Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Xoves, 19 de xaneiro de 2012 Páx. 3082

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 9 de xaneiro de 2012 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades privadas sen ánimo de lucro para a realización de programas de carácter sociosanitario.

A Consellería de Sanidade é o órgano da Administración autonómica responsable da superior dirección e desenvolvemento das funcións e competencias en materia de sanidade de conformidade co establecido no Estatuto de autonomía para Galicia e na Constitución española, segundo o Decreto 310/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade.

Adscrito á Consellería de Sanidade, baixo a súa dirección, vixilancia e tutela, configúrase o Servizo Galego de Saúde, creado pola Lei 1/1989, do 2 de xaneiro, como organismo autónomo de carácter administrativo dotado de personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins. A súa estrutura orgánica regúlase actualmente no Decreto 311/2009, do 28 de maio, e os seus fins e funcións no capítulo I do título VI da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

De conformidade co disposto no artigo 53 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, a atención sociosanitaria configúrana o conxunto de coidados sanitarios e daqueloutros dentro do sistema de servizos sociais establecido na súa normativa específica, destinados aos pacientes xeralmente crónicos, que polas súas especiais características poden beneficiarse da atención simultánea e sinérxica dos servizos sanitarios e sociais para aumentar a súa autonomía, paliar as súas limitacións ou sufrimentos e facilitar a súa reinserción social.

Así mesmo, a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, no seu artigo 136, establece que a atención sociosanitaria deberá cubrir as necesidades das persoas baixo criterios de igualdade, equidade, accesibilidade, universalidade e complementariedade na acción das diferentes administracións. Do mesmo xeito, o nomeado artigo encomenda á Consellería de Sanidade o fomento de actuacións integrais, sociais e sanitarias, ante aquelas circunstancias de dependencia, cronicidade, discapacidade ou outras en que a cooperación entre o sistema sanitario e o sistema de servizos sociais comporte vantaxes sociais e asistenciais.

A Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde, a través da Subdirección Xeral de Xestión Sociosanitaria e Saúde Mental, ocúpanse da programación, coordinación e xestión de accións e medidas dirixidas a sectores con especiais necesidades sociosanitarias.

Do mesmo xeito, esta Subdirección Xeral de Xestión Sociosanitaria e Saúde Mental é o órgano encargado de asesorar, coordinar e supervisar as directrices e accións de carácter sociosanitario que se desenvolvan no ámbito da comunidade autónoma. Entre outros, ten o obxectivo xeral de colaborar e cooperar con institucións públicas e privadas, entre elas, as entidades sen ánimo de lucro, na xestión de programas de carácter sociosanitario.

O Decreto 389/1994, do 15 de decembro, polo que se regula a saúde mental en Galicia, recolle a posibilidade de establecer programas específicos para o tratamento de situacións que presenten unha alta incidencia no territorio ou unha gran relevancia sociosanitaria, como é o caso do alcoholismo.

O Plan de Trastornos Adictivos de Galicia 2011-2016 define entre os seus obxectivos o de mellorar a cobertura asistencial das adiccións, entre elas o alcoholismo, e recolle nas súas liñas de actuación a oferta de tratamentos adaptados ás necesidades de cada persoa.

Tendo en conta estas premisas e a importancia actual do tecido asociativo galego no desenvolvemento de programas de carácter sociosanitario, considérase de interese prioritario o establecemento dunha liña de axudas orientadas a apoiar o desenvolvemento de programas de carácter sociosanitario destinados a colectivos de persoas con problemática asociada ao alcoholismo, así como persoas dependentes e afectadas por dano cerebral adquirido, enfermidades raras, trastorno do espectro autista e trastornos da conduta alimentaria, e que necesiten coidados e actividades de rehabilitación e apoio para o mantemento da súa autonomía dentro da comunidade.

Por todo o exposto, conforme o establecido na Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, así como na Lei 4/2006, do 13 de xullo, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega; en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, polo Decreto 79/2009, do 19 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, o Decreto 8/2011, do 28 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e polo Decreto 310/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, para a debida aplicación dos créditos orzamentarios aos fins para os que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade.

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a entidades privadas sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de programas de carácter sociosanitario destinados á realización de actividades complementarias no proceso de atención e rehabilitación de persoas con problemática asociada ao alcoholismo, así como persoas con secuelas por dano cerebral adquirido, enfermidades raras, trastorno do espectro autista e trastornos da conduta alimentaria.

A súa finalidade é aumentar a autonomía, paliar as posibles limitacións e favorecer a rehabilitación e integración das persoas que compoñen os ditos colectivos con especiais necesidades de atención sociosanitaria.

Artigo 2. Requisitos dos beneficiarios.

1. Para ser beneficiaria das axudas publicadas nesta orde deberán cumprise os seguintes requisitos:

a) Ser unha entidade privada sen ánimo de lucro cuxos fins estatutarios principais sexan a realización de actividades de apoio e axuda ao colectivo a que se dirixen os programas de atención sociosanitaria para os que se solicita subvención: alcohol, alcohol e outras adiccións sen substancia, dano cerebral adquirido, enfermidades raras, trastorno do espectro autista e trastornos da conduta alimentaria.

b) Estar legalmente constituídas, polo menos con dous anos de anterioridade con respecto á data de publicación desta convocatoria, coa excepción das federacións recentemente constituídas que estean integradas maioritariamente por asociacións cunha antigüidade superior aos dous anos. Así mesmo, deberán estar debidamente inscritas no rexistro administrativo correspondente.

c) Dispoñer dunha sede central ou delegación permanente na Comunidade Autónoma de Galicia, entendéndose como tal a presenza física e o domicilio social desta, comprometéndose, así mesmo, a desenvolver as actividades subvencionadas dentro do territorio da Comunidade Autónoma galega.

d) Ter un horario mínimo de atención ao público de 15 horas semanais, destinadas a dar información e prestar axuda dun xeito prioritario ás persoas afectadas pola problemática referida.

e) Dispoñer de estrutura técnica e capacidade suficiente para garantir o cumprimento dos obxectivos propostos no programa ou programas presentados, así como experiencia operativa na súa implementación. No desenvolvemento dos programas deberá participar, como mínimo, un/unha técnico/a con titulación universitaria axeitada para o desenvolvemento das actividades previstas neles. Este/a profesional será o/a responsable da supervisión e coordinación xeral do programa.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias as entidades en que concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Todos os requisitos deberán cumprirse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución do programa subvencionado.

Artigo 3. Actividades e gastos subvencionables.

1. As actividades subvencionables desagréganse nas seguintes liñas de axuda:

Liña A. Orientada a desenvolver programas de carácter sociosanitario destinados á realización de actividades complementarias no proceso de atención e rehabilitación de persoas con problemática asociada ao alcoholismo:

– Programas sociosanitarios de apoio á abstinencia en persoas con problemas de adicción ao alcohol e non sometidas a tratamento ambulatorio.

– Programas sociosanitarios de prevención de recaídas dirixidos a pacientes que se atopen en tratamento ambulatorio.

– Outros programas sociosanitarios dirixidos a persoas afectadas polo alcoholismo.

Liña B. Orientada a desenvolver programas de carácter sociosanitario en persoas con secuelas por dano cerebral adquirido, enfermidades raras, trastorno do espectro autista e trastornos da conduta alimentaria:

– Programas sociosanitarios de apoio e rehabilitación de persoas con secuelas por dano cerebral adquirido (DCA) de xeito integral ou en calquera dos seguintes aspectos:

• Programas de rehabilitación fisioterápica.

• Programas de rehabilitación logopédica.

• Programas de rehabilitación cognitiva.

• Programas de terapia ocupacional.

– Programas sociosanitarios de apoio á rehabilitación de persoas afectadas por enfermidades raras, de xeito integral, ou en calquera dos seguintes aspectos:

• Programas de rehabilitación fisioterápica.

• Programas de apoio psicolóxico.

• Programas de terapia ocupacional.

– Programas sociosanitarios dirixidos a persoas afectadas por trastorno do espectro autista, en calquera dos seguintes aspectos:

• Programas de apoio psicolóxico.

• Programas de atención ambulatoria.

– Programas sociosanitarios dirixidos a persoas afectadas por trastornos da conduta alimentaria, en calquera dos seguintes aspectos:

• Programas de apoio e seguimento psicolóxico.

• Programas de atención continuada e intervención intensiva a pacientes que se atopen en tratamento ambulatorio.

2. Para os efectos do disposto no punto anterior enténdese por programa o conxunto de actividades ordenadas e dirixidas a unha poboación definida, empregando os recursos necesarios durante un período determinado e coa finalidade de alcanzar uns obxectivos concretos.

Non será obxecto de subvención a actividade asistencial diaria, senón a actividade derivada de programas específicos, aínda que formen parte da atención habitual ofertada polas entidades.

3. As entidades só poderán concorrer a unha liña de axuda (liña A ou liña B). En caso de que presenten solicitude para os dous tipos, serán requiridas nos termos establecidos no artigo 6.4 para que aclaren tal circunstancia.

4. Poderase solicitar axuda para o desenvolvemento dun máximo de dous programas, dentro dunha mesma liña de axudas, de conformidade co disposto no punto anterior. Ambos os programas deberán levar unha orde de prioridade establecida obrigatoriamente polo solicitante, sendo valorado unicamente o primeiro deles. A comisión valorará o segundo programa se o primeiro fose rexeitado por calquera circunstancia recollida na orde.

5. No caso de asociacións integradas en federacións que presenten programas iguais ou semellantes aos da federación, só se terán en conta os presentados por esta última.

6. Os programas obxecto de subvención deberán levarse a cabo ao longo de 2012.

7. Consideraranse gastos subvencionables os destinados a sufragar os gastos correntes e de persoal nos cales dun xeito indubidable concorra a entidade beneficiaria como consecuencia do desenvolvemento do programa subvencionado, e non pola súa actividade asistencial, e se realicen dentro do prazo establecido por esta convocatoria. Para estes efectos, serán gastos subvencionables os realizados desde a entrada en vigor da orde ata o 30 de novembro de 2012.

Artigo 4. Imputación orzamentaria, réxime de compatibilidades e contía.

1. Para as subvencións que se concedan na execución desta orde destínase un crédito inicial de 225.000 € con cargo á aplicación 5001.413A.481.21, con código de proxecto 201200034 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012, quedando as resolucións no momento da súa concesión condicionadas á existencia de crédito adecuado e suficiente na aplicación orzamentaria sinalada. Así mesmo, todos os actos de trámite ditados no expediente de gasto entenderanse condicionados a que no momento de ditarse a resolución de concesión subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que foron producidos os ditos actos, someténdose o procedemento de aprobación de gasto ao disposto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 24 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O crédito inicial sinalado distribúese para as liñas de axuda recollidas nesta convocatoria da seguinte maneira:

Liña A: 125.000 €.

Liña B: 100.000 €.

2. Se o número de solicitudes obxecto de subvención dentro dunha mesma liña non esgotase o crédito dispoñible para esta, o crédito sobrante poderase destinar a programas desa mesma liña segundo a orde de prelación establecida polas puntuacións acadadas.

3. As subvencións que reciban as entidades en virtude desta orde son compatibles con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, pero non para o mesmo programa, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

4. O importe da axuda poderá acadar ata o 100% do custo do programa subvencionado, cun límite máximo de 14.000 euros por axuda. Non obstante, de acordo co disposto no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o importe das subvencións outorgadas nesta orde non poderá en ningún caso ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos nacionais ou internacionais, supere o custo das actividades que vaia desenvolver o beneficiario. En todo caso, a obtención doutras axudas para o programa subvencionado deberá ser comunicada polo beneficiario á Subdirección Xeral de Xestión Sociosanitaria e Saúde Mental no momento da súa concesión.

Así mesmo, as contías solicitadas para cada un dos programas presentados por cada entidade non deberán superar o límite máximo establecido por axuda, tal como se recolle no parágrafo anterior.

Poderán recibir axudas un máximo de 15 programas pertencentes á liña A de axudas e 15 programas pertencentes á liña B.

5. De acordo co disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia non se poderán outorgar subvencións por contía superior ao importe do crédito recollido no número 1 deste artigo, salvo que se produza o incremento do crédito dispoñible para este fin.

Artigo 5. Solicitudes.

1. A solicitude de subvención realizarase segundo o modelo normalizado que se publica como anexo I a esta orde, subscrita pola persoa que teña a representación legal da entidade solicitante e dirixida á presidenta do Servizo Galego de Saúde, edificio administrativo de San Lázaro s/n, 15703 Santiago de Compostela, á cal se lle achegará a seguinte documentación (orixinal ou copia compulsada):

1.1. Documentación que debe achegar a entidade solicitante:

a) Documentación que acredite a representación legal da entidade.

b) Escritura de constitución e estatutos da entidade solicitante e modificacións, de ser o caso, debidamente inscritos no rexistro correspondente ou, en todo caso, documentación que acredite que a entidade está inscrita no correspondente rexistro administrativo.

c) Tarxeta de identificación fiscal da entidade solicitante.

d) Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para a mesma finalidade, das distintas administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados; declaración de non atoparse incursa en ningunha das prohibicións para obter a condición de beneficiario que establece o artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e declaración de que a entidade solicitante está ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente o pagamento de ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma, nin ser debedora por resolución de procedencia de reintegro, en conformidade co disposto no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (anexo III).

e) Certificación bancaria da conta corrente en que se ingresará, de ser o caso, o importe da subvención concedida.

1.2. Documentación acreditativa da capacidade técnica da entidade solicitante:

a) Balance ou xustificación dos ingresos e gastos da entidade referido ao exercicio económico de 2011.

b) Memoria da entidade correspondente ao ano 2011 segundo modelo que se publica como anexo II.

c) Documentación acreditativa da experiencia da entidade no desenvolvemento de programas en materia de atención ao alcoholismo, dano cerebral adquirido, enfermidades raras, trastorno do espectro autista e trastornos da conduta alimentaria.

d) Documentación acreditativa do desenvolvemento, implantación e mantemento de sistemas de xestión de calidade ou procedementos de autoavaliación e mellora continua de forma periódica (certificados, premios ou recoñecementos de calidade).

1.3. Documentación acreditativa da calidade técnica do programa que se vai desenvolver, na que se recolla, nun máximo de 5 follas e na orde que se sinala a continuación, as seguintes referencias técnicas:

a) Memoria descritiva do programa que se vai desenvolver, en que conste, como mínimo:

– A denominación do programa.

– Indicación da tipoloxía de programa que corresponda segundo a clasificación recollida no artigo 3.1 desta orde.

– Obxectivos xerais e específicos do programa.

– O ámbito territorial de referencia para o seu desenvolvemento (concellos de referencia).

– Os colectivos de persoas destinatarias prioritarias do programa e criterios de inclusión no programa.

– Estudo organizativo do servizo: actividades previstas, protocolos de traballo e detalle da metodoloxía de desenvolvemento.

– Centro/s, calendario e horario de desenvolvemento das accións previstas.

– Metodoloxía de avaliación: indicadores de proceso e resultado de acordo cos obxectivos definidos.

– Lingua en que se desenvolverán as actividades do programa.

b) Memoria descritiva dos recursos humanos que a entidade dedicará ao desenvolvemento do programa indicando o nome e apelidos, a titulación académica, o posto de traballo, as funcións que se van desenvolver e a porcentaxe de dedicación ao programa en relación coa xornada laboral completa. Deberase sinalar a persoa responsable da supervisión do programa e achegar orixinal ou copia compulsada da súa titulación universitaria, de acordo co previsto no artigo 2.1.e desta orde. A documentación acreditativa da titulación universitaria do/da responsable do programa non computará para os efectos de contabilización do número máximo de follas que compoñen a documentación acreditativa da calidade técnica do programa que se vai desenvolver.

c) Memoria descritiva dos medios materiais que a entidade dedicará ao desenvolvemento do programa, con referencia específica ao emprego das novas tecnoloxías.

d) Valoración económica do programa. Orzamento desagregado por conceptos de gasto previstos de acordo coa tipoloxía de gastos subvencionables: gastos de persoal incluídas as cotizacións á Seguridade Social, e gastos correntes, tales como alugueres, subministración de enerxía eléctrica, telefonía e conexión á internet, material de oficina, entre outros.

2. Cando os documentos exixidos nos puntos 1.1.b e 1.1.c. do artigo 5.1.º xa estivesen en poder da Subdirección Xeral de Xestión Sociosanitaria e Saúde Mental, sen que se producisen modificacións no seu contido e non transcorresen máis de dous anos desde a finalización do procedemento a que corresponda, a entidade solicitante poderá acollerse ao establecido na epígrafe f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar esta circunstancia especificando o ano en que remitise a dita documentación e o número de expediente correspondente.

3. As solicitudes de subvención presentaranse nas oficinas de rexistro da Xunta de Galicia, de conformidade co Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia, ou por calquera dos procedementos establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

A presentación da solicitude poderase realizar tamén en sede electrónica
http://www.xunta.es/resultados-da-guia-de-procedementos, de conformidade co previsto no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, e no Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, así como a Orde do 7 de xullo de 2009 pola que se desenvolve o Decreto 255/2008, o Decreto 165/2005, do 16 de xuño, e a Orde do 15 de setembro de 2011 pola que se aproba a posta en funcionamento da sede electrónica da Xunta de Galicia, de aplicación á totalidade dos órganos da Administración xeral de Galicia e entes instrumentais.

4. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

5. Calquera cambio que se produza nos datos contidos na documentación que se achegue coa solicitude deberá comunicarse á Subdirección Xeral de Xestión Sociosanitaria e Saúde Mental, quen poderá pedir ao solicitante todos cantos documentos e aclaracións considere necesarios para completar o expediente.

6. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación das bases reguladoras desta orde de subvencións.

Artigo 6. Procedemento, instrución e comisión de valoración.

1. O procedemento de concesión de subvencións será o de concorrencia competitiva.

2. O órgano instrutor do procedemento será a Subdirección Xeral de Xestión Sociosanitaria e Saúde Mental do Servizo Galego de Saúde.

3. O procedemento que se seguirá na tramitación e instrución dos expedientes será o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, coas concrecións que se establecen nos parágrafos seguintes.

4. Rematado o prazo de presentación de solicitudes o órgano instrutor examinará a documentación presentada. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria ou a documentación obrigatoria que debe presentarse conteña erros ou sexa insuficiente, requirirase a entidade para que, nun prazo de 10 días, emende a falta, realice as aclaracións ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se considerará desistido da súa solicitude, logo de resolución que así o declare, de acordo co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. Durante a instrución do procedemento constituirase como órgano colexiado unha comisión de valoración que, de acordo cos criterios establecidos no artigo seguinte, avaliará os programas solicitados e emitirá o correspondente informe coa valoración obtida polos programas presentados. Esta comisión estará integrada polos seguintes membros:

– O/a subdirector/a xeral de Xestión Sociosanitaria e Saúde Mental, que actuará como presidente/a.

– O/a xefe/a do Servizo de Xestión Sociosanitaria.

– O/a xefe/a do Servizo de Saúde Mental e Asistencia a Drogodependencias.

– Dous técnicos/as da devandita subdirección, asumindo un deles a secretaría.

Esta comisión poderá estar asistida polos/as técnicos/as que se consideren oportunos en número non superior a tres, por proposta do/a presidente/a do devandito órgano. Así mesmo, tamén poderá solicitar a presenza dun/dunha representante da Secretaría Xeral de Política Social da Consellería de Traballo e Benestar, cun rango mínimo de xefe/a de servizo. Así mesmo, poderá solicitar a presenza de expertos/as externos/as independentes con titulación axeitada e de recoñecido prestixio e experiencia profesional nas materias propias dos programas obxecto de subvención.

Para os efectos do disposto no parágrafo anterior considerarase independente aquela persoa en que non concorran ningunha das circunstancias previstas no artigo 28.2 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Se, por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non puidese asistir, será substituída pola persoa que para o efecto designe o/a presidente/a do dito órgano e, sempre que sexa posible, o dito nomeamento recaerá noutra persoa da mesma subdirección ou servizo a que pertenza o/a substituído/a.

6. A Subdirección Xeral de Xestión Sociosanitaria e Saúde Mental, unha vez avaliadas as solicitudes e emitido o informe da comisión de valoración, realizará a proposta de resolución.

Artigo 7. Criterios de valoración das solicitudes.

1. A comisión de valoración, para avaliar as solicitudes, terá en conta os seguintes criterios:

1.1. Valoración da entidade solicitante (0-40 puntos):

a) Grao de implantación da entidade. Valorarase o maior ámbito territorial de implantación da entidade (máximo 10 puntos):

– Federación de ámbito autonómico: 10 puntos.

– Asociación integrada nunha federación: 5 puntos.

– Outro tipo de entidade: 3 puntos.

b) Antigüidade da entidade. Outorgarase 1 punto por cada dous anos transcorridos desde a data de creación da entidade (máximo 5 puntos).

Para os efectos de cómputo tomarase como referencia a data que figure nos estatutos da entidade ou na documentación de constitución correspondente.

c) Experiencia da entidade solicitante na realización de actividades ou programas de carácter sociosanitario, de acordo coas tipoloxías previstas no artigo 2.1.a). Outorgarase 1 punto por cada ano en que a entidade obtivese algunha axuda de organismos públicos, nacionais ou europeos (máximo 5 puntos).

Para estes efectos computaranse todas as axudas que estean debidamente acreditadas polos órganos competentes ou das que se achegue referencia do diario oficial en que se publicou a concesión da dita axuda.

d) Calidade na xestión da entidade, mediante o desenvolvemento, implantación e mantemento de sistemas de xestión de calidade ou procesos de autoavaliación e mellora continua de forma periódica, debidamente acreditados mediante premios ou recoñecementos de calidade (máximo 5 puntos):

– Sistema de autoavaliación: 3 puntos.

– Auditoría externa acreditada: 5 puntos.

e) Grao de dedicación da entidade ás materias propias dos programas obxecto de subvención (máximo 15 puntos):

– Asociación ou entidade dedicada exclusivamente á atención da problemática do alcohol; dano cerebral adquirido; enfermidades raras; trastorno do espectro autista e trastornos da conduta alimentaria: 15 puntos.

– Asociación ou entidade non dedicada exclusivamente ás referidas problemáticas: 3 puntos.

1.2. Valoración dos programas (0-60 puntos):

a) Amplitude territorial do programa, da cal se achegará xustificación documental, especificando onde se levará a cabo (máximo 10 puntos):

– Máis de cinco concellos: 10 puntos.

– De dous a cinco concellos: 7 puntos.

– Un concello: 3 puntos.

– No caso de que non conste a amplitude territorial do programa: 1 punto.

b) Contido e calidade do programa (máximo 30 puntos):

1. Descrición do programa nunha memoria breve cun máximo de cinco páxinas no cal se terán en conta os/as profesionais dedicados/as ao seu desenvolvemento, lugar de realización, cronograma con detalle de datas e horario previstos, programas innovadores e aplicación de novas tecnoloxías (máximo 5 puntos).

2. Fundamentación teórica e pertinencia do programa (máximo 5 puntos).

3. Proposta metodolóxica para o desenvolvemento do programa, con valoración dos protocolos de traballo previstos para a consecución dos obxectivos e o nivel de detalle da metodoloxía (máximo 5 puntos).

4. Obxectivos xerais e específicos definidos para o programa (máximo 5 puntos).

5. Adecuación da proposta de indicadores de proceso e resultado definidos para a avaliación do programa (máximo 10 puntos).

c) Ámbito de actuación destinado exclusivamente a determinados colectivos: mozos/as ou adolescentes, mulleres ou colectivos en risco de exclusión (5 puntos).

d) Desenvolvemento das actividades e programas da entidade en lugares onde non existan dispositivos de saúde mental nin dispositivos asistenciais conveniados que cubran as necesidades de atención sociosanitaria relacionadas cos ditos programas (5 puntos).

e) Complementariedade das actividades do programa coas liñas estratéxicas do Sistema Nacional de Saúde para o ano 2011 e as Estratexias Sergas 2011-2014: a sanidade pública ao servizo do paciente (5 puntos).

f) Utilización da lingua galega no desenvolvemento do programa (5 puntos).

2. As solicitudes serán baremadas ata un máximo de 100 puntos, conforme o procedemento que se recolle neste punto. Avaliaranse inicialmente os criterios correspondentes á capacidade técnica da entidade. Seguidamente realizarase a valoración individual de cada programa. Esta última puntuación sumarase, por separado, á puntuación obtida pola entidade na fase de valoración da súa capacidade técnica. Como resultado obteranse dúas listaxes ordenadas de maior a menor, unha por cada unha das liñas de axuda previstas, que indicará a orde de prelación para a asignación dos importes a cada unha das entidades a que se lle concederá a subvención, considerando en todo caso os seguintes límites:

– Recibirán subvención, como máximo, os 15 programas da liña A mellor puntuados de acordo coa orde de prelación establecida.

– Recibirán subvención, como máximo, os 15 programas da liña B mellor puntuados de acordo coa orde de prelación establecida.

Se, de acordo coa valoración realizada, dúas ou máis entidades obtivesen unha puntuación igual, e por razóns de insuficiencia de crédito dispoñible ou superación do límite máximo de número de axudas recollido no punto anterior non puidesen recibir axuda todas elas, terán preferencia para a obtención da condición de beneficiarias aquelas entidades que obtivesen maior puntuación na valoración do programa (artigo 7.1.2). Se aínda así persistise o empate, terase en conta o maior grao de implantación da entidade (artigo 7.1.1.a).

3. O importe da subvención adxudicada será proporcional á puntuación total obtida tras a valoración dos criterios, asegurando en todo caso un importe mínimo suficiente para garantir o desenvolvemento do programa en condicións de eficacia e calidade.

4. A Subdirección Xeral de Xestión Sociosanitaria e Saúde Mental poderá realizar os axustes que considere axeitados sobre calquera dos elementos integrantes do programa, sempre orientados a garantir a súa factibilidade, eficiencia e o respecto aos principios éticos aplicables.

5. Se unha entidade beneficiaria renunciase á axuda destinada ao programa e, como consecuencia do límite orzamentario que establece o artigo 4.1 ou do límite máximo do número de axudas recollido no número 2 deste artigo quedasen programas sen recibir axuda, aquela adxudicarase ao seguinte programa que figure na orde de prelación establecida tal como se recolle neste artigo 7.

Artigo 8. Resolución e notificación.

1. As entidades solicitantes propostas como beneficiarias disporán dun prazo de 10 días hábiles para a súa aceptación unha vez recibida a notificación. Transcorrido o dito prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

2. Correspóndelle á/ao conselleira/o de Sanidade e presidenta/e do Servizo Galego de Saúde resolver o procedemento.

3. As resolucións serán motivadas e seranlles notificadas ás/aos interesadas/os no prazo máximo de seis meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde. De non mediar resolución expresa no citado prazo, poderán entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

4. A resolución deberá serlle notificada aos/ás beneficiarios/as de forma individualizada, de acordo co previsto no artigo 58 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. De conformidade co disposto no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, que será notificada ao/á beneficiario/a nos termos previstos no número 4 deste artigo.

Artigo 9. Recursos.

As resolucións que se diten ao abeiro desta orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá recorrerse potestativamente en reposición, ante a/o presidenta/e do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da notificación, se o acto é expreso, ou de tres meses se non o é, contado desde o día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co previsto no artigo 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro; ou ben ser impugnadas directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contado desde o día seguinte á data de notificación, se o acto é expreso, ou de seis meses se non o é, contado desde o día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto de conformidade co previsto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que legalmente proceda.

Artigo 10. Pagamento e xustificación.

1. O pagamento da subvención realizarase de acordo co procedemento de aprobación de gasto e pagamento recollido no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En aplicación do disposto no punto anterior, a contía da subvención farase efectiva do seguinte xeito:

a) Poderanse realizar pagamentos á conta ata un máximo do 80% do importe total da subvención concedida á conta da liquidación definitiva e segundo se desenvolvan as actividades do programa, logo de presentación de orixinais ou copias compulsadas dos xustificantes de gastos ocasionados e pagamentos realizados polo desenvolvemento das actividades do programa, xunto cunha relación ordenada e detallada deste, en que se faga constar o acredor e documento, a data de expedición, a data de pagamento, o concepto, o importe e a certificación expedida polo/a secretario/a ou o/a representante da entidade que acredite que os gastos que se xustifican se aplicaron para os fins para os que a subvención foi concedida.

A porcentaxe restante da subvención non se fará efectiva ata que estean integramente xustificados a totalidade dos gastos correspondentes á actividade subvencionada incluíndo, se é o caso, o importe do/s pagamento/s á conta.

b) A xustificación final realizarase logo do cumprimento da finalidade e demais condicións desta orde nos termos recollidos nos artigos 28, 29 e 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como nos artigos 41 e 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, achegando a seguinte documentación:

– Declaración das actividades realizadas e financiadas do programa obxecto da subvención, indicando o custo repercutido para a entidade.

– Certificación da entidade onde se faga constar que os gastos que se xustifican se ocasionaron no desenvolvemento de actividades obxecto desta subvención e que foron debidamente aboados.

– Orixinais ou copias compulsadas dos xustificantes de gastos ocasionados e pagamentos realizados no desenvolvemento das actividades do programa, xunto cunha relación ordenada e detallada destes.

Cando o importe dalgún xustificante non se impute totalmente á finalidade do programa subvencionado con estas axudas, indicarase a contía exacta daquel que resulte afectado por el.

– Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo programa, de calquera entidade privada, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

3. Considéranse gastos subvencionables os recollidos no artigo 3.7 desta orde.

4. A documentación xustificativa dos gastos dirixirase á Subdirección Xeral de Xestión Sociosanitaria e Saúde Mental con data límite do 30 de novembro de 2012. Esta subdirección emitirá un informe favorable de ser conforme.

Así mesmo, con data límite do 31 de xaneiro de 2013 as entidades subvencionadas deberán presentar unha memoria das actividades realizadas no marco do programa obxecto de subvención.

5. En cumprimento do disposto no artigo 14.1.m) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no caso de que unha entidade non realice o 100% da actividade obxecto da axuda, ou, en todo caso, non realice o 100% do gasto previsto no orzamento do programa, darase lugar á modificación da resolución da concesión, reducíndose a contía da axuda concedida proporcionalmente á actividade realizada e ao custo efectivamente repercutido á entidade.

Artigo 11. Obrigas dos/das beneficiarios/as.

1. Cumprir o obxectivo, executar o programa e realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención.

2. Xustificar ante a Subdirección Xeral de Xestión Sociosanitaria e Saúde Mental o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade determinante da concesión da subvención.

3. Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente para comprobar o cumprimento do fin para o que se destina esta subvención, así como a calquera outra actuación de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes tanto autonómicos como estatais ou comunitarios para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

4. Comunicar ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dos fondos percibidos.

5. Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao/á beneficiario/a, así como cantos estados contables e rexistros sexan exixibles de conformidade co disposto nestas bases, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

6. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

7. Incluír en todos os documentos e accións de difusión e información do programa subvencionado o logotipo da Xunta de Galicia (Consellería de Sanidade) e do Servizo Galego de Saúde, en consonancia coa obriga de publicidade do carácter público do financiamento do programa establecida no artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

8. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 12 desta orde, así como nos artigos 32 e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

9. Así mesmo, sen prexuízo do cumprimento das demais obrigas dispostas neste artigo, as entidades beneficiarias estarán obrigadas a:

a) Cumprir as directrices e instrucións de coordinación e programación dispostas polo Servizo Galego de Saúde a través da Subdirección Xeral de Xestión Sociosanitaria e Saúde Mental.

b) Comunicar á Subdirección Xeral de Xestión Sociosanitaria e Saúde Mental calquera modificación, suspensión ou vacante no cadro de persoal.

c) Comunicar á Subdirección Xeral de Xestión Sociosanitaria e Saúde Mental calquera modificación nas datas, horario e lugares previstos para a realización de cada programa na súa memoria descritiva, antes do seu comezo.

Artigo 12. Revogación e reintegro.

1. No caso de producirse algunha das causas establecidas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como o establecido nos artigos 74 e seguintes do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, procederase á revogación da subvención así como ao reintegro, se é o caso, da subvención percibida e dos xuros de demora correspondentes.

2. Malia o recollido no artigo 10.5 desta orde, e en cumprimento do establecido nos artigos 14.1.m) e 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, para a mesma finalidade, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, se é o caso, ao reintegro da subvención percibida e dos xuros de demora correspondentes.

Artigo 13. Infraccións e sancións.

Respecto do réxime de infraccións e sancións será de aplicación o establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, se subvencións de Galicia.

Artigo 14. Publicidade.

1. O órgano administrativo concedente publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas con expresión da convocatoria, o programa e o crédito orzamentario a que se imputen, o/a beneficiario/a, a cantidade concedida e a finalidade ou finalidades da subvención, ao abeiro do disposto no artigo 15.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Sanidade publicará na súa páxina web oficial a relación dos/das beneficiarios/as e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos/as beneficiarios/as e da súa publicación na citada páxina web.

3. Consonte o artigo 16.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as axudas outorgadas ao abeiro desta orde figurarán no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios. De conformidade co disposto no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os/as interesados/as poderán exercer os dereitos aí contidos, así mesmo terán dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira primeira.

Nos aspectos non contidos nesta orde aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento; e, supletoriamente, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento, o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

Disposición derradeira segunda.

A/o conselleira/o de Sanidade e presidenta/e do Servizo Galego de Saúde ditará as disposicións necesarias para a aplicación do disposto nesta orde.

Disposición derradeira terceira.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2012.

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file