Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 194 Luns, 10 de outubro de 2011 Páx. 29806

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 28 de setembro de 2011 pola que se modifica e se fai pública a ampliación da dotación orzamentaria para a concesión das axudas establecidas na Orde do 18 de marzo de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de promoción da integración laboral das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e do Programa de emprego con apoio, como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011.

A Orde do 18 de marzo de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de promoción da integración laboral das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e do Programa de emprego con apoio, como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011 (Diario Oficial de Galicia n.º 63, do 30 de marzo), establece na súa disposición adicional sexta, na que se recollen os créditos que financian a orde, que estes importes poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento de emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

En consecuencia, como existen outras dotacións que poden ser utilizadas para o financiamento do Programa de promoción da integración laboral das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, regulado no anexo A da Orde do 18 de marzo de 2011, cómpre ampliar o importe dos créditos destinados ás axudas que poderán ser concedidas ao abeiro da devandita orde, coa finalidade de facer chegar estas ao maior número de persoas ou entidades beneficiarias posible.

Así mesmo, modifícase a disposición adicional sétima da orde, dado que todas as melloras introducidas nesta orde pola Xunta de Galicia no Programa de fomento da contratación das persoas con discapacidade na empresa ordinaria son actuacións cofinanciables polo Programa operativo do Fondo Social Europeo de Galicia 2007-2013.

En consecuencia, engádense como cofinanciables polo Fondo Social Europeo os incrementos dos importes das axudas pola contratación indefinida das persoas con discapacidade, previstas no Real decreto 1451/1983, do 11 de maio, que teñen por finalidade favorecer especialmente o emprego das mulleres con discapacidade, das persoas con discapacidade con maiores dificultades de inserción laboral, e o emprego das persoas con discapacidade nas pequenas empresas e naquelas con centros de traballo no rural galego.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1.

Amplíase o importe total das axudas que se van conceder ao abeiro da Orde do 18 de marzo de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de promoción da integración laboral das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e do Programa de emprego con apoio, como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011 (Diario Oficial de Galicia n.º 63, do 30 de marzo), nas seguintes contías e aplicacións orzamentarias, que figuran dotadas nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011:

Programa de fomento da contratación das persoas con discapacidade na empresa ordinaria (regulado no anexo A da orde).

12.04.322C.470.1, código de proxecto 2010 00744 polo importe de 4.407,00 euros.

12.04.322C.472.6, código de proxecto 2011 00628 polo importe de 21.214,15 euros.

Artigo 2.

Modifícase a disposición adicional sétima da devandita Orde do 18 de marzo de 2011 que queda coa seguinte redacción:

«Sétima. As subvencións para o fomento da contratación temporal das persoas con discapacidade, os incrementos e incentivos adicionais pola contratación indefinida das persoas con discapacidade sobre as contías previstas na normativa estatal e as subvencións pola contratación de persoas con discapacidade no marco de proxectos de emprego con apoio son cofinanciables polo Fondo Social Europeo, nunha porcentaxe do 80 por cento, no eixe 2, tema prioritario 71, a través do Programa operativo do Fondo Social Europeo de Galicia 2007-2013 no marco de converxencia, número CCI 2007 ES 051 PO 004, aprobado pola Decisión da Comisión Europea C (2007) 6733, do 18 de decembro de 2007. Este cofinanciamento do Fondo Social Europeo farase constar expresamente nas resolucións de concesión».

Artigo 3.

Esta modificación non afecta ao prazo establecido na referida orde para a presentación de solicitudes.

Disposición final única.

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de setembro 2011.

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar