Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 26 Martes, 7 de febreiro de 2012 Páx. 5221

I. Disposicións xerais

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 59/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establecen as condicións e o procedemento para a homologación pola Academia Galega de Seguridade Pública de cursos impartidos por outras entidades.

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza configurada no Decreto 7/2011, do 20 de xaneiro, como órgano de apoio e asistencia á Presidencia da Xunta de Galicia, é o departamento a que corresponde, sen prexuízo das demais competencias que legal e regulamentariamente teña atribuídas, a elaboración, proposta e execución da política do Goberno galego en materia de xustiza, administración local, relacións institucionais e parlamentarias, emerxencia e interior, relacións exteriores e coa Unión Europea e avaliación e reforma administrativa, que exercerá no nivel de desenvolvemento que se indica neste decreto para cada un dos órganos que integran este departamento.

A Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) é un organismo autónomo de carácter administrativo que axustará os seus fins, estrutura e funcionamento ao disposto na Lei 1/2007, do 15 de xaneiro.

De conformidade co disposto no establecido na dita lei, a Agasp orientará a súa actuación ao enriquecemento do capital humano dos servizos de seguridade pública mediante a súa capacitación a través da formación, a innovación e a excelencia, compromiso de xerar e transferir as bases de coñecemento para a mellora das políticas en materia de seguridade pública e impulso da calidade nos servizos de seguridade pública para unha mellor atención ao cidadán e maior satisfacción dos seus xestores.

O artigo 5 da Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Agasp, establece que, nas materias que lle son propias, son tamén funcións da Academia, investigar, estudar e divulgar contidos, técnicas e documentación, con especial referencia á realidade galega, promover relacións de intercambio e colaboración coas universidades e institucións de Galicia, así como con outros centros docentes e investigadores de ámbito autonómico, estatal ou internacional, homologar, cando proceda, os títulos correspondentes aos cursos de formación impartidos por outras academias, escolas ou centros, así como calquera outra que lle poida ser atribuída polas normas, de conformidade coa súa natureza.

Igualmente, o artigo 12 da Lei 1/2007 establece como competencia do/da seu/súa director/ra xeral homologar, cando proceda, os títulos correspondentes aos cursos de formación impartidos por outras academias, escolas ou centros.

Coa regulación das condicións e o procedemento para a homologación de cursos externos á Agasp, realizados por entidades con experiencia e solvencia acreditadas e dirixidos ao persoal integrante dos corpos da policía local, bombeiros, agrupacións de protección civil e demais servizos relacionados coa seguridade e as emerxencias de Galicia, garántese a calidade e idoneidade da formación obtida por estes profesionais que gardan cada día da seguridade e o benestar de toda a cidadanía, adecuando os requisitos de homologación ás circunstancias e demandas actuais.

Como consecuencia do anterior, é obxecto deste decreto a regulación das condicións e o procedemento para que a Agasp proceda á homologación de cursos de formación impartidos por outras academias, escolas ou centros, de conformidade coas previsións contidas nos artigos 5 e 12 da citada Lei 1/2007, do 15 de xaneiro.

En virtude do exposto, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, facendo uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, modificada polas leis 2/2007, do 28 de marzo, e 12/2007, do 27 de xullo, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do dezanove de xaneiro de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

Este decreto ten por finalidade desenvolver as previsións contidas nos artigos 5 e 12 da Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), establecendo as condicións e o procedemento que deberán observar as academias, escolas ou centros para que a Agasp homologue os cursos de formación que impartan, dirixidos aos colectivos mencionados no artigo 4 da antedita Lei da Agasp.

Artigo 2. Actividades formativas homologables.

A Academia Galega de Seguridade Pública homologará, se é o caso, exclusivamente cursos de formación relacionados cos servizos de seguridade pública.

En todo caso, non se homologará ningunha actividade formativa que non sexan cursos.

Artigo 3. Requisitos dos cursos para ser homologables.

1. As entidades interesadas poderán solicitar a homologación dos cursos que impartan, sempre que estes reúnan os seguintes requisitos:

a) O contido do curso deberá estar relacionado coas actividades formativas que imparta a Agasp.

b) Os cursos terán unha duración igual ou superior ás 20 horas lectivas.

c) O persoal docente contará cunha formación acreditada para impartir os contidos específicos do curso.

d) O curso, deberá sempre contar cunha proba ou sistema de avaliación final para determinar a aptitude do alumnado, sen que se poidan homologar cursos en que só se valore a asistencia.

e) Nos criterios de selección dos participantes deberán respectarse os principios de igualdade, mérito e capacidade.

f) Para a súa realización deberá contarse coas aulas e demais equipamento necesario. En todo caso, as instalacións deberán cumprir coas condicións hixiénicas, acústicas, de habitabilidade e de seguridade exixidas pola lexislación aplicable aos centros de formación.

Artigo 4. Solicitude e documentación.

1. O procedemento iniciarase mediante solicitude segundo o modelo normalizado que figura no anexo deste decreto, dirixida á Dirección Xeral da Academia Galega de Seguridade Pública, e acompañada da seguinte documentación:

a) Memoria xeral, que como mínimo deberá comprender:

– Identificación da entidade solicitante.

– Ámbito territorial da súa actuación.

– Descrición dos medios técnicos, materiais, didácticos e instrumentais que se van utilizar no curso.

– Localización e características do lugar onde se vai a impartir o curso.

b) Memoria específica do curso que xustifique o seu interese para os membros do sistema integral de protección civil e emerxencias de Galicia, coa seguinte documentación:

– Denominación, obxectivos, destinatarios, publicidade, programa, contidos do curso e material que se entregará aos/as alumnos/nas.

– Sistema de avaliación que se van utilizar.

– Número de horas lectivas, lugar, horario e datas de realización.

En caso de realizarse na modalidade de teleformación, achegarán un usuario e clave de acceso ao curso.

– Currículo do profesorado.

c) Xustificante do aboamento da taxa correspondente.

2. A solicitude presentarase, como mínimo, con dous meses de antelación ao día sinalado para o comezo do curso, no Rexistro da Academia Galega de Seguridade Pública, ou en calquera outro dos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5. Tramitación.

1. O procedemento tramitarao de oficio o servizo de formación da Academia Galega de Seguridade Pública competente na materia, que poderá requirir ademais da documentación presentada, toda aquela complementaria que considere necesaria.

2. Se se advirten deficiencias na documentación achegada, requirirase o solicitante para que as emende no prazo de dez días hábiles; en caso de non facelo, terase por desistido na súa petición e a solicitude será arquivada, logo de resolución do órgano competente.

Artigo 6. Instrución.

1. O servizo de formación competente para instruír o procedemento emitirá un informe razoado sobre a solicitude presentada e elevarao á Dirección Xeral da Agasp que ditará resolución.

Se o informe é positivo, ditarase resolución concedendo a homologación, de xeito provisional, e continuará o procedemento.

2. No caso de que se produzan cambios, substitucións ou incidencias no desenvolvemento do curso, a entidade deberá comunicar a devandita circunstancia ao servizo de formación competente na instrución do procedemento de forma inmediata para o seu coñecemento e constancia.

3. Durante o desenvolvemento do curso, o servizo de formación que instrúa o procedemento poderá realizar os controis e inspeccións que considere necesarios para verificar o cumprimento dos requisitos sinalados.

4. Unha vez finalizado o curso, a entidade deberá remitir á Academia Galega de Seguridade Pública a seguinte documentación:

– Os controis de asistencia debidamente acreditados.

– A avaliación final realizada.

– A listaxe definitiva dos/das alumnos/nas que superaron o curso.

– Diplomas debidamente cubertos.

5. Con toda a documentación presentada, e feitas todas as comprobacións necesarias, o órgano competente para instruír o procedemento emitirá informe definitivo, que elevará á Dirección Xeral da Agasp para a resolución do procedemento de homologación.

Artigo 7. Resolución.

1. A resolución adoptaraa motivadamente a Dirección Xeral da Agasp, logo de informe do servizo de formación que instrúe o procedemento.

2. O prazo para resolver e notificar a resolución do procedemento será dun mes contado desde a data en que a solicitude ten entrada no Rexistro da Agasp.

No caso da resolución provisional estimatoria da homologación, o prazo para ditar resolución definitiva será dun mes contado desde que a documentación final necesaria ten entrada no Rexistro da Agasp.

3. A concesión da homologación acredítase mediante a rúbrica expedida no reverso dos diplomas.

Artigo 8. Réxime de recursos.

Contra a resolución da Dirección Xeral da Agasp que decida sobre a homologación solicitada cabe a interposición dun recurso de alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de interior e xustiza, conforme as previsións da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición transitoria primeira. Solicitudes de homologación de cursos que se atopen en fase de realización na data de entrada en vigor deste decreto.

No caso de cursos que se atopen en fase de realización na data de entrada en vigor deste decreto, o alumnado asistente poderá, no prazo dun ano desde a súa finalización, solicitar á Agasp a súa homologación, de acordo coa normativa reguladora vixente no momento de comezo dos devanditos cursos.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa.

Quedan derrogadas cantas disposicións de ámbito autonómico, de igual ou inferior rango, se opoñan a este decreto.

Disposición derradeira primeira. Aplicación e desenvolvemento.

Facultase a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, competente na materia, para que dite cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezanove de xaneiro de dous mil doce.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

missing image file