Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Xoves, 15 de decembro de 2011 Páx. 36953

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 22 de novembro de 2011, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, pola que se somete a información pública e audiencia aos interesados o proxecto de decreto polo que se declara monumento natural o pregamento xeolóxico de Campodola-Leixazós (Quiroga).

A Lei do Parlamento galego 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, define como espazos naturais protexidos aqueles espazos que conteñan elementos ou sistemas naturais de particular valor, interese ou singularidade, tanto debidos á acción e evolución da natureza como derivados da actividade humana, e que fosen declarados como tales.

Corresponde á Consellería do Medio Rural o inicio de oficio e a tramitación do procedemento de declaración dun espazo natural protexido como monumento natural, e o artigo 24 da citada lei dispón que serán declarados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería do Medio Rural.

No artigo 13 da Lei 9/2001, de conservación da natureza, defínese a figura de monumento natural como aqueles espazos ou elementos da natureza constituídos basicamente por formacións de notoria singularidade, rareza ou beleza que merecen ser obxecto dunha protección especial, así como as formacións xeolóxicas, os xacementos paleontológicos e demais elementos da xea que reúnan un interese especial pola singularidade ou importancia dos seus valores científicos, culturais ou paisaxísticos.

O pregamento xeolóxico de Campodola-Leixazós consiste nun pregamento xeolóxico de tipo deitado, no cal pode apreciarse con total claridade a ondulación dos estratos superiores da codia terrestre provocada polas forzas tectónicas, nun proceso que neste caso tivo unha duración de 500 millóns de anos. A súa singularidade estriba en que pode apreciarse con total nitidez este proceso grazas ao encaixamento do río Ferreiriño, que deixa ao descuberto a estrutura interna do sinclinal nun grande corte transversal, o que o converte nun dos puntos da xeoloxía estrutural máis importante de España e lle confire un gran valor científico-educativo.

Cómpre, por tanto, manter a integridade dos valores xeolóxicos e fomentar o seu coñecemento, polo que a Dirección Xeral de Conservación da Natureza iniciou o procedemento de declaración mediante Resolución do 17 de febreiro de 2009.

Estes recursos naturais necesitan dunha protección que asegure a súa conservación compatible co uso público e goce da natureza neste espazo, tal como se sinala na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza. E, conforme a Lei 42/2007, do patrimonio natural e da biodiversidade, no seu artigo 33, nos monumentos naturais, con carácter xeral estará prohibida a explotación de recursos, salvo naqueles casos que por razóns de investigación ou conservación se permitan, logo da pertinente autorización administrativa.

A protección e conservación do noso patrimonio natural é un mandado recollido no artigo 45 da Constitución española e unha necesidade para asegurar a supervivencia dos nosos ecosistemas.

Polas razóns explicadas,

RESOLVO:

Primeiro. Abrir un período de información pública por un prazo de 20 días hábiles que permita a participación do público en xeral no procedemento de declaración do monumento natural do pregamento xeolóxico de Campodola-Leixazós coa finalidade de que as persoas ou entidades que se consideren afectadas poidan remitir suxestións ou alegacións á Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería do Medio Rural, de conformidade co artigo 38.4.º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. Para efectos informativos porase á disposición dos interesados o proxecto de decreto de declaración do monumento natural do pregamento xeolóxico de Campodola-Leixazós nas seguintes dependencias:

– Subdirección Xeral de Espazos Naturais e Biodiversidade, San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela.

– A Delegación Provincial da Consellería do Medio Rural en Lugo (Rolda da Muralla 70-2.º andar, 27071 Lugo.

– O Concello de Quiroga, calle Real, 27320 Quiroga, Lugo.

Do mesmo xeito, poderase consultar o texto do proxecto de decreto de declaración na páxina web da Consellería do Medio Rural (http://mediorural.xunta.es/nc/transparencia/elaboracion_de_disposicions_proxectos_e_actos_administrativos/)

Terceiro. As alegacións formularanse durante o prazo de vinte días, que comezará a contar a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2011.

Ricardo García-Borregón Millán
Director xeral de Conservación da Natureza