Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Luns, 28 de novembro de 2011 Páx. 35010

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 25 de novembro de 2011, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se convocan os Premios do Deporte Galego da tempada 2010-2011.

A Lei 11/1997, do 22 de agosto, xeral do deporte de Galicia, establece entre as competencias da Administración autonómica a de efectuar convocatorias de ámbito autonómico para outorgar premios, distincións ou axudas á realización de actividades promotoras do deporte encamiñadas a mellorar a presenza do deporte galego nas distintas competicións ou manifestacións deportivas: artigo 11.1, letra b).

Conforme a esta habilitación normativa e competencial, a Secretaría Xeral para o Deporte establece, con esta resolución, os Premios do Deporte Galego da tempada 2010-2011, que recoñecerán públicamente os máis destacados axentes do ámbito deportivo de Galicia.

Polo exposto, e en uso das facultades que teño atribuídas pola lexislación vixente,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e categorías.

Convócanse os Premios do Deporte Galego da tempada 2010-2011, que serán concedidos nas seguintes categorías:

1. Premio á mellor deportista feminina.

2. Premio á mellor deportista feminina discapacitada.

3. Premio ao mellor deportista masculino.

4. Premio ao mellor deportista masculino discapacitado.

5. Premio ao mellor equipo feminino.

6. Premio ao mellor equipo masculino.

7. Premio ao mellor equipo de deportistas discapacitadas ou discapacitados.

8. Premio á mellor entidade na promoción da actividade física e o deporte de base.

9. Premio ao mellor centro educativo na promoción do deporte en idade escolar.

10. Premio ao mellor adestrador/a.

11. Premio ao mellor árbitro/a-xuíz/a.

12. Premio ao mellor labor informativo.

13. Premio ao mellor evento deportivo.

14. Premio patrocinio deportivo.

15. Premio revelación.

16. Premio ao concello co mellor labor na promoción da actividade física e o deporte.

Xunto a estas categorías, por proposta e por resolución do xurado, poderán outorgarse mencións especiais.

Artigo 2. Presentación de candidaturas.

1. Os propoñentes poderán presentar unha candidatura por categoría.

2. Poderán formular propostas as asociacións deportivas de Galicia inscritas no Rexistro de Asociacións Deportivas e Deportistas de Galicia, os concellos de Galicia, así como calquera outro organismo ou entidade pública ou privada, os membros do xurado e as persoas físicas relacionadas coa actividade física e o deporte galego, a través do anexo que se xunta a esta resolución e que se dirixirá á Secretaría Xeral para o Deporte, acompañada da documentación e información que acredite os méritos que concorren nos candidatos. A presentación de candidaturas implica a total aceptación desta resolución o do resultado do xurado.

3. A documentación dirixirase á Secretaría Xeral para o Deporte mediante a súa presentación por calquera dos medios previstos no artigo 38.4.º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. O prazo para a presentación de candidaturas rematará aos dez días naturais contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución.

Artigo 3. Xurado.

O xurado cualificador estará presidido polo secretario xeral para o Deporte e serán vogais o titular da Subdirección Xeral de Deporte, o presidente da Ufedega, os xefes de servizo provinciais de Deportes, o xefe de deportes da CRTVG e outros tres vogais designados polo presidente do xurado entre o persoal ao servizo da Secretaría Xeral para o Deporte ou da Fundación Deporte Galego. Actuará como secretario un funcionario designado polo secretario xeral para o Deporte de entre os que se atopan ao servizo desta secretaría xeral, e que terá entre outras funcións a de recibir, clasificar e ordenar a documentación que deba someterse á consideración do xurado. O secretario do xurado terá voz pero non voto nas reunións do xurado.

O acordo do xurado en que se outorguen os diferentes premios será publicado na páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte.

A actividade do xurado non será retribuída.

Artigo 4. Entrega dos premios.

Os Premios do Deporte Galego da tempada 2010-2011 serán entregados de forma solemne nun acto público en que se fará entrega aos galardoados dun trofeo e dun diploma acreditativo do premio que lles corresponda.

Disposición derradeira.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2011.

José Ramón Lete Lasa
Secretario xeral para o Deporte

missing image file

Secretario xeral para o Deporte

Resolución do 25 de novembro de 2011, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se convocan os Premios do Deporte Galego da tempada 2010-2011.