Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 202 Venres, 21 de outubro de 2011 Páx. 30957

I. Disposicións xerais

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 194/2011, do 20 de outubro, polo que se modifica o Decreto 8/2011, do 28 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia.

O 3 de febreiro de 2011 publicouse no Diario Oficial de Galicia o Decreto 8/2011, do 28 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, a través do cal se determinan os órganos superiores e de dirección que conforman as diferentes consellerías.

O deseño e o funcionamento da Administración da Xunta de Galicia, reflectidos nas estruturas orgánicas das diferentes consellerías, fundaméntanse nos compromisos de austeridade, eficacia e eficiencia.

En lóxica consecuencia cos referidos compromisos, procede agora modificar a estrutura dos órganos superiores e de dirección que actualmente integran a Consellería de Traballo e Benestar suprimindo a Dirección Xeral da Dependencia e Autonomía Persoal e reordenando as liñas básicas de actuación entre os restantes órganos superiores e de dirección da consellería, atendendo a criterios de racionalización na xestión do gasto público.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 4.15.º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de outubro de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo único.

Modificar o artigo 8 do Decreto 8/2011, do 28 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, que queda redactado nos seguintes termos:

a) A Consellería de Traballo e Benestar estrutúrase nos seguintes órganos superiores:

1. Secretaría Xeral de Política Social.

b) A Consellería de Traballo e Benestar estrutúrase nos seguintes órganos de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica.

2. Dirección Xeral de Relacións Laborais.

3. Dirección Xeral de Promoción do Emprego.

4. Dirección Xeral de Formación e Colocación.

5. Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

c) Quedan adscritos a esta consellería:

1. O organismo autónomo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral.

2. O Consello Galego de Relacións Laborais, ente institucional de dereito público, consultivo, creado pola Lei 5/2008, do 23 de maio.

Disposición transitoria primeira. Mediante a disposición oportuna da conselleira de Traballo e Benestar determinarase a adscrición dos órganos dependentes da dirección xeral que se suprime, como consecuencia da nova estructura orgánica que se fixa neste decreto, aos centros directivos correspondentes mentres non se regule por decreto a nova estrutura orgánica no nivel de dirección xeral.

Disposición transitoria segunda. As existencias de material impreso anteriores á entrada en vigor deste decreto seguirán utilizándose ata que se esgoten.

Disposición derrogatoria.

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior categoría se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira.

Este decreto entrará en vigor o mismo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de outubro de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza