Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Luns, 13 de febreiro de 2012 Páx. 5747

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ANUNCIO do 15 de novembro de 2011, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, polo que se somete a información pública a solicitude de autorización ambiental integrada para unha explotación para galiñas de posta en Albarellos (Lalín). (Clave 2011-IPPC-I-46).

Para os efectos previstos na Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (BOE n.º 157, do 2 de xullo), no Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental de proxectos (BOE n.º 23, do 26 de xaneiro), e no Decreto 133/2008, do 12 de xuño, polo que se regula a avaliación da incidencia ambiental (DOG n.º 126, do 1 de xullo), faise público que, por espazo de trinta (30) días hábiles (contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio), quedará exposta en horas de atención ao público, a documentación correspondente á solicitude de autorización ambiental integrada, para a explotación referida no encabezamento, a fin de que calquera interesado poida consultala e, se é o caso, formular no dito prazo as alegacións, suxestións e/ou observacións que coide convenientes. A documentación que se debe expoñer será:

– «Proxecto básico e estudo de impacto ambiental para solicitude de autorización ambiental integrada de explotación avícola de posta, Huevos de Galicia, S.L., Albarellos, Lalín, Pontevedra».

– «Proxecto. Explotación avícola de posta e centro de clasificación, Huevos de Galicia, S.L., Albarellos, Lalín, Pontevedra».

Para isto, poranse á disposición dos administrados exemplares da devandita documentación nas seguintes dependencias:

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental); San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela, A Coruña.

Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, (rúa Fernández Ladreda, 43-1.º, 4.º, 36003 Pontevedra).

Concello de Lalín, praza do Concello, 1, 36500 Lalín (Pontevedra).

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2011.

Justo de Benito Basanta
Secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

ANEXO

Memoria resumo

Clave do expediente: 2011-IPPC-I-46.

Peticionario: Huevos de Galicia, S.L.

Domicilio social: lugar Santa Cruz Arrabaldo, C.P.A., s/n, 32990 Ourense.

Localización das instalacións: parroquia de Albarellos, termo municipal de Lalín (Pontevedra). Un punto de localización das instalacións é o definido polas coordenadas U.T.M. X: 579.623,09, Y: 4.722.574,99.

Actividade: explotación avícola de galiñas poñedoras e centro de recollida e envasado de ovos.

Descrición do proceso: a explotación avícola de poñedoras contará con 345.600 galiñas, distribuídas en catro naves, polo que se aloxarán 86.400 galiñas/nave. Adoptarase nesta explotación un sistema intensivo destinado á produción de ovo non destinado á incubación. Destinarase unha quinta nave á clasificación, etiquetaxe e envasado de ovos producidos na explotación e os procedentes doutras explotacións de posta, na cal se pretende procesar 500.000 ovos/día.

Os ciclos de produción comezarán coa entrada en cada nave do lote de galiñas poñedoras. O sistema empregado será «todo dentro, todo fóra» en cada unha das naves, o que implicará que no aloxamento non haberá animais de diferente idade, raza ou procedencia. As aves procedentes da cría-recría chegarán á granxa de posta con aproximadamente 20 semanas e abandonarán a granxa con 80 semanas con destino ao matadoiro.

O sistema de explotación será mediante gaiolas acondicionadas que cumpran co especificado no Real decreto 3/2002, do 11 de xaneiro, polo que se establecen as normas mínimas de protección de galiñas poñedoras e o Real decreto 773/2011, do 3 de xuño, polo que se modifica o Real decreto 3/2002, do 11 de xaneiro.

Co fin de recoller as augas de limpeza das naves, a soleira destas terá unha pendente do 0,25% cara á parte norte da nave en que se disporá dun sumidoiro que enviará a auga sucia a unha canalización subterránea exterior de PVC. Estas canalizacións terán diáme-tros de 110 mm e pendentes de entre o 0,5% e o 1,5% e unirán as naves contiguas dúas a dúas nunha arqueta da cal partirá unha condución común que desembocará nun depósito subterráneo de poliéster reforzado con fibra de vidro e cun volume de 20 m3, colocándose un para dúas naves. Desde este depósito recolleranse as verteduras por medio de cisternas que incorporará esta auga aos terreos pertencentes á explotación como fertilizante, sendo pulverizada na parcela. Este mesmo sistema será empregado para a auga dos arcos de desinfección, que contarán cun depósito de 10 m3 para cada vado sanitario.

As verteduras procedentes dos aseos e vestiarios, conduciranse cara a unha depuradora (decantador-digestor con filtro biolóxico).

As augas pluviais que incidan sobre as cubertas das naves de produción non disporán de ningún sistema de recollida, nin canalización, nin acumulación, infiltraranse directamente no terreo. As augas pluviais que incidan na nave de centro de clasificación e envasado de ovos, aseos e vestiarios ademais de diversos almacéns, recollerase mediante canos de aluminio e a súa infiltración no terreo será mediante unha gabia.