Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Xoves, 17 de novembro de 2011 Páx. 33712

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 9 de novembro de 2011 pola que se amplía a dotación orzamentaria da Orde do 9 de marzo de 2011 pola que se procede á apertura do prazo para a presentación da renovación do compromiso, en virtude da Orde do 18 de abril de 2008 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao fomento de sistemas de produción de razas gandeiras autóctonas en réximes extensivos.

O día 21 de marzo de 2011 a Consellería do Medio Rural publicou a Orde do 9 de marzo de 2011 pola que se procede á apertura do prazo para a presentación da renovación do compromiso polos titulares de explotacións beneficiarios das axudas establecidas na Orde do 18 de abril (DOG n.º 79, do 24 de abril) pola que se establecen as bases e se convocan para o ano 2008 as axudas ao fomento en Galicia de sistema de produción das razas gandeiras autóctonas en réximes extensivos.

No seu artigo 3 precísase a aplicación orzamentaria e o importe económico previsto para o financiamento das ditas axudas, e sinálase que este poderá ser incrementado coa dotación dos fondos provenientes dos orzamentos xerais do Estado.

Co obxecto de poder amparar todas as solicitudes de axudas aprobadas, en réxime de concorrencia competitiva, aprobouse o correspondente expediente de xeración de crédito, polo que cómpre, mediante esta orde, ampliar a dotación orzamentaria consignada inicialmente para a concesión das mencionadas axudas.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e de acordo co disposto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e conforme o disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa concorrente,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. A dotación orzamentaria prevista no artigo 3 da Orde do 9 de marzo de 2011 (DOG n.º 56, do 21 de marzo), pola que se procede á apertura do prazo para a presentación da renovación do compromiso polos titulares de explotacións beneficiarios das axudas establecidas na Orde do 18 de abril pola que se establecen as bases e se convocan para o ano 2008 as axudas ao fomento en Galicia de sistema de produción das razas gandeiras autóctonas en réximes extensivos, increméntase con fondos provenientes dos orzamentos xerais do Estado, con cargo á aplicación orzamentaria 2011.13.02.713-C.771.4, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, en 701.408,37 euros, para o ano 2011.

Unha vez efectuado este incremento, o importe total da dotación orzamentaria, ascende a 801.408,37 euros.

2. A concesión da axuda estará sometida á condición suspensiva da existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución.

Disposición adicional única.

Esta modificación non afecta o prazo que se establece para a presentación das solicitudes de axuda na devandita Orde do 9 de marzo de 2011.

Disposición derradeira única.

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2011.

Samuel Jesús Juárez Casado
Conselleiro do Medio Rural