Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Mércores, 9 de novembro de 2011 Páx. 32700

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 18 de outubro de 2011, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, pola que se ordena a publicación do Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación coa Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia.

Consonte o establecido no artigo 33 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, modificado pola Lei orgánica 1/2000, do 7 de xaneiro, esta dirección xeral dispón a publicación do acordo que figura como anexo nesta resolución.

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2011.

Roberto Castro García
Director xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias

ANEXO

Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do
Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación coa Lei da Comunidade
Autónoma de Galicia 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia

A Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia na súa reunión do día 22 de setembro de 2011 adoptou o seguinte acordo:

1.º De conformidade coas negociacións previas celebradas polo grupo de traballo constituído en cumprimento do previsto no Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia para o estudo e proposta de solución das discrepancias competenciais manifestadas en relación coa Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, ambas as partes as consideran liquidadas nos seguintes termos:

a) A Xunta de Galicia, en relación co artigo 25.1 c) da Lei de comercio interior galega, comprométese a adoptar as medidas pertinentes para os efectos de establecer claramente as diferenzas existentes entre aqueles establecementos comerciais dedicados a outlets e os destinados a saldos permanentes, de tal forma que uns e outros non poidan asimilarse como un mesmo tipo de establecemento comercial.

b) A Xunta de Galicia comprométese a promover a modificación do número 4 do artigo 25 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, propoñendo a seguinte redacción:

«4. Salvo nos supostos previstos na letra c) do número 1 deste artigo, nos produtos ofertados no outlet deberán figurar con claridade, en cada un deles, o prezo anterior de venda en establecemento comercial ordinario xunto co prezo actual de venda en establecemento comercial outlet; este último prezo deberá ser inferior ao fixado en establecemento ordinario».

c) A Xunta de Galicia comprométese a interpretar o último inciso do número 2 do artigo 31 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, no senso de non consideralo de aplicación e, por tanto, non exixir autorización comercial autonómica ao establecemento comercial individual non incluído no proxecto de establecemento colectivo presentado pola persoa promotora, nos supostos de transmisión da titularidade nin naqueles outros supostos que non supoñan alteración das condicións ambientais, de accesibilidade e interese xeral tidas en conta para o outorgamento da correspondente autorización comercial autonómica.

Para estes efectos, entenderase que non existe alteración en supostos de operadores que realicen a mesma actividade comercial (alimentación ou non alimentación).

d) A Xunta de Galicia comprométese a promover a modificación da letra d) do número 2 do artigo 32 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, co seguinte teor literal:

«d) a disposición de, polo menos, unha praza de aparcadoiro por cada 20 m2 de superficie útil de exposición e venda ao público. Esta previsión será desenvolvida mediante regulamento cuxa aprobación condicionará o momento da entrada en vigor da mesma establecendo os supostos en que poderá exceptuarse este criterio de valoración. Así mesmo, deberá preverse a reserva de prazas para persoas discapacitadas nos termos que establece a normativa vixente».

e) A Xunta de Galicia comprométese a promover a supresión da letra g) do número 2 do artigo 32 da Lei 13/2010, do 17 de decembro.

f) En relación coa letra h) do número 2 do artigo 32 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, a Xunta de Galicia comprométese a promover a supresión do segundo inciso da dita letra de forma que a redacción definitiva da letra h sexa a seguinte:

«h) A materialización no establecemento pretendido de instalacións e medidas de conciliación da vida familiar e laboral, tales como a creación de garderías, ludotecas ou salas de lactación».

g) A Xunta de Galicia comprométese a interpretar o número 1 do artigo 40 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, no senso que non resulte máis restritiva a venda en rebaixas do que o fai a lei básica (artigos 24 e 25 da LORCOMIN) ao entender que a limitación unicamente resulta aplicable no suposto dun mesmo tipo de produtos, isto é, coa mesma referencia de artigo ou produto, e coa única finalidade de garantir a protección do consumidor.

h) A Xunta comprométese a promover a supresión da letra b) do artigo 47 da Lei 13/2010, do 17 de decembro.

i) A Xunta de Galicia comprométese a interpretar o número 1 do artigo 57 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, no senso de que se matice a expresión contida no parágrafo segundo de xeito que unicamente se refira a aquelas persoas físicas ou xurídicas que non figuren inscritas en ningún outro rexistro estatal ou autonómico.

Así, o anteproxecto de decreto de desenvolvemento da Lei 13/2010, do 17 de decembro, polo que se regula o rexistro galego de comercio, que na actualidade se atopa en fase de informes despois de ser sometido ao trámite de información pública e alegacións, neste punto xa sinala:

«Sección de vendas a distancia

Artigo 23. Ámbito.

1. De conformidade co disposto no artigo 57.1 da lei, as persoas físicas ou xurídicas domiciliadas en territorio galego que exerzan a actividade de venda a distancia en calquera ámbito territorial deberán comunicar, no prazo de tres meses, o inicio da súa actividade a esta sección.

Tamén deberán efectuar a mencionada comunicación aquelas persoas físicas ou xurídicas que, sen estaren domiciliadas en territorio galego, difundan as súas ofertas por medios que abragan a Galicia e non figuren inscritas noutro rexistro estatal ou autonómico.

2. Quedan exentas do deber de comunicación de datos a esta sección as persoas establecidas noutros Estados membros da Unión Europea que operen en réxime de libre prestación, sen establecemento permanente en Galicia.

3. Calquera cambio producido na empresa que implique o cesamento total ou parcial da súa actividade, ou afecte algunha das circunstancias mencionadas no número 1 deste artigo, suporá o deber, por parte da súa persoa titular, de poñelo en coñecemento da dirección xeral competente en materia de comercio, dentro do prazo de tres meses, contados desde que tal cambio tiver lugar».

j) A Xunta comprométese a modificar o número 2 do artigo 57 co obxecto de dar cumprimento ao disposto na normativa básica estatal na materia e, en particular, ao establecido no artigo 4.1 do Real decreto 225/2006, do 24 de febreiro, polo que se regulan determinados aspectos das vendas a distancia e a inscrición no Rexistro de Empresas de Vendas a Distancia, de modo que non se exixirá a presentación de documentación acreditativa do cumprimento de requisitos nin memoria explicativa ningunha. Así mesmo, a comunicación non poderá entenderse previa no senso recollido no artigo 71.bis da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Neste senso, a comunicación axustará o seu contido ao establecido no anexo do Real decreto 25/2006, do 24 de febreiro. Adicionalmente, o Rexistro de Vendas a Distancia da direccion xeral competente en materia de comercio interior da Xunta de Galicia carecerá de carácter constitutivo para o acceso á actividade.

k) O número 2 do artigo 73 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, ten que interpretarse no senso de que a inscrición na correspondente sección do Rexistro Galego de Comercio será realizada de oficio ou por petición do comerciante e non terá carácter constitutivo para o acceso á actividade.

l) A Xunta de Galicia comprométese no desenvolvemento regulamentario correspondente a dar cumprimento ao disposto na normativa básica estatal na materia e, en particular, ao establecido no artigo 8.2 b) da Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, de modo que o réxime relativo ao prazo de duración das autorizacións municipais e o sistema de prórrogas destas para a venda ambulante, establecido no parágrafo 3.º do número 1 do artigo 76 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, non teña carácter indefinido.

m) A Xunta de Galicia comprométese, no desenvolvemento regulamentario correspondente, a dar cumprimento ao disposto na normativa básica estatal na materia e, en particular, ao establecido no artigo 7.3 da Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, de modo que a comunicación ao Rexistro Galego de Comercio prevista no número 2 do artigo 92 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, estea vinculada sempre a un establecemento físico e estea, así mesmo, xustificada por unha razón imperiosa de interese xeral que resulte proporcionada e non discriminatoria.

n) A Xunta de Galicia comprométese a promover a modificación dos números 2 e 5 do artigo 94, para dar cumprimento ao disposto na normativa básica estatal na materia e, en particular, ao establecido na letra f) do artigo 10 da Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, de xeito que quede suprimida, para a celebración da primeira e segunda feira de oportunidades no ano a exixencia de que o informe da Mesa Local de Comercio e do Observatorio de Comercio sexan favorables.

o) A Xunta de Galicia comprométese a interpretar o número 4 do artigo 94 de conformidade co artigo 10 a) da Lei 17/2009, do 23 de novembro, no senso de que a súa letra non impida o libre exercicio da actividade comercial por parte de ningunha persoa física ou xurídica, calquera que for a súa nacionalidade.

2.º En razón ao acordo alcanzado, ambas as partes coinciden en considerar resoltas as discrepancias manifestadas en relación coas disposicións previstas neste acordo e concluída a controversia suscitada.

3.º Comunicar este acordo ao Tribunal Constitucional, por calquera dos órganos mencionados no artigo 33.2 da Lei orgánica do Tribunal Constitucional, para os efectos que no propio precepto se recollen, así como inserir o presente acordo no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia.

Madrid, 22 de setembro de 2011.

Manuel Chaves González, vicepresidente do Goberno de Política Territorial e ministro de Política Territorial e Administración Pública. Alfonso Rueda Valenzuela, conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.