Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Mércores, 8 de febreiro de 2012 Páx. 5376

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 64/2012, do 26 de xaneiro, de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Pereiro de Aguiar (Ourense) para revisar a delimitación e ordenación do núcleo rural de Vilariño-A Pena.

1. O Concello do Pereiro de Aguiar eleva para a súa aprobación definitiva o expediente de referencia, conforme o disposto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

2. O Concello do Pereiro de Aguiar dispón actualmente dun Plan Xeral de Ordenación Municipal, aprobado definitivamente o 12 de maio de 2000.

3. Canto á tramitación desta modificación puntual, cómpre sinalar:

• O 20.12.2010 a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da CMATI declarou a non necesidade de sometemento a avaliación ambiental estratéxica.

• Constan informe técnico, do 14.1.2011 e xurídico, do 17.1.2011 previos á aprobación inicial, favorables respecto da conformidade da modificación puntual coa lexislación vixente e a calidade técnica da ordenación proxectada.

• O 23.2.2011 a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe previo á aprobación inicial.

• O Pleno da Corporación municipal do 20 de abril de 2011 aprobou inicialmente a modificación puntual, após a emisión dos informes municipais técnico e xurídico do 30.3.2011; e someteuna a información pública durante o prazo de dous meses, mediante anuncios nos xornais La Voz de Galicia e La Región, do 3.5.2011, e no DOG número 91, de 11.5.2011.

• Segundo certificación do secretario do concello, do 18.7.2011, durante o período de exposición non se presentaron alegacións.

• Constan os preceptivos informes sectoriais favorables:

– 30.5.2011, da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia.

– 5.7.2011, da Subdirección Xeral de Infraestruturas e Normativa Técnica do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio.

– 29.8.2011 da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

– 23.9.2011 da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

• No Pleno do Concello do 25.10.2011, despois da emisión dos informes municipais técnico e xurídico de datas 26 e 29 de setembro de 2011, acordou aprobar provisionalmente a modificación puntual do PXOM para revisar a delimitación e ordenación do núcleo rural de Vilariño-A Pena.

4. A Comisión Superior de Urbanismo de Galicia na súa sesión do 21.12.2011, imitiu informe favorable ao proxecto de modificación puntual.

5. O ámbito de actuación é o núcleo rural de Vilariño-A Pena e a súa contorna inmediata, que afecta, segundo o PXOM vixente, solo de núcleo rural e solo rústico de protección de leitos fluviais no ámbito da ribeira do Miño, protección paisaxística do Miño.

6. O obxecto da modificación puntual é a revisión da delimitación e da ordenación do núcleo rural de Vilariño-A Pena para adaptalas á Lei 2/2010, do 25 de marzo, de medidas urxentes de modificación da Lei 9/2002, conforme o establecido na disposición transitoria primeira e).

7. As parcelas que actualmente teñen a clasificación de protección especial paisaxística e que na modificación puntual se reclasifican como solo de núcleo rural cínguense ás que contan con edificacións de carácter residencial.

8. O solo de núcleo rural é unha clase de solo regrada nos termos establecidos na Lei 2/2010 citada, polo que a súa delimitación constitúe razón de interese público que fundamenta a proposta, nos termos establecidos no artigo 94.1 da LOUG.

9. Conforme o disposto no artigo 95.4 da LOUG, a competencia para a aprobación definitiva das modificacións do planeamento que teñan por obxecto a reclasificación de solo rústico de especial protección, corresponde ao Consello da Xunta de Galicia, logo do informe favorable da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, que foi emitido na súa sesión do 21 de decembro de 2011.

Visto canto antecede, de acordo co disposto nos artigos 85.7 e 95.4 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia; e no artigo 37 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e co informe favorable da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia do 21.12.2011, así como por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e seis de xaneiro de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo único.

Aprobar definitivamente o proxecto de modificación puntual do PXOM do Pereiro de Aguiar para revisar a delimitación e ordenación do núcleo rural de Vilariño-A Pena.

Disposición derradeira.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segundo o disposto no artigo 85.11 da citada Lei 9/2002, contra este decreto non cabe recurso en vía administrativa; non obstante, contra el poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, vinte e seis de xaneiro de dous mil doce.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas