Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 213 Martes, 8 de novembro de 2011 Páx. 32544

I. Disposicións xerais

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DECRETO 206/2011, do 27 de outubro, polo que se revoga a autorización para impartir ensinanzas universitarias oficiais nas universidades do Sistema Universitario de Galicia.

O desenvolvemento do artigo 27 da Constitución no ámbito universitario regúlase a través da Lei orgánica 6/2001, do 21 de xaneiro, de universidades, modificada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril. No seu artigo 8.2 establece que a implantación e supresión de ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional serán acordadas pola comunidade autónoma, ben por propia iniciativa, co acordo do Consello de Goberno da Universidade, ben por iniciativa da universidade mediante proposta do Consello de Goberno, en ambos os casos con informe previo favorable do Consello Social.

O Pleno de Consello Galego de Universidades, na xuntanza celebrada o 7 de marzo de 2011, en relación coa proposta de racionalización da oferta de estudos oficiais de posgrao na Comunidade Autónoma de Galicia, acordou que para o curso académico 2011/2012 non se poderán ofertar aqueles máster universitarios que nos cursos 2009/2010 e 2010/2011 non acadasen unha media mínima de cinco alumnos matriculados. As titulacións que presenten estes resultados deberanse eliminar da oferta. En consecuencia, revogaríase a autorización de impartición destas titulacións mediante decreto da Xunta de Galicia.

Por todo isto, en aplicación do artigo 8.2 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, e do artigo 3.3 do Decreto 259/1994, do 29 de xullo, polo que se establece o procedemento para a creación e recoñecemento de universidades, centros universitarios e autorización de estudos na Comunidade Autónoma de Galicia, por proposta dos consellos de Goberno das universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, cos informes previos favorables dos consellos sociais respectivos, logo do informe favorable do Consello Galego de Universidades no exercicio das competencias sinaladas na Lei 2/2003, do 22 de maio, en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinte e sete de outubro de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo único.

Revogar a autorización para impartir as seguintes ensinanzas universitarias oficiais nas universidades do Sistema Universitario de Galicia:

– Universidade de Santiago de Compostela:

• Máster universitario en Dirección de Empresa Familiar (interuniversitario). Autorizado polo Decreto 53/2008, do 13 de marzo.

• Máster universitario en Política Lingüística e Planificación da Lingua Galega (interuniversitario). Autorizado polo Decreto 53/2008, do 13 de marzo.

– Universidade da Coruña:

• Máster universitario en Dirección de Empresa Familiar (interuniversitario). Autorizado polo Decreto 53/2008, do 13 de marzo.

• Máster universitario en Política Lingüística e Planificación da Lingua Galega (interuniversitario). Autorizado polo Decreto 53/2008, do 13 de marzo.

– Universidade de Vigo:

• Máster universitario en Dirección de Empresa Familiar (interuniversitario). Autorizado polo Decreto 53/2008, do 13 de marzo.

• Máster universitario en Política Lingüística e Planificación da Lingua Galega (interuniversitario). Autorizado polo Decreto 53/2008, do 13 de marzo.

• Máster universitario en Estudos de Xénero. Autorizado polo Decreto 51/2006, do 23 de marzo.

Disposición derradeira primeira.

Autorízase o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para que, no ámbito das súas competencias, dite as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e sete de outubro de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria