Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Martes, 24 de xaneiro de 2012 Páx. 3821

VI. Anuncios

c) Outros anuncios

Consorcio Audiovisual de Galicia

RESOLUCIÓN do 23 de decembro de 2011 pola que se modifica o ficheiro de datos de carácter persoal denominado Xestión da bolsa de emprego.

A Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (BOE n.º 298, do 14 de decembro), no seu artigo 20, e o Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, polo que se aproba o regulamento de desenvolvemento da citada lei orgánica, no seu artigo 52, dispoñen que a creación e modificación dos ficheiros de titularidade pública, deberán facerse por medio de disposición xeral publicada no boletín oficial correspondente, indicando as modificacións producidas en calquera dos aspectos que, de conformidade co artigo 54 do RLOPD, recollía a disposición pola que se creou o ficheiro no seu momento.

O Consorcio Audiovisual de Galicia aprobou a regulación dos seus ficheiros para a súa adecuación á LOPD mediante Resolución do 23 de novembro de 2007 (DOG n.º 21, do 30 xaneiro de 2008). Nestes ficheiros figura o de Xestión de bolsa de emprego.

O Consorcio Audiovisual de Galicia considera necesario, para ofrecer unha mellor calidade de servizo, modificar este ficheiro sinalado no anexo I.

Na súa virtude, e co fin de dar cumprimento ao mandato legal do artigo 20 da LOPD, sobre creación ou modificación de ficheiros que conteñan datos de carácter persoal xestionados polo Consorcio Audiovisual de Galicia, e de asegurar aos administrados o exercicio dos seus lexítimos dereitos,

RESOLVE:

Artigo 1. Obxecto e motivos da modificación.

Mediante esta resolución do Consorcio Audiovisual de Galicia modifícase o ficheiro denominado Xestión de bolsa de emprego, aprobado pola Resolución do 23 de novembro de 2007 (DOG n.º 21, do 30 de xaneiro de 2008) para a súa adaptación á nova aplicación XATEmprego da Consellería de Traballo e Benestar.

Artigo 2. Modificación do ficheiro Xestión de bolsa de emprego.

A desagregación do ficheiro supón a modificación do anexo I da Resolución do 23 de novembro de 2007 (DOG n.º 21, do 30 de xaneiro de 2008) e, neste sentido, modifícanse as seguintes epígrafes do ficheiro:

Finalidade e usos previstos do ficheiro:

Xestionar os datos das persoas asesoradas ou participantes en accións do servizo (formación e apoio a emprendedores, empresarios e persoas en busca de emprego).

Persoas ou colectivos sobre os que se pretende obter datos de carácter persoal ou que resulten obrigados a fornecelos:

Solicitantes, emprendedores, empresarios, persoas en busca de emprego ou que queira participar en actividades de formación.

Estrutura básica do ficheiro e tipo de datos:

Engádese: datos do proxecto de creación de empresa (nome do proxecto, tipo, descrición, estado, orzamento, data de inicio e fin).

Cesións de datos de carácter persoal e transferencias de datos a países terceiros:

Engádese: os datos de carácter persoal contidos neste ficheiro serán cedidos á Consellería de Traballo e Benestar, a CEEI Galicia, S.A. (BIC Galicia). Así mesmo, poderán transferirse a outras administracións públicas cando sexa necesario para as materias da súa competencia.

Non se prevé a cesión dos devanditos datos a países terceiros.

En todo caso, a cesión de datos que contén este ficheiro sen necesidade de consentimento por parte da persoa afectada, só se realizará a favor doutras administracións públicas competentes na materia e no marco do disposto na Lei orgánica 15/1999, de protección de datos de carácter persoal, e no Real decreto 1720/2007, que aproba o regulamento de desenvolvemento de devandita lei.

Disposición derradeira.

Esta resolución entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2011.

Anxo Quintanilla Louzao
Director xerente do Consorcio Audiovisual de Galicia