Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212 Luns, 7 de novembro de 2011 Páx. 32396

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 204/2011, do 20 de outubro, polo que se aproba o cambio de titularidade da estrada provincial OU-1264, denominada Travesía de Bande, en prol do Concello de Bande.

Segundo o teor do previsto no artigo 5 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas incluídas nas redes dependentes da comunidade autónoma deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada lei de estradas dispón no artigo 54 que as estradas autonómicas ou provinciais ou os treitos determinados delas en que a circulación adquira características urbanas se entregarán aos respectivos concellos. O expediente promoverase por proposta do concello ou da administración titular da estrada e será resolto polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas, logo de informe de ambos os organismos.

O Concello de Bande solicitou á Deputación Provincial de Ourense o cambio de titularidade da estrada provincial OU-1264, denominada Travesía de Bande.

Ao amparo das previsións legais, o Pleno da Corporación Provincial de Ourense acordou o cambio de titularidade en prol do Concello de Bande da seguinte estrada:

– OU-1264, denominada Travesía de Bande.

Polo exposto, consonte o previsto na Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, despois do acordo entre as administracións afectadas, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte de outubro de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo 1.

Apróbase o cambio de titularidade en prol do Concello de Bande da seguinte estrada:

– OU-1264, denominada Travesía de Bande.

Artigo 2.

En aplicación do artigo 4 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, as entidades locais, no marco das súas competencias e de acordo cos correspondentes plans de estradas, aprobarán a relación de estradas da súa titularidade. De acordo co exposto, o Concello de Bande deberá incorporar ao seu plan de estradas a vía a que se refire este decreto.

Artigo 3.

A entrega da vía formalizarase no prazo de dous meses seguintes á publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4.

Corresponden ao Concello de Bande, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puider corresponderlle como nova Administración titular da estrada.

Disposición derradeira.

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de outubro de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas