Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Martes, 11 de outubro de 2011 Páx. 29915

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 5 de outubro de 2011 pola que se convocan unhas xornadas sobre demografía e desenvolvemento.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2011 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse as Xornadas sobre demografía e desenvolvemento. Claves para unha política de inversión das inercias demográficas en Galicia, conforme ás seguintes bases:

1.Obxectivos.

Achegar información sobre a situación demográfica de Galicia e sobre as posibles actuacións que desde o ámbito das políticas públicas e da sociedade civil se poidan articular sobre o particular. Trátase de realizar unha análise desde a perspectiva comparada, reflexionando sobre a situación actual, con especial énfase no ámbito rural galego e ponderando as posibles liñas de actuación futuras.

Os relatorios deben estar orientados cara á realización de políticas públicas, e por iso deben enmarcar as súas conclusións nas circunstancias socioeconómicas de Galicia.

Para potenciar os efectos destas xornadas e darlles a súa oportuna continuidade, procederase a publicar os relatorios e as súas conclusións nun libro que deberá saír do prelo nun prazo de catro meses.

2. Contidos.

Serán tratados, entre outros, os seguintes temas:

– O panorama demográfico de Galicia en perspectiva política: orixe e causas do problema, enunciado de obxectivos e confección dunha axenda de prioridades.

– A demografía galega en perspectiva biomédica: descrición, análise e perspectivas.

– A demografía galega en perspectiva económica: descrición, análise e perspectivas.

– Emigración e inmigración en Galicia: análise da mobilidade da poboación e dos seus efectos na sociedade galega.

– Unha visión comparada con comunidades de inmigración e demografía expansiva (Cataluña e Andalucía) e con comunidades en aberta crise demográfica (Asturias e Estremadura).

– Os cambios estruturais da poboación nos países europeos. As variables do caso español.

– Estrutura familiar e equilibrio demográfico: a perspectiva esquecida.

– Os permisos por nacemento e por adopción e a súa aplicación nas políticas de restauración demográfica en Galicia.

– Causas e consecuencias da baixa natalidade. Especial referencia ao caso galego.

– Axuste agrario e despoboamento rural en Galicia. O estado actual da cuestión e as políticas públicas aplicables ao reequilibrio demográfico.

– As políticas públicas de soporte ás familias e as súas consecuencias na estrutura demográfica.

– Cara a un modelo ideal de poboación: bases e referencias para unha política demográfica en Galicia.

– O problema demográfico de Galicia desde a perspectiva de xénero. Claves para unha política de renovación demográfica.

– A resposta ao envellecemento da poboación no marco da Estratexia de Lisboa. Aproximacións ao caso de Galicia.

– A restauración demográfica de Galicia: unha política entre a necesidade e a utopía.

3. Destinatarios.

Autoridades e funcionarios da administración pública autonómica e local, e fundacións, asociacións e entidades cuxa actividade estea vinculada á materia obxecto das xornadas. Tamén se dirixe aos investigadores, os universitarios e os interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

Estas xornadas desenvolveranse en Santiago de Compostela, no salón de actos da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), situada no Polígono das Fontiñas, rúa Madrid, 2-4.

Datas: 26, 27 e 28 de outubro de 2011.

Duración: 25 horas lectivas, en horario de mañá e tarde.

5. Número de prazas.

Limitado pola capacidade do local.

6. Solicitudes.

– Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ao director da Escola Galega de Administración Pública (Polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, CP 15707, Santiago de Compostela), segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e serán presentadas no Rexistro Xeral da EGAP, ou ben de calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Serán admitidas inscricións por medio de fax enviado ao número 981 54 63 30 ou por correo electrónico dirixido ao enderezo novas.egap@xunta.es

– Inscricións fóra de prazo: só serán admitidas, de quedar prazas libres, coa condición de que cumpran os requisitos xerais antes indicados.

– As persoas solicitantes poderán obter a confirmación da súa admisión se chaman por teléfono, das 8.30 ás 14.30 horas, aos seguintes números: 981 54 62 41-881 99 70 14.

7. Prazo.

O prazo de presentación de solicitudes finalizará o día 24 de outubro de 2011.

8. Modificacións.

A EGAP resérvase a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento destas xornadas, así como a facultade de cancelalas se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

9. Certificado de asistencia.

Será entregado un certificado de asistencia, ao final das xornadas, a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente, e sempre que a súa asistencia sexa igual ou superior ao 85% das horas lectivas programadas. Neste documento aparecerán de forma expresa o contido, a data e o lugar de realización das xornadas.

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2011.

Pablo Figueroa Dorrego
Director da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO

Hoja de inscripción

1. SOLICITANTE

Apelidos Nome NIF

2. DATOS PROFESIONAIS

Posto de traballo/ Profesión Corpo, subgrupo ou escala (1) Nivel (2)

Entidade en que presta servizos: (3)

Enderezo do posto de traballo: Rúa N.º Localidade Provincia CP Tfno.

Correo electrónico:

3. ACTIVIDADE SOLICITADA

Solicita asistir ás Xornadas sobre demografía e desenvolvemento. Claves para unha política de inversión das inercias demográficas en Galicia que se desenvolverán os días 26, 27 e 28 de outubro de 2011, na EGAP, en Santiago de Compostela.

Sinatura,

.................................................., ......... de....................................... de 2011.

Os datos de carácter persoal contidos no impreso poderán ser incluídos nun ficheiro para o seu tratamento por este órgano administrativo, como titular responsable deste, no uso das funcións propias que teñen atribuídas e no ámbito das súas competencias. Así mesmo, infórmase da posibilidade de exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición, todo isto de conformidade co disposto no art. 5 da Lei orgánica 15/1999, de protección de datos de carácter persoal (BOE n.º 298, do 14 de decembro)

(1, 2 e 3): cubrir só en caso de ser funcionario ou funcionaria.

Director da EGAP. Polígono das Fontiñas, rúa Madrid, 2-4, CP 15707, Santiago de Compostela (A Coruña)