Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Luns, 2 de xaneiro de 2012 Páx. 211

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Instituto Galego da Vivenda e Solo

ANUNCIO do 13 de decembro de 2011 polo que se fai pública a declaración de supramunicipalidade do proxecto sectorial do parque empresarial de Cerceda e se somete a información pública e consultas xunto co seu informe de sustentabilidade ambiental.

De conformidade co disposto no artigo 13 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, e no artigo 25 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, faise pública a parte dispositiva do acordo do Consello da Xunta de Galicia do 7 de decembro de 2011, polo que se declara a incidencia supramunicipal do proxecto sectorial do parque empresarial de Cerceda, que literalmente di:

«1.º Declarar o proxecto sectorial do parque empresarial de Cerceda como de incidencia supramunicipal para os efectos previstos pola Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e polo Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

2.º Determinar que corresponde á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo, o impulso e tramitación do citado proxecto sectorial, de acordo co procedemento establecido no artigo 25 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e no artigo 13 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo.»

Así mesmo, en cumprimento do establecido no artigo 25 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia; nos artigos 9 e 13 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunipal; na Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente; na Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia; e tendo en conta o acordo do Consello da Xunta de Galicia do 18 de febreiro de 2010 polo que se deixa sen efecto o plan sectorial de ordenación de áreas empresarias na Comunidade Autónoma de Galicia aprobado con data do 27 de maio de 2004 e se inicia o procedemento de elaboración e aprobación do novo plan sectorial de solo empresarial de Galicia, sométese a información pública e consultas para os efectos e durante os prazos que logo se precisan a seguinte documentación:

– Proxecto sectorial do parque empresarial de Cerceda e informe de sustentabilidade ambiental relativo ao proxecto sectorial do parque empresarial de Cerceda: sométense a información pública e consultas polo prazo de dous meses contados a partir da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, para os efectos da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia; do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal; e da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia.

Durante o prazo referido calquera persoa poderá examinar a anterior documentación en horario de oficina nas dependencias do Instituto Galego da Vivenda e Solo –sitas no Polígono das Fontiñas, Área Central, s/n en Santiago de Compostela– e no concello de Cerceda e presentar ante o IGVS as alegacións, documentos e xustificacións que coide pertinentes. Así mesmo, a documentación poderá consultarse na páxina web do IGVS http://igvs.xunta.es/web/actuamos/476.

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2011.

Antonio José Boné Pina
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo