Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Luns, 5 de decembro de 2011 Páx. 35762

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 30 de novembro de 2011, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se amplía a dotación orzamentaria da Resolución do 14 de xaneiro de 2011 pola que se regulan as bases e se convocan axudas periódicas de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero.

No Diario Oficial de Galicia do 19 de xaneiro de 2011 publicouse a Resolución do 14 de xaneiro de 2011, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se regulan as bases e se convocan axudas periódicas de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero.

No artigo 3 da dita resolución establécese que o crédito asignado para atender as solicitudes que se aproben, que se imputan á aplicación orzamentaria 04.40.313D.480.0, ascende a 970.000 euros para o ano 2011 e que se reservan 1.120.000 euros do ano 2012 para o financiamento das axudas que, pola súa duración, xeren dereitos económicos das beneficiarias durante o exercicio seguinte. Este crédito, segundo o establecido no dito artigo, poderá ser ampliado cando o aumento veña derivado da súa previsión legal ou dalgún dos supostos previstos no artigo 30.2.º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Na data actual, dado o volume de solicitudes presentadas desta axuda e que non poden ser atendidas polo esgotamento do crédito inicialmente asignado, así como as necesidades das posibles beneficiarias, resulta necesario incrementar a dotación orzamentaria destinada a esta axuda.

Por todo o exposto e no uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo único.

Primeiro. Amplíase a dotación orzamentaria asignada para a concesión das axudas económicas de carácter periódico de apoio ás mulleres que sofren violencia de xénero na contía de 300.000 euros para o exercicio corrente, con cargo á partida orzamentaria 04.40.313D.480.0.

Segundo. Esta modificación non afecta o prazo establecido na referida resolución para a presentación de solicitudes.

Disposición derradeira.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2011.

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade