Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Xoves, 1 de decembro de 2011 Páx. 35523

I. Disposicións xerais

Consellería de Facenda

DECRETO 220/2011, do 17 de novembro, polo que se modifica o Decreto 307/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica desta consellería.

Como consecuencia da nova organización da Administración da Comunidade Autónoma establecida polo Decreto 79/2009, do 19 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos seus departamentos e do Decreto 245/2009, do 30 de abril, polo que se regulan as súas delegacións territoriais; ditouse o Decreto 307/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda, publicado no Diario Oficial de Galicia núm. 106, do 2 de xuño.

Con posterioridade realizáronse modificacións da estrutura orgánica da consellería mediante o Decreto 199/2010, do 16 de decembro (Diario Oficial de Galicia núm. 241, do 17 de decembro) e o Decreto 59/2011, do 17 de marzo (Diario Oficial de Galicia núm. 68, do 6 de abril).

A primeira modificación que se propón mediante este decreto é a supresión do Servizo de Réxime Interior, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio, ao que estaban atribuídas, fundamentalmente, as tarefas de rexistro da documentación da consellería. En efecto, nos últimos anos producíronse importantes novidades normativas en relación co acceso dos/as cidadáns/ás aos rexistros electrónicos da Xunta de Galicia: o Decreto 164/2005, do 16 de xuño, polo que se regulan e determinan as oficinas de rexistro propias ou concertadas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, se crea o Rexistro Telemático da Xunta de Galicia e se regula a atención ao cidadán; o Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes ou a recente Orde do 15 de setembro de 2011 pola que se aproba a posta en funcionamento da sede electrónica da Xunta de Galicia, e o máis recente Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia. En consecuencia, as funcións de rexistro simplificáronse substancialmente, a través do uso de medios electrónicos e da centralización imposta pola normativa citada. Non se considera necesario, polo tanto, manter a existencia do Servizo de Réxime Interior, ben que deben atribuírse a outra unidade as funcións de distribución interna de documentación e de tramitación de expedientes de concesión de anticipos, que viña desenvolvendo esa unidade. Estas funcións pasan a ser exercidas polo Servizo de Control Orzamentario e Contratación, dependente da Vicesecretaría Xeral.

No que se refire á modificación do artigo 21 do decreto, a xustificación deriva das reformas operadas na normativa básica estatal, en particular a través do Real decreto lei 11/2010, do 9 de xullo, de órganos de goberno e outros aspectos do réxime xurídico das caixas de aforros, e do Real decreto lei 2/2011, do 18 de febreiro, para o reforzamento do sistema financeiro.

A aplicación destas normas supuxo o traspaso da actividade financeira das caixas de aforros a entidades de carácter bancario, a través das cales pasan a realizar o «exercicio indirecto da actividade financeira». Adicionalmente, nos próximos meses, a maioría destas caixas de aforros vanse transformar en fundacións de carácter especial, dedicándose, en exclusiva, á obra social.

Tendo en conta que a comunidade autónoma carece de competencias sobre a actividade financeira das entidades bancarias, cómpre reducir a estrutura da Subdirección Xeral de Supervisión de Caixas de Aforro e Entidades Financeiras, adaptándoa ás competencias que se mantén. Neste sentido, concéntranse nun só servizo as competencias que antes aparecían distribuídas entre dous servizos, eliminándose o outro.

De acordo co exposto, por proposta da conselleira de Facenda, cos preceptivos informes favorables e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezasete de novembro de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo 1.

Modifícase o artigo 6 do Decreto 307/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda, que pasa a ter a seguinte redacción:

«Artigo 6. Funcións e estrutura.

1. A Vicesecretaría Xeral, con nivel orgánico de subdirección xeral, exercerá as seguintes funcións:

– Prestar asistencia ao/á secretario/a xeral técnico/a e do Patrimonio en cantos asuntos este/a lle encomende para a coordinación dos servizos.

– Coordinar a elaboración do anteproxecto de orzamentos da consellería, propoñer as actuacións concernentes ao réxime interno dos servizos da consellería e cantas disposicións afecten o seu funcionamento.

2. Contará coas seguintes unidades administrativas con nivel orgánico de servizo:

2.1. O Servizo de Xestión de Persoal, ao que corresponde a xestión, control e coordinación de persoal dos servizos centrais e dos departamentos territoriais da consellería, a programación das necesidades do persoal dela e as funcións de habilitación dos gastos de persoal.

2.2. O Servizo de Control Orzamentario, Contratación e Réxime Interior, que realizará as seguintes funcións:

– O seguimento e a coordinación da execución orzamentaria e da contratación administrativa.

– A distribución interna da documentación.

– A tramitación de expedientes de concesión de anticipos ao persoal.

2.3. O Servizo de Xestión Económica, que realizará a tramitación económico-administrativa dos expedientes de gasto.»

Artigo 2.

Modifícase o artigo 21.2.2 do Decreto 307/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda, que pasa a ter a seguinte redacción:

«2.2. A Subdirección Xeral de Supervisión de Caixas de Aforro e Entidades Financeiras, que exercerá as seguintes funcións:

– As de análise, supervisión, inspección financeira e sanción en materia de caixas de aforro e outras entidades financeiras.

– O control e supervisión dos acordos e actuacións das caixas de aforro galegas, relativos á obra social e, en particular, os relativos á aprobación dos orzamentos anuais da obra social, ás súas modificacións, á súa liquidación e á creación de novas obras benéfico-sociais.

– O control e supervisión dos investimentos e gastos en obra benéfico-social realizados en Galicia polas caixas de aforro foráneas.

– O mantemento dos rexistros existentes na materia.

– O informe das consultas e a proposta de resolución de autorizacións e, en xeral, cantas funcións lle atribúa á dirección xeral a lexislación vixente sobre estas materias.

– Control e supervisión dos procesos electorais e do funcionamento dos órganos de goberno das caixas de aforro galegas.

– A colaboración e coordinación con outras autoridades, órganos, organismos ou entes que teñan encomendadas funcións supervisoras de caixas de aforros e outras entidades financeiras.

– Aqueloutras que puidesen corresponderlle á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de ordenación de crédito e banca.

– Supervisión e control das mutualidades de previsión social non integradas na Seguridade Social, así como doutras entidades aseguradoras.

– Supervisión e control da mediación de seguros e reaseguros privados.

– As de protección da clientela das entidades financeiras, aseguradoras e de mediación, sobre as que ten competencia a comunidade autónoma.

Da Subdirección Xeral de Supervisión de Caixas de Aforro e Entidades Financeiras dependerán os seguintes servizos:

2.2.1. O Servizo de Control e Supervisión de Entidades Financeiras, que será o encargado da vixilancia do cumprimento da normativa aplicable ás entidades baixo a súa supervisión, da realización dos informes periódicos sobre a evolución económico-financeira das mesmas entidades, de informar sobre as consultas que se lle formulen e do desempeño das funcións relativas á obra benéfico-social.

2.2.2. O Servizo de Supervisión e Inspección de Entidades e Mediadores de Seguros, que terá ao seu cargo o desenvolvemento de todas as funcións que lle correspondan á comunidade autónoma en materia de supervisión, xestión de rexistros oficiais, protección da clientela, inspección e réxime sancionador de mutualidades de previsión social non integradas na Seguridade Social e doutras entidades aseguradoras, así como de mediación de seguros e reaseguros privados».

Disposición derrogatoria.

Quedan derrogadas todas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira primeira.

A estrutura orgánica que se establece neste decreto non suporá aumento de gasto.

Disposición derradeira segunda.

A Consellería de Facenda proporá as modificacións que procedan na relación de postos de traballo, derivadas da modificación da estrutura orgánica que se establece neste decreto.

Así mesmo, facúltase a persoa titular da Consellería de Facenda para ditar os actos e adoptar as medidas que sexan necesarios para a acomodación do persoal á estrutura establecida neste decreto ou derivada dela, así como as que cumpran para o seu desenvolvemento e execución.

Disposición derradeira terceira.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezasete de novembro de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Marta Fernández Currás
Conselleira de Facenda