Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Martes, 3 de xaneiro de 2012 Páx. 306

I. Disposicións xerais

Consello de Contas de Galicia

RESOLUCIÓN do 27 de decembro de 2011 pola que se fai público o acordo do Pleno do 23 de decembro, polo que se regula a creación e o funcionamento do Rexistro Electrónico.

O Pleno do Consello de Contas de Galicia, na súa sesión do día 23 de decembro de 2011, aprobou o acordo polo que se regula a creación e o funcionamento do Rexistro Electrónico do Consello de Contas de Galicia.

En cumprimento do disposto neste acordo, resolvo a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2011.

Luciano Fariña Busto
Conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia

Acordo do Pleno do Consello de Contas de Galicia do 23 de decembro de 2011 polo que se regula a creación e o funcionamento do Rexistro Electrónico do
Consello de Contas de Galicia

O Consello de Contas, dentro do exercicio das competencias encomendadas pola Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas de Galicia, considera conveniente estender a Administración electrónica a todos os ámbitos da súa actuación administrativa e fiscalizadora, o que redundará en definitiva nunha maior eficacia, axilidade e transparencia no tratamento da información. Mediante este acordo créase o Rexistro Electrónico do Consello de Contas de Galicia, co que se implementa o instrumento necesario para facilitar o acceso á Administración electrónica das persoas xurídicas e físicas nas súas relacións co Consello de Contas.

Neste sentido, a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no seu artigo 45, anticipou a necesidade de inserir os novos instrumentos electrónicos na actividade administrativa.

Entre outros aspectos recollidos no acordo, cómpre salientar que, para garantir a actualización permanente do sistema e asegurar a progresiva incorporación á Administración electrónica das diversas competencias xestionadas polo Consello de Contas, se establece que será o Pleno quen regule os novos procedementos e os seus formatos preestablecidos coa finalidade de incorporalos ao sistema de xestión electrónica. Así mesmo, establécese a forma de identificación e autenticación das persoas físicas e xurídicas usuarias do Rexistro Electrónico do Consello de Contas de Galicia e dos seus procedementos de xestión electrónica. Esta forma figurará actualizada no portal institucional do Consello de Contas co enderezo electrónico www.ccontasgalicia.es

Tendo en conta o anterior, mediante este acordo créase o Rexistro Electrónico do Consello de Contas e establécense as normas que o regulan, consonte o establecido na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

Por canto antecede, a teor do disposto no artigo 7.3.b) da Lei 6/1985, do 24 de xuño, o Pleno do Consello de Contas de Galicia adopta o seguinte

ACORDO:

Primeiro. Obxecto.

Este acordo ten por obxecto a creación e regulación do Rexistro Electrónico do Consello de Contas para a recepción e remisión de solicitudes, escritos e comunicacións, de conformidade co disposto no artigo 24 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

A presentación de solicitudes, escritos e comunicacións por medio do Rexistro Electrónico terá carácter voluntario, coa excepción prevista no artigo 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, sendo a alternativa á utilización dos lugares sinalados no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. Creación do Rexistro Electrónico do Consello de Contas.

Créase o Rexistro Electrónico do Consello de Contas para a recepción e remisión de solicitudes, escritos e comunicacións que se remitan e expidan por medios telemáticos con sinatura electrónica avanzada e, de ser o caso, recoñecida.

O órgano competente para acordar a inclusión, reforma ou exclusión dos procedementos no sistema de xestión electrónica, así como os requisitos técnicos e formatos preestablecidos é o Pleno do Consello de Contas.

O Rexistro Electrónico dependerá da Secretaría Xeral do Consello de Contas.

Terceiro. Enderezo de acceso ao Rexistro Electrónico.

O acceso ao Rexistro Electrónico do Consello de Contas realizarase a través do portal institucional co enderezo electrónico www.ccontasgalicia.es

Cuarto. Documentos admisibles.

1. Consonte o disposto no artigo 24 da mencionada Lei 11/2007, do 22 de xuño, o Rexistro Electrónico estará habilitado para a recepción de:

a) Documentos electrónicos, en modelo normalizado, correspondentes aos procedementos e trámites que se especifican no anexo realizados en formatos preestablecidos. Estes documentos deberanse presentar necesariamente utilizando, debidamente cubertos, os formularios normalizados da correspondente aplicación xestora do procedemento.

b) Documentos electrónicos, sen modelo normalizado, correspondentes aos procedementos e trámites que se especifican no anexo realizados con formato preestablecido.

c ) Outros documentos electrónicos dirixidos a calquera órgano do Consello de Contas. A tramitación destes documentos realizarase conforme o que dispoña o acordo do Pleno do Consello de Contas que aprobe a forma e os requisitos necesarios para a súa presentación no rexistro.

Ata o establecemento das solucións tecnolóxicas necesarias que permitan a entrada en vigor do referido acordo, calquera escrito, solicitude ou comunicación presentado mediante o Rexistro Electrónico do Consello de Contas non relacionado cos trámites e procedementos a que se refire o anexo, non producirá ningún efecto e darase por non presentado.

2. No caso de presentación de documentos electrónicos que conteñan código malicioso, considerarase sen máis que estes non foron presentados e suspenderase de inmediato calquera operación que requira o seu proceso ou utilización.

3. A relación actualizada dos escritos, solicitudes e comunicacións normalizados relativos aos trámites e procedementos que se poidan presentar mediante o Rexistro Electrónico do Consello de Contas e os trámites susceptibles de ser comunicados ou notificados telematicamente polo Consello, figurarán no enderezo electrónico de acceso ao rexistro.

4. A presentación por este medio de solicitudes, escritos ou comunicacións dirixidos a órganos ou entidades alleos ao Consello de Contas darase por non realizada. En tal caso, cando sexa posible, comunicaráselle ao interesado tal circunstancia, indicándolle os rexistros e lugares habilitados para a presentación conforme as normas en vigor.

5. As aplicacións xestoras dos procedementos poderán admitir ou requirir a presentación de documentos electrónicos anexos aos formularios normalizados, e deberase, neste caso, habilitar os medios para iso.

Quinto. Documentación complementaria.

1. Se por iniciativa dos interesados ou por razón dun requirimento previo houbese que achegar documentación complementaria a unha comunicación, escrito ou solicitude previamente presentada, os interesados poderán realizar esa achega por algún dos seguintes sistemas:

a) A través do sistema previsto, segundo proceda, no artigo 4.1.a) ou 4.1.b) deste acordo.

b) A través do sistema previsto no artigo 4.1.c) deste acordo, cando o trámite non figure entre os relacionados no anexo, segundo a forma que estableza o Pleno do Consello de Contas.

c) A través de calquera dos medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, sen prexuízo da excepción prevista no artigo 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, cando o interesado opte por algún deles ou se trate de documentos non susceptibles de presentación por medios telemáticos.

2. A documentación complementaria que se presente por medios telemáticos deberá cumprir os estándares de formato e requisitos de seguridade determinados nos esquemas nacionais de interoperabilidade e de seguridade.

3. Cando o sistema de presentación electrónica non permita determinar de forma automática a comunicación, escrito ou solicitude de que sexa complementaria a documentación achegada ou o procedemento ou expediente con que se relaciona, o interesado deberá mencionar o número ou código de rexistro individualizado a que se refire o artigo 8.2 deste acordo, ou a información que permita identificar o expediente no que deba producir efectos.

Sexto. Acreditación da identidade.

1. Os documentos electrónicos poderán ser presentados mediante o Rexistro Electrónico polas persoas interesadas ou pola súa representación, nos termos definidos nos artigos 30 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Cando a representación non quede acreditada ou non se poida presumir, requirirase esa acreditación polo medio que corresponda.

2. O asinante do documento poderá acreditar a súa identidade ante o Rexistro Electrónico mediante os sistemas de sinatura electrónica relacionados no artigo 13.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño. En particular:

a) A identificación e sinatura de persoas físicas mediante a utilización do documento nacional de identidade electrónico serán admitidas en todos os casos.

b) A identificación e sinatura mediante sistemas de sinatura electrónica avanzada ou outros sistemas de sinatura electrónica, como a utilización de claves concertadas nun rexistro previo como usuario, será determinada en cada caso polas aplicacións xestoras dos procedementos, con suxeición aos criterios contidos nos artigos 15 e 16 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, e das normas ditadas no seu desenvolvemento.

O portal institucional do Consello de Contas conterá a relación dos sistemas de identificación e sinatura e, de ser o caso, dos certificados admisibles polo Rexistro Electrónico ou o enlace co enderezo en que a dita información se conteña.

A identificación e autenticación ante o Rexistro Electrónico tamén se poderá realizar a través de persoal funcionario público habilitado, mediante o procedemento previsto no artigo 22 da Lei 11/2007, do 22 de xuño.

3. As administracións públicas poderán utilizar os sistemas relacionados no artigo 13.3 da Lei 11/2007, do 22 de xuño.

Sétimo. Anotación de asentos.

1. A recepción ou remisión de solicitudes, escritos e comunicacións incluídos no artigo 4.3 deste acordo, sen prexuízo do sinalado na súa disposición transitoria, dará lugar aos asentos correspondentes no Rexistro Electrónico, utilizando medios telemáticos seguros para a realización dos asentos e a recuperación dos datos de inscrición.

2. O sistema de información que soporte o Rexistro Electrónico garantirá a constancia de cada asento de entrada ou de saída que se practique e do seu contido, establecendo un número de rexistro por asento en que se identifique a documentación presentada ou remitida, que se asociará ao número de asento correspondente.

3. Cada presentación no Rexistro Electrónico identificarase cos seguintes datos:

a) Un número ou código de rexistro individualizado.

b) A identidade e datos do interesado: nome e apelidos, documento nacional de identidade, NIF, NIE, pasaporte ou equivalente, enderezo postal e, se é o caso, electrónico. No caso de persoas xurídicas, denominación social, NIF, domicilio social e, de ser o caso, enderezo electrónico.

c) A data e a hora de presentación.

d) De ser o caso, a identidade do órgano a que se dirixe o documento electrónico.

e) Procedemento con que se relaciona.

f) Contido do formulario.

g) Calquera outra información que se considere pertinente en función do procedemento relacionado co asento.

Oitavo. Recibo de presentación.

1. O xustificante de recepción dos documentos electrónicos que deban motivar anotación no Rexistro Electrónico realizarase de forma tal que se garantan plenamente a autenticidade, a integridade, a confidencialidade, a conservación e o non repudio pola Administración do contido dos formularios presentados, así como dos documentos anexos a estes, proporcionándolles aos cidadáns os elementos probatorios plenos do feito da presentación e do contido da documentación presentada, susceptibles de utilización posterior independente, sen o concurso do propio rexistro.

2. O xustificante de recepción será proporcionado polas aplicacións xestoras dos procedementos na mesma sesión en que se realice a presentación, estará asinado electronicamente e incluirá, polo menos, o seguinte contido:

a) O órgano receptor do escrito.

b) A data e a hora de presentación.

c) O número de rexistro de entrada individualizado.

d) A reprodución literal dos datos introducidos no formulario proporcionado pola aplicación.

e) A enumeración e denominación dos ficheiros achegados ao formulario de presentación, seguida da pegada dixital de cada un deles, excepto que na regulación do procedemento ou do trámite se prevexa outra forma de garantir a integridade e o seu non repudio.

3. As unidades administrativas responsables das aplicacións xestoras dos procedementos conservarán copia dos ficheiros remitidos ao presentador asociados ao trámite realizado e quedarán á disposición do órgano responsable do Rexistro Electrónico para os efectos de resolver calquera incidencia que se poida suscitar en relación coa presentación.

4. O usuario deberá ser advertido de que a non recepción do recibo acreditativo da presentación do escrito, solicitude ou comunicación ou, de ser o caso, da recepción dunha mensaxe de indicación de erro, implica que non se realizou a súa recepción, entón deberase realizar a presentación noutro momento ou utilizando outros medios.

Noveno. Cómputo de prazos.

O cómputo de prazos realizarase conforme o disposto nos números 3, 4 e 5 de artigo 26 da Lei 11/2007, do 22 de xuño.

O Rexistro Electrónico permitirá a presentación de escritos, solicitudes e comunicacións todo os días do ano, durante as 24 horas do día, sen prexuízo das interrupcións necesarias por razóns técnicas previsibles das que se informará no propio rexistro. Nos supostos de interrupción non planificada do funcionamento do Rexistro Electrónico, e sempre que sexa posible, o usuario visualizará unha mensaxe en que se lle comunique tal circunstancia e que deberá servir de constancia documental. O Rexistro Electrónico rexerase pola data e a hora oficial española correspondente á península, que figurará visible no enderezo electrónico de acceso.

Para os efectos do cómputo do prazo, a entrada das solicitudes, escritos e comunicacións nun día inhábil entenderase efectuada o primeiro día hábil seguinte, aínda que se inscribirán como a data e a hora de presentación aquelas en que se produciu a recepción.

O calendario de días inhábiles para os efectos deste Rexistro Electrónico será o que se determine na disposición que se publique cada ano no Diario Oficial de Galicia para a Comunidade Autónoma de Galicia, en cumprimento do artigo 48.7 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

O Rexistro Electrónico non anotará saídas de solicitudes, escritos e comunicacións en días inhábiles.

Décimo. Xestión e seguridade do Rexistro Electrónico.

A Secretaría Xeral será o órgano responsable da xestión e seguridade do Rexistro Electrónico.

Décimo primeiro. Responsabilidade.

O Consello de Contas non responderá do uso fraudulento que os usuarios do sistema poidan levar a cabo dos servizos prestados mediante a Administración electrónica. Para estes efectos, eses usuarios asumen con carácter exclusivo a responsabilidade da custodia dos elementos necesarios para a súa autenticación no acceso a este Rexistro Electrónico, no establecemento da conexión precisa e na utilización da sinatura electrónica, así como das consecuencias que poidan derivar do seu uso indebido, incorrecto ou neglixente. Igualmente será responsabilidade do usuario a adecuada custodia e o manexo dos ficheiros que lle sexan devoltos polo Rexistro Electrónico como xustificante de recepción.

Décimo segundo. Requisitos técnicos.

O portal institucional do Consello de Contas conterá a relación dos sistemas de identificación e sinatura e, se é o caso, os certificados admisibles polo Rexistro Electrónico.

Así mesmo, para cada un dos procedementos relacionados no anexo do Rexistro Electrónico, especificaranse os requisitos técnicos relativos aos sistemas operativos, navegadores ou compoñentes e á configuración necesaria para o seu correcto funcionamento.

Disposición adicional. Procedemento relativo á rendición telemática da conta xeral das entidades locais.

O recibo de presentación previsto no procedemento relativo á rendición telemática da conta xeral das entidades locais ao Consello de Contas de Galicia, no que se refire ao recibo de presentación, terase en conta o disposto na Resolución do 11 de xullo de 2011 pola que se ordena a publicación do Acordo do Pleno da institución do 3 de maio de 2011, polo que se aproba a instrución que regula o formato normalizado da conta xeral das entidades locais en soporte informático e o procedemento telemático para a súa rendición.

Disposición transitoria primeira. Adaptación de aplicacións.

Ata que se aprobe o acordo do Pleno do Consello referido no artigo 4.1.c) deste acordo, unicamente terán acceso ao Rexistro Electrónico os documentos referidos nas alíneas a) e b) do número 1 do dito artigo.

Disposición transitoria segunda. Sede electrónica do Consello de Contas de Galicia.

No prazo máximo de dous anos desde a entrada en vigor deste acordo regularase a creación e o funcionamento da sede electrónica do Consello de Contas de Galicia.

Disposición derradeira. Entrada en vigor.

Este acordo entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

ANEXO

Procedementos e trámites admisibles a través do Rexistro Electrónico.

Rendición telemática da conta xeral das entidades locais ao Consello de Contas de Galicia.