Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Venres, 30 de decembro de 2011 Páx. 41011

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 4 de novembro de 2011, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se outorga a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal de Cedeira (expediente IN627A 2008/9-0).

Despois de examinar o expediente instruído por instancia da empresa Gas Galicia SDG, S.A., con CIF n.º A15383284 e enderezo, para os efectos de notificacións, na rúa Lisboa, edificio Área Central, local 31-HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña), resultan os seguintes:

Antecedentes de feito.

Primeiro. Con respecto á autorización da distribución de gas natural canalizado no termo municipal de Cedeira (A Coruña), e ante as solicitudes presentadas en concorrencia por dúas empresas (Gas Galicia SDG, S.A. e Endesa Gas Distribución, S.A.U.), a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas resolveu o 15.11.2010 o trámite de competencia a favor de Gas Galicia SDG, S.A., o que implica continuar coa tramitación do procedemento de autorización administrativa unicamente con esta empresa.

Segundo. As características básicas das instalacións correspondentes á solicitude de Gas Galicia SDG, S.A., que se recollen no proxecto de autorización administrativa previa da rede de distribución de gas natural no termo municipal de Cedeira e na súa addenda I, son as seguintes:

A subministración de gas natural proxéctase a través dunha planta de GNL (gas natural licuado) situada no Parque Empresarial Trabe, desde a cal partirá a rede de distribución cara ao núcleo urbano de Cedeira e aos parques empresariais de Trabe e da Xunqueira.

A rede de distribución está formada por unha rede básica de distribución, con rango de presión 2<MOP(presión máxima de operación)≤5 bar, e unha rede secundaria de distribución, con rangos de presión 2<MOP≤5 bar e 0,1<MOP≤2 bar. Da rede básica de distribución partirán outras redes de menor diámetro (menor de 160 mm) cara aos distintos puntos de consumo.

Esta rede deséñase en polietileno de alta densidade PE 100 SDR 17,6 de diámetro variable de DN200 a DN63, segundo necesidades. A lonxitude prevista para a rede é de 16.069,21 m, dos cales 5.422,73 m corresponden á rede básica e 10.646,48 á rede secundaria.

O seu orzamento ascende á cantidade de oitocentos noventa e sete mil setecentos setenta e oito euros con oitenta e tres céntimos (897.778,83 €).

Terceiro. O 25.4.2011 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas resolveu someter a información pública o proxecto de autorización administrativa e a súa addenda I da rede de distribución de gas natural no termo municipal de Cedeira (A Coruña), promovido pola empresa Gas Galicia SDG, S.A.

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 6 de xuño de 2011, no Boletín Oficial da provincia da Coruña do 2 de xuño e nos xornais La Voz de Galicia e Diario de Ferrol do 7 de xuño, e tamén estivo exposta ao público no taboleiro de anuncios do Concello de Cedeira entre o 4 e o 27 de maio de 2011.

Durante o período de información pública legalmente establecido non se presentaron alegacións.

Cuarto. A Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria emitiu informe favorable sobre o proxecto de referencia e a súa addenda I o 12.5.2011.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas, no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio, e no Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, modificado polo Decreto 8/2011, do 23 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, co Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural, co Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP) e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. O citado proxecto cumpre coas exixencias regulamentarias fixadas no Real decreto 919/2006, do 28 de xullo, polo que se aproba o regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias ICG 01 a 11.

Terceiro. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

De conformidade cos preceptos legais citados e os demais de pertinente e xeral aplicación, esta dirección xeral

RESOLVE:

– Outorgar á empresa Gas Galicia SDG SA a autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal de Cedeira (A Coruña), de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. Gas Galicia SDG, S.A. constituirá no prazo de dous meses, contados desde o momento do outorgamento da autorización, unha fianza por valor de 17.955,58 €, importe do 2% do orzamento das instalacións, para garantir o cumprimento das súas obrigas, conforme o previsto no artigo 73, punto 4.º da Lei 34/1998, do 7 de outubro, e no artigo 82 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro. A dita fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11, punto 3.º do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, e será devolta unha vez se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda. Dentro do prazo de seis meses, contado a partir da data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, a empresa Gas Galicia SDG, S.A. deberá solicitar á Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia a aprobación do proxecto de execución, para o cal deberá presentar o proxecto detallado das instalacións. En todo caso, deberán cumprirse os prazos previstos no proxecto de autorización administrativa, e os ditos prazos poderán ser prorrogados por causa xustificada, logo da correspondente solicitude acompañada da xustificación técnica ou exposición da causa de forza maior causante da demora.

Terceira. As instalacións e as súas montaxes deberán cumprir as disposicións e normas técnicas que en xeral sexan de aplicación e, en particular, as correspondentes ao Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos coas súas instrucións técnicas complementarias e as normas que as completan, regulamentos electrotécnicos, normas UNE e demais normativa e directrices vixentes, así como cantas as substitúan ou se diten a nivel estatal ou desta comunidade autónoma, e deberán preverse para responder aos avances tecnolóxicos no eido do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

Cuarta. A autorización administrativa afecta o termo municipal de Cedeira, na provincia da Coruña, e prevé a gasificación deste municipio de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto e na súa addenda I, subscritos polo enxeñeiro industrial Alfonso Vázquez Varela (colexiado n.º 1.130) e visados polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia con rexistros n.º 175/08 (data: 29.2.2008) e n.º 316/10 (data: 26.5.2010), respectivamente.

Quinta. A autorización administrativa outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións ou licenzas de competencia doutros organismos ou entidades públicas, necesarios para realizar as instalacións aprobadas.

Sexta. A Administración resérvase o dereito a deixar sen efecto a presente autorización administrativa por calquera das causas sinaladas no artigo 34, punto 1.º do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interporse, se é o caso, recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria, no prazo dun mes a partir do día seguinte á súa notificación.

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2011.

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas