Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Mércores, 14 de decembro de 2011 Páx. 36577

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

DECRETO 227/2011, do 2 de decembro, polo que se aproba a delimitación da ruta principal do Camiño de Santiago, Camiño Francés, desde a entrada no municipio de Pedrafita do Cebreiro ata o límite do termo municipal do Pino, coa excepción do tramo entre o lugar de Amenal e o límite do aeroporto da Lavacolla, no concello do Pino.

O Camiño de Santiago, Camiño Francés ao seu paso por Galicia é un dos bens singulares máis sobranceiros, prezados e visitados dentro do conxunto do patrimonio cultural galego protexido. Está declarado ben de interese cultural desde 1962, coa categoría de conxunto histórico. En 1993 foi incluído na lista dos bens recoñecidos como Patrimonio da Humanidade e no ano 1997 recibe por parte do Consello de Europa o recoñecemento de Primeiro Itinerario Cultural Europeo. O Parlamento de Galicia, ao ano seguinte da promulgación da Lei do patrimonio cultural de Galicia, aproba a Lei 3/1996, do 10 de maio, de protección dos camiños de Santiago, que establece unha regulación específica para este ben e lle outorga a categoría de territorio histórico.

Segundo a Lei 3/1996, corresponde á Consellería de Cultura e Turismo a delimitación dos tramos do Camiño de Santiago, de conformidade co procedemento que se regula no seu artigo 5. En relación co Camiño Francés, a súa disposición transitoria primeira establece que mentres non se aprobe o expediente de delimitación, e sen prexuízo das zonas de protección legalmente establecidas, seguirá en vigor a delimitación da Resolución da Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental do 12 de novembro de 1992 pola que se concreta e define a delimitación do conxunto histórico do Camiño de Santiago (Camiño Francés).

A devandita resolución establece un tratamento diferenciado para o Camiño que discorre polo territorio do Concello de Santiago de Compostela, onde o delimita axustándose ao Plan Xeral de Ordenación Urbana vixente, e no que atinxe ao resto dos concellos, onde o conxunto histórico do Camiño Francés queda delimitado por referencia aos lindeiros das parroquias polas cales percorre algún dos seus tramos.

A fin de dar cumprimento ao mandato do lexislador, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, por Resolución do 30 de xullo de 2010 (DOG núm. 162, do 24 de agosto), incoa expediente para a delimitación da ruta principal do Camiño de Santiago, Camiño Francés, coa excepción do tramo entre o lugar de Amenal e o límite do aeroporto da Lavacolla, no concello do Pino. Na mesma resolución disponse a apertura do trámite de información pública por un período de dous meses, o sometemento da nova proposta de delimitación do devandito ben de interese cultural a informe das comisións territoriais do Patrimonio Histórico das provincias da Coruña e de Lugo (nos tramos correspondentes aos municipios das respectivas provincias) e, polo menos, a dous dos órganos consultivos mencionados no artigo 7 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.

De seguido, remítese o expediente a todos os concellos afectados, ao Ministerio de Cultura e á presidenta de Comité Español do Consello Internacional de Monumentos e Sitios (ICOMOS España), para o seu coñecemento e para os efectos oportunos, e aos tres órganos consultivos elixidos para que se pronuncien en relación coa modificación da delimitación do Camiño Francés en canto ben declarado de interese cultural coa categoría de territorio histórico.

Os informes das comisións territoriais do Patrimonio Histórico de Coruña e Lugo e dos tres órganos consultivos aos cales se lles solicitou o seu parecer –o Consello da Cultura Galega, a Universidade de Santiago de Compostela e a Real Academia Galega de Belas Artes–, expresaron todos eles un sentido favorable á nova delimitación, con recomendacións de distinta índole, que foron obxecto da oportuna consideración. No período de información pública recibíronse 182 alegacións, cada unha das cales foi obxecto dunha resposta razoada.

En novembro do ano en curso os servizos técnicos da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural presentan un informe motivado no cal recomendan realizar un estudo que afonde na incidencia interrelacionada de todos os tramos dos camiños de Santiago e os seus ámbitos de protección sobre o territorio do concello de Santiago de Compostela e o seu planeamento urbanístico, para os efectos de determinar a conveniencia de incoar un procedemento de delimitación conxunto para todos os camiños nos tramos que discorren polo termo municipal de Compostela. Atendendo á proposta, o 21 de novembro o director xeral acorda a suspensión temporal do proceso de delimitación do tramo do Camiño de Santiago Francés no ámbito do concello de Santiago de Compostela ata que se conclúa o estudo arriba citado.

Finalmente, examinadas todas as alegacións presentadas durante o trámite de información pública e as recomendacións dos órganos consultivos e asesores, e atendendo ás razóns técnicas manifestadas no expediente, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural redacta un novo documento que recolle respecto a cada concello as modificacións introducidas na redacción das características, pertenzas e accesorios do Camiño, e formula unha proposta de delimitación do Camiño Francés ao seu paso por Galicia desde Pedrafita ata o límite do termo municipal do Pino, coa excepción do tramo entre o lugar de Amenal e o límite do aeroporto da Lavacolla nese concello, e na cal queda excluído tamén o tramo correspondente ao termo municipal de Santiago de Compostela, ao considerar que este podería ser merecedor dun tratamento singular e integral do seu territorio, no cal penetran todas as rutas recoñecidas legalmente como camiños de Santiago.

En consecuencia, no tramo que percorre o termo municipal de Santiago de Compostela, a ruta principal do Camiño de Santiago, Camiño Francés, continuará delimitado provisionalmente segundo a mencionada Resolución do 12 de novembro de 1992.

Por outra parte, aínda que non resulta unha exixencia legal, dado o valor cultural amplamente recoñecido a esta vía de peregrinación a Santiago de Compostela, coñecida como Camiño Francés, subliñado polo feito de estar inscrito na Lista do patrimonio mundial, e considerando a obriga de preservar a relación harmónica do camiño coa paisaxe, mantendo a relación ambiental co espazo do que resulta inseparable, a proposta da Consellería de Cultura e Turismo inclúe a delimitación dun ámbito secundario de influencia merecedor dunha protección ambiental adicional ao do sitio principal, na liña do recollido nas directrices operativas de 2008 para a aplicación da Convención sobre a protección de Patrimonio Mundial Cultural e Natural de 1972 ratificada por España, e que denomina a este tipo de ámbitos como zona de amortecemento, equivalente ao que sería a zona de respecto do ben de interese cultural.

Rematada a instrución do procedemento segundo o establecido nas disposicións vixentes, de conformidade co disposto no artigo 5 da Lei de protección dos camiños de Santiago, cómpre proceder á súa resolución definitiva. Por iso, a vista do que antecede, por proposta do conselleiro de Cultura e Turismo, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dous de decembro de dous mil once,

DISPOÑO:

Primeiro. Aprobar a delimitación da ruta principal do Camiño de Santiago, Camiño Francés, desde a entrada no municipio de Pedrafita do Cebreiro ata o límite do termo municipal do Pino, coa excepción do tramo entre o lugar de Amenal e o límite do aeroporto da Lavacolla, no concello do Pino, segundo os planos do anexo I deste decreto, onde se marca o trazado do camiño e se fixan os límites do territorio histórico que conforma o ben de interese cultural, e do anexo II, no cal se reflicte o segundo ámbito de influencia, denominado no expediente zona de amortecemento ou de respecto.

Segundo. Ordenar a inscrición da nova delimitación no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e notificarlla ao órgano competente do Ministerio de Cultura para o seu coñecemento e para os efectos de inscrición no seu rexistro.

Terceiro. Notificar este acordo aos concellos afectados, comunicándolles que ata a aprobación do plan especial de protección do Camiño Francés previsto na Lei 3/1996, do 10 de maio, de protección dos camiños de Santiago, calquera intervención legalmente permitida que pretenda realizarse dentro do ámbito do ben de interese cultural territorio histórico, deberá ser autorizada pola Consellería de Cultura e Turismo con carácter previo á concesión da correspondente licenza municipal e que todos os promotores dos plans, programas e proxectos de obras que determine a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, cuxa realización se propoña levar a cabo na zona de respecto, deberán presentar, co resto da documentación pertinente, un estudo previo específico de afección sobre o territorio histórico do Camiño Francés.

Cuarto. Instar a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural para que publicite a través da páxina web oficial da Consellería de Cultura e Turismo o documento completo coa descrición literal dos tramos, características e elementos accesorios por cada concello, e a que dite e publique unhas instrucións que recollan os criterios e determinacións básicas de ordenación e deseño referentes ás intervencións que afecten os seus ámbitos, que contribúan a garantir unha axeitada protección do ben e a preservar a interrelación global da ruta de peregrinación co territorio de acollida, ata a aprobación do correspondente plan.

Disposición adicional.

O réxime da categoría do solo rústico definido no artigo 32.2.h) da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, aplicarase nos terreos situados fóra dos núcleos rurais e de solo urbano, na franxa dos 30 metros establecida no artigo 16 da Lei 3/1996, do 10 de maio, de protección dos camiños de Santiago, e sen prexuízo das proteccións establecidas no planeamento vixente.

Disposición derradeira.

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dous de decembro de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Roberto Varela Fariña
Conselleiro de Cultura e Turismo

missing image file

ANEXO I

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO II

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file