Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Mércores, 14 de decembro de 2011 Páx. 36623

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 5 de decembro de 2011 pola que se amplía a dotación orzamentaria para a concesión de axudas aos plans de reestruturación e reconversión do viñedo en Galicia convocadas pola Orde do 10 de marzo de 2011.

Pola Orde do 10 de marzo de 2011 da Consellería do Medio Rural (Diario Oficial de Galicia n.º 53, do 16 de marzo) convocáronse no ano 2011 as axudas aos plans de reestruturación e reconversión do viñedo en Galicia de acordo coas bases previstas na Orde do 29 de xaneiro de 2009 da Consellería do Medio Rural, modificada pola Orde do 19 de febreiro de 2010.

No artigo 8 da dita Orde do 10 de marzo de 2011, relativo ao financiamento das axudas, detállase a aplicación orzamentaria e o importe económico previsto para elas. Este artigo prevé expresamente a posibilidade de incrementar a dotación contida na referida orde. Polo anterior, por Orde do 28 de outubro de 2011 (Diario Oficial de Galicia n.º 217, do 14 de novembro), ampliouse a dotación orzamentaria consignada inicialmente.

Porén, e dado que hai posibilidade de incrementar de novo a dotación, cómpre realizar unha segunda ampliación orzamentaria.

En consecuencia, de conformidade co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Amplíase a dotación orzamentaria prevista na Orde desta consellería do 10 de marzo de 2011 (Diario Oficial de Galicia n.º 53, do 16 de marzo), pola que se convocan para o ano 2011 as axudas aos plans de reestruturación e reconversión de viñedo en Galicia.

2. O incremento de dotación para o exercicio 2011 será de 2.143.876,63 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 13.02.713-C 772.1 dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011.

3. Unha vez efectuado este incremento, o importe total da dotación orzamentaria ascende a 4.313.191,05 euros: 3.613.191,05 euros para o exercicio 2011 e 700.000,00 euros para o exercicio 2012.

4. Esta modificación non afecta o prazo que se establece para a presentación de solicitudes de axuda na devandita Orde do 10 de marzo de 2011.

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2011.

Samuel Jesús Juárez Casado
Conselleiro do Medio Rural