Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Mércores, 7 de decembro de 2011 Páx. 35897

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 25 de novembro de 2011 pola que se modifica a Orde do 7 de febreiro de 2008 pola que se fai pública a composición do Consello Social da Universidade de Vigo.

Pola Orde do 7 de febreiro de 2008 (DOG do 25 de febreiro) fíxose pública a composición do Consello Social da Universidade de Vigo.

Segundo a Lei 1/2003, do 9 de maio, dos consellos sociais do sistema universitario de Galicia, o artigo 10.1 letra d), os membros do Consello Social cesarán por decisión da autoridade, entidade ou institución que os designase, nos casos previstos no artigo 12.letra e) do citado artigo sinala que os membros do Consello Social teñen o deber de observar, en todo momento, a normativa de incompatibilidades.

O parágrafo 2 do citado artigo 10 sinala que as vacantes deberán ser cubertas pola autoridade, entidade ou institución correspondente no prazo máximo de 3 meses. De non comunicárselle o acordo de designación dentro de devandito prazo ao conselleiro competente en materia universitaria, o posto permanecerá vacante ata a finalización do correspondente mandato. En todo caso, o membro substituído entenderase nomeado polo período que reste do mandato. O nomeamento será publicado no Diario Oficial de Galicia.

Segundo o artigo 7.3 da Lei 1/2003, do 9 de maio, dos consellos sociais do sistema universitario de Galicia, formará parte do Consello Social un membro designado polas corporacións dos concellos en que se localizan os campus.

O artigo 7.4 desta lei establece que os acordos de designación de membros do Consello Social seranlle comunicados ao conselleiro competente en materia universitaria, quen procederá ao seu nomeamento mediante orde da súa consellería.

Con data do 25 de novembro de 2011 tivo entrada na Consellería de Educación e Ordenación Universitaria escrito do presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, ao que se xunta copia do decreto da Alcaldía de Vigo polo que se designa a Xulio Calviño Rodríguez como representante do Concello de Vigo no Consello Social da universidade, en substitución de Laura López Atrio. O Consello Social achega tamén a declaración de incompatibilidade de Xulio Calviño Rodríguez, establecida no artigo 12 da Lei 1/2003, do 9 de maio.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo único.

Nomear a Xulio Calviño Rodríguez, designado polo Concello de Vigo, como representante no Consello Social da Universidade de Vigo, en substitución de Laura López Atrio.

Disposición derradeira.

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2011.

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria