Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Xoves, 24 de novembro de 2011 Páx. 34694

I. Disposicións xerais

Presidencia da Xunta de Galicia

LEI 8/2011, do 9 de novembro, do Plan galego de estatística 2012-2016.

Exposición de motivos

1

O Estatuto de autonomía de Galicia recolle no seu artigo 27, número 6, a competencia exclusiva da estatística para os fins da Comunidade Autónoma.

En aplicación deste artigo, o Parlamento aprobou a Lei 9/1988, de estatística de Galicia, modificada polas leis 7/1993, do 24 de maio, 10/2001, do 17 de setembro, e 16/2006, do 27 de decembro. Nela establécese que o Plan galego de estatística é o instrumento de ordenación e planificación desta actividade, mediante a progresiva constitución do sistema estatístico, entendendo por tal o conxunto ordenado e integrado de métodos, procedementos e resultados dos seus diferentes axentes institucionais.

Ata o momento, o Parlamento de Galicia aprobou tres plans para os períodos 1998-2001, 2002-2006 e 2007-2011, nos que se fixaba unha serie de obxectivos xerais e específicos, que se concretaron nos programas anuais.

Esgotado o terceiro plan, procede aprobar un novo para, mediante un sistema de planificación por obxectivos, crear, organizar e difundir o coñecemento estatístico acorde coas necesidades das institucións públicas, dos axentes económicos e sociais e dos cidadáns en xeral. Para a consecución destes fins establécense obxectivos xerais de tres tipos: informativos, organizativos e instrumentais.

Os primeiros concrétanse a través de metas estatísticas para responder ás necesidades da sociedade galega sobre este tipo de información. Con elas búscase dotar de flexibilidade o plan para se adaptar á realidade cambiante e ofrecer solucións axeitadas aos escenarios que poidan xurdir da reflexión que se está a producir sobre o sistema estatístico no conxunto do Estado e sobre a súa articulación co europeo.

A finalidade dos segundos é contribuír a estruturar e desenvolver a organización estatística, potenciando a coordinación e a colaboración institucional coas entidades públicas territoriais e non territoriais galegas, estatais, europeas e internacionais relacionadas coa estatística.

Por último, os obxectivos instrumentais procurarán asegurar a calidade e a conexión do sistema estatístico cos usuarios e cos informantes.

A actividade que se realice en desenvolvemento deste plan axustarase aos principios e ás garantías de interese público, obxectividade e corrección técnica, obriga de colaboración, segredo estatístico e difusión dos resultados, establecidos no capítulo III da Lei de estatística de Galicia, así como ás recomendacións do Código de boas prácticas das estatísticas europeas, adoptado o 24 de febreiro de 2005 polo Comité do Programa Estatístico da Comisión Europea. Estes principios e recomendacións orientarán as actuacións de exploración de novos xeitos de obter información estatística lonxitudinal.

Así mesmo, a actividade que se realice en desenvolvemento deste plan debe prover información para que os cidadáns poidan exercer os seus dereitos, orientar a xeración de riqueza e benestar, potenciar a creación de coñecemento e favorecer a toma de decisións.

2

O Plan galego de estatística estrutúrase en tres títulos, unha disposición transitoria, unha derrogatoria, seis derradeiras e tres anexos.

O título preliminar consta dun único capítulo de disposicións xerais, onde se pormenorizan o obxecto da lei, o seu ámbito de aplicación e as principais definicións.

Os títulos I e II correspóndense coas dimensións do plan, coa planificación e coa ordenación da actividade estatística, respectivamente. O primeiro capítulo do título I agrupa os obxectivos do plan e o segundo establece como se satisfán mediante actuacións programadas anualmente. O título II inclúe catro capítulos sobre proxectos técnicos, recollida e cesión da información estatística, colaboración institucional e inventario de actividades.

Nos anexos figuran a estrutura temática do plan, a relación das metas de información e o inventario inicial de actividades estatísticas.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei do Plan galego de Estatística 2012-2016.

Título preliminar
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto.

1. O obxecto desta lei é regular e aprobar o Plan galego de estatística 2012-2016, instrumento de ordenación e planificación da actividade estatística da Comunidade Autónoma de Galicia, así como modificar determinados preceptos da Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia.

2. O Plan galego de estatística 2012-2016 constitúe o marco de colaboración institucional entre as entidades que forman parte da organización estatística de Galicia, segundo o artigo 37 da Lei de estatística de Galicia, e destas con outras entidades públicas locais, autonómicas ou estatais, así como europeas ou internacionais.

Artigo 2. Definicións.

Para os efectos desta lei enténdese por:

1. Actividades estatísticas: conxuntos de tarefas de compilación, elaboración e ordenación de datos ou outra información cuantificable, ademais da publicación e difusión dos resultados, conforme establece o artigo 2 da Lei de estatística de Galicia. Tamén se consideran como tales as que sexan previas ou complementarias das anteriores que non fosen incluídas dentro delas e legalmente esixibles ou tecnicamente necesarias para poder acadar os requirimentos que establecen as normas estatísticas. Igualmente, incluiranse as de innovación, investigación e desenvolvemento técnico, metodolóxico e normalizador no eido estatístico. Clasifícanse en operacións e outras actividades estatísticas.

2. Operación estatística: actividade ou conxunto de actividades estatísticas nas que algunha das administracións públicas galegas participa cando menos nunha fase da súa elaboración a maiores da de difusión. Deberá ademais estar clasificada dentro dalgún dos puntos seguintes, ou ser unha combinación deles:

a) Censos.

b) Enquisas por mostraxe.

c) Toma directa de datos.

d) Explotacións estatísticas de sistemas de información, rexistros administrativos ou directorios.

e) De síntese: sistema de indicadores, números índice, contas económicas, proxeccións ou métodos de estimación indirecta.

3. Estado: característica que define o grao de desenvolvemento dunha operación. Unha operación estatística pode estar nos seguintes estados:

a) En curso: operación periódica ou irregular con proxecto técnico que dá lugar a unha serie cronolóxica ou permite a comparanza temporal con outros períodos.

b) En proxecto: operación nova que aínda non dispón de proxecto técnico.

c) En implantación: operación que dispón de proxecto técnico pero que aínda non se pode considerar en curso, xa que non se difundiron resultados conforme o devandito proxecto.

d) En cumprimento: operación feita no marco de convenios, acordos, decretos de transferencia ou calquera outro tipo de norma ou vínculo xurídico na que o proceso estatístico xa vén regulado por outra administración diferente á da Comunidade Autónoma.

e) En reestruturación: operación que viña estando en curso pero que vai sufrir cambios substanciais no seu proxecto técnico.

4. Outra actividade estatística: actividade que non se pode considerar operación por non concluír nunha difusión de resultados estatísticos ou por non participar ningunha das administracións públicas galegas na súa elaboración nalgunha fase a maiores da de difusión.

5. Organización estatística de Galicia: tal e como se define na Lei de estatística de Galicia, está constituída polo Instituto Galego de Estatística, polos órganos estatísticos sectoriais e polo Consello Galego de Estatística.

Artigo 3. Período de aplicación do plan.

1. O Plan galego de estatística 2012-2016 formula os seus obxectivos para o período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2012 e o 31 de decembro de 2016. Non obstante, quedará prorrogado ata a entrada en vigor do seguinte no suposto de non se aprobar un novo ao seu vencemento.

2. Para desenvolver este plan, o Consello da Xunta aprobará programas estatísticos anuais.

Artigo 4. Avaliación do plan.

O Instituto Galego de Estatística elaborará un informe de avaliación do Plan galego de estatística unha vez finalizado, que someterá á consideración do Consello Galego de Estatística e poñerá en coñecemento do Parlamento de Galicia por medio dunha comparecencia específica.

Título I
Planificación da actividade estatística

Capítulo I
Obxectivos

Artigo 5. Obxectivo central.

1. O obxectivo central do plan é desenvolver e consolidar o sistema estatístico galego e conseguir un conxunto coherente, rigoroso e actualizado de datos que responda ás demandas de información das institucións públicas, dos axentes económicos e sociais e dos cidadáns, adecuándose aos criterios de economía e de aproveitamento das fontes existentes, minimizando as molestias aos informantes e garantindo o segredo estatístico.

2. Este obxectivo central desenvólvese en:

a) Obxectivos informativos, que se dirixirán a dar resposta a campos de coñecemento para o desenvolvemento e o benestar, delimitando os temas e as liñas de actuación salientables que deben abordar as estatísticas para responder ás demandas de información. Estes obxectivos determinan o contido das operacións e demais actividades.

b) Obxectivos organizativos, para mellorar a organización estatística de Galicia e conseguir un uso máis racional dos recursos e da información dispoñible.

c) Obxectivos instrumentais, dirixidos a asegurar a calidade das estatísticas e a súa conexión cos usuarios. Unha información de calidade proporcionará un conxunto coherente, rigoroso e actualizado de datos, e unha adecuada conexión cos usuarios favorecerá que os resultados respondan ás súas demandas. Estes obxectivos determinan a maneira de elaborar cada actuación concreta.

Artigo 6. Obxectivos informativos.

1. O plan inclúe as metas relacionadas no anexo 2, que constitúen obxectivos específicos de información. Para a súa avaliación consideraranse as actividades estatísticas incluídas nos programas anuais, sempre que a súa execución conduza á difusión de resultados. As metas de información clasifícanse nas áreas e nas seccións temáticas recollidas no anexo 1.

2. Segundo a disposición adicional primeira da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, as actividades estatísticas deberán ter en conta a perspectiva de xénero. As incluídas nos programas que prevexan datos sobre persoas físicas deberanse recoller e difundir por sexo.

3. Ao abeiro do artigo 20 da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, só excepcionalmente e mediante informe motivado e aprobado polo órgano competente poderá xustificarse o incumprimento do disposto no punto anterior.

4. Profundarase, ademais, na análise da demografía, da estrutura, da conxuntura e do sector exterior da economía, como liñas de actuación salientables.

Artigo 7. Obxectivos organizativos.

Para mellorar a organización estatística establécense os seguintes obxectivos organizativos:

a) Consolidar e profesionalizar os órganos estatísticos sectoriais.

b) Mellorar e actualizar a formación en materia estatística dos membros da organización estatística da Administración autonómica e dos pertencentes aos organismos e entidades públicas dependentes das administracións local e universitaria de Galicia que realicen actividades no marco do plan e dos seus programas.

c) Mellorar a información e a comunicación dentro da organización estatística para desenvolver unha actividade máis estandarizada.

d) Realizar un uso estatístico máis eficiente dos rexistros e dos sistemas de información das distintas administracións públicas.

e) Potenciar as relacións cos axentes locais e cos diferentes órganos, entidades e institucións nacionais e internacionais relacionadas coa estatística, coa finalidade de impulsar, intercambiar e aplicar coñecementos e prácticas.

Artigo 8. Obxectivos instrumentais.

1. Para que a información estatística acade os requisitos de calidade recollidos no obxectivo central, establécense os seguintes obxectivos instrumentais:

a) Responder ás demandas de información deseñando a actividade estatística consonte as necesidades, ofrecendo retornos de valor e reducindo as molestias aos informantes.

b) Divulgar axeitadamente, respectando os prazos ou as datas de publicación, a información estatística de carácter oficial que teña como referencia Galicia.

c) Sensibilizar a sociedade mediante servizos e actividades que potencien o coñecemento a través da estatística.

d) Impulsar e realizar investigación estatística, tanto nos aspectos metodolóxicos e históricos como noutros ámbitos de interese para a Comunidade Autónoma que contribúan a mellorar o coñecemento da súa realidade demográfica, social, económica e ambiental.

e) Promover a normalización, homoxeneidade e posibilidade de comparación da información proporcionada polo sistema estatístico de Galicia respecto do estatal e do europeo.

f) Avanzar na estruturación informática do sistema estatístico de Galicia e dos sistemas de información.

g) Contribuír ao desenvolvemento da sociedade da información, proporcionando a oferta estatística como un servizo electrónico.

h) Desenvolver a referenciación territorial da información estatística e avanzar na homoxeneización da desagregación territorial das actividades realizadas.

i) Desenvolver marcos e directorios de unidades estatísticas.

2. Estes obxectivos satisfaranse mediante a inclusión nos programas de actividades estatísticas vinculadas directamente con eles ou de actuacións concretas noutras de interese estatístico. Entre estas actuacións estará a incorporación da información estatística elaborada ao abeiro do plan dentro dun punto específico no sitio web de cada departamento.

Capítulo II
Programas estatísticos anuais

Artigo 9. Operacións incluídas nos programas.

1. O plan desenvolverase mediante os programas anuais, que incorporarán unha relación das actividades estatísticas dirixidas a satisfacer as metas de información, así como o seu estado se proceder.

2. No programa determinarase para cada operación, agás se vai en proxecto, o seguinte:

a) As metas de información.

b) Os seus obxectivos concretos.

c) Os ámbitos aos que se vai referir a información.

d) A súa periodicidade.

e) Os organismos responsables da súa execución.

f) O orzamento estimado.

g) De ser o caso, as persoas ou as entidades obrigadas a subministrar información, así como a forma e os prazos nos que se debe subministrar. Cando proceda, incluirase tamén a compensación económica prevista no artigo 23 da Lei de estatística de Galicia.

h) A forma e o prazo de difusión, se a operación está en curso ou en cumprimento e se procede no ano natural correspondente ao programa.

3. Os programas incluirán as operacións en proxecto recollendo:

a) As metas de información que se satisfarían.

b) Os obxectivos previstos.

c) Os ámbitos aos que se pretende referir a información.

d) Os organismos responsables da súa execución.

Artigo 10. Outras actividades estatísticas incluídas nos programas.

1. Os programas incluirán outras actividades estatísticas recollendo:

a) Os obxectivos informativos ou instrumentais aos que se vinculan.

b) Os seus obxectivos concretos.

c) O resultado final da actividade.

d) Os organismos responsables da súa execución.

2. Os programas incluirán as actividades de interese estatístico vinculadas ás liñas de actuación salientables.

3. Os programas poderán incluír outras actividades de interese estatístico vinculadas aos demais obxectivos do plan.

Artigo 11. Aprobación e vixencia dos programas.

1. O proxecto de cada programa será elaborado polo Instituto Galego de Estatística, logo do informe do Consello Galego de Estatística.

2. Correspóndelle ao Consello da Xunta, por proposta do titular da Consellería de Facenda, aprobar por decreto os programas.

3. A vixencia de cada programa coincidirá co ano natural, sen prexuízo da súa prórroga respecto das operacións que pola súa natureza sexa necesario continuar.

Artigo 12. Seguimento dos programas.

O Instituto Galego de Estatística realizará un informe anual de seguimento de cada programa para a súa consideración polo Consello Galego de Estatística. Deste informe daráselle conta ao Parlamento de Galicia.

Artigo 13. Execución dos programas.

1. A Administración xeral da Comunidade Autónoma e as entidades instrumentais integrantes do sector público autonómico, así como os outros organismos e entidades públicas dependentes das administracións local e universitaria de Galicia, desenvolverán as actividades estatísticas encomendadas nos programas, directamente ou en colaboración con outras entidades públicas ou privadas, mediante a formulación de acordos, convenios ou contratos. Todos eles quedarán obrigados ao cumprimento do segredo estatístico, aínda logo de concluíren os devanditos acordos, convenios ou contratos.

2. O Instituto Galego de Estatística será, con carácter xeral, o organismo responsable das operacións cuxo ámbito de investigación implique simultaneamente varios sectores económicos ou ámbitos sociais. As operacións de carácter sectorial serán executadas preferentemente polos departamentos, organismos ou entidades públicas que sexan competentes na materia ou que, do exercicio das súas competencias, obteñan información susceptible de explotación estatística.

3. A inclusión dunha actividade estatística nun programa, así como a súa realización, estarán suxeitas, en todo caso, ás dispoñibilidades orzamentarias e organizativas.

Título II
Ordenación da actividade estatística

Capítulo I
Proxecto técnico

Artigo 14. Proxecto técnico.

1. As operacións estatísticas que se inclúan nos programas, agás as que se incorporen en proxecto, dispoñerán do seu correspondente proxecto técnico.

2. O proxecto técnico sistematizará os procedementos de execución de cada operación. Deberá especificar as metas de información e conter, cando proceda, a forma na que se abordará a perspectiva de xénero e o soporte empregado para recoller datos individualizados da poboación obxecto de estudo.

3. O Instituto Galego de Estatística, de acordo cos seus recursos, prestará asistencia na redacción dos proxectos do resto dos axentes do sistema e elevaraos á consideración do Consello Galego de Estatística. Para que unha operación nova pase a estar en curso, deberá ter un proxecto técnico visto polo Consello Galego de Estatística, en cuxo caso terá carácter público.

4. Coa finalidade de construír un sistema integrado de contas económicas, o Instituto Galego de Estatística deberá participar na elaboración e na execución de todos os proxectos técnicos relativos ás operacións de síntese desta clase.

Artigo 15. Operacións estatísticas oficiais e aprobación de resultados.

1. As operacións incluídas nos programas con proxecto técnico consideraranse oficiais tras a publicación dos seus resultados.

2. Os resultados das operacións oficiais que sexan de aplicación obrigatoria ás relacións e ás situacións xurídicas nas que a Comunidade Autónoma teña competencia para impoñelos deberán ser obxecto de aprobación expresa de acordo co seguinte procedemento:

a) As propostas de aprobación deben ser presentadas previamente polos organismos responsables ao Instituto Galego de Estatística, que emitirá un informe preceptivo sobre o cumprimento das normas estatísticas que sexan aplicables.

b) Para elaborar este informe, o Instituto Galego de Estatística poderá requirir toda a información que considere necesaria do organismo ou da entidade pública responsable da operación.

c) Se o informe é favorable, o Instituto Galego de Estatística aprobará con carácter provisional os resultados, dos que se informará ao Consello Galego de Estatística e ao Consello da Xunta. Se, transcorrido o prazo de tres meses, non se reciben obxeccións expresas, quedarán aprobados definitivamente e serán publicados no Diario Oficial de Galicia.

Capítulo II
Recollida e cesión da información estatística

Artigo 16. Colaboración cidadá.

Segundo se establece na Lei de estatística de Galicia, as estatísticas incluídas no Plan galego de estatística e nos programas anuais terán, para a súa elaboración, a obrigatoriedade de colaboración cidadá. A información que deberá ser subministrada, así como a forma e o prazo nos que se subministrará, axustaranse ao establecido nas normas reguladoras da estatística. En cada programa especificaranse os colectivos de persoas, de empresas ou doutras entidades que están obrigados a subministrar información.

Artigo 17. Datos de orixe administrativa.

Cando para realizar operacións previstas nos programas sexa necesario utilizar datos que consten nas fontes administrativas, os órganos, as autoridades e os funcionarios encargados da súa custodia prestarán a máis rápida e áxil colaboración aos organismos responsables da súa execución.

Artigo 18. Cesión da información estatística.

A información sometida ao segredo estatístico, nos termos que establece a Lei de estatística de Galicia, só se poderá ceder para a elaboración dunha operación incorporada nos programas á unidade responsable da súa realización, sempre que sexa necesario e a unidade forme parte da organización estatística de Galicia. Tamén se poderá ceder información no marco de acordos e convenios entre organismos públicos competentes en materia estatística.

Capítulo III
Colaboración institucional

Artigo 19. Convenios e acordos.

1. O Instituto Galego de Estatística deberá ser informado con carácter previo de todos os convenios e acordos que en materia estatística formalice calquera órgano da Administración autonómica.

2. As actividades estatísticas derivadas destes convenios ou acordos quedarán amparadas por esta lei e incluiranse nos programas anuais, logo do informe favorable do Instituto Galego de Estatística.

Artigo 20. Colaboración institucional.

1. No ámbito das súas competencias, a organización estatística de Galicia poderá colaborar co Instituto Nacional de Estatística e con outras entidades e organizacións locais, autonómicas, estatais, europeas ou internacionais. Farase especial énfase na cooperación transfronteiriza coa rexión norte de Portugal.

2. No ámbito das súas competencias, se é de interese para o cumprimento dos obxectivos deste plan, a organización estatística de Galicia poderá establecer unha colaboración con entidades e organizacións privadas.

Artigo 21. Planificación.

1. O Instituto Galego de Estatística e os órganos estatísticos sectoriais que corresponda deberán ser informados previamente de todos os plans de carácter xeral, por abrangueren varios ámbitos ou sectores, que formalicen os órganos da Administración autonómica, cando poidan precisar información elaborada ao abeiro dos instrumentos de planificación estatística.

2. Para que o sistema estatístico de Galicia provexa información para estes plans, esta deberá ser incluída nos programas como operación do tipo sistema de indicadores, independentemente de que haxa unha meta de información prevista.

Artigo 22. Creación de rexistros e sistemas de información.

Para garantir o cumprimento dos criterios recollidos no artigo 5.1, o Instituto Galego de Estatística e o órgano estatístico sectorial que corresponda deberán ser consultados, con carácter previo, dos rexistros administrativos e dos sistemas de información dos que poidan derivar datos relevantes para efectos estatísticos creados polos órganos da Administración xeral e do sector público autonómico.

Capítulo IV
Inventario de actividades estatísticas

Artigo 23. Inventario de actividades estatísticas.

1. O inventario será o marco de actuación da Comunidade Autónoma e nel reflectiranse as actividades estatísticas dos programas anuais.

2. A Administración xeral da Comunidade Autónoma e as entidades instrumentais integrantes do sector público autonómico, así como os outros organismos e entidades públicas dependentes das administracións local e universitaria de Galicia, facilitaranlle ao Instituto Galego de Estatística información sobre a actividade estatística que realizan, co fin de contribuír a un maior coñecemento desta e de proceder ao seu inventario, de ser o caso.

Artigo 24. Contido.

1. Cada operación estatística deberá conter:

a) O nome.

b) Os organismos responsables.

c) As metas de información.

d) Os obxectivos.

e) A periodicidade.

f) Os cuestionarios, cando proceda.

2. As outras actividades estatísticas deberán conter:

a) O nome.

b) Os organismos responsables.

c) Os obxectivos.

Artigo 25. Altas.

1. No anexo 3 figuran as operacións en curso ou en cumprimento e as outras actividades estatísticas herdadas do anterior plan que formarán parte do inventario inicial. Unha actividade causará alta no inventario cando apareza por primeira vez nun programa. As operacións daranse de alta en proxecto ou en implantación, agás as que se poidan introducir en cumprimento e dispoñan da súa metodoloxía.

2. Unha actividade poderá ser inventariada cando na normativa de creación dun rexistro administrativo ou dun sistema de información se prevexa a posibilidade de realizar unha estatística e se determine o organismo responsable.

Artigo 26. Modificacións.

1. Con cada programa anual modificaranse os datos que corresponda do inventario. Para cambiar a periodicidade ou deixar de programar unha operación, o organismo responsable deberalle comunicar ao Instituto Galego de Estatística estas circunstancias, xustificándoas. Delas daráselle conta ao Consello Galego de Estatística.

2. O estado das operacións do inventario evolucionará segundo a situación do seu proxecto técnico.

Disposición transitoria.

As operacións que, figurando no estado en curso no marco do Plan galego de estatística 2007-2011, non rematasen o seu proxecto técnico introduciranse neste mesmo estado no programa do 2012. Se cando finalice este programa non o teñen pechado, deberán pasar a programarse en proxecto.

Disposición derrogatoria.

Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao previsto nesta lei e, expresamente, a Lei 16/2006, do 27 de decembro, do Plan galego de estatística 2007-2011, sen prexuízo do que se refire á execución e ao seguimento do Programa anual 2011 e á avaliación do Plan galego de estatística 2007-2011.

Disposición derradeira primeira.

Modifícase o artigo 2 da Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia, que quedará redactado da seguinte forma:

«Artigo 2.

Para os efectos desta lei, enténdese por actividade estatística a recompilación, elaboración e ordenación sistemática da información cuantificable, a publicación e difusión de resultados necesarios ou útiles para o coñecemento cuantitativo, a análise das realidades demográfica, agraria, pesqueira, industrial, comercial, financeira, de servizos, social, cultural e ambiental de Galicia e, en xeral, calquera cuestión referida ás condicións de vida, fins e competencias da Comunidade Autónoma».

Disposición derradeira segunda. Engádenselle dúas letras, ñ) e o), ao punto 1 do artigo 47 da Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia, para incluír:

«ñ) Un/Unha representante designado/a por cada un dos grupos parlamentarios con representación no Parlamento de Galicia.

o) O/A presidente/a da Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e da Investigación de Operacións».

Disposición derradeira terceira.

Modifícase o punto 2 do artigo 48 da Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia, que quedará redactado da seguinte forma:

«2. As xuntanzas do pleno serán ordinarias e extraordinarias e terán lugar, en todo caso, por convocatoria da presidencia. Das ordinarias realizarase cando menos unha ao ano, ou dúas se nese ano non se reúne a comisión permanente. As extraordinarias realizaranse por instancia da metade dos membros do consello ou da maioría dos da súa comisión permanente, ou por iniciativa da presidencia.

Os acordos do pleno tomaranse por maioría simple, sendo dirimente o voto da presidencia no caso de empate».

Disposición derradeira cuarta.

Modifícase o punto 5 do artigo 48 da Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia, que quedará redactado da seguinte forma:

«5. O consello, ademais dos informes técnicos que faga no desenvolvemento das súas competencias, elaborará anualmente unha memoria sobre a actividade da organización estatística de Galicia, que se fará pública».

Disposición derradeira quinta.

Autorízase o Consello da Xunta para que dite as disposicións necesarias para o desenvolvemento e a execución de canto se prevé nesta lei.

Disposición derradeira sexta.

Esta lei entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, nove de novembro de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Anexo 1
Estrutura temática

Área 1. Territorio, recursos naturais e medio ambiente

Sección 1.1. Territorio e recursos naturais

Sección 1.2. Medio ambiente

Área 2. Sociedade

Sección 2.1. Poboación e fogares

Sección 2.2. Sanidade

Sección 2.3. Educación e capital humano

Sección 2.4. Traballo

Sección 2.5. Condicións sociais

Sección 2.6. Cultura e lecer

Sección 2.7. Vivenda

Área 3. Estrutura produtiva

Sección 3.1. Sector agrario

Sección 3.2. Pesca e acuicultura

Sección 3.3. Enerxía e industria

Sección 3.4. Construción

Sección 3.5. Servizos de mercado

Sección 3.6. Administración pública e outros servizos non de mercado

Sección 3.7. Mercados e prezos

Sección 3.8. Actividade empresarial

Sección 3.9. Sistema de contas

Área 4. Coñecemento e tecnoloxía

Sección 4.1. Sociedade da información

Sección 4.2. Ciencia e tecnoloxía

Anexo 2
Metas de información estatística

Área 1. Territorio, recursos naturais e medio ambiente

Sección 1.1. Territorio e recursos naturais

1.1.1. Territorio

1.1.2. Oferta e demanda de solo

1.1.3. Estradas

1.1.4. Portos e outras infraestruturas

1.1.5. Estática e dinámica forestal. Superficies e repoboacións

1.1.6. Incendios forestais

1.1.7. Montes veciñais e comunidades de montes

1.1.8. Caza e pesca continental

1.1.9. Recursos naturais e biodiversidade

Sección 1.2. Medio ambiente

1.2.1. Climatoloxía

1.2.2. Calidade do aire

1.2.3. Reservas de auga

1.2.4. Calidade e depuración da auga

1.2.5. Residuos urbanos e industriais. Reciclaxe

1.2.6. Infraccións e impacto ambiental

1.2.7. Hábitos e prácticas ambientais

Área 2. Sociedade

Sección 2.1. Poboación e fogares

2.1.1. Estática e dinámica da poboación

2.1.2. Estrutura dos fogares

2.1.3. Dinámica dos fogares

2.1.4. Proxeccións demográficas

Sección 2.2. Sanidade

2.2.1. Asistencia sanitaria

2.2.2. Listas de espera

2.2.3. Prestación farmacéutica

2.2.4. Estado xeral de saúde da poboación

2.2.5. Morbilidade

2.2.6. Mortalidade por causas

2.2.7. Consumo de drogas e asistencia ás persoas drogodependentes

Sección 2.3. Educación e capital humano

2.3.1. Ensino preobrigatorio

2.3.2. Ensino obrigatorio

2.3.3. Ensino postobrigatorio non universitario

2.3.4. Acceso á universidade. Oferta e demanda de titulacións

2.3.5. Ensino universitario

2.3.6. Tránsito do sistema educativo ao mercado laboral

2.3.7. Outros tipos de formación, coa inclusión da realizada no seo das empresas

Sección 2.4. Traballo

2.4.1. Caracterización do mercado laboral

2.4.2. Accidentes laborais e enfermidades profesionais

2.4.3. Accións preventivas en sinistralidade laboral

2.4.4. Incapacidades por enfermidade

2.4.5. Salarios

2.4.6. Outras condicións laborais

2.4.7. Flexibilidade na aplicación das condicións laborais

2.4.8. Concertación laboral

2.4.9. Eleccións sindicais

2.4.10. Folgas e peches patronais

2.4.11. Infraccións e sancións

2.4.12. Regulación de emprego

2.4.13. Persoas traballadoras estranxeiras

Sección 2.5. Condicións sociais

2.5.1. Ingresos e gastos dos fogares

2.5.2. Benestar

2.5.3. Pensións e outras prestacións

2.5.4. Emprego do tempo

2.5.5. Desprazamentos por razón de traballo e outros tipos de mobilidade

2.5.6. Poboación dependente e segmentos sociais con máis necesidades potenciais

2.5.7. Discapacidade

2.5.8. Violencia de xénero

2.5.9. Conciliación familiar e laboral

2.5.10. Capital social e participación cidadá

2.5.11. Xustiza e seguridade

Sección 2.6. Cultura e lecer

2.6.1. Equipamentos e recursos culturais

2.6.2. Equipamentos e recursos deportivos e para o lecer

2.6.3. Hábitos e prácticas culturais

2.6.4. Hábitos e prácticas deportivas e de lecer

2.6.5. Prácticas lingüísticas

2.6.6. Produción e oferta audiovisuais

2.6.7. Outras producións e ofertas culturais

Sección 2.7. Vivenda

2.7.1. Parque de vivendas

2.7.2. Demanda e acceso á vivenda

2.7.3. Equipamento e características das vivendas

Área 3. Estrutura produtiva

Sección 3.1. Sector agrario

3.1.1. Superficies agrarias

3.1.2. Efectivos gandeiros

3.1.3. Maquinaria e outro capital agrario

3.1.4. Producións e rendementos vexetais

3.1.5. Sacrificio de gando

3.1.6. Produción de leite

3.1.7. Outras producións e rendementos animais

3.1.8. Produción ecolóxica e de calidade

3.1.9. Características das explotacións agrarias

Sección 3.2. Pesca e acuicultura

3.2.1. Buques pesqueiros

3.2.2. Establecementos de acuicultura

3.2.3. Primeira venda de produtos pesqueiros

3.2.4. Características das unidades de produción

3.2.5. Ocupación no sector da pesca

Sección 3.3. Enerxía e industria

3.3.1. Produción, distribución e consumo de enerxía

3.3.2. Enerxías renovable e non renovable

3.3.3. Caracterización do subsector mineiro

3.3.4. Subsector industrial relacionado co sector primario

3.3.5. Outras industrias manufactureiras

Sección 3.4. Construción

3.4.1. Edificación residencial e non residencial

3.4.2. Rehabilitación e recuperación do patrimonio construído

3.4.3. Enxeñaría civil

Sección 3.5. Servizos de mercado

3.5.1. Comercio interior

3.5.2. Transporte de mercadorías e de pasaxeiros

3.5.3. Infraestruturas turística e hostaleira

3.5.4. Movemento de viaxeiros. Ocupación en establecementos regulamentados e
non regulamentados

3.5.5. Servizos financeiros, servizos ás empresas e outros de mercado

Sección 3.6. Administración pública e outros servizos non de mercado

3.6.1. Administración autonómica

3.6.2. Administración local

3.6.3. Administración universitaria

3.6.4. Institucións sen fins de lucro

3.6.5. Ingresos tributarios e non tributarios

3.6.6. Recursos e gasto na educación

3.6.7. Recursos e gasto na sanidade

3.6.8. Recursos e gasto nas infraestruturas

3.6.9. Recursos e gasto na I+D+i

3.6.10. Recursos e gasto noutras áreas de especial interese

3.6.11. Cooperación externa

Sección 3.7. Mercados e prezos

3.7.1. Intercambios comerciais

3.7.2. Prezos no sector primario

3.7.3. Prezos no sector da construción e da vivenda

3.7.4. Prezos no sector externo

3.7.5. Prezos no sector enerxético

3.7.6. Prezos noutros sectores

3.7.7. Nivel xeral de prezos

3.7.8. Competitividade

Sección 3.8. Actividade empresarial

3.8.1. Estrutura e caracterización do sector empresarial

3.8.2. Conxuntura empresarial

3.8.3. Cooperativas, sociedades laborais e outras formas asociativas

Sección 3.9. Sistema de contas

3.9.1. Contas económicas

3.9.2. Marco input-output

3.9.3. Sectores institucionais

3.9.4. Contas satélite

Área 4. Coñecemento e tecnoloxía

Sección 4.1. Sociedade da información

4.1.1. Sociedade da información nos fogares

4.1.2. Sociedade da información nas empresas

4.1.3. Sociedade da información nas administracións

4.1.4. Sociedade da información no sistema educativo

4.1.5. Sociedade da información no sistema sanitario

4.1.6. Sociedade da información no medio rural

Sección 4.2. Ciencia e tecnoloxía

4.2.1. I+D+i nas empresas

4.2.2. I+D+i nas administracións

4.2.3. I+D+i na universidade

4.2.4. Comercio externo de produtos tecnolóxicos

Anexo 3
Actividades estatísticas consolidadas

1. Operacións estatísticas

Contaxe nas estradas competencia da Comunidade Autónoma

Reservas de auga

Indicadores demográficos

Proxeccións de poboación a curto prazo

Sistema de información sobre a lista de espera cirúrxica

Enquisa de cobertura vacinal

Explotación do Rexistro Galego da Sida

Explotación do Rexistro Galego de Tuberculose

Mortalidade por reacción aguda ao consumo de drogas

Estatística do ensino non universitario en Galicia

Datos estatísticos do sistema universitario de Galicia

Inserción laboral dos titulados de formación profesional

Sinistralidade laboral

Datos sobre ocupacións máis contratadas

Persoal ao servizo da Administración autonómica

Enquisa de poboación activa de Galicia

Explotación do censo de persoas con discapacidade

Estatística de protección de menores

Enquisa de condicións de vida

Estatística sobre beneficiarios da Risga e das axudas de emerxencia social

Estatística de violencia de xénero

Indicadores de xénero

Indicadores de cohesión social

Superficies agrícolas

Sector cunícola

Sector porcino industrial

Estatística de sacrificio de gando en matadoiros

Explotación do Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma

Estatística da primeira venda de produtos pesqueiros frescos

Balance enerxético

Caracterización da xeración eléctrica do réxime especial

Estatística de construción de edificios

Indicadores da actividade económico-financeira da Comunidade Autónoma

Estatística tributaria autonómica

Análise estatística sobre o excursionismo procedente de Asturias, León e Zamora

Índices de competitividade

Índices de valor unitario para o comercio exterior e intracomunitario

Prezos agrarios

Prezos da terra

Prezos do leite

Explotación do directorio de empresas e unidades locais

Confianza empresarial

Indicadores do sector empresarial

Contas económicas anuais

Contas económicas trimestrais

Marco input-output

Contas económicas da agricultura

Sistema de indicadores da sociedade da información

Situación das TIC nos centros sanitarios

Situación da certificación en Galicia

2. Outras actividades estatísticas

Explotación do Rexistro de Contratos Laborais

Informe do paro rexistrado

Utilización de medios de produción na explotación agraria

Nomenclátor e explotación do padrón municipal de habitantes

Banco de series de conxuntura

Atlas estatístico comarcal

Portal estatístico para o mundo educativo

Banco de datos territorial

Estudo sobre salarios

Seguimento e análise da construción

Informe das variacións do índice de prezos de consumo

Accesibilidade á vivenda

Indicadores do mercado laboral

Observatorio da Sociedade da Información e da Modernización de Galicia

Asistencia xurídica gratuíta

Indicadores ambientais

Negociación colectiva

A enerxía en Galicia

Indicadores de contexto do Plan estratéxico

Explotación do movemento natural da poboación

Explotación dos movementos migratorios

Explotación das afiliacións á Seguridade Social

Explotación dos datos do comercio exterior e intracomunitario

Pensións e outras prestacións

Explotación do índice de produción industrial

Anuario de estatística agraria

Anuario de pesca

Galicia en cifras. Anuario

Datos estatísticos básicos de Galicia

Tendencias do emprego

Anuario de estatísticas sociolaborais

A realidade da muller galega

Galicia aberta: a emigración en cifras

Estudo sobre a relación coa actividade da poboación xuvenil

Análise do marco input-output

Investigación e desenvolvemento de métodos de estimación de áreas pequenas

Investigación e desenvolvemento de métodos de estimación e predición de agregados macroeconómicos

Traducións ao galego de nomenclaturas e clasificacións

Vocabulario estatístico