Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 194 Luns, 10 de outubro de 2011 Páx. 29802

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 26 de setembro de 2011 pola que se derroga a Orde do 28 de setembro de 2010 pola que se fixa o prezo de venda ao público dunha publicación desta consellería.

En virtude do Decreto 79/2009, do 19 de abril, estableceuse a estrutura orgánica da Xunta de Galicia. Así mesmo, o Decreto 8/2011, do 28 de xaneiro, fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia. Polo Decreto 335/2009, do 11 de xuño, establécese a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, que asume o exercicio das competencias das políticas autonómicas no ámbito laboral e do benestar.

En virtude destas competencias, a consellería elabora publicacións no marco do establecido no Decreto 196/2001, do 26 de xullo, polo que se regulan as publicacións da Xunta de Galicia, modificado polo Decreto 176/2011, do 1 de setembro (DOG n.º 177, do 15 de setembro). Segundo estes decretos, todas as publicacións, venais ou non venais, deberán presentarse, para a súa aprobación e posterior edición, ante a Comisión Permanente de Publicacións.

A Consellería de Traballo e Benestar elaborou unha publicación, Manual de formación para coidados no contorno familiar, como parte dunha acción do programa Xuntos nos coidados, coa finalidade de axudar as persoas coidadoras profesionais e non profesionais con familiares dependentes a cargo. A obra foi aprobada pola Comisión Permanente de Publicacións, como obra venal, o 20 de agosto de 2010 cun PVP de 17 euros.

Con posterioridade e por tratarse dun suposto de prezo privado segundo o establecido no artigo 51 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, publicouse a Orde do 28 de setembro de 2010 pola que se fixa en 17 euros o prezo de venda ao público da dita publicación (DOG n.º 207, do 27 de outubro).

No ano 2011 elaboráronse tres publicacións máis que complementaban a anterior, polo que se decidiu consideralas como unha obra completa que se incluiría nunha carpeta xunto coa publicación anteriormente editada en 2010. É por iso polo que o primeiro manual non se comercializou á espera da edición do resto do material.

A decisión de cambiar o carácter da publicación do primeiro manual de venal a non venal vén motivada polo seguinte:

– Polo cambio producido ao tratar todo o material editado como unha unidade. Isto implica que o prezo de 17 euros non se corresponde co prezo do conxunto da obra, polo que o prezo total da obra completa non resultaría, polo tanto, asumible para os particulares aos que puidese interesar.

– Polo feito de poñer á disposición dos coidadores profesionais e da cidadanía en xeral todo o material editado en PDF, a través da páxina web: http://benestar.xunta.es/web/portal/dependencia/que-e-a-dependencia, xa que a consideración, neste momento e cara ao futuro, de facilitar o acceso gratuíto, vía formato electrónico, a todo tipo de recursos dos que se dispoña, permite axudar, tanto aos profesionais que traballan no ámbito da atención sociosanitaria como ás familias con persoas dependentes ao seu cargo e dado que a atención aos dependentes por parte de familiares supón unha realidade que non se pode obviar.

En consecuencia, para cumprir este mandado e logo do preceptivo e vinculante informe da Consellería de Facenda, esta consellería

DISPÓN:

Artigo único.

Derrógase a Orde do 28 de setembro de 2010 pola que se fixa o prezo de venda ao público dunha publicación da Consellería de Traballo e Benestar.

Disposición derradeira única.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2011.

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar