Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 211 Venres, 4 de novembro de 2011 Páx. 32291

I. Disposicións xerais

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 25 de outubro de 2011, da Xerencia do Servizo Galego de Saúde, pola que se determina o inicio dos procedementos de nomeamento de persoal emérito.

A Orde do 27 de outubro de 2010 pola que se desenvolve o procedemento para o nomeamento e prórroga de persoal emérito no ámbito sanitario establece no seu artigo 2 que, mediante resolución da Xerencia do Servizo Galego de Saúde, se habilitará un prazo para a presentación das solicitudes de nomeamento de persoal emérito polas corporacións e institucións públicas relacionadas co ámbito sanitario, se sinalará o momento en que as xerencias de Xestión Integrada, directores/as xerentes de Atención Especializada ou de Atención Primaria deberán iniciar os procedementos para o nomeamento de persoal emérito e, por último, se especificará o número de persoas que poderán ser nomeadas persoal emérito.

En desenvolvemento da devandita previsión,

RESOLVO:

Primeiro. As xerencias de Xestión Integrada, xerentes de Atención Especializada ou de Atención Primaria deberán iniciar, se é o caso, os procedementos para o nomeamento de persoal emérito na data de entrada en vigor desta resolución.

Segundo. As corporacións e institucións públicas relacionadas co ámbito sanitario poderán presentar as solicitudes de nomeamento de persoal emérito no prazo de dez (10) días contados desde a entrada en vigor desta resolución ante as xerencias de Xestión Integrada, directores/as xerentes de Atención Especializada ou de Atención Primaria, que se correspondan co posto de traballo que desempeñaba antes da súa xubilación a persoa cuxo nomeamento se solicita.

Terceiro. Determinar que o número de persoas que poderán ser nomeadas persoal emérito ao abeiro desta resolución será tres.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2011.

Rocío Mosquera Álvarez
Xerente do Servizo Galego de Saúde