Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Xoves, 24 de novembro de 2011 Páx. 34718

I. Disposicións xerais

Consellería do Medio Rural

DECRETO 216/2011, do 10 de novembro, polo que se establecen as normas zootécnicas e sanitarias das producións avícolas artesanais e se crea o Rexistro Galego de Explotacións Avícolas Artesanais.

A Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal, ten por obxecto o establecemento das normas básicas e de coordinación en materia de sanidade animal e o desenvolvemento do marco zootécnico e sanitario das producións gandeiras, e establece a obrigatoriedade de que todas as explotacións das comunidades autónomas estean rexistradas cun mínimo de datos que terán que ser comunicados a un rexistro estatal.

De acordo con esta norma, o Real decreto 479/2004, do 26 de marzo, polo que se establece e regula o Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras, regula os datos mínimos necesarios para levar a cabo as inscricións das explotacións.

No marco zootécnico e sanitario son relevantes as seguintes disposicións: por unha banda, o Real decreto 328/2003, do 16 de setembro, polo que se establece e regula o plan sanitario avícola, o Real decreto 1084/2005, do 16 de setembro, de ordenación da avicultura de carne, e o Real decreto 372/2003, do 28 de marzo, polo que se establece e regula o rexistro xeral de establecementos de galiñas poñedoras.

A produción avícola galega, tanto de carne como de ovos, ten hoxe en día un carácter industrial que se planea maioritariamente sobre réximes intensivos cun forte desenvolvemento tecnolóxico. Esta realidade coexiste con sistemas de produción tradicional, definidos pola súa condición artesanal e caracterizados polo seu escaso volume de produción e a calidade diferenciada dos seus produtos.

Malia a súa reducida dimensión económica, a importancia dos sistemas tradicionais radica na súa función coadxuvante no fomento e mantemento de razas autóctonas, na creación de rendas agrarias complementarias, na produción de alimentos diferenciados e, sobre todo, na fixación de poboación no medio rural.

Aínda que as disposicións normativas básicas estatais en materia de ordenación zootécnica avícola son aplicables por defecto a calquera tipo de produción, é evidente que están concibidas para a súa aplicación na avicultura industrial intensiva. Pola contra, desde o punto de vista sanitario e comercial, as pequenas producións si teñen un tratamento diferenciado na normativa sanitaria. Así, por exemplo, as explotacións con menos de 250 aves están excluídas do programa sanitario de control específico de salmonelas regulado no Real decreto 328/2003, do 14 de marzo, polo que se regula o plan sanitario avícola; pola súa parte, no ámbito das condicións de comercialización, concretamente no marco dos ovos vendidos polo produtor ao consumidor final nun mercado público local na rexión de produción, as explotacións cun número inferior a 50 galiñas poñedoras están eximidas da exixencia da marcación no ovo do número distintivo que exixe o Real decreto 226/2008, do 15 de febreiro, polo que se regulan as condicións de aplicación da normativa comunitaria de comercialización de ovos.

Cómpre, por tanto, arbitrar un marco normativo axeitado que permita o correcto desenvolvemento en Galicia dos sistemas artesanais de produción avícola, no marco das competencias que lle outorga o Estatuto de autonomía a esta comunidade nos artigos 30.I.1 e 3 e 27.30.

Por último, e co obxecto de que esta norma legal quede perfectamente integrada coa normativa estatal básica de aplicación, óptase pola integración neste decreto das condicións mínimas que a dita normativa exixe para este tipo de explotacións, así como as novas exixencias establecidas por este decreto, de sorte que se permita aos destinatarios da norma unha visión de conxunto que non os obrigue a empregar textos distintos para coñecer a regulación aplicable.

De acordo co Decreto 318/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Fondo Galego de Garantía, corresponde a aquela o exercicio da competencia, entre outras, en materia de agricultura e gandaría.

En consecuencia, en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro do Medio Rural, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, consultados os sectores interesados de empresas e organizacións profesionais, e logo da deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do dez de novembro de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

1. O obxecto deste decreto é:

a) O desenvolvemento do marco zootécnico e sanitario das producións avícolas artesanais.

b) A creación do Rexistro Galego de Explotacións Avícolas Artesanais.

2. Para efectos do establecido neste decreto, enténdese por avicultura artesanal o sistema produtivo de explotación de aves de curral baseado nun sistema de cría por medios e sistemas tradicionais, cunha produción de escaso volume e baseada principalmente no uso dos recursos propios da explotación.

Artigo 2. Ámbito de aplicación.

1. Este decreto será de aplicación ás explotacións en que se críen ou manteñan aves de curral, agás ratites, nos seguintes casos:

a) Explotacións de aves de cría poñedoras de ovos para incubar ata un máximo de capacidade de 50 aves adultas.

b) Explotación de aves de explotación poñedoras de ovos de consumo, ata un máximo de capacidade de 50 aves adultas.

c) Explotacións de aves de explotación de produción para carne ata un máximo de 400 aves de ceba ao ano.

2. Poderán desenvolverse nunha mesma explotación varias ou todas as actividades sinaladas no punto 1.

3. Se for o caso, as explotacións poderán contar coas unidades de incubación, así como dos animais de recría ou machos que precisen para o normal desenvolvemento da súa actividade.

Artigo 3. Rexistro de explotacións.

De acordo co Real decreto 479/2004, polo que se establece e regula o Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras, e integrado no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras de Galicia, créase o Rexistro Galego de Explotacións de Avicultura Artesanal, adscrito á dirección xeral que corrresponda da consellería competente en materia de sanidade e produción animal, no que figurarán inscritas as explotacións avícolas incluídas no ámbito de aplicación desde decreto cos datos mínimos que por explotación e especie exixe o anexo II do dito real decreto.

Artigo 4. Inscrición no Rexistro.

Os titulares das explotacións ou os seus representantes presentarán unha solicitude de inscrición no Rexistro conforme o modelo do anexo I deste decreto, dirixido ao servizo provincial que corresponda, da xefatura territorial da consellería competente en sanidade e produción animal, acompañada da seguinte documentación:

a) Fotocopia do NIF ou DNI do titular.

b) Memoria simple de actividade que inclúa as infraestruturas da explotación e o plano de situación e as súas coordenadas xeográficas.

c) Declaración polo titular do cumprimento de distancias.

d) Documentación acreditativa do pagamento das taxas que correspondan.

Artigo 5. Tramitación das solicitudes de inscrición no rexistro.

1. A presentación da solicitude de inscrición poderase facer por calquera dos medios previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. De acordo co establecido no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, e unha vez aprobada por Orde do 15 de setembro de 2011 a posta en funcionamento da sede electrónica da Xunta de Galicia, os formularios de solicitude para iniciar telematicamente os procedementos administrativos ou solicitar a prestación de servizos deberán estar dispoñibles a través da devandita sede (http://sede.xunta.es).

Para tal efecto, a Consellería do Medio Rural, a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica e a Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, ou as unidades que, se for o caso, tiveren as competencias actuais destas, implementarán os formularios e mecanismos axeitados no ámbito deste decreto.

No caso de utilización da Oficina Agraria Virtual (OAV) dispoñible a través de http://emediorural.xunta.es/oav, determinaranse os oportunos mecanismos de comunicación para facer accesible a información da OAV a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. Se a solicitude de inscrición non reúne os requisitos sinalados no artigo 4 deste decreto, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo máximo de dez días hábiles, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos con indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistida da súa petición, logo de resolución que se deberá ditar nos termos previstos no artigo 42 da citada Lei 30/1992.

4. Unha vez revisada a documentación achegada e feitas as comprobacións oportunas cando proceda, a xefatura territorial da consellería competente en sanidade e produción animal resolverá positiva ou negativamente á solicitude de inscrición no rexistro. A resolución denegatoria deberá ser motivada.

5. A resolución non pon fin á vía administrativa e poderá ser impugnada en alzada ante o conselleiro/a competente en materia de sanidade e produción animal, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución.

6. Transcorridos tres meses desde a presentación da solicitude sen que sexa ditada resolución expresa, salvo que a demora sexa imputable á persoa interesada, entenderase outorgada a inscrición no rexistro consonte o previsto no artigo 43.2.º da citada Lei 30/1992, logo da xustificación do ingreso da taxa correspondente.

Artigo 6. Clasificacións zootécnicas.

As explotacións avícolas artesanais clasificaranse segundo os tipos establecidos no Real decreto 328/2003, do 14 de marzo, polo que se establece e regula o Plan Sanitario Avícola, e no Real decreto 1084/2005, do 16 de setembro, de ordenación da avicultura de carne. Cando desenvolvan máis dunha actividade zootécnica a nivel de rexistro, figurarán incluídas baixo a epígrafe correspondente á súa orientación principal.

Artigo 7. Condicións que deben reunir as explotacións.

As condicións que deben reunir as explotacións avícolas artesanais relativas a infraestruturas e instalacións, localización e distancias e condicións de funcionamento, sen prexuízo do cumprimento da restante normativa sectorial que resulte de aplicación, son as establecidas no anexo II deste decreto.

Artigo 8. Programa sanitario.

As explotacións avícolas artesanais levarán un programa sanitario que cumpra, como mínimo, os requisitos e condicións establecidas no anexo III deste decreto.

Artigo 9. Identificación das aves.

1. As aves que abandonen a explotación deberán facelo en contedores de transporte precintados que levarán unha marca que identifique inequivocamente a explotación de procedencia, indicando o código seu REGA.

2. Facultativamente, as aves poderán identificarse individualmente, a discreción do produtor ou por exixencias das entidades encargadas de levar o libro de rexistro de determinadas razas avícolas.

Artigo 10. Movemento das aves.

1. Sen prexuízo do cumprimento das obrigas contidas no artigo 1 do Decreto 355/1994, do 2 de decembro, polo que se regula o traslado de animais e se aproban os modelos oficiais de autorización oficial de traslado, os movementos das aves procedentes de explotacións avícolas artesanais deberán ir acompañados da autorización sanitaria oficial de traslado definida no artigo 3 da Orde do 23 de agosto de 1995, pola que se regulan e fixan as condicións, marcas e documentos sanitarios para o traslado e circulación de animais.

2. Para o movemento destas aves para sacrificio, serán de aplicación os requisitos establecidos no Real decreto 328/2003, do 14 de marzo.

3. Para o movemento destas aves con destinos distintos a sacrificio, só será necesaria a expedición da certificación oficial de movemento recollida no artigo 50 da Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal.

Artigo 11. Benestar animal.

1. Será de aplicación o Real decreto 348/2000, do 10 de marzo, polo que se incorpora ao ordenamento xurídico a Directiva 98/58/CE, relativa á protección dos animais nas explotacións gandeiras, así como o Regulamento (CE) 1/2005 do Consello, do 22 de decembro de 2004, relativo á protección dos animais durante o transporte e as operacións conexas e polo que se modifican as directivas 64/432/CEE e 93/119/CE e o Regulamento (CE) n.º 1255/97.

2. No caso de existencia de aves de explotación de produción de ovos, deberán ser criadas segundo os sistemas alternativos reflectidos no anexo IV do Real decreto 3/2002, do 11 de xaneiro, polo que se establecen as normas mínimas de protección das galiñas poñedoras.

3. No caso de existencia de instalacións ao aire libre, existirán medios de protección das aves fronte aos predadores silvestres.

4. Estarán prohibidas todas as mutilacións, agás a castración de polos de carne para a obtención de capóns, sempre que se faga baixo supervisión veterinaria e por persoal cualificado.

Artigo 12. Libro-rexistro de explotación.

Todas as explotacións rexistradas disporán dun libro rexistro de explotación conforme o modelo do anexo IV, que conterá, como mínimo, a información sinalada no citado anexo. Este libro deberá manterse adecuadamente actualizado.

Artigo 13. Rexistro de tratamentos.

Todas as explotacións levarán un rexistro de tratamentos medicamentosos subministrados aos animais, conforme a normativa vixente en materia de medicamentos nas producións gandeiras.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento.

Facultase ao titular da consellería competente en materia de gandaría para ditar as normas singulares de desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2011.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Samuel Jesús Juárez Casado
Conselleiro do Medio Rural

ANEXO II
Condicións mínimas que deben reunir as explotacións

1. Condicións relativas a infraestruturas e instalacións:

a) Instalacións suficientemente delimitadas do exterior, que poden ser desde chousumes perimetrais completos ata parques exteriores ou aviarios delimitados con barreiras sen cimentación, axeitadas segundo a forma de cría. Estes sistemas deberán asegurar, na medida do posible, a protección fronte á entrada de vectores animais que poidan transmirir enfermidades ou de predadores.

b) Sistemas de limpeza e desinfección dos equipamentos e instalacións, así como do calzado dos operarios e dos visitantes, e dos vehículos, adecuados ao volume e características da explotación, que poden incluír instalacións fixas como vaos sanitarios ou mobles dispensadores de material desinfectante ou bandexas que o conteñan.

c) O deseño das instalacións interiores da explotación permitirá realizar unha eficaz limpeza e desinfección, desinsectación e desratización, segundo se precise.

d) As gaiolas ou outros dispositivos de transporte de aves e ovos deberán ser dun só uso ou ben de material reutilizable de fácil limpeza e desinfección.

e) Dispositivos de comedeiros e bebedoiros de materiais adecuados e en número suficiente para asegurar unha subministración adecuada ás aves. Os pensos deberán proceder de subministradores autorizados e almacenarse de xeito que se impida a súa contaminación.

f) Abastecemento da auga de calidade hixiénica para o consumo das aves e para as necesidades de limpeza e desinfección. No caso de existiren depósitos, estes deberán ser estancos e serán de materiais non prexudiciais para a auga e mantidos nun adecuado estado de conservación e limpeza. O abastecemento da auga pode proceder das redes de abastecemento colectivo públicas ou privadas, ou ben de abastecementos particulares, caso en que deberá realizarse con periodicidade semestral unha análise das características hixiénicas da auga proceder á súa hixienización cando for preciso.

g) Existencia de medios de illamento e observación de animais enfermos ou sospeitosos de enfermidades infecto-contaxiosas ou por razóns de benestar animal, axeitados ás características e volume da explotación.

h) Se a explotación conta con incubadora, a zona de incubación estará separada da zona onde se localicen as aves. As instalacións e equipamentos de incubación serán de materiais de fácil limpeza e desinfección.

i) Todas as instalacións e equipamentos manteranse en boas condicións de conservación e limpeza. No caso de aves mantidas en recintos non exteriores, realizarase unha retirada frecuente de camas e esterco.

j) Existirá un sistema de eliminación hixiénica de subprodutos de orixe animal non destinados ao consumo humano.

2. Condicións relativas á localización e distancias:

a) Co fin de reducir o risco de difusión de enfermidades infecto-contaxiosas, calquera explotación que se instale con posterioridade á entrada en vigor deste decreto deberá respectar unha distancia mínima de 500 metros con respecto a explotacións avícolas industriais de calquera orientación zootécnica xa rexistradas e outras instalacións que poidan supoñer un risco sanitario, como matadoiros de aves, fábricas de produtos para a alimentación animal, vertedoiros, plantas de tratamento de subprodutos de orixe animal non destinados a consumo humano e similares.

b) A distancia entre as explotacións rexistradas como explotacións avícolas artesanais consonte este decreto poderá reducirse a 250 metros.

c) A autoridade competente en materia de sanidade e produción animal poderá excepcionalmente admitir distancias inferiores ás sinaladas na alínea b) por motivos xustificados de reordenación ou concentración de explotacións ou por motivos das particulares condicións xeográficas ou de explotación, sempre que se considere que non existe risco para a sanidade animal.

d) As mencionadas distancias mediranse a partir do punto das edificacións ou das áreas ao aire libre que alberguen animais e que se atopen máis próximas ás instalacións respecto das cales se pretende establecer aquelas.

3. Condicións de funcionamento.

a) Na medida do posible, as aves criaranse baixo o principio de «cría protexida», é dicir, as explotacións deberán contar con infraestruturas, equipamentos e pautas de manexo orientados á minimizar os riscos de entrada e difusión de enfermidades entre as poboacións avícolas.

b) A alimentación das aves basearase principalmente na subministración de alimentos procedentes da propia explotación, aínda que tamén poderán proceder de provedores de alimentos autorizados.

c) En explotacións con aves de explotación para a produción de ovos, deben existir niños para a posta dos ovos e estes deben ser recollidos, polo menos, unha vez ao día.

d) En explotacións con incubadora, deberá existir unha separación física e funcional coas dependencias que alberguen as aves e todas as actividades derivadas desta actividade (incubación, nacemento, limpeza e desinfección dos ovos, etc.) deben realizarse de xeito que se minimicen as posibilidades de contaminación de aves e ovos.

ANEXO III
Programa sanitario das explotacións avícolas artesanais

1. O programa sanitario poderá ser establecido individualmente na explotación ou ben de xeito colectivo naquelas explotacións asociadas ou pertencentes a unha entidade recoñecida que conte cun programa sanitario aprobado e cun soporte técnico para a súa execución nas explotacións.

2. O programa sanitario debe recoller un baleiro sanitario das instalacións, preferiblemente na totalidade da explotación (sistema todo dentro/todo fóra) e, se non for posible realizalo por existiren lotes de cría de idades diferentes, deberá existir unha adecuada rotación das instalacións e compartimentos de cría que faciliten un mínimo descanso sanitario das instalacións. O tempo de baleiro ou descanso sanitario en cada un dos compartimentos non poderá ser inferior a 12 días e nel realizaranse a retirada de materias orgánicos e, posteriormente, tarefas de limpeza e desinfección das instalacións.

3. O programa sanitario deberá conter unha parte específica de control de salmonela, que comprenderá os seguintes controis:

a) Deberán realizarse dous controis anuais, un en cada semestre e suficientemente separados entre si. No caso de explotacións que realicen cría de aves de explotación de produción para carne cun sistema de produción en lotes de ceba, estes controis realizaranse dentro dos 21 días anteriores ao envío dos animais ao sacrificio.

b) No caso de explotacións de aves de explotación para carne ou para ovos, os controis realizaranse para detectar a presenza de S. enteritidis ou S. typhimurium nas aves. No caso de explotacións de aves de cría, os controis realizaranse para detectar a presenza de S. enteritidis, S. typhimurium, S. infantis, S. hadar e S. virchow nas aves.

c) A autoridade competente en materia de sanidade animal poderá realizar controis oficiais de salmonela nestas explotacións.

4. Será obrigatoria a vacinación fronte á salmonela das poliñas de recría de aves de cría ou de explotación, antes de entrar na fase de posta. Utilizaranse vacinas autorizadas pola Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios ou, excepcionalmente, autovacinas.

ANEXO IV
Contido do libro rexistro de explotación

– Código REGA da explotación.

– Nome e enderezo da explotación.

– Nome e enderezo do titular da explotación.

– Coordenadas xeográficas (lonxitude e latitude).

– Clasificación/s zootécnica/s.

– Entradas de animais: número de animais, data de entrada e código REGA da explotación de orixe.

– Saídas de animais: número de animais, data de saída e código REGA da explotación de destino, incluíndo matadoiros.

– Provedor de pensos, se procede.

– Incidencia de enfermidades infecto-contaxiosas, parasitarias ou outras de interese en sanidade animal ou saúde pública, con indicación das análises e do diagnóstico do veterinario e, se for o caso, dos resultados das análises de laboratorio.

– Rexistro do número de animais mortos na explotación.

– Dato sobre a produción anual, desagregado polas seguintes categorías segundo proceda:

a) Número de ovos de consumo producidos.

b) Número de ovos incubables producidos o número de aves de ceba destinadas a sacrificio.

missing image file