Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Mércores, 14 de decembro de 2011 Páx. 36621

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 28 de novembro de 2011 pola que se incrementa a dotación orzamentaria da Orde do 30 de decembro de 2010 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría, e das axudas ao desenvolvemento rural para a utilización sustentable das terras agrícolas no ano 2011.

A Orde da Consellería do Medio Rural do 30 de decembro de 2010 (DOG núm. 6, do 11 de xaneiro) regula o procedemento para a solicitude, tramitación e concesión para o ano 2011 das axudas previstas dentro do réxime do pagamento único e doutros réximes de axuda directa á agricultura e gandaría, e das axudas ao desenvolvemento rural para a utilización sustentable das terras agrícolas no ano 2011.

Na súa disposición adicional primeira, parágrafo 1, precísanse as aplicacións orzamentarias e o importe económico previsto para o financiamento das ditas axudas, e no seu parágrafo 3 sinálase que as dotacións iniciais se poderán incrementar, se for procedente, tramitando o expediente de modificación de crédito oportuno.

Coa finalidade de poder amparar todas as solicitudes das axudas especificadas no título II da orde, relativas aos pagamentos directos á agricultura e á gandaría no marco da aplicación da política agrícola común en Galicia financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e xestionadas polo Fondo Galego de Garantía Agraria, e posto que a dotación inicial resulta insuficiente, foi autorizado o correspondente expediente de ampliación de crédito, polo que cómpre, mediante esta orde, incrementar a dotación orzamentaria consignada inicialmente para a concesión das mencionadas axudas

En consecuencia, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. A dotación orzamentaria prevista para as axudas especificadas no título II da Orde do 30 de decembro de 2010 (DOG n.º 6, do 11 de xaneiro), conforme a disposición adicional primeira, parágrafo 1, alínea a) da dita orde, increméntase no importe de 25.699.297,22 euros, e con cargo á aplicación 13.90.713F.779.1, primas gandeiras, dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 2011.

2. En todo caso, a concesión das axudas reguladas na dita orde estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

Disposición adicional única.

O incremento de crédito previsto no artigo único desta orde non afecta o prazo de presentación de solicitudes establecido na devandita Orde do 30 de decembro de 2010 (DOG n.º 6, do 11 de xaneiro).

Disposición derradeira.

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2011.

Samuel Jesús Juárez Casado
Conselleiro do Medio Rural