Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Xoves, 15 de decembro de 2011 Páx. 36863

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 2 de decembro de 2011 pola que se dispón a publicación do Convenio de colaboración para o desenvolvemento do Plan de Mellora da Produtividade e Competitividade do Comercio 2009-2012, anualidade 2011, celebrado entre o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio e a Xunta de Galicia.

Subscrito, logo da tramitación regulamentaria, o Convenio de colaboración entre o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio e a Xunta de Galicia para o desenvolvemento, do Plan de Mellora da Produtividade e Competitividade do Comercio 2009-2012, anualidade 2011, procede a publicación no Diario Oficial de Galicia do dito convenio, que figura como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2011.

P.D. (Orde 30.4.2009, DOG núm. 87, do 6 de maio)
Borja Verea Fraiz
Secretario xeral técnico da Consellería de Economía e Industria

ANEXO
Convenio de colaboración para o desenvolvemento, anualidade 2011, do Plan
de Mellora da Produtividade e Competitividade do Comercio 2009-2012 celebrado entre o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio e a Xunta de Galicia

En Madrid o 11 de novembro de 2011.

Reunidos:

Dunha parte D. Miguel Sebastián Gascón, ministro de Industria, Turismo e Comercio, nomeado polo Real decreto 436/2008, do 12 de abril (BOE n.º 90, do 14 de abril) actuando en nome e representación do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio en virtude das atribucións que lle outorga o Real decreto 1313/2010, do 20 de outubro (BOE do 21 de outubro), no seu artigo 10 e en exercicio das competencias que para tal efecto lle recoñece o artigo 13.3 da Lei 6/1997, do 14 de abril, de organización e funcionamento da Administración xeral do Estado.

Doutra parte, Javier Guerra Fernández, conselleiro de Economía e Industria da Xunta de Galicia, en virtude de nomeamento efectuado no Decreto 81/2009, do 19 de abril, actuando en exercicio do seu cargo e das competencias que lle confire o artigo 34.1 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e da súa Presidencia, modificada polas leis 11/1998, do 20 de outubro, e 7/2002, do 27 de decembro, e de acordo co Consello da Xunta de Galicia, do 27 de marzo de 1991, feito público mediante Resolución da Consellería de Economía e Facenda do 8 de abril de 1991 (DOG n.º 82, do 30 de abril).

Recoñecéndose, na representación que teñen, competencia para celebraren o presente convenio,

Expoñen:

Que o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio ten entre as súas funcións, a través da Dirección Xeral de Comercio Interior, «a elaboración dos plans xerais que contribúan á mellora da calidade das empresas do sector e dos apoios financeiros necesarios para o seu desenvolvemento, así como a cooperación coas comunidades autónomas en relación con iso».

Para o desenvolvemento desta función elaborouse o Plan de Mellora da Produtividade e Competitividade do Comercio 2009-2012, que ten como obxectivo final o da mellora da produtividade e competitividade das pequenas e medianas empresas comerciais, co obxectivo de lograr un equilibrio harmónico da estrutura do sector, coa coexistencia de diversos formatos de empresa e establecemento, que garantan a competencia e a liberdade de escolla dos consumidores, ao tempo que se contribúa a un desenvolvemento equilibrado e sustentable da estrutura urbana das nosas cidades.

Este Plan de Mellora recolle subvencións ás pequenas e medianas empresas comerciais, ás súas asociacións e aos concellos, no marco dunha política orientada á consolidación do comercio urbano, mantendo e desenvolvendo o modelo comercial tradicional español, mediante a mellora da competitividade das empresas de distribución e do contorno físico en que se asenta o comercio de proximidade, de forma que non só se evite a destrución de emprego, senón que se mellore o seu grao de profesionalidade, permitindo que os recursos humanos que se vinculan a este sector poidan prestar un maior valor engadido en canto á especialización e calidade do servizo.

Para a elaboración deste Plan tívose en conta a experiencia acumulada durante o de-senvolvemento do Plan de Mellora da Calidade no Comercio entre os anos 2005 e 2008, orientando os novos programas cara a aquelas actuacións que se mostraron máis rendibles e máis demandadas polas administracións autonómicas.

O Plan de Mellora foi aprobado pola Mesa de Directores Xerais de Comercio de Comunidades Autónomas do 6 de maio de 2009 e referendado pola Conferencia Sectorial de Comercio Interior do 30 de xuño de 2009, e foi finalmente aprobado por Acordo do Consello de Ministros do 24 de xullo de 2009.

Que é vontade do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio e da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia impulsar e potenciar a colaboración, a corresponsabilidade e a coordinación dos diferentes niveis das administracións públicas na realización de actuacións previstas no Plan de Mellora da Produtividade e Competitividade do Comercio 2009-2012.

En virtude do exposto, en execución da competencia exclusiva do Estado prevista no artigo 149.1.13 da Constitución e da competencia atribuída á Xunta de Galicia no artigo 30.1.4 do seu Estatuto de autonomía, as partes asinantes

Acordan:

Primeiro. Obxecto do convenio.

As partes asinantes colaborarán para desenvolver o Plan de Mellora da Produtividade e Competitividade do Comercio 2009-2012, dentro do ámbito xeográfico da Xunta de Galicia, como marco en que se recolle unha estratexia común para todo o sector e no cal quedan encadradas as iniciativas que se inclúen neste convenio.

Segundo. Programas obxecto de financiación.

No desenvolvemento do Plan de Mellora da Produtividade e Competitividade do Comercio 2009-2012, a Xunta de Galicia obterá o cofinanciamento do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio nas subvencións que outorgue ás corporacións locais, asociacións de comerciantes, pequenos empresarios comerciais e traballadores autónomos do sector comercial, entendendo como sector comercial as divisións 46 e 47 da CNAE-2009 publicada polo Instituto Nacional de Estatística, nos seguintes programas:

a) Fomento do comercio urbano: este programa pretende corrixir posibles desequilibrios territoriais na oferta comercial, mediante unha mellora do contorno físico urbano en que as empresas comerciais poidan instalarse, respectando as condicións de competencia do mercado e poñendo á disposición dos pequenos empresarios do sector espazos suficientemente atractivos para o desenvolvemento da súa actividade, entendendo este concepto de «urbano» en contraposición ao de «periférico» e non ao de «rural», que se considera tamén prioritario e que é obxecto do segundo programa deste Plan.

Dentro deste programa recóllense as catro liñas preferentes de actuación seguintes:

– Modernización de mercados retallistas municipais.

– Centros comerciais abertos.

– Peonización de eixes comerciais.

– Adecuación de espazos para venda non sedentaria.

b) Mellora do comercio rural: pretende asegurar os servizos comerciais xerais do municipio e dos núcleos de poboación próximos, promocionando os establecementos multiservizos, pequenos comercios tradicionais e adecuando as áreas destinadas á venda ambulante, dotándoos de servizos comúns e potenciando simultaneamente a introdución de canais directos de comercialización.

c) Fomento da cooperación empresarial: trátase de mellorar a posición do pequeno comercio fronte a provedores nas compras e consumidores, mediante o asociacionismo, que permita crear unha imaxe común e unha marca unitaria, apoiándose en novas centrais de compra, implantación de redes informáticas, desenvolvemento de redes loxísticas, etc.

d) Calidade e seguridade nos establecementos comerciais. Remuda xeracional: pretende promover unha mellor xestión e calidade de servizos dos establecementos, para facelos atractivos aos consumidores e satisfacer o segmento da demanda que busca realizar as súas compras en establecementos especializados, cunha mellor calidade de servizo e unha clara atención personalizada ao cliente, de forma que resulten competitivos fronte aos novos formatos comerciais. Este programa pretende, así mesmo, mellorar as condicións de seguridade dos establecementos e dos produtos que se venden, para que o empresario e os traballadores do pequeno comercio poidan realizar a súa actividade con maiores garantías e, por outro lado, a remuda anticipada de comerciantes de máis de 60 anos que poidan ceder o seu negocio a descendentes ou emprendedores que continúen dentro do sector do comercio retallista aínda que cambien a dedicación do establecemento.

e) Poderán, así mesmo, ser obxecto das axudas deste convenio as actividades que, aínda non incluídas no Plan de Mellora da Produtividade e Competitividade do Comercio, se poidan relacionar de forma evidente co espírito deste e contribúan co seu desenvolvemento á consecución da modernización da distribución.

Terceiro. Financiamento dos proxectos.

Nas actuacións que se acollan a este convenio a achega das comunidades autónomas será cofinanciada polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio a través do artigo orzamentario 751 «Transferencias de capital a comunidades autónomas», do Programa orzamentario 431O, «Ordenación e modernización das estruturas comerciais», da Dirección Xeral de Comercio Interior.

Do orzamento total do capítulo 7 asignado ao Plan (6.000.000 euros), o 75% destinarase ás cantidades mínimas que percibirá cada comunidade autónoma, de acordo cun coeficiente que reflicte a importancia do seu tecido comercial e calculado en función dos criterios obxectivos que foron aprobados en conferencia sectorial.

Para este ano, á Xunta de Galicia correspóndelle un total de 314.439,00 euros segundo a aplicación do coeficiente de repartición e como se confirmou na reunión da Mesa de Directores Xerais de Comercio Interior do 25 de outubro de 2011, sempre que presente proxectos suficientes susceptibles de cofinanciamento.

A achega do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio a cada proxecto será de ata o 40% da cantidade subvencionada pola Xunta de Galicia.

Cuarto. Grupo de traballo de técnicos do Ministerio e das CC.AA.

Crearase o grupo de traballo da Conferencia Sectorial definido no Plan de Mellora da Produtividade e Competitividade do Comercio 2009-2012, formado por técnicos da Dirección Xeral de Comercio Interior e das direccións xerais competentes de todas as comunidades e cidades autónomas, que estudará as propostas de cofinanciamento presentadas por estas e elaborará unha proposta á Mesa de Directores Xerais, que decidirá a contía e as actuacións que se cofinancien.

Quinto. Procedemento de xestión das axudas.

A xestión das axudas realizarase de acordo co seguinte procedemento:

1. A Xunta de Galicia, de entre as actividades por ela subvencionadas, seleccionará as máis relevantes, segundo o seu criterio, para acollerse ao cofinanciamento do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio a través deste Plan de Mellora da Produtividade e Competitividade do Comercio 2009-2012.

2. A unidade administrativa competente da Xunta de Galicia enviará á Dirección Xeral de Comercio Interior a relación de expedientes para os cales se solicita o cofinanciamento do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio.

Esta relación conterá todos os datos que se solicitan no programa informático enviado á Xunta de Galicia pola Dirección Xeral de Comercio Interior ao respecto.

3. Cada proxecto para o cal se solicita o cofinanciamento irá acompañado de memoria, desagregación orzamentaria, información sobre se ten ou non cofinanciamento Feder, partidas do orzamento que se subvencionan e certificado por parte da comunidade autónoma de que a subvención foi concedida. Non obstante, poderán ser obxecto dunha memoria conxunta as actuacións de apoio a asociacións de comerciantes para o desenvolvemento de actividades de promoción e dinamización de eixes comerciais urbanos que estean interrelacionadas e garden unha unidade de criterio. Así mesmo, se se trata de subvencionar empresarios individuais que formen parte dunha actuación conxunta ou no caso do Programa de calidade, seguridade en establecementos comerciais e remuda xeracional, farase unha memoria xenérica para todos os comprendidos dentro dun mesmo programa.

4. O grupo de traballo seleccionará os proxectos que se cofinancien e elevará a proposta á Mesa de Directores Xerais que, como órgano da Conferencia Sectorial de Comercio, a analizará e determinará a cantidade total correspondente a cada comunidade autónoma, respectando os mínimos referidos no punto terceiro deste convenio, e enviará a proposta para a súa aprobación definitiva en Consello de Ministros.

5. As cantidades aprobadas en Consello de Ministros transferiranse á Xunta de Galicia.

6. Os expedientes enviados á Dirección Xeral de Comercio Interior pola Xunta de Galicia para a seu cofinanciamento, poderán acollerse a este convenio aínda que a concesión da axuda pola comunidade autónoma teña sido anterior á data da sinatura deste convenio.

7. Corresponde á Xunta de Galicia o control da execución e o seguimento dos expedientes cofinanciados, comunicando á Dirección Xeral de Comercio Interior as incidencias que se produzan. Para tal fin, de acordo coas comunidades autónomas poderase establecer o sistema de intercambio de información que se considere necesario.

8. Finalizado o exercicio orzamentario 2011, a Xunta de Galicia remitirá á Dirección Xeral de Comercio Interior, e non máis tarde do 31 de marzo de 2012, un estado de execución do exercicio, indicando as contías totais de compromisos de créditos, obrigas recoñecidas e pagamentos realizados no ano, detallado para cada un dos expedientes cofinanciados. A información será posta en coñecemento da Conferencia Sectorial de Comercio e tida en conta na adopción dos acordos de distribución de fondos, para dar cumprimento ao previsto no artigo 86.2.sexta da Lei 47/2003, do 26 de novembro, xeral orzamentaria. Todo isto enténdese sen prexuízo do control financeiro que corresponde á Intervención Xeral da Administración do Estado e ao Tribunal de Contas.

Sexto. Publicación e difusión.

A Xunta de Galicia deberá comunicar aos beneficiarios finais o cofinanciamento que corresponde ao Ministerio de Industria, Turismo e Comercio da subvención por eles percibida; cando figure algún tipo de anuncio dos promotores ou procedencia dos fondos investidos, a comunidade autónoma informará os beneficiarios da obriga de indicaren o cofinanciamento deste ministerio. Así mesmo, a difusión do Plan de Mellora da Produtividade e Competitividade do Comercio 2009-2012 corresponderá á Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia.

Sétimo. Obrigas derivadas dos fondos Feder.

Os fondos achegados polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio acóllense ao Programa operativo da Xunta de Galicia 2007-2013, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder). Por este motivo, de acordo coas recomendacións da Comisión Europea, a Xunta de Galicia non deberá presentar á Dirección Xeral de Comercio Interior para acollerse aos beneficios deste convenio aqueles expedientes para os cales teña solicitado retornos polo mencionado programa operativo ou calquera outro programa da Unión Europea.

A Xunta de Galicia comunicará o cofinanciamento europeo (programa operativo da Xunta de Galicia) aos beneficiarios dos proxectos acollidos a este convenio e asegurarase de que estean informados dos puntos que conteñen os artigos 8, 9 e 13.1 do Regulamento (CE) 1828/2006.

Así mesmo, a Dirección Xeral de Comercio Interior poderá solicitar á comunidade autónoma información complementaria sobre os expedientes seleccionados polo grupo de traballo e aprobados, pola súa proposta, pola Mesa de Directores, co fin de poder cumprir os requisitos exixidos na normativa contida no Programa operativo 2007-2013.

De conformidade co artigo 60.d) do Regulamento (CE) 1083/2006, os beneficiarios e os organismos participantes na execución das operacións deben manter un sistema de contabilidade separado para todas as transaccións relacionadas coas operacións obxecto de cofinanciamento ou, ao menos, contar cunha codificación contable adecuada que permita identificar claramente as devanditas transaccións.

Os retornos de fondos da Unión Europea realízanse sobre pagamentos realizados aos beneficiarios e debidamente xustificados por estes, e a Dirección Xeral de Comercio Interior debe presentar a relación de expedientes á autoridade de Xestión do Feder no terceiro trimestre do ano 2012. Para poder solicitar os retornos da Unión Europea correspondentes aos fondos achegados polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, a Xunta de Galicia deberá presentar as certificacións de pagamento o antes posible e non máis tarde do 30 de abril de 2013, á Dirección Xeral de Comercio Interior.

Oitavo. Vixencia do convenio.

Este convenio entrará en vigor desde a data da súa sinatura e terá unha vixencia temporal ata o 31 de decembro de 2011, ben que se manterán os compromisos de información previstos nas cláusulas quinta.7 e sexta. Non obstante, poderase producir a súa resolución antes do prazo indicado, por mutuo acordo das partes, por incumprimento ou por denuncia dalgunha delas, ata dous meses antes da data de extinción do convenio.

Noveno. Órgano mixto de seguimento e control.

Segundo o previsto no artigo 6.3 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, crearase un órgano mixto de vixilancia e control da execución e aplicación deste convenio e de resolución de controversias administrativas. Este órgano mixto estará integrado por dous representantes de cada unha das partes asinantes designados, respectivamente, polo ministro de Industria, Turismo e Comercio e o conselleiro de Economía e Industria.

Décimo. Natureza xurídica do convenio.

As cuestións litixiosas que poden xurdir na interpretación e cumprimento deste convenio serán de coñecemento e competencia da orde xurisdicional do contencioso-administrativo.

E en proba de conformidade, asinan os intervenientes, no lugar e data indicados no encabezamento. Miguel Sebastián Gascón, ministro de Industria, Turismo e Comercio. Javier Guerra Fernández, conselleiro de Economía e Industria.