prexuízo da súa instrución pola Asesoría Xurídica.

Disposición adicional.

O gabinete de Comunicación e Medios Audiovisuais queda integrado no gabinete do reitor.

Disposición derradeira.

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao que está establecido nesta resolución.