Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Martes, 24 de xaneiro de 2012 Páx. 3747

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 20 de xaneiro de 2012 de delegación de competencias no secretario xeral técnico, secretarios xerais, directores xerais e xefes territoriais da Consellería do Medio Rural e do Mar e no presidente do Consello de Administración do ente público Portos de Galicia.

O Decreto 1/2012, do 3 de xaneiro, polo que se modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e o Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, supuxeron a creación da Consellería do Medio Rural e do Mar, cuxa estrutura se concretou no Decreto do 19 de xaneiro de 2012 polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Mar.

A Orde do 10 de xaneiro de 2012, de delegación temporal de competencias nos órganos superiores e directivos da Consellería do Medio Rural e do Mar, veu recoller de forma provisional o conxunto de delegacións de competencias por parte do titular da consellería nos distintos órganos dela ata a aprobación do decreto de estrutura orgánica.

A actividade administrativa da Consellería do Medio Rural e do Mar leva consigo unha concentración de funcións no seu titular, cuxo volume aconsella naqueles asuntos que non exixan unha atención directa e persoal da conselleira recorrer á delegación de competencias, co debido respecto aos principios informadores da actividade administrativa, que a nosa Constitución recolle no seu artigo 103.1, en prol dunha maior axilidade da actuación que beneficie tanto a Administración como os administrados.

Esta orde regula a delegación de competencias no secretario xeral técnico, secretarios xerais e directores xerais e xefes territoriais da Consellería do Medio Rural e do Mar.

Regúlanse tamén as delegacións competenciais en materia de portos, posibilitando ao presidente do Consello de Administración do ente público Portos de Galicia a actuación por delegación da conselleira do Medio Rural e do Mar naqueles asuntos de tramitación ordinaria que xa viña asumindo por delegación do titular da Consellería do Mar.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 38, 43.3 e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, do disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1. Delegacións no secretario xeral técnico.

Primeiro. Administración de persoal.

Delégase no/a secretario/a xeral técnico/a o exercicio das facultades que lle corresponden ao conselleiro/a en materia de persoal segundo o establecido no artigo 17 do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia.

Segundo. Contratación.

1. Delégase no/a secretario/a xeral técnico/a o exercicio das seguintes facultades en materia de contratación:

a) O inicio e a aprobación dos expedientes de contratación, a aprobación do gasto correspondente, así como, se é o caso, dispoñer a súa tramitación urxente ou adoptar as medidas pertinentes no suposto previsto no artigo 113 do Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público.

b) A aprobación dos pregos de prescricións técnicas, de cláusulas administrativas particulares e dos modelos tipo destes.

c) A adxudicación e formalización dos contratos; as prerrogativas da súa interpretación, resolver as dúbidas que ofreza o seu cumprimento; a aprobación das súas modificacións por razóns de interese público; acordar a súa resolución e determinar os efectos desta; así como as restantes prerrogativas que, de acordo coa lexislación, corresponden ao órgano de contratación.

d) A aprobación dos proxectos e das súas modificacións.

Terceiro. Xestión financeira e orzamentaria.

Autorizar e dispoñer os gastos xerais dos servizos da Consellería do Medio Rural e do Mar, así como o seu compromiso e liquidación, ata o límite dos créditos autorizados e non reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia, así como a facultade de solicitar da Consellería de Facenda a adecuación dos pagamentos correspondentes.

Cuarto. Xestión patrimonial.

Delégase no/a secretario/a xeral técnico/a o exercicio das facultades que a normativa en materia de patrimonio atribúe ao titular da consellería.

Quinto. Subvencións e sancións.

Delégase no/a secretario/a xeral técnico/a da consellería a competencia para iniciar e resolver os procedementos de reintegro e perda do dereito ao cobramento de axudas e subvencións e a incoación de procedementos sancionadores e imposición de sancións tipificadas como leves e graves nos artigos 54 e 55 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, delégase no/a secretario/a xeral técnico/a a competencia para a imposición das sancións que correspondan ao titular da consellería en virtude da cualificación da infracción cometida ou da contía da sanción proposta, e a adopción de medidas ao longo do proceso sancionador que correspondan ao titular da consellería.

Sexto. Recursos e reclamacións.

1. Delégase no/a secretario xeral técnico/a o exercicio das competencias seguintes:

a) Resolver os recursos administrativos de alzada e extraordinario de revisión cando a facultade de resolución corresponda ao titular da consellería, e mesmo suspender a execución dos actos impugnados. Igualmente, corresponderalle a resolución do recurso especial en materia de contratación.

b) Resolver os recursos de reposición que se interpoñan contra as resolucións que dite en virtude das facultades delegadas, así como os recursos de reposición interpostos contra as resolucións ditadas polos secretarios xerais e outros órganos en exercicio das facultades delegadas.

c) Iniciar e resolver os procedementos de revisión de oficio, declaración de lesividade dos actos anulables e a revogación de actos de gravame ou desfavorables, así como a rectificación de erros cando ditase o acto rectificado por delegación, segundo o previsto no capítulo I do título VII da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

d) Resolver as reclamacións previas á vía civil e aos procedementos de responsabilidade patrimonial a que se refire a Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, incluíndo, se é o caso, as correspondentes reclamacións contra as entidades de dereito público adscritas á consellería.

e) Resolver os procedementos de suspensión condicional de sancións, a súa remisión e revogación previstos no artigo 151 da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.

f) Presentar e dar resposta aos requirimentos que, con carácter previo á vía contencioso-administrativa, se susciten entre a Consellería do Medio Rural e do Mar e outras administracións publicas, así como a tramitación dos requirimentos e peticións formulados á consellería polo Valedor do Pobo e outras institucións.

Sétimo. Comisións de servizo con dereito a indemnización.

Delégase no/a secretario/a xeral técnico/a a designación das comisións de servizo, con dereito a indemnización, prevista no artigo 4 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, de todo o persoal dependente dos servizos centrais da Consellería do Medio Rural e do Mar.

Oitavo. Réxime interno.

Delégase no/a secretario/a xeral técnico/a a disposición de todo o relativo ao réxime interno da consellería, cando non sexa competencia do/a conselleiro/a ou doutra secretaría xeral.

Noveno. Fundacións.

Delégase no/a secretario/a xeral técnico/a o exercicio das facultades que a normativa en materia de fundacións atribúe ao protectorado destas.

Décimo. Montes veciñais en man común.

Delégase no/a secretario/a xeral técnico/a a emisión dos informes que o artigo 6 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento de execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, atribúe ao conselleiro.

Décimo primeiro. Criterios complementarios.

1. Na aplicación das delegacións contidas nesta orde teranse en conta os seguintes criterios:

a) Atribúeselle ao/á secretario/a xeral técnico/a o exercicio das competencias que, en materia de xestión financeira e orzamentaria, non están expresamente delegadas noutros órganos.

b) Atribúeselle a ao/á secretario/a xeral técnico/a o despacho e resolución daqueles expedientes e asuntos de índole administrativa que estean atribuídos á titular da consellería.

Artigo 2. Delegacións nos/as secretarios/as xerais.

1. Deléganse nos/as secretarios/as xerais as seguintes competencias:

a) Autorizar e dispoñer os gastos con cargo ás aplicacións orzamentarias do estado de gastos dos orzamentos xerais asignadas á súa secretaría que non se atopen reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia.

b) Recoñecer as obrigas de gasto e propoñer os pagamentos correspondentes aos créditos sinalados na alínea anterior, cos límites igualmente indicados.

c) Respecto dos referidos créditos, as funcións que como órgano de contratación lle son atribuídas ao/á titular da consellería pola lexislación vixente.

d) Delégase nos/as secretarios/as xerais a competencia para resolver os procedementos de axudas e subvencións que se tramiten no ámbito das súas competencias.

2. Deléganse no/a secretario/a xeral do Mar as seguintes competencias en materia de acuicultura, de acordo co disposto no Decreto 406/1996, do 7 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de viveiros de cultivos mariños nas augas de Galicia (modificado polos decretos 338/1999, do 3 de decembro, e 174/2002, do 10 de maio):

a) Autorizacións para a constitución de hipotecas e outros dereitos de garantía sobre as concesións.

b) Autorización para o cambio de cultivo de especies autorizadas ou a realización de cultivos poliespecíficos, de acordo, co establecido na Orde do 18 de abril de 2001, que regula o procedemento que rexerá a permuta de puntos de fondeadura e os cambios de sistema, localización e cultivo nos viveiros de cultivos mariños.

c) Transmisión mortis causa das autorizacións experimentais.

d) Revogación das autorizacións experimentais.

e) Acordo de retirada, á custa do titular, do viveiro que, logo da comunicación ao seu titular de que este non reúne as condicións mínimas de seguridade exixibles e da perigosidade que representa, así como da necesidade de reparación inmediata, non se levase a efecto no prazo establecido.

f) Autorización para traslado de semente, desdobramento de adultos, entre distintas rías comprendidas en ámbitos territoriais correspondentes a máis dunha delegación, de acordo co establecido na Orde do 14 de marzo de 1997, que establece as condicións para o traslado de moluscos bivalvos entre viveiros situados en augas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3. Delegacións nos/as xefes/as territoriais.

1. Deléganse nos/as xefes/as territoriais as seguintes competencias:

a) Autorizar e dispoñer os gastos con cargo ás aplicacións orzamentarias do capítulo II do estado de gastos dos orzamentos xerais, ata o límite dos créditos que para tal fin sexan distribuídos polo/a titular da consellería, que non se atopen reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia.

b) Recoñecer as obrigas de gasto e propoñer os pagamentos correspondentes aos créditos sinalados no punto anterior, cos límites igualmente indicados.

c) Respecto dos referidos créditos, as funcións que como órgano de contratación lles son atribuídas ao/á titular da consellería pola lexislación vixente, así como a sinatura e formalización de convenios.

d) Delégase nos/as xefes/as territoriais da Consellería do Medio Rural e do Mar o exercicio da competencia para efectuar as contratacións de persoal temporal a que lle sexa de aplicación o acordo sobre as condicións especiais de traballo do persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (SPDCIF) da Xunta de Galicia incluído no V convenio colectivo único da Xunta de Galicia ou normativa que o substitúa ou sexa de aplicación.

2. Deléganse nos/as xefes/as territoriais da Coruña, Lugo e Pontevedra as seguintes competencias en materia de acuicultura:

a) As seguintes funcións, de acordo co disposto no Decreto 406/1996, do 7 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de viveiros de cultivos mariños nas augas de Galicia (modificado polo Decreto 338/1999, do 3 de decembro, e Decreto 174/2002, do 10 de maio):

1. Autorización de cambios de sistema, de acordo co establecido na Orde do 18 de abril de 2001, que regula o procedemento que rexerá a permuta de puntos de fondeadura e os cambios de sistema, localización e cultivo nos viveiros de cultivos mariños.

2. Comunicación ao titular do viveiro que non reúne as condicións mínimas de seguridade exixibles da perigosidade que aquel representa, así como da necesidade de reparación inmediata e o prazo para levala a efecto.

3. Autorizacións para o traslado de semente, desdobramento e adultos entre distintas rías, sempre dentro do seu ámbito territorial, de acordo o establecido na Orde do 14 de marzo de 1997, que establece as condicións para o traslado de moluscos bivalvos entre viveiros situados en augas da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. Habilitacións para a extracción de semente de mexillón como consecuencia dos acordos subscritos entre concesionarios de bateas ou as súas asociacións e as confrarías de pescadores ou agrupacións de mariscadores, de acordo co establecido na Orde do 26 de outubro de 2000, que regula a extracción de semente de mexillón en bancos naturais.

b) A resolución dos expedientes en materia de transmisión dos seguintes títulos:

1. Concesións de bateas de cultivos mariños nas augas de Galicia, de acordo co artigo 63 da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, o artigo 10 do Decreto 406/1996, do 7 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de bateas de cultivos mariños nas augas de Galicia, e a Orde do 15 de xuño de 1999, que regula o procedemento para a transmisión da titularidade das concesións dos viveiros de cultivos mariños nas augas de Galicia (modificada pola Orde do 8 de maio de 2000).

2. Concesións de establecementos de cultivos mariños na zona marítimo-terrestre, de acordo co artigo 54 da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.

3. Permisos de actividade de establecementos de acuicultura na zona terrestre, de acordo co artigo 70 da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, o Decreto 274/2003, do 4 de xuño, polo que se regula o procedemento de obtención do permiso e concesión de actividade para os establecementos de acuicultura e auxiliares de acuicultura na zona terrestre, e a Orde do 21 de xullo de 2000, que regula o procedemento para a transmisión da titularidade do permiso de actividade en establecementos de cultivos mariños e auxiliares na zona terrestre.

c) A resolución dos expedientes en materia de prórrogas de:

1. Concesións de viveiros de cultivos mariños nas augas de Galicia, de acordo co artigo 61 da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, o artigo 13 do Decreto 406/1996, do 7 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de viveiros de cultivos mariños nas augas de Galicia, e a Orde do 17 de novembro de 1999, que regula o procedemento para o outorgamento de prórrogas das concesións dos viveiros de cultivos mariños nas augas de Galicia.

2. Concesións de establecementos de cultivos mariños na zona marítimo-terrestre, de acordo co artigo 53 da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.

d) A resolución dos expedientes en materia de cambios de localización e permuta dos puntos de fondeadura dos viveiros de cultivos mariños habilitados mediante concesión, de acordo coa Orde do 18 de abril de 2001, que regula o procedemento que rexerá a permuta de puntos de fondeadura e os cambios de sistema, localización e cultivo nos viveiros de cultivos mariños.

e) A resolución dos expedientes en materia de inmersión de especies mariñas nas augas de Galicia, de acordo co artigo 8 bis da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, e cos artigos 54 e seguintes do Decreto 423/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de marisqueo, extracción de algas e cultivos mariños.

Artigo 4. Delegacións no/a presidente/a do Consello de Administración do ente público Portos de Galicia.

Deléganse no/a presidente/a do Consello de Administración do ente público Portos de Galicia:

a) O exercicio da facultade de aprobar os plans de utilización dos espazos portuarios dos portos de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) A competencia atribuída á conselleira para a imposición das sancións en materia de portos nos casos de infraccións graves previstas no artigo 39.1.º c) do Decreto 227/1995, do 20 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do ente público Portos de Galicia, ditado en aplicación e desenvolvemento da Lei 5/1994, do 29 de novembro.

c) A competencia para resolver recursos de reposición que se interpoñan contra as resolucións que dite en virtude das facultades delegadas.

d) Outorgar as concesións e autorizacións por ocupación de dominio público adscrito á comunidade autónoma dentro do recinto portuario e aplicar os correspondentes canons, sen prexuízo do disposto no artigo 3.3 da Lei 5/1994, do 29 de novembro, de creación do ente público Portos de Galicia.

Artigo 5. Réxime xurídico das delegacións.

1. As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas pola autoridade que as conferiu.

2. En calquera momento o/a conselleiro/a poderá reclamar para si o exercicio das competencias que son delegadas por esta orde, das cales quedan excluídos, en todo caso, os supostos previstos no artigo 6.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, no artigo 13.2.º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 42.2.º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

3. En caso de vacante, ausencia ou enfermidade do/a secretario/a xeral técnico/a, as súas competencias serán asumidas polo/a vicesecretario/a xeral durante o tempo que persistan as devanditas causas e pola orde de prelación que vén establecida polo Decreto 79/2009, do 19 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, con excepción da asistencia ás reunións da comisión de secretarios xerais técnicos.

4. En caso de vacante, ausencia ou enfermidade dos/as secretarios/as xerais as súas atribucións serán asumidas, durante o tempo que persistan as devanditas causas, polo secretario/a xeral técnico/a.

5. En caso de vacante, ausencia ou enfermidade dos/as directores/as xerais as súas atribucións serán asumidas, durante o tempo que persistan as devanditas causas, polo/a secretario/a xeral de que dependan.

6. En caso de ausencia, vacante ou enfermidade dos/as xefes/as territoriais as súas funcións serán asumidas pola persoa que designe a conselleira.

7. As do/a presidente/a do Consello de Administración do ente público Portos de Galicia rexeranse polo disposto na normativa do citado ente público.

Disposición adicional.

A delegación de competencias nos secretarios xerais para resolver procedementos de concesión de axudas e subvencións e no secretario xeral técnico para resolver os procedementos de reintegro prevalecerá sobre as normas específicas de igual ou inferior rango que regulen esta materia.

Disposición derrogatoria.

Queda derrogada a Orde do 10 de xaneiro de 2012, de delegación temporal de competencias nos órganos superiores e directivos da Consellería do Medio Rural e do Mar, a Orde do 24 de abril de 2009, sobre delegación de competencias no secretario xeral, a Orde do 25 de novembro de 2009, de delegación de competencias no secretario xeral, nos directores xerais, nos xefes territoriais da Consellería do Mar e no presidente do Consello de Administración do ente público Portos de Galicia, a Orde do 27 de decembro de 2005, de delegación de competencias en materia de acuicultura no director xeral de Recursos Mariños e nos delegados territoriais desta consellería, e cantas outras disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao previsto nesta orde.

Disposición derradeira.

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2012.

Rosa M.ª Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar