Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Luns, 17 de outubro de 2011 Páx. 30309

I. Disposicións xerais

Consellería de Traballo e Benestar

DECRETO 192/2011, do 29 de setembro, polo que se crea o Consello Autonómico de Emprego, os consellos provinciais de Emprego e os comités territoriais de Emprego.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no artigo 29.1.º que corresponde á Comunidade Autónoma galega a execución da lexislación do Estado en materia laboral, e no artigo 30.1.1) establece que lle corresponde, nos termos dispostos nos artigos 38, 131 e 149.1.ª.11 e 13.ª da Constitución, a competencia exclusiva sobre o fomento e a planificación da actividade económica en Galicia.

Por outra banda, a Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, regula o réxime xurídico da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, e dedica aos seus artigos do 14 ao 22 aos órganos colexiados.

A través dos decretos 79/2009, do 19 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, 8/2011, do 28 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e máis do Decreto 335/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a súa estrutura orgánica, a Consellería de Traballo e Benestar asume o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

O Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, creou o Comité Autonómico de Emprego e os comités provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral nas catro provincias da Comunidade Autónoma de Galicia, que están a actuar como órganos de participación institucional nas organizacións sindicais e empresariais máis representativas.

O Decreto 98/2008, do 15 de maio, creou os pactos territoriais de Emprego como novos órganos consultivos de participación institucional e de concertación entre os seus integrantes, para a xestión coordinada do conxunto dos recursos públicos que se destinan ao emprego no ámbito territorial do pacto.

No marco do diálogo social implantado en Galicia, o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, o secretario xeral da UGT-Galicia, e o secretario xeral do Sindicato Nacional de CC.OO. de Galicia asinaron co presidente da Xunta de Galicia os quince primeiros acordos, entre os cales se encontran os relativos ás políticas activas de emprego e á mellora do Servizo Público de Emprego de Galicia.

Un dos puntos incluídos nestes acordos facía referencia á necesidade de revisar o funcionamento dos pactos territoriais polo Emprego constituídos ao abeiro do Decreto 98/2008, do 15 de maio, polo que se crean e regulan os órganos consultivos denominados pactos territoriais de Emprego e propor as modificacións pertinentes.

En virtude do anterior, este decreto derroga a normativa reguladora e, en consecuencia, suprime o Comité Autonómico de Emprego e os comités provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral, así como os pactos territoriais de Emprego, e crea o Consello Autonómico de Emprego, así como os consellos provinciais de Emprego e os comités territoriais de Emprego, garantindo deste xeito a participación dos axentes socioeconómicos de acordo coa Lei 17/2008, de participación institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia, así como, se for o caso, das diferentes administracións locais dos órganos consultivos da Administración.

De conformidade con todo o exposto, por proposta da conselleira de Traballo e Benestar, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinte e nove de setembro de dous mil once,

DISPOÑO:

Capítulo I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto.

O obxecto deste decreto é a creación do Consello Autonómico de Emprego, así como dos consellos provinciais de Emprego nas catro provincias da Comunidade Autónoma de Galicia e dos comités territoriais de Emprego nas zonas que se definen no anexo.

Artigo 2. Natureza.

O Consello Autonómico de Emprego, os consellos provinciais de Emprego e os comités territoriais de Emprego constitúen órganos colexiados de carácter administrativo. Son, así mesmo, órganos consultivos de participación institucional e de asesoramento en materia de emprego.

Artigo 3. Adscrición.

Os devanditos órganos estarán adscritos á Consellería de Traballo e Benestar, de acordo coas disposicións deste decreto, coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e coa Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 4. Participación.

1. A Consellería de Traballo e Benestar garantirá a participación dos interlocutores sociais e económicos de acordo co establecido no artigo 2 da Lei 17/2008, de participación institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia.

2. Do mesmo xeito garantirá, se for o caso, a participación das diferentes administracións locais.

3. Así mesmo, terase en conta o disposto no artigo 28 da Lei 2/2007, do 28 de marzo, de traballo en igualdade das mulleres de Galicia, e na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes. Neste sentido, a composición e organización dos órganos que se crean neste decreto farase procurando acadar unha presenza equilibrada de mulleres e homes na súa composición total.

Capítulo II
Consello Autonómico de Emprego

Artigo 5. Funcións.

1. As funcións do Consello Autonómico de Emprego, que terá como ámbito territorial a totalidade da Comunidade Autónoma de Galicia, serán as seguintes:

a) Participar e colaborar no deseño dos criterios de actuación do Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG).

b) Participar e informar sobre a planificación das políticas activas de emprego así como sobre a súa programación, de acordo coas competencias da comunidade autónoma nesta materia.

c) Emitir informe sobre a memoria anual do Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG).

d) Analizar a información relativa ao mercado de traballo, así como aos programas e actuacións do Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG).

e) Coñecer, con carácter previo, os anteproxectos de lei ou proxectos de normas regulamentarias de desenvolvemento de normas legais, con relación ás materias da súa competencia.

f) As demais funcións que resulten propias da súa condición de órgano consultivo de participación e asesoramento, sen prexuízo das competencias da Xunta de Galicia.

2. O Consello Autonómico de Emprego terá en conta a perspectiva de xénero da emisión de estudos e informes sobre o emprego.

Artigo 6. Composición.

1. A composición do Consello Autonómico de Emprego será a seguinte:

a) Presidencia: a persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar, que poderá delegar na vicepresidenta ou vicepresidente que considere oportuno.

b) Vicepresidencia: as persoas titulares da Dirección Xeral de Formación e Colocación e da Dirección Xeral de Promoción do Emprego, as cales poden delegar no vogal representante da Administración que consideren oportuno.

c) Vogais (15):

• Tres representantes da Consellería de Traballo e Benestar designados pola persoa titular da consellería.

• Seis representantes das organizacións empresariais de acordo co establecido no artigo 4 deste decreto.

• Seis representantes das organizacións sindicais de acordo co establecido no artigo 4 deste decreto.

2. A Administración xeral do Estado poderá nomear un representante do Servizo Público de Emprego Estatal (SPEE), un representante da Inspección de Traballo e Seguridade Social e un representante do Instituto Social da Mariña con voz pero sen voto, que serán designados pola autoridade competente.

3. A persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar designará, entre o persoal desta, a secretaria ou secretario do Consello Autonómico de Emprego, que exercerá con voz pero sen voto.

Artigo 7. Réxime de reunións.

1. O Consello Autonómico reunirase semestralmente ou cando o convoque a persoa titular da presidencia, por iniciativa propia ou por solicitude da metade dos seus membros.

2. O Consello Autonómico entenderase validamente constituído cando concorran os dous terzos, polo menos, dos seus compoñentes en primeira convocatoria ou a metade máis un dos seus membros en segunda.

3. Sen prexuízo das peculiaridades previstas neste decreto, o funcionamento do Consello Autonómico de Emprego rexerase polas normas contidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sobre órganos colexiados, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Capítulo III
Consellos provinciais de Emprego

Artigo 8. Adscrición e ámbito territorial.

Os consellos provinciais de Emprego adscríbense ás respectivas xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, e terán como ámbito territorial as respectivas provincias galegas.

Artigo 9. Funcións.

1. As funcións atribuídas a estes consellos provinciais de Emprego son as seguintes:

a) Facer o seguimento da aplicación, a nivel provincial, dos acordos do Consello Autonómico do Emprego.

b) Propoñer cantas medidas considere necesarias para o perfeccionamento dos acordos do Consello Autonómico no seu ámbito provincial.

c) Emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia das xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar.

d) Formular por iniciativa propia propostas e recomendacións aos órganos que corresponda sobre a situación e desenvolvemento do emprego na provincia, a eficacia das normas e programas desenvolvidos.

e) Avaliar o informe sobre a evolución do emprego e a contratación laboral na provincia elaborado pola Consellería de Traballo e Benestar.

f) Analizar a información de empresas, traballadores e representantes sindicais sobre a situación do emprego na provincia, canalizando cara aos órganos correspondentes que se consideren oportunos aquelas consultas ou propostas recibidas e informando, en todo caso, sobre o parecer do consello.

2. Os consellos provinciais de Emprego terán en conta a perspectiva de xénero da emisión de estudos e informes sobre o emprego.

Artigo 10. Composición.

1. Os consellos provinciais terán a seguinte composición:

a) Presidencia: a persoa titular da xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar, que poderá delegar na persoa titular da vicepresidencia.

a) Vicepresidencia: a persoa titular da xefatura de Servizo de Formación e Colocación.

c) Vogais (7):

• Un representante da Administración autonómica, que será a persoa titular da xefatura do Servizo de Promoción do Emprego.

• Tres en representación das organizacións empresariais de acordo co establecido no artigo 4 deste decreto.

• Tres en representación das organizacións sindicais de acordo co establecido no artigo 4 deste decreto.

2. A Administración xeral do Estado poderá nomear un representante do Servizo Público de Emprego Estatal (SPEE), un representante da Inspección de Traballo e Seguridade Social e un representante do Instituto Social da Mariña con voz pero sen voto, que serán designados pola autoridade competente.

3. Exercerá a secretaría de cada consello provincial, con voz pero sen voto, un membro do persoal da Consellería de Traballo e Benestar, designado pola persoa titular da xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar.

Artigo 11. Réxime de reunións.

1. Os consellos reuniranse trimestralmente logo de convocatoria da presidencia.

2. Para a súa válida constitución requirirase, en primeira convocatoria, a presenza da persoa titular da presidencia e da secretaría do consello ou, se é o caso, dos que os substitúan, e da metade, polo menos, dos seus membros.

En segunda convocatoria requirirase a da persoa titular da presidencia e da secretaría ou, se é o caso, dos que os substitúan e, polo menos, dous membros.

3. Sen prexuízo das peculiaridades previstas neste decreto, o funcionamento dos consellos provinciais de Emprego rexerase polas normas contidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sobre órganos colexiados, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Capítulo IV
Comités territoriais de Emprego

Artigo 12. Adscrición e ámbito territorial.

Os comités territoriais de Emprego adscríbense ás respectivas xefaturas de servizo de Formación e Colocación das xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar e terán como ámbito territorial as zonas establecidas no anexo a este decreto.

Artigo 13. Funcións.

1. As funcións atribuídas a estes comités territoriais son as seguintes:

a) Formular por iniciativa propia propostas e recomendacións ao consello provincial de Emprego correspondente sobre a situación e desenvolvemento do emprego no seu ámbito territorial, a eficacia das normas e os programas desenvolvidos.

b) Analizar a información de empresas, traballadores e representantes sindicais sobre a situación do emprego no seu ámbito territorial, canalizando cara ao consello provincial de Emprego correspondente aquelas consultas ou propostas recibidas e informando, en todo caso, sobre o parecer do comité.

c) Avaliar o informe sobre a evolución do emprego e a contratación laboral no seu ámbito territorial elaborado pola Consellería de Traballo e Benestar.

d) Realizar o seguimento e a análise do desenvolvemento do emprego e da contratación laboral no seu ámbito territorial, así como a súa adecuación ás necesidades do mercado de traballo nela.

e) Avaliación das políticas de emprego realizadas na zona, dándose prioridade á análise das que centraron o seu obxectivo final na inserción de colectivos de difícil inserción.

f) Coñecer os plans e as actuacións específicas vinculadas ao emprego no seu ámbito territorial.

2. Os consellos territoriais de Emprego terán en conta a perspectiva de xénero da emisión de estudos e informes sobre o emprego.

Artigo 14. Composición.

1. Os comités territoriais de Emprego terán a seguinte composición:

a) Presidenta ou presidente, vicepresidenta ou vicepresidente primeiro e vicepresidenta ou vicepresidente segundo.

Estes cargos designaranse coa orde que establezan os membros do comité de tal xeito que se roten os cargos cunha vixencia anual entre as organizacións empresariais, as organizacións sindicais e os concellos.

b) Vogais (12):

• Tres representantes da Administración autonómica, que serán designados pola persoa titular da xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar e que será, preferentemente, persoal adscrito ás oficinas de emprego incluídas no ámbito territorial do comité.

• Tres en representación das organizacións empresariais de acordo co establecido no artigo 4 deste decreto.

• Tres en representación das organizacións sindicais de acordo co establecido no artigo 4 deste decreto.

• Tres representantes dos concellos incluídos dentro do ámbito do comité designados pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

2. Exercerá a secretaría de cada comité territorial, con voz pero sen voto, un membro do persoal da Consellería de Traballo e Benestar designado pola persoa titular da xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar.

Artigo 15 . Réxime de reunións.

1. Os comités territoriais de Emprego reuniranse trimestralmente logo de convocatoria da persoa que exerza a presidencia.

2. Para a súa válida constitución requirirase, en primeira convocatoria, a presenza da persoa titular da presidencia e da secretaría do comité ou, se é o caso, dos que os substitúan, e da metade, polo menos, dos seus membros.

En segunda convocatoria requirirase a da persoa titular da presidencia e da secretaría ou, se é o caso, dos que os substitúan e, polo menos, dous membros.

3. Sen prexuízo das peculiaridades previstas neste decreto, o funcionamento dos comités territoriais de Emprego rexerase polas normas contidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sobre órganos colexiados, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 16. Comisións asesoras.

1. Poderán constituírse comisións asesoras no seo dos comités territoriais de Emprego con base nos diferentes elementos vinculados á promoción e á orientación para o emprego que traballen na zona de influencia do consello territorial.

2. Poderán participar nas comisións asesoras, en atención á súa experiencia e coñecementos técnicos:

• As persoas contratadas como axentes de emprego contratados nos órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro.

• As persoas contratadas como axentes de emprego e desenvolvemento local das diferentes entidades locais.

• As persoas contratadas como orientadores profesionais laborais nas entidades sen ánimo de lucro e nas corporacións locais así como os adscritos ao Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG).

• Outros profesionais das oficinas do Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG).

• Se é o caso, os integrantes da unidades de promoción e desenvolvemento en funcionamento no seu ámbito territorial.

• Outros representantes de recoñecido prestixio propostos polos membros do comité.

3. Na composición destas comisións respectarase as paridades establecidas nos diferentes órganos creados ao amparo deste decreto: a Administración autonómica, as organizacións empresariais máis representativas, as organizacións sindicais máis representativas e os representantes das entidades locais.

4. A súa función será a de elaborar a documentación técnica específica solicitada polo comité territorial.

5. A Consellería de Traballo e Benestar ditará as normas necesarias para regular a súa organización e réxime de funcionamento.

Disposición adicional primeira. Prazos.

1. Establécese un prazo de tres meses, contado a partir da entrada en vigor deste decreto, para a constitución do Consello Autonómico de Emprego e dos consellos provinciais de Emprego.

2. Polo que se refire á constitución dos comités territoriais de Emprego, o prazo de constitución será de seis meses, contados a partir da entrada en vigor deste decreto.

Disposición adicional segunda. Recursos económicos.

1. As persoas que, en representación das organizacións sindicais e empresariais, formen parte dos órganos previstos neste decreto, serán compensadas polos gastos causados pola súa asistencia ás reunións dos citados órganos.

2. A constitución e posta en funcionamento dos órganos colexiados regulados neste decreto non xerará aumento dos créditos orzamentarios da consellería competente en materia de emprego.

Disposición transitoria única.

Mentres non se constitúan os comités territoriais de Emprego, as súas funcións serán asumidas polos respectivos comités provinciais de Emprego.

Disposición derrogatoria única.

1. Quedan derrogadas as disposicións seguintes:

a) Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os comités provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral.

b) Decreto 98/2008, do 15 de maio, polo que se crean e se regulan os órganos consultivos denominados pactos territoriais de Emprego.

2. Así mesmo, quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto e, en particular, as seguintes disposicións, así como, se é o caso, as normas que as desenvolvan ou modifiquen:

a) Orde do 3 de xuño de 2008 pola que se constitúen os pactos territoriais de Emprego do Barbanza-Noia, de Ferrol, da Mariña, de Lemos, de Ourense, da Limia-Verín e de Deza-Tabeirós.

b) Orde do 3 de abril de 2009 pola que se constitúen os pactos territoriais de Emprego da Coruña, de Santiago de Compostela, de Pontevedra e de Vigo e se adscriben os concellos de Monfero e Calvos de Randín aos pactos territoriais de Ferrol e da Limia-Verín respectivamente.

Disposición derradeira primeira.

Facúltase a persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar para ditar os actos e normas que sexan necesarios para a aplicación e desenvolvemento do establecido neste decreto.

Disposición derradeira segunda.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación do Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e nove de setembro de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file